Inicio / Embate / Artefacto: manifesto

Artefacto: manifesto

Neste tempo escuro, a arte e a ciencia, a creación e todas as formas de expresión están sometidas ao imperio do mercado e das súas normas visibles e invisibles, profundas e aparentes. O mercado, como expresión das relacións de produción e por tanto do sometemento da vida ao goberno da acumulación e da explotación, despóxanos da nosa capacidade creativa e de gozo das múltiples expresións artísticas e culturais. As artes en si son, como modelo produtivo, a negación do mando do capital. Sexan ou non explícita ou programaticamente comprometidas, cuestionen ou non os fundamentos do mundo en que vivimos, actúen ou non conscientemente contra as diversas formas de escravitude, representan un modelo de produción que entra en conflito permanente coas lóxicas do capitalismo. As artes creadas individual e colectivamente botan man do material común (palabras, notas musicais, cores, imaxes…) e ofrecen produtos cuxo valor é imposible de determinar se non se aplica a lóxica do mercado. Tras os procesos de creación e recepción artística e cultural persiste, e ben se ve, a verdade da vella aspiración colectivista: de cadaquén segundo as súas capacidades; a cadaquén, conforme ás súas necesidades. E como esa verdade é incompatible coa orde capitalista, o mercado irrompe e inúndao todo. E todo ameaza con quedar inservible, convertido en mercadoría, despoxado das súas funcións e do seu valor emancipadores.

Se o pobo pasa de creador e receptor a consumidor, crébase o circuíto da producción artística e cultural. Todas e todos somos mercadoría, tamén no intercambio de productos culturais. E esa cadea poderosa determínanos e anúlanos como cidadanía republicana, activa e consciente. A hexemonía cultural capitalista, coas súas verdades, os seus límites e as súas constricións e violencias brutais, impónsenos como a normalidade da existencia. Aí, sucumbimos. Nin creamos nin gozamos doutras creacións; como moito, poden permitirnos aspirar a posuír no canto de gozar. A culminación da deshumanización capitalista. O capital necesítanos sempre en disposición de investir a totalidade absoluta das nosas vidas nos seus circuítos de produción e reprodución. Todas as horas das nosas vidas dedicadas a producir a súa plusvalía. A nosa resposta ten que propoñer o mundo oposto: cada vez menos traballo; cada vez máis tempo para nós, para compartilo, para formarnos, gozar de experiencias culturais e artísticas… Necesitamos conquistar para as artes e as ciencias, para a cultura, entendida como creación colectiva e orgánica, total, o seu valor de uso, a súa capacidade liberadora, a súa función de mellora radical das nosas existencias. De ningunha maneira podemos asumilas como mecanismos de autocoerción, como obxectos de consumo rápido e instantáneo, como mercadorías. Temos que romper o veo que embelece as súas verdades. Debemos concibir a utopía máis alá do terror da distopía que nos ofrecen. Necesitamos rebelarnos.

Necesitamos rebelar os nosos saberes colectivos e as nosas capacidades creativas e receptivas. Necesitamos liberar a intelixencia colectiva, poñela en funcionamento ao servizo do común. E para iso temos que comprender que a cultura é un amplo espazo de combate en que se dirime tamén o noso benestar, en que podemos experimentar verdades alternativas e redescubrir as nosas capacidades humanas. Liberarnos. Construamos, pois, contrahexemonías, que non son outra cousa que experiencias e principios alternativos, formas de coñecemento, de expresión e de organización que nos permitan visualizar escenarios brillantes do mundo que desexamos e necesitamos. As bases doutro mundo, sen explotación, aquí mesmo, nunha República Galega de cidadáns e cidadás libres.

Vivimos un momento histórico escuro. Os motores dos cambios sociais, organizados arredor dos movementos obreiros que arelaban unha sociedade sen explotación, sen sometemento ao traballo asalariado, de propiedade común, en que o mundo pode converterse nunha grande nación de repúblicas soberanas, libres e solidarias, quedaron perdidos nos recantos de derrotas, renuncias e rendicións. A pasividade foi o resultado de asumir sen obxeccións, acriticamente, axiomas absurdos que nas súas verdades reveladas levan inscritas leis e verdades ruíns. Non vivimos no mellor dos mundos posibles. Vivimos nun mundo de guerra, de violencia imperialista, de xenocidios, de derrota da razón, de explotación e illamento psicótico. E no medio deste mundo atroz, volve operar o monstro.

A ultradereita e os múltiples neofascismos desta época constrúense e fanse sólidos nunha batalla cultural que non parecemos dar captado nin combatido de todo. A batalla cultural consiste na negación radical da cultura, da ciencia, do coñecemento e da creación como instrumentos de liberación do ser humano. Estamos no medio desa guerra e debemos asumir a necesidade colectiva de combatermos nela. As forzas reaccionarias son hábiles ocupando os espazos populares que certa esquerda política e sindical hexemónica foi deixando baleiros, fascinada coas luminarias da representación como único marco de combate político. E todo escenario que se deixa baleiro é ocupado polas forzas criminais. Non podemos permitilo.

Galicia é parte deste mundo que nos convida a volvelo explorar ao tempo que nos impón as súas dores. Non é unha illa exenta no medio dun mar de versos e flores. Nunca o foi. Sempre foi o noso lugar de combate, desde os precursores ata hoxe mesmo. Un fío vermello que non deron cortado nunca. E sobre as súas liñas, o proxecto republicano que unha e outra vez se reanima e se recompón, recobrando o que nos legan, creando de novo o que o tempo esixe. Somos nación que non nega nin permite ser negada. Vímonos construíndo desde hai séculos sen pausa. Sobre a pel das nosas clases populares, desde os irmandiños ata o proletariado contemporáneo, todas as multitudes que abren gabias de ruptura creativa e levantan, coma Sísifo ou a Penélope que tece e destece, unha e outra vez a Constitución da República que proxectamos.

Cremos que a Historia é un continuo tránsito en espiral que moven coa súa forza as clases traballadoras, que impoñen, ás veces de forma veloz, outras demoradamente, as súas pulsións creativas e liberadoras, que buscan o coñecemento, que confían na ciencia e non nas supersticións nin nas fantasías reaccionarias, que encontran nas artes e nesas concepcións comúns aceptadas e en constante recreación que chamamos Cultura un espazo de liberación e de proxección da nación que queremos e do mundo que buscamos.

Por todas estas razóns e moitas outras, hoxe cremos necesario intervir en todo aquilo que entendemos comunmente como cultura e queremos comprometernos a construír:

  • Un artefacto para as batallas culturais que cumpra disputar, que sitúe nas clases populares organizadas o protagonismo da creación e da recepción cultural e artística e se articule nas formas de expresión dos principios da República que defendemos: Galega, Laica e Popular.
  • Un artefacto aberto e non sometido a ningún interese alleo, só á vontade dos sectores populares organizados ao seu redor, ás traballadoras e traballadores da cultura e das diferentes expresións artísticas e tamén a aqueles homes e mulleres que estean dispostas e decididas a exercer o seu dereito de acceso gratuíto e libre á creación cultural e artística.
  • Un artefacto cultural republicano e laico, popular e democrático, que non se impoña límites, porque nada do que nos afecta ás traballadoras e traballadores, ás clases subalternas de Galicia e do mundo nos é alleo.
  • Un artefacto que asume que o galego é a lingua de Galicia, incluídos os territorios estremeiros de Asturias, do Bierzo, das Portelas e do Val do Ellas, e que as súas usuarias e usuarios temos dereito a vivir a totalidade das nosas vidas na nosa lingua. Os nosos dereitos lingüísticos son irrenunciables.
  • Un artefacto, en fin, galego, plural, que aborrece o sectarismo e defende os valores republicanos: Liberdade, Igualdade, Fraternidade. Un artefacto feminista e antipatriarcal, proletario e ecoloxista, solidario e internacionalista. Anticapitalista. Socialista, ao cabo, porque o socialismo é a forma máis xusta que imaxinamos de organizarnos e de compartir o que somos e o que proxectamos e desexamos ser.

Galicia, Maio de 2025

Iris Abril, Álex Alonso, Inma Alonso, Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Antsotegi, Jorge Baamonde, Anxo Baranga, Suso Basterrechea, Antón Blanco, María Jesús Blanco Montecelos, Carlos Botana, Alexandra Cabana Outeiro, Mónica Camaño, Marita Carmona, Sara Castro, Antela Cid, Suso Conde, Quique Costas, Xoán Carlos de Dios, Josechu de Dios, Antón Dobao, Naír García, Xochitl Edúa Elías Ilosvay, Sete Eiroa, Arturo Estévez, Pilar Faxil, Antom Fente Parada, Miguel Anxo Fernán-Vello, Millán Fernández, Javier Fernández Lozano “Ferre”, Francisco Fernández Rei, Manolo Figueiras, Carlos Franco, Denis Gómez, Karlotti, Xosé Antón Laxe Martiñán, Rosa López, Anselmo López Carreira, Xurxo Martínez, Raquel Martiz Casal, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xabier Moreda, Inés Mosquera, Alba Mourillós, Nieves Neira Roca, Brais Neira, Pancho Niño, Elena Núñez, Alexandra Pacheco, Xulio Pardo de Neyra, Zé Paredes, Silvia Penas, Xosé Manuel Pereiro, Ángela Pérez, Zaira Pérez, Ledicia Piñeiro, Josito Porto, Marina Quintillán, Laura Quintillán, Ignacio Ramonet, Abe Rábade, Baldo Ramos, Manuel Rivas, Miriam Rodríguez, Xoán Carlos Rodríguez, Guiomar Romero Viturro, Lucía Sánchez, Xosé Manuel Seixas, Carme Seixas Ares, Xaquín Silva, Rafa Sisto, Fernando de la Torre, Bárbaro Tomé, Branca Trigo, Roi Vidal, Raquel Vidal, Xosé Vilamoure, Xan Daniel, Isaac Xubín, Pilar Zato Montenegro, Iolanda Zúñiga.