O Partido Comunista pola República Galega é unha organización marxista-leninista de liberación nacional nacida da suma das vontades militantes das diferentes tradicións e xeracións do movemento comunista galego. Unha suma de militancia nova e veterana, de xente que quedara sen partido ou que procede doutras organizacións nas que xa non se sentían representados ou que levaban tempo inactivas, en definitiva, militantes que consideraron necesario dar un paso cara a unidade do comunismo galego.
O PCRG é a nova expresión organizativa do comunismo galego de praxe independentista, corrente esta que ao longo dos anos contou con diferentes concrecións políticoorganizativas. De todas elas o PCRG é continuador.
O PCRG está en continua elaboración e é o primeiro chanzo e a primeira peza para a construción dun Partido unificado de todos e todas as comunistas de Galiza. É tarefa a medio prazo do Partido dotar ao pobo traballador galego dunha ferramenta aglutinadora de toda a clase obreira, na que aínda faltan destacamentos e individuos que sumar para organizarse e loitar dende todos os recunchos da nación pola República Socialista Galega.
O Partido Comunista pola República Galega réxese polos principios políticos do comunismo, o independentismo republicano, a emancipación da muller e o
internacionalismo proletario:
- O PCRG aposta por un estado social caracterizado pola desaparición das clases e de toda desigualdade, acadado mediante o socialismo, entendido como ditadura do proletariado, sendo este un período transitorio na que os medios de produción pasarán a mans do estado, que é a representación do pobo traballador en Galiza e no mundo.
- No PCRG temos como obxectivo estratéxico a emancipación total da nación galega respecto do Estado Imperialista Español e a súa estrutura capitalista, permitindo a creación dunha República Socialista Galega.
- O PCRG loita pola abolición da división sexual do traballo, e de todas as súas violentas consecuencias materiais e simbólicas, como os roles de xénero, a dobre carga de traballo e a cousificación sexual.
- No PCRG apoiamos a todas as loitas de emancipación obreira e nacional e adoptamos unha posición contraria a todos os aparatos que sirvan para perpetuar o sistema capitalista para así seguir reprimindo a clase traballadora, tales como a OTAN e a UE, que son expresións directas do aparato de control económico, político e militar ao servizo do imperialismo.
Somos un Partido que no inmediato traballa polo avance e unificación do sindicalismo nacional de clase, pola reconstrución dun movemento estudantil popular, democrático, republicano e asembleario, por reforzar teórica e practicamente o movemento de emancipación da muller, por impulsar e reforzar as relacións internacionais, e por fomentar a formación teórica constante da súa militancia mediante lecturas e charlas obrigatorias. Así mesmo, buscaremos contribuír á elevación do nivel de conciencia do conxunto da nosa clase a través de seminarios abertos. Somos un Partido de Novo Tipo en construción no que non sobra ninguén.
Tres anos de Partido Comunista
Para lograrmos un mundo xusto, solidario, sen desigualdades e sen clases; cada nación, cada pobo, cada grupo humano consciente do seu feito colectivo, debe ter o seu Partido Comunista, debe contar co seu destacamento de obreiras e obreiros organizados na defensa dos seus dereitos coma clase e na conquista dos seus obxectivos emancipadores. É dicir, unha rede de desposuídas conxurada para rachar coas súas cadeas.
O panorama do comunismo galego, en particular; e do movemento popular, en xeral; era desolador hai tan só un lustro. Estabamos disgregados, derrotados, desunidos, retirados… En estado crítico. Era unha necesidade urxente e perentoria poñer en común, volver falar, facer asembleas e reunións, sermos xenerosas e xenerosas e dar un paso adiante na construción dun Partido de clase en Galiza e para Galiza.
A fundación do Partido Comunista pola República Galega hai agora tres anos, malia o noso humilde nacemento, pode ser considerado xa un fito histórico, non só por supor a reorganización do comunismo galego de praxe independentista, senón por facelo ante moitas adversidades, unindo destacamentos que viviran enfrontados ou de costas e por rescatar sectores militantes que levaban anos desorganizados ou desencantados.
Así, nestes tres anos, o PCRG recuperou a iniciativa política e sindical da nosa corrente histórica, recobrou a intervención social e cultural con voz de seu, volveu ás rúas e deixou clara a súa mensaxe, necesaria e radical. Reartellou tamén o noso Partido as sempre necesarias relacións internacionais con organizacións obreiras de todo o mundo. En todo este tempo, ademais, a unidade de todo o comunismo galego nun só partido foi (e é) un faro para toda a militancia e círculo simpatizante. Somos, polo tanto, un Partido en continua construción. Construción dialéctica e imparábel.
O novo partido recuperou, por exemplo, a tradicional manifestación do independentismo no Día da Patria, continuou coa homenaxe anual a Moncho Reboiras no barrio de Teis, sumouse á reivindicación da memoria de Abelardo Collazo… No plano comunicativo, o Partido leva publicando dende xullo de 2022 a segunda xeira da revista política Embate con periodicidade semestral, e dende maio deste 2024, o xornal informativo Faísca con periodicidade mensual. No plano formativo, comezamos a edición, tamén baixo o selo Embate, das “Publicacións de Educación Política” das que xa levamos dous cadernos.
Formacións, encontros, comunicados, campañas políticas… Traballo sindical e intervención social alí onde exista loita de clases. A militancia comunista galega agora é unha militancia activa e construtiva. Por unha loita sindical combativa, participativa e revolucionaria; por un movemento estudantil galego que volva prender a faísca; e por un movemento cultural popular que tome a lingua ao servizo do proxecto de emancipación nacional e de clase. Queda moito traballo por diante e moito por facer. E non sobra ninguén. Celebramos tres anos, reflexionando, construíndo e organizando.
Viva o PCRG!
Viva Galiza ceibe e socialista!