UNHA LINGUA
Polo dereito a falar con voz propia. Porque sabemos que existe un nós –os oprimidos, as que cargan sobre as súas costas o peso do traballo–, e un eles –os opresores, os que viven da nosa miseria e da destrucción da Terra–. Porque queremos que os nosos netos entendan a lingua na que escoitamos cantar ás nosas avoas. Por todo isto militamos na lingua galega e comprendemos que a súa defensa é a defensa dos nosos intereses e dos nosos dereitos irrenunciables.
Consideramos que a língua é o símbolo rotundo da nosa identidade e a ferramenta da nosa emancipación: o galego é motor para creación intelectual, artística e científica de noso; un agasallo para tódolos obreiros do mundo que teñen a oportunidade de escoitarnos e interese en compartir o que temos que ofrecer como pobo; un vencello que nos une como pobo e un himno da vitoria do traballo fronte a tiranía do capital.
Negamos que a lingua sexa unha reliquia á que rendir culto, unha realidade morta e estática. Afirmamos o exercicio creativo dunha fala viva que constitúe, como demostra o exemplo de Rosalía, a maior garantía dunha creatividade desbordante e popular.
UNHA CLASE
Porque sabemos quen somos nós e quen é a nosa xente, e queremos estar coa nosa xente e traballar sen descanso para nós e para a nosa xente. Para ninguén máis.
Nós somos os emigrados, os perdidos, os presos, os explotados, os orfos na terra, as que esperamos pola alba do día, as que marchan da casa porque na casa non teñen nada.
A clase obreira, o proletariado, o pobo que fala galego na fábrica, no almacén, no mercado ou no mar.
En que lingua fala o que nos explota?
Fagamos visible cada día da nosa vida que existe un nós e un eles. Non deixemos que oculten esta verdade. Poñámosllo difícil dende agora ata o intre no que os derrotemos definitivamente, que non está lonxe.
UNHA REPÚBLICA
Para rachar as cadeas. Para derrubar os teitos dos castelos cos amos do mundo dentro. Para poñer fin á vergoña deste sistema.
Para poder falar a nosa lingua na nosa Terra. Para poder falar todas e todos. Para poder falar en igualdade con todos os pobos do mundo. Para apertar nas nosas mans todas as mans traballadoras do mundo.
República das letras. República das artes. República da ciencia e do saber. República obreira e socialista.
República Galega.