Faísca nace no mes de maio de 2024 para recuperar o espírito daquel xornal político que Lenin fundou no 1900 dende o exilio: Iskra (Faísca). Así como aquela publicación serviu de piar para edificar a organización e demarcar ideoloxicamente o movemento obreiro ruso, nós asumimos hoxe a mesma necesidade: construír unha ferramenta propia para a nosa clase.
A nosa clase precisa falar con voz propia. Unha voz que é necesariamente colectiva e que fala das necesidades comúns e do poder dos comúns como un horizonte irrenunciable.
Esa voz exprésase na asemblea de traballadoras en cada centro de traballo, na organización en Partido e, por suposto, nunha prensa de seu. Un xornalismo que faga da verdade unha faísca capaz de incendiar a cada unha de nós e enchernos de folgos para o proxecto que temos ante nós: construír un novo poder e transformalo todo.