Logo da vitoria do Exército Popular de Liberación sobre as forzas reaccionarias do Kuomintang en 1949, estas últimas tomaron refuxio na illa de Taiwán establecendo alí unha ditadura ao servizo dos intereses da oligarquía internacional. Durante anos, os imperialistas outorgaron carta de lexitimidade aos gobernos fascistas con sede nesta illa, facéndoos representantes da nación chinesa. Custou décadas de loita e esforzos diplomáticos lograr que o conxunto da comunidade internacional recoñecese o evidente: que China é un só país representado polo goberno da República Popular e polo Partido Comunista.
Tras apoiar á xunta fascista de Kiev na súa política criminal, o imperialismo norteamericano busca de novo poñer en cuestión a soberanía da República Popular da China sobre a provincia de Taiwán. A visita de Nancy Pelosi, presidenta da Cámara de Representantes dos EEUU, é unha provocación intolerable. As oligarquías norteamericana e europea buscan abrir unha nova confrontación contra a Fronte de pobos que resisten á globalización unipolar imperialista.
Ante esta situación, as e os comunistas galegos afirmamos o noso apoio ao pobo traballador chinés, á súa República e ao seu Partido. Defendemos a lexitimidade do goberno popular chinés para emprender cantas medidas considere necesarias co obxectivo de confrontar a provocación estadounidense no seu territorio. Por último, expresamos o noso apoio á solución proposta polo PCCh e a Liga Democrática de Autogoberno de Taiwán.
Viva a República Popular da China!
Morte ao Imperialismo!