Centos de miles de franceses cuestionan ao poder desde a mobilización cidadá e enfrontándose sen amedrentarse á violenta resposta policial. Unha grandísima revolta que, como todas, ten un compoñente de espontaneidade popular e un compoñente de organización, pero, sobre todo, un caldo de cultivo que son unhas condicións materiais de desigualdade que empurran ao pobo francés á obriga da loita como única forma de presionar ao Estado.
Desta vez falamos dun movemento que nace nos lycées, os institutos franceses. Trátase dunha mobilización instigada desde a denuncia da abismal desigualdade que existe entre os institutos privados ou dos barrios acomodados das grandes cidades e a inmensa maioría de centros de ensino das periferias e dos barrios obreiros. E todo prende coas medidas de austeridade e de recortes en educación nun contexto xa inaceptable. As estudantes denuncian falta de docentes e persoal non docente (orientadoras, enfermerías, bedeles…), aulas pauperizadas e masificadas en condicións insalubres, horarios partidos que non permiten tempo para o ocio, así como un inxusto sistema de selección para o acceso a prazas universitarias que consideran discriminatorio. É dicir, denúnciase un sistema de educación pública clasista e pauperizado polas políticas de quen, á súa vez, inviste cada vez máis diñeiro na militarización do Estado. Trátase dunha cuestión de clase. E tal é así que rapidamente, ao que comezara como un movemento estudantil, sumouse o movemento obreiro e cidadá, falando agora de masivas mobilizacións, folgas e disturbios de toda a clase traballadora francesa que loita por defender o ensino público.
Como xorde? Unha cronoloxía dos feitos.
O movemento estudantil non responde a unha única dirección centralizada, senón que está articulado como unha rede de asembleas xerais dos propios liceos e universidades, que deciden accións localmente (folgas, peches dos seus centros, concentracións, manifestacións por barrio ou por cidade…). A nivel nacional, a coordinación e as convocatorias realízanse de maneira unitaria por unha coordinadora intersindical formada por estudantes e traballadores da educación na que interveñen os sindicatos estudantís maioritarios (como a Union Étudiante e a Union Syndicale Lycéenne, que corresponde á súa sección en ensino medio) e minoritarios, así como os sindicatos de docentes, persoal non docente (destacando a CGT como principal forza) e as asociacións de pais e nais.
É dicir, falamos dun movemento que aglutina a toda a comunidade educativa (sendo o estudantado a forza máis numérica e mobilizada) que se orquestra desde a asemblea local, aberta, e se coordina e expande nacionalmente a través dos sindicatos.
En concreto, desde a Union Syndicale Lycéenne comentan o método que os estudantes seguiron para expandir o movemento dos liceos:
En cada centro e en cada aula, repartiamos un caderno no que solicitabamos a cada estudante que describise os aspectos que máis lles disgustan dos centros educativos; despois discutiamolos en grupo e moviamos o caderno, para que o resto de centros coñecesen as reivindicacións doutros compañeiros. Ao final, con pequenas diferenzas, observábase que as reclamacións era posible aglutinalas nunhas denuncias moi xenéricas e compartidas, polo que realizar un programa de reclamacións era doado. Este traballo de comunicación e discusión moveu moito ao estudantado e serviu para difundir as loitas iniciadas polos primeiros centros. De forma moi inmediata, antes de podernos darnos de conta, xa había máis de 400 liceos pechados polo alumnado e algúns profesores.
Para entender o éxito desta proposta debemos entender a necesidade da asemblea como forma de organización e o sindicato como forza necesaria para a creación de asembleas con rapidez e extensión territorial.
Todo comeza a finais de setembro no Lycée Saint-Exupéry en Créteil, na zona periférica de París, na Île-de-France. Unha primeira folga de docentes deste centro, demandando máis persoal e recursos, dado que neste centro faltaban polo menos tres profesores, unha xefa de estudos, unha asistente social e unha psicóloga; ata seis baixas sen cubrir, unha situación que, en realidade, dáse en miles de liceos do país (e tantos outros en Galicia, que ben o sabemos). Esta primeira gran mobilización serviu como a primeira faísca para espertar á comunidade educativa francesa.
O 1 de outubro o movemento xa se estendera. Preto de 1.100 liceos do país estaban mobilizados. O movemento chega incluso a ocorrer nas illas coloniais como a caribeña Martinica. As folgas e mobilizacións locais continúan nos seguintes días, con preto de 500 liceos pechados total ou parcialmente. A sociedade civil comezaba a posicionarse sobre os acontecementos que estaba a contemplar e a denunciar a forte violencia da represión das forzas do Estado, e o movemento estudantil comezou a gañar adeptos: desde docentes e pais, que elaboraron cadeas humanas para protexer aos estudantes dos embates da Policía, ata sectores obreiros que decidiron apoiar as mobilizacións como os traballadores de transportes, bombeiros ou do sector enerxético.
Esta fusión de forzas vislumbrouse por primeira vez o 6 de outubro, con mobilizacións masivas en Marsella, Lión, Nantes, Estrasburgo, Clermont-Ferrand e París, con medio millón de persoas nas rúas.
Os sindicatos estudantís mantiveron as convocatorias con accións o 8 de outubro e chamaron a unha folga masiva en todos os sectores que apoian o movemento o 13 de outubro.
Que demandan? Unha descrición dos feitos materiais que levan á revolta.
A primeira denuncia é a falta de substitución de prazas baleiradas ben por xubilacións ou por baixas duradeiras. No curso anterior, por exemplo, rexistráronse faltas de polo menos un docente no 53% dos institutos, impartíndose un 90% das horas lectivas. Isto agrávase coa decisión de suprimir 3.256 postos de profesorado nos últimos orzamentos aprobados para 2026.
Denúnciase tamén o estado das infraestruturas: desde tellados que se derrumban, amianto ou ratos, ata as insoportables condicións das clases que se deben impartir a 40 °C en verán e a menos de 5 °C en inverno. A isto agrávase o ratio, con aulas masificadas chegando a 35 alumnos por aula.
Denúnciase tamén a falta de persoal non docente como o persoal sanitario. Si, aquí en Galicia sorprenderá, pero en Francia lograron o importante avance de dispor dun equipo de enfermería e apoio psicolóxico nos institutos; porén, a continua redución destes postos con cada reforma de austeridade deixou centos de institutos con servizos insuficientes de enfermería.
Outra proclama é rematar cos horarios lectivos que se imparten en Francia, xornadas partidas desde as 8:00 ata as 18:00. O estudantado e o profesorado denuncian que estes horarios son abusivos e impiden tempo para o estudo e o ocio dos adolescentes.
Por último, e non menos importante, o estudantado francés quere acabar co Parcoursup, o sistema de selección de prazas universitarias (o seu equivalente á ABAU), pois táchano dun sistema clasista que reproduce unha desigualdade nas oportunidades territoriais e de clase, ademais de agravar a presión e ansiedade que sofren os adolescentes que son conscientes da gran limitación de prazas nas universidades. Para facernos unha idea, en París a selectividade da acceso a preto do 76% dos alumnos, mentres que en Saint-Denis, un suburbio obreiro de París, a menos da metade. Os liceos do centro de París representan menos do 3% dos alumnos do país, pero logran colocar a un de cada catro estudantes nas escolas de elite francesas. É dicir, reprodúcense as oportunidades segundo a renda media do barrio ao que pertences.
Falamos das políticas de pauperización dos servizos públicos, namentres segue a aumentar o gasto militar.
Efectivamente non se pode comprender estas mobilizacións e o desglose de demandas populares sen coñecer o último orzamento aprobado para 2026 polo primeiro ministro Sébastian Lecornu.
Un aumento, respecto do curso previo, do 13,2 % nos orzamentos destinados a Défense, mais un 8% destinados ao pago da débeda pública. Porén, un -11,1 % nos orzamentos destinados a Santé (sanidade) e un conxelamento na inversión en educación (un + 0,3% que, contando a inflación, resulta en desinversión), coa supresión de até 4.000 postos entre persoal docente e non docente.
A transversalidade sectorial do movemento, o gran acerto táctico.
O movemento dos liceos converxeu cunha folga do sector público o 29 de setembro, que sumaba a máis de 300.000 traballadores en toda Francia. Xa dende a gran mobilización do 6 de outubro, neste movemento de accións, peches, folgas e manifestacións participan traballadores da educación (un 14% do profesorado mantense en folga), sanitarios, bombeiros (que xa tiñan convocada unha folga de longa duración, dende o 8 de setembro até o 20 de outubro), os traballadores do sector eléctrico e de gas, os traballadores dos servizos de ferrocarril e traballadores dos servizos de administración local (un 10% dos traballadores públicos, en xeral, participan nas folgas).
Esta unión dos movementos permitiu evolucionar a loita concreta do programa de mínimos reivindicado polos estudantes nunha verdadeira loita do pobo francés contra as políticas de recortes e austeridade do goberno liberal.
Unha revolta violenta, ou unha violenta represión da revolta?
Efectivamente, as mobilizacións non consisten en agarimos nin sentadas silenciosas. Os manifestantes molestan. Os folgueiros increpan aos esquirois. Fanse barricadas con mobiliario público e préndese lume á cidade. Calquera moralización destes feitos só pode vir dun infantilismo pacifista. Isto é loita de clases.
E que isto é loita de clases sábeo perfectamente o Estado, que realizou un despregamento das súas forzas de represión sen precedentes. Falamos de máis de 6.600 detencións, das cales en torno ao 80% son menores. Falamos de pistolas de goma, porrazos, escudos, canóns de auga, granadas lacrimóxenas e aturdidoras, gas lacrimóxeno ou pistolas de impulso eléctrico. Mentres, os manifestantes non teñen máis que ferramentas domésticas de resistencia e, iso si, números. Os manifestantes resisten grazas á gran multitude que forman. Números que lles dan lexitimidade política e posibilidades tácticas.
Os grandes excesos das forzas represoras son unha das cuestións máis candentes no país, e unha das cuestións que máis indigna e mobiliza ao pobo francés, así como ás figuras políticas da esquerda. Pero a estratexia do goberno é a habitual: a forte represión que procura causar baixas nas forzas populares; e a batalla mediática que describe uns manifestantes radicais violentos e centra o debate público na violencia en vez de centralo nas condicións materiais que levan ao pobo a erguerse contra o Estado.
Un novo maio francés nun contexto de loita de clases na vella Europa
Desde Galicia, a clase obreira miramos con admiración, optimismo e unha certa envexa o que está a suceder en Francia. Non é un espellismo: é a constatación de que a rebeldía segue viva na vella Europa. En Bélxica, o estudantado tomou exemplo dos seus veciños; en Alemaña, a mocidade enfróntase á imposición do servizo militar; no Estado español, o movemento pola vivenda sinala a mesma fractura. Son expresións dunha resposta popular á decadencia dun sistema que xa non pode conciliar clases. Queren que paguemos a crise do Capital e a guerra imperialista. Non cederemos. Dos feitos de outubro extraemos dúas leccións: a dereitización da mocidade era unha falacia, e abondaron unhas faíscas para que a xuventude obreira se puxera á fronte da defensa das súas condicións materiais. E a democracia —decidilo todo— non se mendiga: conquístase fronte ao Estado burgués. Vivimos tempos de loita de clases. Viva a loita da clase obreira!