Que Edi Rama estea a gobernar no seu cuarto mandato consecutivo e que este estea asolagado por casos de corrupción mentres máis do 44% dos albaneses viven fóra da súa patria non é unha nova. De tal xeito que o acontecido catro meses atrás, nomeadamente a construción dun resort de luxo de financiamento ligado á Ivanka Trump e mais o Jared Kushner na illa de Sazan e na lagoa de Narta, tornouse nun conflito pola defensa da terra, onde grupos ecoloxistas ergueron un movemento que, por teren lugar neste espazo, intitularon a Revolución dos Flamengos. Após o asasinato dun manifestante que entrara no terreo, prenderíase a faísca do movemento que foi. Isto xa podería ser unha nova, mais aínda estaba nun proceso de quecemento. Pedirían a dimisión de Rama.
Chegamos ao martes 13 de outubro: o estudantado adhírese ao movemento con demandas propias: contra as taxas universitarias, o custe dos libros e as malas condicións do equipamento e das instalacións dos centros educativos. Todo isto, paseniñamente, iríase ligando polo malestar xeral das clases populares albanesas perante a carestía da vida e a emigración forzosa nun país secuestrado polos de arriba contra os de abaixo. O xoves 15, o estudantado de secundaria e bacharelato entra en xogo e apoia a mobilización dos seus compañeiros das facultades. Eis o proceso de como se chegou ao sábado 17 de outubro, data salientábel que cómpre non esquecer.
Ese día a mobilización estudantil chegará ao Ministerio de Educación en Tirana. De xeito simbólico, tirarían unha maleta ardendo contra este, simbolizando toda esa xuventude e fillos da patria que se viron obrigados, sen ningunha outra opción, ao ostracismo da emigración na procura dunha vida fóra da súa terra como consecuencia dun país que non lles dá un futuro.
Neste intre a loita do movemento estudantil conflúe con esa mobilización que nunca se detivera da Revolución dos Flamengos. Así, as demandas particulares dos estudantes serían xa parciais dentro da loita xeral. Os problemas dos centros educativos, a venda da patria ao mellor postor dos mercados internacionais, o pan de cada día, a emigración… Xa non se pedirían reformas, senón a dimisión do goberno do Partido Socialista de Albania, do primeiro ministro Rama, e cambios que fagan transformacións reais na vida dos albaneses.
Ao mesmo tempo, o executivo emprende unha resposta represiva sen precedente contra as mobilizacións, que nos deixan imaxes dun país militarizado e coa policía mallando desproporcionadamente nos manifestantes. O ano 2030 sería a data procurada polo goberno para que Albania ingresase na UE. As mafias, o aumento do desemprego, a desigualdade, a represión ou a ausencia de futuro. As imaxes dunha Albania baixo o lume e os disturbios non é unha Albania que queira negociar: quere transformacións sociais profundas. E se o consiguen ou non, verémolo no decurso dos meses vindeiros.
De París a Atenas, de Milán a Tirana, ou desde Madrid e Lisboa á Coruña, a clase obreira sobrevive cada día con máis dificultades o embate do Capital; os agricultores e gandeiros descobren a mentira do soño da UE; a pequena burguesía, como sempre fixo nestas situacións de aumento da loita de clases, está en disputa entre o medo a desaparecer como clase e, ou ben adopta a conciencia da clase obreira hexemonizando o movemento que poida xurdir, ou ben toma, precisamente por medo a se proletarizar, o campo do fascismo para axir con violencia os movementos populares e folgas xerais que aparezan, como forzas de choque contra a clase organizada en defensa das súas aspiracións.
Non sabemos o que pode acontecer en Albania. Mais o que está claro é que neste pequeno Estado que non se formaría como tal até unha data tan tardía como o 28 de novembro de 1912, que loitou contra a súa desaparición na IIGM contra os fascistas italianos primeiro e contra os nazis despois, que venceu e que foi quen de construír neste recuncho dos Balcáns un Estado socialista baixo o liderado do primeiro Partido Comunista, despois Partido do Traballo de Albania, baixo o atento ollar do camarada Enver Hoxha, todo é posíbel. Para ben e para mal. Porque non debemos esquecer algo se queremos comprendermos con seriedade o que estamos a ver hoxe nas rúas de Tirana e tantas outras cidades do país.
Cando morre un 11 de abril de 1985 o camarada Hoxha, e foi soterrado como merece un ser da súa altura xunto á estatua da Nai Albania no Cemiterio de Mártires de Tirana, veu o desastre de Ramiz Alia; e será o seu goberno, que durará até 1992, quen derrubará en decembro de 1990 a derradeira estatua do camarada Stalin. E, meses despois, en febreiro de 1991, un grupo de manifestantes derrubou a estatua dourada adicada ao camarada Hoxha na Praza Skanderbeg de Tirana. O pobo albanés sería castigado e pagaría nas súas carnes a traizón.
O goberno de Berisha (1992-1997) aplicaría cunha grande alegría as receitas do Fondo Monetario Internacional e a Terapia do Shock. Se ben Alia comezaría coas privatizacións, sería no goberno Berisha onde, entre outras, se aplicaría a privatización masiva, a eliminación de restricións ás importacións, o abandono do control de prezos e a eliminación do gasto social, con todo o que isto significa. O wahabismo e a influencia saudita abriron as portas de Albania aos amigos xihadistas de Occidente, que en 1978 iniciarían a guerra contra a Revolución Saur en Afganistán contra o goberno comunista, ou que nesta derradeira década foron quen de derrubar os gobernos antimperialistas e seculares do norte de África e Asia Occidental.
O desemprego masivo produto das privatizacións e a destrución do Estado socialista afectou en primeiro termo ás mulleres, que sempre serían as primeiras en perder os seus traballos. A queda do socialismo significou a perda de dereitos e a volta á cociña. O país que fóra exemplo de igualdade retornaría a unha situación onde os valores patriarcais se impuxeron; así, desaparecen da escena política, e a trata ou a violencia sexual converteuse desde aquela até hoxe nun algo endémico do país.
As políticas criminais de Berisha serían contestadas en 1997; os disturbios chegaron a tal punto, a violencia a tales cotas, que as forzas de represión tiveron que abandonar a cidade. Entre 1997 e 2005, Fatos Nano chegaría ao poder. Mais, independentemente dos logros deste, as privatizacións continuaron e, cando finaliza o seu mandato, a base industrial e o sistema bancario xa estaban privatizadísimos. Mentres que no malvado réxime de Hoxha a atención médica era universal, o presidente do comité de saúde en 2006 notificaba que o nivel de tecnoloxía médica estaba corenta anos detrás dos seus países veciños nos Balcáns, e o persoal sanitario ou ben marchou a Tirana ou ben ao estranxeiro, e todas as clínicas do país abandonáronse e deixáronse morrer.
Entre 2005 e 2013, Berisha sería primeiro ministro, sendo un súbdito dos EEUU. George W. Bush sería o primeiro presidente do país gringo en visitar Albania. A psicose chegou a tal nivel que conta o historiador Bernd J. Fischer en A Concise History of Albania (p. 359) que Bush foi recibido como unha estrela de rock, nomearon rúas albanesas na súa honra, ergueron estatuas e as nais chamaron así aos seus cativos, ou Laura, o nome da súa dona, ás cativas. Esta visita fixo que en 2008 Albania engrosase as ringleiras da OTAN. Igualmente, en 2006 a UE asinaría un Acordo de Estabilización e Asociación co país.
E así chegamos a 2013, e desde esa altura Edi Rama corta o bacallau. Un bacallau podre, como vemos. Edi é fillo da elite de Tirana e foi alcalde desta cidade entre 2000 e 2011. Membro do Partido Socialista, pero, a diferenza doutros, furibundo anticomunista. Ven encadeando gobernos desde 2013 e unha suposta loita contra a corrupción e o narcotráfico, con non poucas manifestacións de opositores como as de 2018-19 e anos posteriores. Ora ben, o país continúa nunhas condicións deplorábeis.
A desmontaxe do socialismo real creou en corenta anos universidades privadas que regalaban títulos por cartos ou favores: esta é a fotografía do desleixo. Paradoxalmente, ou non, Rama é fillo do artista que realizou a estatua da Nai Albania anteriormente mencionada. Paradoxalmente ou non, as estatuas dos camaradas Stalin e Hoxha xa non existen; e non tan paradoxalmente, os problemas derivados das consecuencias de derrubar o que estas representaban: si.
Non sabemos até onde chegarán as protestas da Revolución dos Flamengos, non sabemos até onde chegarán as mobilizacións dos estudantes. Si sabemos o que pode acontecer cando a clase obreira toma as rendas do seu destino, toma o poder e constrúe un Estado social para si propia. Europa está ardendo, Albania está en loita.
Sabemos que combaten, pero, quen e como organizará esa raiba?