O Goberno, a Patronal e as centrais sindicais UGT e CCOO escenificaron onte o vergoñento acordo polo cal serán modificados certos aspectos da lexilación laboral do Estado. Ante esta situación, as traballadoras e traballadores galegos debemos ter en conta:
1. A reforma conta co acordo explícito da gran patronal industrial, da representación sindical desligada da maioría da clase obreira e das forzas políticas autodenominadas progresistas, e mesmo rupturistas, do goberno (PSOE, Podemos e PCE).
2. A proposta anunciada consiste nun marco de relacións laborais máis desfavorable contra a clase obreira que o aprobado polo goberno de Zapatero en 2010, a cal suscitou a convocatoria dunha Folga Xeral.
3. O acordo non supón ningún avance no relativo á organización do traballo reprodutivo, deixando de lado unha vez máis unha cuestión central na loita pola emancipación da muller.
4. Este acordo responde a unha vontade por parte da UE, do Goberno do Estado e da Patronal por manter a paz social nun momento de intensificación da explotación dada a crise económica xerada pola COVID-19. Pese a sinatura do mesmo, o Capital non vai desistir na súa ofensiva económica, ideolóxica e política. O acordo non implica ningún tipo de compromiso histórico entre clases.
5. Tras a fin do pasado ciclo de loitas, extremadamente orientado ao asalto electoral, o movemento obreiro presenta unha situación de debilidade organizativa que compromete incluso a implementación do acordado en gran parte dos sectores económicos, nomeadamente no sector servizos.
Ante esta situación, as e os comunistas galegos debemos:
1. Organizar a contra ofensiva que permita a instauración en Galicia dun marco de relacións laborais que respecte os dereitos fundamentais dos traballadores. Esta batalla debe darse nos planos económico, ideolóxico e político.
2. Contribuír, con humildade e honestidade, ao fortalecemento dun movemento sindical democrático, socio-político, non pactista e ao servizo do conxunto da clase traballadora galega.
3. (Re)agrupar aos elementos máis conscientes e combativos da nosa clase conquistando posicións dentro do movemento obreiro. Precisamos organización, disciplina e orientación para dar a batalla e vencer.
Malia a súa propaganda, a paz da que se fala estes días non pode ter cabida na sociedade capitalista, pois a paz entre clases non existe. Mercando a consigna da paz social só conseguimos que os empresarios, os capitalistas gañen terreno frente a nós. Desta forma só conseguimos que uns poucos exerzan o seu despotismo para seguir roubándonos a dignidade.
Porque a paz non existe, só existe un fin: o fin das clases.