Da necesidade de novas ferramentas para a loita económica

Unha panorámica e proposta dende o comunismo independentista

Moncho Lareu Riveiro

Introdución histórica

Nos anos 70, nos estertores do réxime franquista e no medio da transición cara a IIª Restauración borbónica, para alén das históricas e mermadas CNT e UXT, emerxen da man do PCE as Comisións Obreiras. Porén, o nacionalismo revolucionario galego, asume como unha tarefa fundamental na construción dun movemento nacional-popular de noso a creación dunha ferramenta sindical agraria (as Comisións Labregas, logo SLG) e dunha ferramenta sindical obreira. Así, o Sindicato Obreiro Galego (SOG) fúndase en 1975 promovido pola Fronte Obreira da UPG histórica (1964-1976). O SOG ten como horizonte o Sindicato Único Galego e fai parte da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG). Esta central inicia a publicación do voceiro Eixo cando comeza a coller forma a idea da creación dunha Intersindical que unifique todos os sindicatos de ámbito galego. Esa Intersindical Nacional Galega (ING) nace en 1977 coa fusión da SOG cos sindicatos nacionais de ramo Sindicato de Traballadores Galegos do Mar (STGM), Sindicato dos Traballadores Galegos da Administración Pública (STGAP), Unión dos Traballadores do Ensino de Galiza (UTEG), Unión dos Traballadores da Sanidade de Galiza (UTSG) e Unión dos Traballadores da Banca de Galiza (UTBG). A nova ING continúa a publicación, agora xa estábel, do voceiro Eixo.

Paralelamente, e por un lado, a Confederación de Traballadores Galegos (CTG) xurde en 1979 formado por cadros galegos do Partido do Traballo procendentes da Confederación Nacional Galega da estatal Confederación de Sindicatos Unitarios de Trabajadores (CSUT). Por outro lado, a Confederación Sindical Galega (CSG) fórmase 1980 a partir dunha escisión na USO de Galiza. A CSG contaba cunha composición heteroxénea, con cadros sindicais membros do nacionalismo federalista (Unidade Galega, logo PSG-EG), e outros, militantes do socialismo independentista (PGP, logo Galicia Ceibe). No entanto, o Partido Galego do Proletariado promovera anteriormente o Movimento Asambleario de Traballadores (MAT) como alternativa aos proxectos sindicais do oficialismo nacionalista e cunha incidencia limitada á conflitiva Ascón e a outros centros de traballo de Vigo.

Na segunda metade dos 80 o sindicalismo galego desenvólvese dividido. A Intersindical Nacional dos Traballadores Galegos (INTG) créase entre 1980 e 1981 coa fusión da ING e a CTG, e en 1982 prodúcese a integración da Confederación Sindical Galega (CSG). En 1984, nace no seu interior Converxencia Sindical Nacionalista (CSN), unha corrente interna formada por afiliados procedentes da CTG e da CSG. A INTG continúa coa publicación da segunda xeira de Eixo. Por outra parte, a Confederación Xeral dos Traballadores Galegos – Intersindical (CXTG-IN) nace en 1985 como escisión da INTG a partir da CSN. É, en definitiva, un sindicato herdeiro da CTG e da CSG. Coa consigna sindicalismo galego sen ataduras consigue o sorpasso á INTG nas eleccións sindicais e edita o voceiro Adiante, encol do cal se forma o activo Clube Cultural Adiante.

Entrada xa a década dos 90 aumentan as voces favorábeis á fusión entre INTG e CXTG-IN para recuperar a unidade perdida. Por pormos un exemplo, cadros de ambos sindicatos vinculados ao PCLN/FPG crean en 1990 o efémero Sindicato de Traballadores Galegos (STG) coa finalidade principal de favorecer a converxencia entre ambas centrais. Dado o paso, adenominada Converxencia Intersindical Galega (CIG) é produto da unidade de acción entre a INTG e a CXTG-IN. Tal unidade de acción, comeza en 1990 e culmina en 1994 co Congreso Constituínte da Confederación Intersindical Galega (CIG). Durante esta etapa anterior a 1994, as dúas centrais continúan a funcionar de modo independente pero coordinado, asinando toda a súa propaganda como INTG-CIG e CXTG-CIG, respectivamente. A Confederación Intersindical Galega (CIG) nace en 1994 coa fusión definitiva da INTG-CIG e da CXTG-CIG. Coa CIG recupérase –até 1999– a unidade total do sindicalismo nacional e de clase perdida en 1985. Esta central admite a formación de correntes internas organizadas, das cales a hexemónica é a vinculada á UPG-BNG, seguida pola Corrente Sindical de Esquerdas (CSE), próxima ao comunismo independentista representado no momento pola extinta FPG. Para alén da CSE, existiron outras correntes vinculadas á esquerda independentista externa ao mundo-Bloque, como por exemplo a Corrente Sindical Anticapitalista (CSA), de menor importancia e lonxevidade que a CSE, ou a Corrente Sindical Causa Obreira, fusión da Colectivo 10 de marzo e da Corrente Sindical pola Base. Así, a CIG foise convertendo co paso do tempo nun sindicato representativo capaz de lle disputar a hexemonía a CCOO e UXT e nunha ferramenta esencial para a clase obreira galega.

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT), fúndase en 1999 a partir dunha escisión na CIG. Os seus membros proceden de parte da Corrente Sindical de Esquerdas (CSE) de Compostela, Ribeira, O Morrazo e A Coruña. Publica o xornal Información Obreira e posteriormente a revista O Xornal. Acaba por integrar sindicatos sectoriais como Alternativas na Xustiza ou Unión Sindical de Docentes de Galicia (USDG), logo CUT-Ensino. Porén, a ausencia de cohesión entre as unións comarcais provoca algunhas escisións ou baixas de distinta importancia Así, por exemplo, a Central Obreira Galega (COG) é aescisión dun sector maioritario na Unión Comarcal coruñesa da CUT en 2009 e que se acaba por integrar na CIG en 2015.

O momento actual

O panorama do sindicalismo galego en 2022 é o que sigue: está representado pola CUT e, sobre todo e principalmente, pola CIG, que recentemente se converteu no primeiro sindicato de Galiza ao superar a CCOO e UXT tanto en número de afiliación coma en número de delegados e delegadas nas eleccións sindicais. Tamén existen pequenas centrais sectoriais como, por exemplo, o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) ou o Sindicato Ferroviario (SF), ambos confederados á estatal Confederación Intersindical. Aparentemente, podemos dicir que goza de boa saúde, pero continúa inexplicabelmente dividido e cun nivel de afiliación mellorábel.

Porén, a CIG, malia conseguir a hexemonía sindical arrastra algunhas eivas dende hai anos: o exceso de burocratización, o reparto de liberacións por cotas entre correntes, a limitada participación democrática das bases e a dependencia partidista con respecto ás necesidades electorais do BNG. Pola súa parte, a CUT, que trazou con éxito a liña a seguir por un sindicalismo de clase e realmente combativo, non é quen de saír de posicións meramente testemuñais e minoritarias nin de frear a deriva anarquizante provocada dende hai anos pola existencia no seu interior dun societarismo líquido e posmoderno nucleado en Compostela.

Ora ben, o  fordismo rematou e a composición de clases de Galiza é moi diferente da de hai corenta anos, cando se formou o sindicalismo galego de clase. Agora somos un País encamiñado cara o sector terciario, destinado a vivir cada vez máis do turismo e de sectores afíns. Cada vez menos xente traballa nunha fábrica ou nun centro de traballo no que indentificarse cuns compañeiros, cun colectivo. Cada vez máis traballadores e traballadoras se adican á hostalaría, ao telemárketing, a ser falsos-autónomos… sectores aos que os sindicatos actuais non poden chegar porque foron pensados para outras realidades e outros escenarios que xa son case historia.

Así, a desafección e perda de confianza da clase traballadora cara o sindicalismo como ferramenta e como concepto é cada vez maior e está xustificada tanto polas permanentes traizóns das corporacións sindicais máis coñecidas e representativas, coma pola súa excesiva burocratización e dependencia de subvencións. Pero tamén ese desfase e desactualización das centrais actuais e a percepción de que non son estruturas útiles para o novo proletariado, actúan como causas desa falta de confianza e interese dos sectores máis precarios da clase traballadora cara esas, noutrora, ferramentas esenciais para a loita económica.

E é que estamos a vivir o fenómeno da individualización do traballo, acompañado dunha aparente creatividade e dunha falsa ilusión de autonomía. Estas son posíbeis na medida en que se producen nun ámbito individual e son sometidas á lóxica perversa da competencia. Estas modalidades laborais están relacionadas coa autoexplotación, xa que nesta fase do capitalismo, o Capital coloniza a totalidade do noso tempo, elimina a tradicional división do tempo entre produción e reprodución, e en definitiva, todo isto, e outras mudanzas, converten a toda a sociedade e a totalidade do tempo das nosas vidas nunha factoría de produción continua.

Resumindo, vivimos a pé cambiado, cun inimigo que impón á súa hexemonía cultural tamén no laboral, cunhas ferramentas oxidadas e desfasadas, sen programa común de clase para dar a batalla e agradecidos por termos traballos que se achegan á escravitude. Somos vítimas da fragmentación do proletariado imposta pola contraofensiva de Reagan/Thatcher e levamos dende aquelas sen reaccionar. As centrais sindicais semellan estar cómodas simplemente sobrevivindo e son alleas á súa cada vez menor importancia e capacidade de transformación. Parecen meras xestorías que, de cando en vez, saen a desfilar coas súas cores nostálxicas, simbólicas e corporativas.

A proposta doravante

Fíxose evidente nos últimos anos a perda de incidencia no mundo sindical galego dun comunismo independentista que noutrora fora quen de marcar liña e de, incluso, disputar a hexemonía do mesmo á oficialidade reformista e autonomista. É por iso que uns dos alicerces principais do Partido Comunista pola República Galega é a recuperación desa influencia, dese traballo, desa iniciativa dos comunistas galegos no seo do sindicalismo nacional. As nosas propostas son realistas e nacen da confluencia no novo partido, tanto de cadros veteranos coma da mocidade que está a sufrir as agresións da nova realidade laboral. Non é a nosa intención pontificar e non imos pecar. logo, nin de adanistas, nin de idealistas. É esta unha proposta para pensar e traballar:

1) Camiñar cara a unidade orgánica total do sindicalismo galego. Sempre vai ser máis complicado actuar e marcar unha liña sindical comunista, revolucionaria e verdadeiramente obreira se o movemento sindical de noso está dividido en diversas siglas con diferentes estruturas e variadas direccións. Unha ferramenta para a loita económica eficiente ten que estar unificada, ter democracia interna, actuar de forma coordinada e bater coma un só puño.

2) Unificar dentro de cada central, e até acadar a central única, a todas as correntes e colectivos, efectivos, destacamentos… sindicais críticos coas posicións pactistas, burocratizantes, interclasistas e que condenan ás mesmas a ser correas de transmisión de organizacións políticas, propostas electorais e poderes ocultos alleos. É tarefa do Partido traballar para facilitar ese escenario de unificación e crear unha corrente alternativa única.

3) A saída á rúa do sindicalismo día a día e non só nas datas rituais e nas efemérides. Deixar os desfiles de delegados e liberados e estar a pé de rúa, nos barrios e nas parroquias, en contacto directo coas novas realidades dunha clase traballadora que xa non está metida nunha fábrica ou nun polígono industrial. Crear así comunidade obreira, reconquistar espazos e recuperar paso a paso a tan denostada e desaparecida conciencia de clase.

4) O acordo dos sindicatos obreiros cos sindicatos agrarios para a creación de economatos populares e de bancos de alimentos para toda a xente que o necesita e que, polo tanto, lle disputen a iniciativa ás organizacións vincualdas á igrexa ou a colectivos e partidos racistas de ultradereita que decote organizan estruturas similares dirixidas só ao que eles entenden coma clase obreira nacional, excluíndo das mesmas á clase traballadora migrante.

5) Traballo continuo do sindicalismo galego cos movementos sociais: cos que loitan contra o desmantelamento das redes de seguridade proporcionadas polos servizos públicos, coma os subsidios aos desempregados e as pensións de todo tipo; cos que loitan contra a explotación neocolonial dos recursos naturais do noso País; e cos que loitan contra a obtención de plusvalía pola vía rendista por parte do capital inmobiliario, entre outros.

6) Someter as secretarías e organismos similares ás asembleas de traballadores, propiciando así a participación de amplas capas da clase obreira, precisamente as máis precarizadas e excluídas, que actualmente se ven apartadas do accionar diario dunhas centrais que foron ideadas para sectores produtivos que van esmorenzo pouco a pouco nun País condenado á desindustrialización, a terciarización e á diversificación laboral.

7) Formación obreira e reflexión interna; creación de seminarios e grupos de debate nos que se traballen as novas estratexias para a loita económica, a resposta á hexemonía cultural e comunicativa dunha burguesía que leva décadas impóndonos o seu discurso no eido laboral e a adecuación táctica ás novas realidades existentes no mundo do traballo asalariado (e non asalariado) e ás que virán (e que xa estamos a albiscar).

8) Unha espita fundamental para a loita económica é a de recuperarmos tamén a hexemonía na fronte estudantil. As experiencias, entre outras, das Asembleas de Base, da ANEGA e da Candidatura Unitaria Estudantil (CUE), cos seus erros e acertos, deben guiar o accionar do estudantado galego obreiro e popular na recuperación da potencialidade perdida na defensa activa dos seus dereitos colectivos.

En definitiva, traballar por crear as ferramentas para a loita económica engraxadas e axeitadas ao que temos e ao que nos vén por diante, ferramentas para a loita económica do século XXI, unha era na que imos ter que recuperar a iniciativa para nos defender das agresións do inimigo e construír coma ferreiros e ferreiras unha Galiza ceibe nun Mundo comunista, sen clases e sen explotación.

Destacados:

“o nacionalismo revolucionario galego asume como unha tarefa fundamental na construción dun movemento nacional-popular de noso a creación dunha ferramenta sindical agraria […] e dunha ferramenta sindical obreira”.

“o  fordismo rematou e a composición de clases de Galiza é moi diferente da de hai corenta anos, cando se formou o sindicalismo galego de clase”.

“As nosas propostas son realistas e nacen da confluencia no novo partido, tanto de cadros veteranos coma da mocidade que está a sufrir as agresións da nova realidade laboral”.