MARIE CURIE

Maria Salomea Skłodowska, mellor coñecida como Marie Curie, revolucionou os coñecementos da física moderna e fundou un novo campo da ciencia, a radioactividade, que deu comezo ao século máis frutífero de descubrimentos científicos, á aparición da mecánica cuántica, á teoría de partículas subatómicas e aos estudos de Albert Einstein. Con isto, revolucionou tamén a perspectiva do mundo sobre a muller na ciencia, sendo a primeira muller galardoada co premio Nobel e a primeira en dispor dunha cátedra na Sorbona. Foi nai de Irène Joliot-Curie, militante do Partido Comunista de Francia e segunda muller premiada co Nobel.

O discurso falaz da burguesía pretende ocultar a brecha existente entre os xéneros no capitalismo e chama ás mulleres a rachar co “teito de cristal” mediante o emprego de exemplos históricos moi concretos. Négase así o sometemento económico da muller, relegada ao ámbito do traballo reprodutivo, e ponse o horizonte da súa emancipación na súa capacidade para interiorizar os valores burgueses e perpetuar a dinámica capitalista da competencia.

Marie Curie representa a posta en cuestión de todo o existente: cuestionou a relixiosidade da súa familia e o rol que, segundo os valores cristiáns, debía ocupar a muller; cuestionou os aparatos ideolóxicos do Estado e ao Estado mesmo, preocupándose por aprender pola súa conta todo aquilo que o instituto feminino non estaba disposto a ensinarlle e migrando a Francia para continuar os seus estudos na universidade, cousa imposible para ela na súa Polonia natal.

Relegada á emigración polo atraso que sufría a súa propia patria, Marie Curie decidiu consagrar a súa vida ao propósito do progreso, convertíndose así en exemplo para todas as mulleres do mundo. Grazas a ela e a millóns de mulleres proletarias cuxo nome non figura nos libros de Historia, temos a certeza de que é posible transformar a nosa realidade, transformar o conxunto da realidade, e acadar un horizonte de emancipación e igualdade plenas. Nós, como comunistas e como proletarias, temos o deber de ser as primeiras en dar o paso e dirixir o
camiño.