10-M Día da clase obreira galega

En cada minuto da nosa vida entregada ao beneficio de quen se lucra da miseria de quen traballa, reclamamos o dereito ao traballo digno, ao traballo para nós mesmas.
Porque sabemos que a nosa clase constrúe o mundo día a día coas súas mans, traza e asfalta as estradas, conduce os camións en plena noite, extrae os froitos da terra e do mar, coida e educa aos seus.
Porque o beneficio do noso traballo non redunda no noso beneficio, senón que vai parar ao peto duns poucos aos que nunca lles faltou nada.
En cada familia, en cada persoa sen teito ou que ten medo de quedar sen teito que acubille, temos a nosa loita e reclamamos o dereito a poder chamar fogar á nosa terra e a ter fogar de noso. Sen rendas inxustas, sen emigración.
Porque sabemos que a nosa terra non é nosa e queremos que sexa nosa. Porque sabemos que a nosa casa non é nosa ou queren que deixe de ser nosa.
Porque o noso proxecto é un mundo novo, ceibe da cadea da miseria.
En cada piquete, en cada traballadora que ergue a voz, en cada estudante combativo, en cada compañeiro maltratado pola policía, en cada presa. Aí está a nosa trincheira e por eles reclamamos dignidade.
Na clase obreira galega, aí estamos nós. Na Patria proletaria que é Galicia. Aquí e agora, esiximos liberdade. Esiximos socialismo (comunismo que ha de ser).

Esiximos República Galega.

Perante a moda do negacionismo climático

Na última década, observamos como os movementos cidadanistas, carentes de organización interna e dunha liña ideolóxica clara, deixaron no bloque soberanista e esquerdista unha evidente segmentación da loita cotiá en pequenas frontes de actuación política. Moitas veces, estas loitas son tildadas de “woke” polos sectores máis conscientes da nosa condición proletaria. A fragmentación e o desclasamento destas miniloitas son tan pronunciados que, en moitos casos, os comunistas as percibimos como unha atomización preocupante que deixa nun segundo plano a emancipación material e económica da nosa clase. Ademais, podemos ver con claridade como as élites capitalistas fomentan, se nutren e benefician destas reivindicacións, que carecen do punto crucial: a superación do sistema económico actual. 

Neste contexto, pódese considerar a loita pola conservación da natureza ou contra o cambio climático como unha destas “loitas woke” pero, canta verdade hai nesta afirmación? Realmente existe tal fenómeno natural? Son as actividades humanas as responsábeis dese cambio? É a crise climática un perigo real para o sustento da nosa clase? Pode alguén crer que o capitalismo pode xerar unha transición enerxética xusta para os traballadores? Que postura debería asumir o comunismo galego? Temos puntos de coincidencia cos sectores reaccionarios neste ámbito?

Para dilucidar se o cambio climático está realmente en marcha e se está orixinado pola acción humana, debemos adoptar un enfoque materialista e científico da realidade. A ciencia non é máis que un método para xerar coñecemento, un método que, a diferenza da arte ou da relixión, se basea en evidencias demostrábeis. Cando o ser humano desenvolveu e expandiu o uso da máquina de vapor e dos seus derivados, acudiu a fontes de enerxía química presentes nos combustíbeis. Este uso masivo das máquinas permitiu acadar o máximo desenvolvemento técnico coñecido na historia da humanidade, pero como contrapartida, retrocedemos no proceso evolutivo da atmosfera e do clima debido á inxente emisión de gases de efecto invernadoiro. 

Se avaliamos a evolución da concentración de CO₂ no rexistro histórico dende a era preindustrial, obsérvase un aumento do 150%. Este incremento racha coa tendencia á diminución progresiva do CO₂ que se rexistrou desde o Cenozoico, fai 66 millóns de anos. 

Pero este cambio climático é prexudicial para o planeta en si mesmo? Non necesariamente. O cambio climático non é novo, xa aconteceu antes, e o planeta será capaz de retornar á súa situación previa, permitindo que a evolución da vida continúe. Pero nós, os desposuídos, non temos a mesma capacidade de adaptación.

Dadas as evidencias irrefutábeis, nos últimos anos vimos como grandes corporacións, especialmente as petroleiras e enerxéticas, pasaron de negar sistematicamente o cambio climático causado pola súa actividade extractiva a adoptar unha dobre moral. Aínda que seguen financiando estudos que o negan, tamén realizan un exercicio de greenwashing, un lavado de cara que exemplifica o gatopardismo: “cambiar as cousas para que todo siga igual”. Asistimos con impotencia a como o sistema burgués, escudándose na diminución das emisións de CO₂ e na transición enerxética, desindustrializa comarcas enteiras, deixando sen sustento material a miles de familias. Non nos equivoquemos, non lles importa o cambio climático; esas mesmas industrias trasladaranse a rexións con menos restricións para maximizar os seus beneficios. 

Por outra banda, a ideoloxía burguesa culpa do cambio climático aos sectores máis empobrecidos, aqueles que menos capacidade teñen para adaptarse aos cambios. A alternativa que propón o sistema é responsabilizar aos individuos, ao proletariado, como os principais culpábeis da crise climática na súa condición de consumidores, como demostran as fútiles campañas de promoción da reciclaxe. A hipocrisía burguesa complétase cando, despois de separar os envases plásticos, estes son incinerados, xa que non son asimilábeis ao mercado. O capitalismo é incapaz de planificar absolutamente nada: nin a industria, nin os recursos, e moito menos ofrecer solucións aos problemas que el mesmo xera, como a xestión de residuos ou a crise climática. Pensar que este sistema pode solucionar dita crise é unha das maiores quimeras que podemos escoitar.

E como afecta o cambio climático á nosa clase? É innegábel o aumento da temperatura media, o avance dos desertos, a escaseza de auga doce e a crecente frecuencia de fenómenos climáticos extremos, que provocan perda de colleitas, fame e migración. Nun mundo xeopolíticamente tenso, isto engade máis leña ao lume. Por exemplo, na desembocadura do río Brahmaputra en Bangladesh, 173 millóns de persoas poderían verse forzadas a migrar. Desde unha perspectiva internacionalista, como responderemos a este escenario migratorio? Abriremos as fronteiras ou financiaremos a represión? Se nos opoñemos ao espolio dos países do terceiro mundo, tamén debemos loitar contra o cambio climático que fai inhabitábel moitas rexións. Aínda que é imposíbel abordar todas as causas e consecuencias, está claro que o cambio climático agrava os problemas da nosa clase, polo que planificar solucións deberá ser parte das nosas tarefas revolucionarias. 

Setembro 2024, Faísca

CASTELAO É NOSO

Dicir “Castelao é noso” non é falar de siglas. Castelao é do pobo galego, que é dicir Nación, que é dicir Patria, que é dicir clase obreira. Castelao é noso e non deles.

Nós somos a man que saca a riqueza da terra e que a transforma en prosperidade, a man que coida, a man que sostén con forza a fouce, o martelo, o lápis ou o xiz.

Eles son o peso do xugo e da cadea. A caste dos ricos e dos poderosos construída sobre a degradación da humanidade no seu conxunto.

É por iso que Castelao é noso, porque era parte do proxecto da humanidade no seu conxunto e toda a vida fixo por construir unidades que permitiran alcanzar ese horizonte. El sabía, por suposto, que en Galicia esa meta só se podía materializar a través da soberanía nacinal e, no mundo, a través do Estado obreiro.

Da URSS de Stalin, Castelao dirá:

«Agora convén que faga unha pequena aclaración. Eu non son comunista. Non sei se pesan sobre min prexuízos adquiridos na infancia e nas lecturas de libros venenosos. Pero […] no meu viaxe á URSS adquirín a convicción de que alí se está a xerar unha nova vida que debe ser o molde dos demais pobos do mundo.»

Castelao non era comunista, pero era un frontepopulista convencido e sincero. Como tal, sempre buscou trazar unha colaboración estreita co marxismo. Isto tivo como consecuencia a viraxe progresiva de Castelao cara posturas cada vez máis de esquerdas, rachando co compoñente reaccionario, esencialista e mesmo racial doutras tendencias do nacionalismo e coa comprensión dogmática e escurantista da súa propia relixión cristiá. Pero do mesmo xeito que o marxismo influiu en Castelao, castelao influiu no marxismo, espertando nos comunistas galegos a conciencia nacional e pondo de relevo a importancia capital da cuestión nacional e da emancipación da patria como paso fundamental no camiño cara á emancipación de clase. A súa influencia foi clave en individuos como Lois Soto, o que permite falar da súa figura como base sobre a que se erixe a tradición política da UPG proletaria de Reboiras, o PGP, o PCLN ou a FPG, tradición que confluirá con outras dando lugar ao nacemento do PCRG décadas despois e ao que somos no presente.

Castelao figura, por tanto, nese lugar privilexiado da historia que ocupan figuras como Benigno Álvarez: o xérmolo da conxunción do elemento nacional e popular que da lugar á forma acabada do marxismo galego.

Pero o de Rianxo non foi só político, tamén foi artista e intelectual. E no eido das artes e da cultura, Castelao actuou movido tamén polo maior dos respetos ao pobo, que sen dúbida ten a súa orixe no mesmo rincón da psique do que nacían o instinto revolucionario e a mirada de clase de individuos como Engels. O caracter popular das obras de Castelao trascende á súa mensaxe explícita e chega a facerse patente en cuestións de estilo tan sutil como a súa representación do individuo: no seu debuxo nunca se repite unha cara, no exercicio da caricatura nunca se reduce ao individuo ao anonimato pola vía da esquematización do rostro. Faces individualizadas compoñendo un todo superior a elas mesmas, unha ética común, unha corrente única: a dos oprimidos. Non existe en Castelao unha negación do colectivo, pero tampouco unha comprensión da masa como entidade amorfa na que se dilúa o inividuo.

A creación artística como ferramenta en defensa dos intereses do pobo galego, o exercicio intelectual comprendido en clave política e ao servizo permanente dos desposuídos e desposuídas da Patria, o exercicio consciente de dignificación da xente do común, a aproximación didáctica da máis alta cultura ao público xeral despoxada de calquera pretensión petulante, a autoavaliación e autocrítica permanentes como garantía de evolución, renunciando ás falsas certezas permanentes que, para outros, son refuxio cómodo.

Isto é, pra nós, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Poden afirmar, aqueles que dende as institucións cobren as vergoñas co seu nome, de ser consecuentes con estes principios?

Nun alarde da súa natureza necrófaga e necrófila, os herdeiros do franquismo que dominaban e dominan aínda a Xunta de Galicia, empregaron o cadáver de Castelao para lexitimar ese esperpento, esa satrapía, en 1984. Buscaban neutralizar o símbolo fundamental da resistencia de Galicia fronte ao esquema de dominación ao que se atopaba somentida. A comitiva de profanadores foi recibida por disturbios en Compostela por parte dunha nación disposta a defender a dignidade do corpo do pai intelectual da súa liberdade.

Nós, neste ano de Castelao proclamado pola Xunta, alegrámonos de que a forza do nome do rianxeiro force aos inimigos do seu proxecto a continuar coa pantomima da gabanza, pero mantemos con terquedade o mesmo que outras voces da nosa clase dixeron hai corenta anos:

Castelao é noso.

Monográfico – Xaneiro 2025, Faísca

Ataque ao peto da clase obreira: dispáranse os prezos do transporte público e cancélase a suba das pensións.

O colapso da política de esmolas do PSOE amosa unha vez

máis que cando fracasa a socialdemocracia, paga o pobo.


A negativa do Parlamento español á aprobación do chamado decreto ómnibus ameaza con castigar duramente o peto da clase obreira galega: rematan as axudas ao transporte e as pensións ameazan con quedar conxeladas, pero a cesta da compra sobe cada vez máis.

É unha práctica recurrente na política española a elaboración de paquetes de medidas presentadas para ser votadas en bloque. Que incluía este paquete? Unha suba do 2,8 % das pensións, a prórroga do imposto ás enerxéticas ou axudas ao transporte público, entre outras cousas.

Por que Junts decidiu votar que non? Descontentos cun imposto ás enerxéticas que, segundo eles, pode perxudicar ás empresas catalás, amósanse molestos tamén coa inclusión no decreto de medidas relacionadas co eido xudicial que ameazaban á aplicación da lei de amnistía.

O fracaso deste intento de chantaxe do PSOE, empregando como arma o benestar dos obreiros do Estado para forzar as negociacións, amosa o insuficiente que resulta para a nosa clase o modelo baseado en esmolas da socialemocracia. O proletariado non pode depender da caridade dunha casta política corrupta ata a medula e permanentemente axeonllada ante os intereses da Patronal.

Agora toca ver como esquerda e dereita intercambian acusacións no Parlamento mentres traballadores e traballadoras seguen a perder oito horas ao día para que aos xefes non lles falte de nada. Mentres tanto, Renfe continúa ofrecendo o seu servizo habitual: prazas insuficientes, frecuencias pésimas e retrasos sistemáticos que poden ir dos dez minútos a máis dunha hora, pero agora máis caros aínda.

Nacional – Faísca Xaneiro 2025

UNHA LINGUA

Polo dereito a falar con voz propia. Porque sabemos que existe un nós –os oprimidos, as que cargan sobre as súas costas o peso do traballo–, e un eles –os opresores, os que viven da nosa miseria e da destrucción da Terra–. Porque queremos que os nosos netos entendan a lingua na que escoitamos cantar ás nosas avoas. Por todo isto militamos na lingua galega e comprendemos que a súa defensa é a defensa dos nosos intereses e dos nosos dereitos irrenunciables.

Consideramos que a língua é o símbolo rotundo da nosa identidade e a ferramenta da nosa emancipación: o galego é motor para creación intelectual, artística e científica de noso; un agasallo para tódolos obreiros do mundo que teñen a oportunidade de escoitarnos e interese en compartir o que temos que ofrecer como pobo; un vencello que nos une como pobo e un himno da vitoria do traballo fronte a tiranía do capital.

Negamos que a lingua sexa unha reliquia á que rendir culto, unha realidade morta e estática. Afirmamos o exercicio creativo dunha fala viva que constitúe, como demostra o exemplo de Rosalía, a maior garantía dunha creatividade desbordante e popular.

UNHA CLASE

Porque sabemos quen somos nós e quen é a nosa xente, e queremos estar coa nosa xente e traballar sen descanso para nós e para a nosa xente. Para ninguén máis.

Nós somos os emigrados, os perdidos, os presos, os explotados, os orfos na terra, as que esperamos pola alba do día, as que marchan da casa porque na casa non teñen nada.

A clase obreira, o proletariado, o pobo que fala galego na fábrica, no almacén, no mercado ou no mar.

En que lingua fala o que nos explota?

Fagamos visible cada día da nosa vida que existe un nós e un eles. Non deixemos que oculten esta verdade. Poñámosllo difícil dende agora ata o intre no que os derrotemos definitivamente, que non está lonxe.

UNHA REPÚBLICA

Para rachar as cadeas. Para derrubar os teitos dos castelos cos amos do mundo dentro. Para poñer fin á vergoña deste sistema.

Para poder falar a nosa lingua na nosa Terra. Para poder falar todas e todos. Para poder falar en igualdade con todos os pobos do mundo. Para apertar nas nosas mans todas as mans traballadoras do mundo.

República das letras. República das artes. República da ciencia e do saber. República obreira e socialista.

República Galega.

Galicia contra Altri: por unha industrialización racional

Baixo o patrocinio da administración autonómica a multinacional Altri pretende instalar una nova planta para a produción de celulosa no noso país. Estamos ante un descarado episodio de sometemento das institucións políticas públicas ás necesidade de acumulación privada de riqueza. O Parlamento e o goberno concederon a Altri privilexios excepcionais sen dar un debate mínimo sobre os potenciais impactos da fábrica en termos sociais, económicos e medioambientais.


Galicia é xa un país industrializado, cun peso da produción e o emprego industriais en liña coa norma europea e mesmo superior á media estatal. Porén, baixo un paraugas discursivo cegamente desarrollista, o capital nacional e estranxeiro continúa favorecendo un modelo de competitividade en base a baixos salarios, na obtención subvencionada dalgúns subministros, ou en maiores facilidades á hora de explotar ilimitadamente os nosos recursos naturais. O proxecto de Altri vén precisamente a afondar neste modelo nefasto: xerando unha situación de dependencia socioeconómica no territorio no que pretende instalarse, desprazando outras actividades alternativas e traendo consigo un potencial impacto desastroso sobre o noso medio ambiente.
É por iso que as e os comunistas do PCRG saudamos o esforzo realizado ata o de agora por organizacións veciñais, ecoloxistas, sindicais e políticas co obxectivo de frear a implantación de Altri na comarca da Ulloa. Así mesmo, facemos un chamado a todas e todos os compañeiros para contribuír en futuras mobilizacións.

Alén da conxuntura inmediata, as e os comunistas reivindicamos unha industrialización racional da nosa patria. Racional, para que o desenvolvemento das forzas produtivas responda ás necesidades reais do pobo galego, e non ás necesidades de acumulación do capital. Racional, para unha distribución equilibrada das actividades produtivas que remate cos fortes desequilibrios socioeconómicos que sofre o noso país e que respecte o noso patrimonio natural. Racional, para contribuír libremente desde a nosa terra á consecución dunha relación humanidade-natureza ecoloxicamente sostible.


O camiño para lograrmos un país libre e próspero decorre en paralelo ao do avance revolucionario nos planos político e económico. Para nunca máis vermos á cousa pública subordinada aos intereses privados, para que sexamos as e os traballadores quen xestionemos as rendas da nosa vida económica e decidamos como queremos orientala:


República Galega e Socialismo.

Que todo cambie para que nada teña que cambiar. Ese é o resumo da constitución do 78 nunha soa liña. Agradecerán o noso esforzo de síntese as forzas que, tras anos ou incluso décadas de discurso radical, deciden agora cantar as alabanzas do Reino de España. Agora xa non teñen que ler o que están a aceptar, costume cada vez máis frecuente no eido institucional. De nada.
Nós seguimos en contra e seguiremos en contra. Por que? Porque consideramos que a constitución do 78, que prometía ser unha pista de despegue, é en realidade un teito ben baixo que obriga á nosa clase a camiñar encorvada. Por enriba dese teito, o Réxime do 78 non está disposto a conceder nada.
Xa nos últimos anos de vida de Franco, nos que a decrepitude moral do ditador foi correspondida polo seu físico, era evidente que o modelo político vixente era insostible por máis tempo. Certos sectores da clase dominante apostaron entón pola apertura tanto no económico como no político e no cultural. Juan Carlos foi nomeado herdeiro por Franco a pesar de que era obvio que non contaba co respaldo dun falanxismo clásico de verborrea falsamente republicana nin do carlismo. Quen apoiaba entón a Juan Carlos? Os donos do capital e os seus curas lambebotas do Opus Dei. A operación foi ben sinxela: os altos cargos do réxime, como Adolfo Suárez e Manuel Fraga, propietarios de cadansúa camisa azul de falanxe, fundan partidos con nomes máis seductores, como Alianza Popular ou Unión de Centro Democrático. Cédese nas demandas populares no que a cultura e sociedade se refire, permitindo ensinar carne e bicarse nas películas e na televisión, reláxase (sen se suprimir) a censura, e permítese aos xudas que controlaban o PCE e outras forzas potencialmente subversivas, que coman parte do pastel. Así pode continuar a explotación da nosa clase durante unhas cantas décadas máis.
Especialmente nítida foi a visión das nacións sen Estado, que foron quen de facer a crítica máis contundente e castigar á constitución no referéndum. As abstencións e o non derrotaron ao si en Galicia, e así sucedeu tamén en Euskadi. Resulta curioso ver como hoxe, as forzas que aceptaron participar do xogo parlamentario para seguir avanzando na senda da emancipación nacional –esa é a súa visión dos feitos, non a nosa–, aceptan directamente a constitución ou se dedican a negociar miserias co Estado opresor. Miserias negociadas de xeito patético, por certo, porque o que é feble non ten nada que negociar co que é forte. E como pode ser forte quen constrúe a alternativa aceptando as imposicións do inimigo, permitindo á burguesía dictar que cuestións son aceptables e cales non?
Miremos ao Estado: a movilización masiva nacida do denominado ciclo 15M, domesticada e parlamentarizada, deixou de ser un fenómeno popular, convertíndose nun esperpento. O reformismo máis clásico e inútil, con nomes novos, ten agora a revolucionaria capacidade de actuar como muleta ou botella de osíxeno do PSOE que, lembremos, é o partido do si á OTAN, da reconversión industrial, dos mortos desfeitos na cal viva dos GAL, do bombardeo sobre a Libia de Gadafi para deixar un xigantesco mercado de escravos, da repetición innecesaria de eleccións coa única consecuencia –e pode que única motivación– de ver medrar os escanos de VOX, da lei mordaza 2.0, dos dispendios ao fascismo na Ucraína…
Ollemos á Patria: cal é o resultado de corenta anos de claudicación ideolóxica por parte dos autoproclamados defensores da Nación? O desmantelamento dos nosos sectores económicos clave, a destrucción da Nosa Terra para beneficio dunha burguesía estranxeira e dos seus colaboradores locais, o ridículo político. O servilismo oportunista ao Estado burgués foi disfrazado de pragmatismo. Afírmase que o máis revolucionario é facerse co poder, pero, que é o poder para eles? Ser capataz na casa do patrón, co permiso do patrón. Renuncian aos principios para facerse coa Xunta, pero no proceso quedan sen principios e sen Xunta.
Nós sabemos que os principios vencen e que a nosa firmeza ideolóxica é a firmeza na defensa dos intereses da clase. Por iso dicimos non a unha constitución escrita a espaldas e contra a clase.

O salario é o pago que a burguesía nos fai a cambio do noso traballo.
Con este, o empresario cobre o custo da vida humana: un teito baixo o que caer mortos tras a xeira laboral e un prato de comida na mesa, para que poidamos volver producir ao día seguinte. Ademais, o salario espera tamén pagar pola alimen-tación e os estudos dos nosos fillos, para que no futuro poidan ser man de obra. Este “pacto” capitalista, que os comunistas nunca aceptamos, non se cumpre. O salario xa non nos chega para pagar a compra do super-mercado nin para adquirir unha vivenda, nin sequera para pagar un alugueiro, e menos aínda para cubrir o custo dunha residencia estudantil para os nosos fillos.
Debemos criminalizar o criminal e reivindicar o lexítimo. Toda a riqueza a producimos nós, as traballadoras e os traba-lladores. Non temos que mendigar o que nos pertence por dereito. Poder comer e vivir baixo un teito é un dereito que che pertence. Se non o tes, tómao, é teu. O verdadeiro crime é lucrarse do traballo alleo e da necesidade da nosa clase. A vivenda e os alimentos non deben ser mercadoría.
A quen todo produce, todo lle pertence.

Conxuntura do Movemento Estudantil Galego

Lenin dicíanos que todo revolucionario no seo do movemento avanza entre dous precipicios. Estes dous precipicios, na maoiría de loitas, tanto políticas como económicas (e o movemento estudantil non é unha excepción) poden ser o ultracorporativismo autoreprodutivo e a liquidez espontánea e anti-orgánica. Como todas as desviacións aparentemente antagónicas son, en realidade, dúas caras da mesma moeda: o sectarismo e a patrimonizalización. Os pecados da vaidade e do egoísmo pequeno burgués. O movemento popular non é de ningunha sigla, nin tampouco de ningún grupo de independentes.

As falsas dicotomías entre a Organización e a Asemblea, alimentados por uns e outros, só redundan no divisionismo e escisionismo no seo do movemento estudantil. Nós, comunistas, con claridade dicimos: si a ambas! Si á Asemblea e ao movemento asembleario, onde toda folga, mobilización e/ou negociación sexan fiscalizadas en última instancia por este órgano democrático. Que sexa permeable e amable para a participación de estudantado con distintos niveles de politización e implicación, que regule e dilúa, por superación e non por anulación, as (lexítimas) diferenzas entre os distintos axentes políticos e sociais que partipan del. E dicimos si ás organizacións que axudan a preservar, manter no tempo, coordinar e axilizar as pulsións mobilizadoras e a participación asemblearia, que do contrario corre o risco de se esvaecer tras o inmediatismo da loita. Si tamén á organización como instrumento, nunca como fin, e que tenda á Unidade co conxunto do movemento estudantil, organizado e non, cara a constitución da Organización Estudantil Única de Galicia, entroncanda nun movemento republicano e democrática, fiscalizada e regulada sempre por Asembleas Abertas de Estudantes e inclusiva, por síntese superadora, de todas as sensibilidades emancipatorias do movemento estudantil. Volvamos a ERGA: Sindicato Único, Movemento e Asemblea.

Poñendo pé en Terra, Este curso comeza con duas mobilizacións estudantís:

A do 27 de setembro, de Solidariedade Internacionalista con Palestina, artellada no seo do movemento estudantil en gran medida polo contixente asembleario, que organizara as acampadas solidarias do curso anterior. Un movemento asembleario que foi mermando en número e ao que lle costa dar unha lectura integral alén do tema lexítimo e necesario que os ocupa. Sen un plan e visión integral e nacional corre o perigo un de desaparecer ou de caer na marxinalidade e abrazar posturas anti-políticas e anti-orgánicas. Na que no fondo caia na mesma autorreprodución que a das organizacións, pero con menos eficiencia.

A do 2 de Outubro convocada polo dereito á vivenda por parte de Erguer, sindicato afín ao BNG, cunha campaña moi corporativista e endogámica, entre as organizacións controladas pola UPG, de costas a calquera posibilidade unitaria e de dinámica (e moito menos fiscalización!) asemblearia. É certo e xusto de recoñecer que, nestes momentos, é a única organización estudantil existente no conxunto de Galicia, inda que tamén é certo que cunha capacidade de incidencia e mobilización moito menor da que tiña o MEG na anterior Xeira mobilizatoria.  Fruto do propio corporativismo, sobrevive nas malas e nas épocas de repregue, pero non ten a audacia e iniciativa que permitan ser hexemónicos e involucrar ao conxunto do estudantado alén do nicho ideoloxicista nas épocas de avance.

Ante esta conxuntura e mentres traballamos para conseguir os obxectivos estratéxicos, o noso Partido chama a secundar e participar de ambas folgas e mobilizacións. Aínda coas nosas críticas honestas ás eivas e desviacións dos(s) movemento(s), sabemos que quen traballa honestamente por sacar adiante unha mobilización e unha folga por unha causa xusta é un compañeiro de barricada co que teremos que construír unitariamente o futuro que queremos e co que desde aquí debatimos de forma xenuína para mellorar entre todos o que nos é común: a loita por un futuro mellor para as desposuídas de Galicia e da Terra. Estamos contra toda tentación de boikot a ningunha das mobilizacións que pode redundar en apoloxía da esquirolaxe e tendemos as mans a todos os militantes de organizacións e asembleas que operan no movemento estudantil do noso país para avanzar conxuntamente na creación e fortalecemento do MEG que todos queremos e, sobre todo, necesitamos.

Pola creación do Sindicato Único do Estudantado Galego!

Todo o Poder para as Asembleas!

Dana Rotbaf, estudante e militante do PCRG.

Un ano máis, o Partido Comunista pola República Galega saíu ás rúas para demostrar que a construción da ferramenta revolucionaria da nosa clase segue adiante e que o proletariado galego é quen, non só de pensar un mundo novo, senón de dar tódolos pasos necesarios para velo nacer.

A manifestación do PCRG, que partiu da Alameda ás 13:00 e chegou incluso a dobrar as cifras de asistencia con respecto ao ano pasado, constitúe un revulsivo contra a opresión cotiá á que nos somete o sistema capitalista. O proletariado galego organizado no seu Partido Comunista percorreu Compostela demostrando que existe un proxecto feito por e para a clase, capaz de desbotar calquera sectarismo e calquera vocación de sermos marxinais manifestada en folclore estéril, pero tamén calquera tentación derrotista ou oportunista.

O acto político que deu fin á manifestación tivo lugar na Praza do Pan, coa intervención de Inma Alonso como presentadora e cos discursos de Paulo Rubido, Carlos Botana e Inés Varela.
O xantar, organizado na praia fluvial de Chaián, ao que asistiron preto de duascentas persoas, contribuíu a reforzar aínda máis as relacións entre o PCRG e as organizacións do conxunto do Estado que estiveron ao noso carón demostrando que a loita pola emancipación das patrias é indisociable da solidariedade internacionalista, tales como Jardún, Red Roja, Partido Obreiro Reunificado ou a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil.

Os avances que o noso Partido experimentou dende o ano pasado non se limitan unicamente ao cuantitativo. No cualitativo, asistimos ao constante desenvolvemento dunha liña política capaz de implementarse paulatinamente nos centros de traballo, chegando a capas da nosa clase cada vez maiores, tal e como demostra a presenza dos continxentes procedentes da CIG ou da CUT tanto na manifestación como no xantar de confraternización, contribuíndo a dar pasos na dirección do que segue a ser un obxectivo ineludible: o Sindicato Único Galego. A publicación do quinto número da revista Embate, por outra banda, pon de manifesto que é posible dotar ao pobo galego das canles de expresión necesarias para construír arte e cultura xenuínas e libres da mácula que constitúen os intereses políticos e económicos das clases dominantes.

Ano tras ano, o Día da Patria actúa como xornada de avaliación na que camaradas procedentes de todo o país intercambian pareceres e toman contacto coa realidade militante doutras comarcas e doutros ámbitos. Ano tras ano, dende a fundación do PCRG, os nosos cadros comproban unha e outra vez, que o seu esforzo está a dar froitos cada vez maiores. Agora é o momento de redobrar esforzos, de convencerse de que nada é suficiente nin será suficiente ata que conquistemos o poder para a nosa clase. E aínda entón non teremos rematado o noso traballo.

Por mil primaveras máis. Por ver florear rosas vermellas en tódalas mans traballadoras de Galicia. Pola nosa clase. Pola nosa Patria.

Viva Galicia ceibe e socialista!