Moncho Lareu Riveiro estudou Filoloxía Galega na Universidade de Santiago e é profesor de Lingua Galega e Literatura en secundaria. Militou en Estudantes Independentistas na universidade e foi fundador da organización xuvenil Adiante. Foi candidato á alcaldía de Vigo pola Frente Popular Galega en 2007 e 2011. Participou na fundación de Anova en 2012 e na do Partido Comunista pola República Galega en 2021.
EBdE–Por que o independentismo callou dentro do pobo galego? Os galegos participaron activamente nos levantamentos do 2 de maio, o trienio liberal, o federalismo de Pi i Margall…
ML–O federalismo foi moi importante en Galiza no século XIX e na primeira metade do XX. Aureliano Pereira redacta cos delegados galegos do Partido Republicano Federal un Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego e os federalistas galegos consiguen melloras para o noso País no marco da Iª República española. Os nacionalistas galegos da IIª República, con Castelao á cabeza, adoptan inicialmente o federalismo e apostan por unha Galiza federada con Portugal, España, Euskadi e Catalunya dentro dunha Confederación Ibérica. Nas mesmas claves se moven os militantes galegos do PCE con Benigno Álvarez á cabeza e a Unión Socialista Galega de Xohán Xesús González.
Todo isto cae derrotado polo golpe, guerra e xenocido posterior. Xa no exilio, un Castelao decepcionado cos republicanos españois comeza a apostar claramanente pola independencia. Anos máis tarde, cando aparecen o Partido Socialista Galego e a Unión do Pobo Galego, esta última comeza a combinar dunha forma clara a loita de clases coa loita de liberación nacional. Xa nos anos 70 e 80 prodúcense dúas rupturas no seo da UPG entre os militantes que apostan claramente pola independencia nacional e os timoratos. Dos primeiros nacen o Partido Galego do Proletariado e o Partido Comunista de Liberación Nacional, antecesores do actual comunismo galego de praxe independentista.
EBdE–Por que Mao Zedong é unha referencia no comunismo galego?
ML–Castelao, que non era comunista, pero admiraba á Unión Soviética porque era republicano e antifascista, botara man das teorías de Stalin para demostrar que Galiza é unha nación, pero cando nos anos 60 do século XX a nova xeración de comunistas da Galiza Interior, apoiada por veteranos como Luís Soto ou Celso Emilio Ferreiro, forma a Unión do Pobo Galego, esta bebe dos procesos de liberación nacional do terceiro mundo e dos procesos de descolonización. Tanto Mao na China coma Ho en Viet Nam, Fidel en Cuba ou Nasser, Ben Bella, Lumumba ou Sankara en África, pasan a ser referentes da primeira xeración de nacionalistas galegos de esquerda que combinan sen complexos marxismo e independentismo. Mao, ademais, dota a ese novo movemento emancipador dunhas aportacións teóricas moi avanzadas e bastante acaídas á realidade económica e social da Galiza da época, unha nación periferia da periferia.
EBdE–É aplicábel un estado federal para o estado español cando as autonomías só teñen segregado a economía?
ML–Os comunistas galegos defendemos que un estado confederal ou federal só se pode construír pola unión libre de nacións ou pobos anteriormente independendentes que deciden ceder parte da súa soberanía ao común. Non se pode elaborar unha estrutura política deste tipo, federal ou confederal, en base a concesións de competencias do Estado pre-existente ás súas partes, ás súas rexións, por moitas que sexan estas. Iso xa existe coas actuais autonomías e o federalismo en si é outra cousa moi diferente. E como ben dis, as autonomías, ao igual que as deputacións provinciais, tan só serven para que vivan delas os mesmos parasitos de sempre, burguesías nacionais e os que aspiran a selo, como acontece en Galiza cos dirixentes do Bloque Nacionalista Galego, aos que hai que diferenciar das súas bases.
EBdE–Seguen en Galiza activas as loitas sindicais polos convenios xustos?
ML–O sindicalismo en Galiza é moi importante ao longo dos últimos 50 anos. A folga de 1972 en Ferrol e Vigo é un acontecemento sen igual no movemento obreiro europeo e permítenos falar dunha realidade sindical galega completamente singular e independente da española a partir dese momento. A CIG, sendo unha central de ámbito exclusivamente galego, é o terceiro sindicato do Estado en número de militancia e de delegados. A CUT, sendo máis cativa, ten aportado pola súa parte uns graos de coherencia sindical e de combatividade moi altos. É certo que o sindicalismo no ámbito do Estado ten caído nuns niveis de burocratización e dependencia política/partidaria moi altos. Estes fenómenos en Galiza, malia estar presentes, son bastante menores grazas á hexemonía da CIG, que tamén os sufre, e en menor medida da CUT, que é allea a eles e incluso os combate. O nivel de movilización obreira e sindical en Galiza é, xunto con Euskadi, moito maior que no resto dos Estado.
EBdE–A COVID19 ten agudizado as dificultades dos traballadores de Galiza?
ML–Claramente. Esta crise súmase á anterior e, á súa vez, súmase á anterior. A clase traballadora galega non sae dunha e xa entra noutra. Nos anos 80 comezamos coa reconversión industrial do felipismo, nos 90 seguimos co desmantelamento do sectores primario e secundario e coa terciarización da economía da man do fraguismo que apostaba por converter Galiza nunha colonia turística, na década seguinte chega a crise do 2007-2008 e cando aínda non sairamos dela, chega a pandemia e a conseguinte crise posterior. O pobo traballador galego non levanta cabeza, as novas xeracións non teñen perspectivas vitais nin poden ter plans de futuro. Urxe unha resposta. E esta só pode vir da man da organización e da loita.
EBdE–Por que a dereita española en Galiza aposta por non usar a lingua galega?
ML–En Galiza non hai burguesía nacional. Dende hai séculos as oligarquías son foráneas e os postos directivos das administracións e das sucursais das grandes empresas están en mans de xente de fóra de Galiza. Estas élites sempre falaron na lingua do imperio e trataron o galego coma un dialecto. Fixéronlle crer ao pobo galego que o ascenso social estaba en mudar a lingua propia pola deles. Así consiguen que os fillos falen diferente ás nais e pais e aceleran a asimilación cultural de Galiza. A asimilación cultural supón a negación nacional, a desaparición do que somos actualmente e do que queremos ou queiramos ser nun futuro.
EBdE–Por que hai independentistas galegos que reivindican a Enrique Lister? Era español e fundador do PCOE.
ML–Líster foi un comunista pertencente a unha familia de labregos e canteiros de Calo, unha aldea próxima a Compostela. Galegofalante dende cativo, formouse na Academia Frunze e foi oficial de máximo rango do Exército Popular e do Exército Vermello. Cando formou o PCOE, estableceu alianzas coa esquerda independentista galega representada nese momento por Galicia Ceibe (Organización de Liberación Nacional) e participou nas movilizacións do Día da Patria Galega ao carón de Luís Soto, fundador da UPG e do PGP. Destas alianzas xurdiron nas municipais do 1983 as Candidaturas de Unidade Popular. Líster é un referente para o comunismo galego, ao igual que outros comunistas que non eran especificamente indepedendentistas, pola súa coherencia política, a súa entrega militante e pola súa proximidade coas posicións politicas e partidarias máis emancipadoras para o noso País.
EBdE–Quen foron Henriqueta Outeiro e Amada García?
ML–Dúas mulleres galegas comunistas, moi avanzadas para o seu tempo e loitadoras contra a adversidade que levaron o seu compromiso político e social até as últimas consecuencias. Son dous referentes para o noso movemento marxista. Dous nomes coñecidos que encabezan un colectivo de mulleres galegas anónimas que ergueron a resistencia contra o fascismo e contra a ignonimia. Falamos de obreiras, amas de casa, labregas, traballadoras do mar, que ninguén coñece pero que estiveron aí. A guerrilla antifascista galega contou con mulleres, non só collendo as armas, senón tamén en labores de apoio e abastecemento. Sen elas, a resistencia non tería durado tanto. Henriqueta, Amada e Carmen Miguel Agra son referentes coñecidos, pero hai moitas máis. O tempo porá os seus nomes na historia.
https://oscar-elbloquedeleste.blogspot.com/2022/04/entrevista-moncho-lareu-riveiro.html