Un ano máis é 5 de maio e o aniversario do nacemento de Marx ten lugar no único contexto posible no que podería producirse: a plena ratificación do seu pensamento pola realidade innegable.
Estamos a vivir unha das maiores ofensivas do sistema capitalista contra os dereitos das clases traballadoras nas últimas décadas, caracterizada polo paradoxal da correlación de forzas entre burguesía e proletariado: a burguesía atópase feble e vulnerable perante a inminente crise económica que xa se comeza a distinguir no horizonte, pero a clase obreira está nunhas condicións aínda peores, indefensa ante a precariedade que está por vir e ante a represión salvaxe que as elites están dispostas a desencadear para garantir a continuidade do seu domino sobre as nosas vidas.
O pobo foi progresivamente despoxado, nos últimos anos, de todas as súas ferramentas defensivas, que non son outras que as armas políticas, económicas e ideolóxicas para presentar batalla e vencer nunha loita de clases que, como Marx sinalou, é o único motor coñecido da Historia ata o momento.
As circunstancias do presente definen a tarefa ineludible: a recuperación do Partido Comunista como única fórmula válida para a vitoria plena e definitiva na loita pola defensa da dignidade humana, posto que o Partido Comunista é a única ferramenta de eficacia corroborada na transformación da teoría en feitos prácticos, ao tempo que garante, pola súa entidade colectiva e de clase, a correcta interpretación teórica da realidade, permitíndonos perfilar así un horizonte utópico no seu optimismo e científico no seu realismo.
Todo isto lévanos este ano a resaltar, de entre toda a inmensa obra de Marx, un texto diminuto de importancia titánica: as Teses sobre Feuerbach, nas que un Marx de 27 anos dá xa coa clave que resoará en todas as revolucións triunfantes do século XX: non se trata de interpretar o mundo, trátase de transformalo.
As Teses, tan sobadas polo academicismo burgués e pola socialdemocracia máis concesiva, teñen sido ás veces caricaturizadas como unha serie de reflexións filosóficas sobre o carácter da relixión e o papel que os filósofos deben xogar na sociedade. A posta en relación da obra co resto do pensamento de Marx, alén de deturpacións interesadas perpetradas polos sicarios do capitalismo, permítenos conmemorar ao máis grande pensador da humanidade coa verdade fundamental que constitúe o eixo de toda a súa obra: só mediante a organización da maioría explotada da humanidade, só coa acción colectiva e de clase, é posible comprender correctamente e interpretar a nosa realidade, desbotando ao mesmo tempo a desigualdade e as brétemas místicas que escurecen o noso pensamento. Só dando a cada home e muller do mundo a capacidade de transformar a súa realidade será posible rachar coa miseria.