Abrente e Solpor nuclear no Estado e en Galiza

V. V. Sánchez

Limiar

Unicamente o escándalo do Prestige foi quen de superar a marca de mobilización ambiental batida pola loita antinuclear da España do tardío século vinte. A batalla civil contra as centrais nucleares no Estado Español entendeuse coma a maior vitoria do pensamento ecoloxista nunha España en transición de volta á democracia parlamentaria, á OTAN e á CEE. Dende ADEGA a ETA, dende a UPG ao PSOE, conseguiron eliminar a España da listaxe de potencias nucleares. Repasaremos as diferentes lecturas que recollemos daquelas loitas, a que intereses atenderon, e cales foron as consecuencias.

Comezos da tecnoloxía nuclear no Estado

No ano 51 nace a Junta de Energía Nuclear (JEN) como resultado de reunións secretas da Junta de Investigaciones Atómicas. Catro anos máis tarde asínase o Convenio Español-Norteamericano de Enerxía Nuclear, que coloca a USA como principal colaborador no desenvolvemento da tecnoloxía de fisión na ditadura, fundamentalmente na cesión das patentes de reactores experimentais e en varios préstamos para a súa construción. Lembremos que as orixes da enerxía nuclear son puramente militares, e as únicas bombas detonadas naquel momento, sobre poboación civil, foron en Hiroshima e Nagasaki (1945).

A decisión de construír as primeiras centrais nucleares tómase no Pacto de Olaveaga en 1956, unhas reunións celebradas na cidade homónima no Euskadi (nación que liderará a loita antinuclear dúas decadas máis tarde). Coa asistencia técnica e 350.000$ de General Electric constrúese o primeiro reactor experimental JEN-1. Logo outros catro: ARGOS, ARBI, JEN-2 e CORAL-1. En 1958 acada o estado crítico (EC) o reactor JEN-1.

Tras a aprobación da Ley de Energía Nuclear (1964), entran en funcionamento as primeiras centrais: Zorita, Garoña e Vandellós I. En construcion estaban sete: Almaraz I-II, Lemóniz I-II, Ascó I-II e Cofrentes. Logo había moitos máis proxectos, en total 37.

A influencia de Estados Unidos no campo nuclear español é controversial. Atende á necesidade de importar unha tecnoloxía nova e ás boas relacións coa España franquista. Segundo Costa Morata, os Estados Unidos fracasaran no dominio estatal das nucleares e os avances científicos e prototipos eran lanzados por compañías privadas como General Electric e Westinghouse, que monopolizaban a industria. Estaban interesados en colaborar con países coma España para vender modelos que non podían implementar no seu país porque eran descartados. As centrais de Almonacid e Garoña usaban uranio enriquecido, que naquel momento producía USA e o seguinte importador tecnolóxico foi Francia coa central de Vandellós I, crucial no desenvolvemento do proxecto nuclear secreto.

As catro centrais en construción en 1976 estaban sendo dirixidas por compañías iankis: Bechtel para Lemoiz e Ascó; e Gibbs & Hill para Almaraz e Cofrentes: «USA atopa en España o seu mercado máis seguro en Europa Occidental (…) Os nosos dirixentes consideran -e non unicamente no eido nuclear- que depender de USA, non é dependencia (…) ademais de constituír un principio francamente emotivo, revoluciona o concepto de agarre e neocolonialismo (…) España recoñece a USA o poder de controlar, intervir, vixiar e experimentar en todas as nosas instalacións nucleares. Este é o contido básico do Convenio de Cooperación Nuclear de 1955»[1]

No canto da nacionalización da industria nuclear, o estado máis avanzado era Francia, claramente desvinculada de Estados Unidos. Logo, en 1974 Gran Bretaña decidía prescindir da tecnoloxía ianki e producir o seu propio reactor «SGHWR». Por certo, foron os ingleses os primeiros no mundo en ter unha central nuclear comercial, a de Calder Hall, en 1956, e a primeira central nuclear da historia foi a soviética de Obninsk en 1954.

No caso español a primeira xeración de centrais tivo un 45% de participación nacional, acadado grazas á obra civil xa que o equipamento ocupaba un 25%; na segunda, a participación acadou un 70% sendo o equipamento dotado dun 45-55% e a obra civil un 96% aproximadamente; na terceira acádase un 85% sendo os equipos un 75%.[2]

A industria de extración

A extracción de uranio comeza en Córdoba, Cáceres, Badaxoz, Salamanca e Andúxar. Sendo Estremadura até a clausura das minas o maior produtor de uranio para as centrais españolas. A minaría de uranio español foi desenvolta pola JEN dende 1949 a 1981 e por ENUSA dende 1974, sendo as minas máis importantes as de Saelices o Chico (Salamanca) e a de A Haba (Badaxoz), cuxa produción levou a España a situarse coma segundo produtor de uranio en Europa na década de 1980, soamente detrás de Francia. Tamén se obtivo uranio de O Cabril (Córdoba) dende aproximadamente o final da Guerra Civil ata 1959.

Xa cedo España comezou a suplir parte das necesidades de uranio mediante a importación, por exemplo, a un Níxer independizado de Francia en 1960. O primeiro presidente en democracia foi Hamani Diori, deposto polo golpe de estado de 1974 por Seyni Kountché, que morre, por certo, en París en 1987. Entón o novo goberno, que amosa unha curiosa afinidade cos intereses franceses, permite que ENUSA tome o 10% do capital da Compagnie Minére d’Akouta (COMINAK), que se traduce no 15% da produción anual, unhas 350 toneladas anuais. Deste xeito a participación nacional na minaría de uranio acada o 93,5% en 1990, sendo o restante, até cen, o correspondente a capital constante como transporte ou equipos[3].

No relativo a Europa, a entrada de España na Comunidade Europea da Enerxía Atómica (coñecida como EURATOM) tivo consecuencias a priori positivas para a enerxía nuclear[4]. O organismo tiña programas de financiación da exploración de recursos que tiñan o potencial de impulsar o PNEIU (Plan Nacional de Exploración e Investigación del Uranio), estancado dende 1983 pola falta de orzamentos. EURATOM tamén xogou un papel na colocación dos excedentes de uranio españois -planificados e conseguidos con éxito para cumprir o PEN-75- unha vez comezada a moratoria. Tamén proporcionou acceso ás plantas de enriquecemento de EURODIF en Francia e URENGO en Reino Unido.

As minas españolas foron progresivamente clausuradas até que a firma australiana Berkeley Resources, en 2010, se interesa pola reapertura da mina salmantina pechada en 2001[5]. A empresa conseguiu 120 licencias favorábeis pero o proxecto foi finalmente abandonado por falta de respaldo das administracións. Co novo goberno PSOE-UP, a Lei de Cambio Climático en 2021 prohibe conceder novos permisos de “exploración, de investigación ou concesións de explotación de minerais radioactivos” e anula as autorizacións previas a Qbis Resources, publicadas no DOE[6] en 2019, para a extracción de uranio en diversas aldeas estremeñas[7]. Ademais o CSN[8] informa desfavorabelmente sobre o proxecto de Berkeley de construír unha planta de reprocesado en Retortillo.

Actualmente o Estado importa uranio á Federación Rusa (o 40% aproximadamente)[9], a Canadá, a Níxer, a Kazaxistán, a Namibia ou a Uzbequistán[10]. A guerra proxy a Rusia foi utilizada como recurso por Berkeley Minera España para intentar reactivar as licencias de obra, afirmando que España pode suplir a súa demanda total de uranio para dez anos, e os prezos do uranio ruso (do cal Europa quere comezar a desprenderse) suben[11].

A industria de transformación

O ciclo de vida do uranio consta de dous ciclos: o primeiro dende a mina ao reactor e o segundo como residuo dende o reactor ata a súa valorización ou eliminación[12]. No primeiro ciclo, España participou mediante a fábrica de concentrados de Andújar (Jaén), operativa dende 1959 ata 1981[13]; a fábrica de combustíbel nuclear de Juzbado (Salamanca), activa dende 1985, en mans de ENUSA e que exporta mais da metade da produción a varios países europeos e a USA, ademais de xestionar o combustíbel irradiado procedente das centrais españolas que era anteriormente enviado ao estranxeiro[14], e as plantas de concentración de Elefante (1975) e Quercus (1990), na mina de Saelices e en desmantelamento dende 2001 e 2003, respectivamente. Aragonesas[15] produxo tamén auga pesada na fábrica de Sabiñánigo (Huesca). Ademais houbo investigación, en concreto no proxecto piloto FUESA, que consistía na recuperación de uranio contido no ácido fosfórico producido por Fosfórico Español S. A. en Huelva.

En total, só unha das cinco etapas da transformación de uranio en combustíbel é feita en España, íntegramente en Juzbado, e as dúas primeiras etapas (extracción e primeira fase de concentración) foron levadas a cabo nas plantas mencionadas no pasado. Actualmente co Brexit no Reino Unido a industria nuclear española ve peligrar o suministro de equipos e servizos do programa nuclear británico[16].

A valorización dos residuos nucleares

Os residuos nucleares son un problema intrínseco á enerxía nuclear de fisión e se clasifican segundo a emisión de partículas, en baixa e media actividade (que representan o 95% do volume total de RR[17]) e alta actividade. Dende mediados do século vinte foi común mergullar os residuos radioactivos en zonas profundas dos mares e océanos, ata que posteriormente se proíbe e se estandarizan os cemiterios terrestres. Unha vez pechada a mina de El Cabril, a JEN comezou a usar a mina Beta para soterrar residuos radioactivos, onde ata día de hoxe segue almacenando os residuos de baixa e media actividade das centrais españolas. Rematará a súa capacidade de carga, agás ampliacións non previstas, en 2030.

En 1987 apróbase o Primer Plan General de Residuos Radioactivos, e aos poucos días nace en Córdoba a Coordinadora anti-Cabril. O parlamento andaluz vota en contra do cemiterio nuclear e por Orde do Ministerio de Industria repártense indemnizacións enormes en Hornachuelos, Fuente Obejuna, Navas Concepción e Alanis. Isto desmobiliza as protestas.

O que segue é unha historia de histeria colectiva centrada en derrubar toda construción de cemiterios, centros tecnolóxicos e laboratorios. As mobilizacións populares, promovidas en gran parte por AEDENAT (o colectivo que nos 90 mais concentra as actividades dada a desmobilización do resto de colectivos pola moratoria nuclear) impediron a construcion do laboratorio experimental de Arribes del Duero e o de Nombela en Toledo. No mesmo ano é suspendido o proxecto IPES de residuos nucleares (Instalación Piloto Experimental Subterránea) en Salamanca, tras unha presion social dura, incluíndo un secuestro na Deputación.

O proxecto IPES, tumbado tras dez meses de protestas, era un AXP (Almacén Xeolóxico Profundo), ao que aspira calquer produtor de RR. Os modelos ATC (Almacén Temporal Centralizado) teñen menor custe a curto prazo pero tampouco fuxiron das protestas, en concreto contra unha instalación anexa a Trillo I en 1988 e contra o proxecto toledano de El Berrocal, proposto en 1990 e descartado definitivamente tras cinco anos.

Para colmo, en 1986 comeza unha campaña masiva de desmantelamento de pararraios radioactivos: en 1960 comezan a instalarse (tanto particulares como entidades públicas) tanto en España como por Europa pararraios con cabezais radioactivos (porque pensaban que funcionaban mellor), nun total de 27.000 en todo o territorio do Estado[18]. Numerosas vilas negáronse a construir almacéns para os aparatos: Quart de Poblet, Bocigas, Aldaya, Sayatón, Palma de Mallorca, etc. O maior conflito a este respecto ocorreu nas comarcas valencianas de Domenyo e Els Serrans. ENRESA propón levalos a Vandellós I, que leva aos veciños de L’Ametlla a gañar un xuízo en Bruxelas. A Coordinadora Anti-Cabril tamén logra que se retire a proposta de levalos alí. Finalmente foron enviados a Inglaterra para a súa eliminación.

Unha das poucas boas noticias nas derradeiras décadas, con triste final, deuse en Cuenca, na vila de Villar de Cañas. Despois de décadas, o primeiro almacén de RAA atopa unha posición favorábel nunha vila española[19], que aproba en 2011, e por referéndum, construilo. En novembro deste ano 2022 o Plan de Residuos Radioactivos racha co proxecto e aproba construír, en vez dun único cemiterio definitivo, sete diferentes, un por cada central. Nesta dialéctica retorcida tanto PSOE como o Movimiento Ibérico Antinuclear organizan marchas contra o ATC, sen contar cos veciños da vila[20].

A día de 16 de novembro de 2022, España (os nosos impostos) está pagando 60.000 euros diarios a Francia por almacenar os nosos RAA.

A oposición civil á enerxía nuclear

A oposición ás centrais comezou como un fenómeno converxente entre académicos ecoloxistas e veciños locais e arraianos aos proxectos. Fundamentouse primeiro no medo a unha tecnoloxía experimental, e logo na falta de transparencia do Ministerio de Industria, altamente escurantista, que mercaba propiedades en concellos preferibelmente pouco habitados, nos que comezaban as obras sen coñecemento dos veciños, moitas veces incluso sen autorización[21]. Tamén ocorreu que moitas veces non se respectaban as zonas de seguridade[22]: Almaraz estaba a 1,5km da vila; Ascó a 1,4km e o mínimo de distancia en 1976 era de dous kilómetros.

Nembargantes, as maiores razóns viñeron dun contexto plagado de accidentes e neglixencias. O primeiro suceso relevante foi o acidente de Palomares en 1966: catro bombas termonucleares son soltadas en Almería accidentalmente polo choque entre varias aeronaves estadounidenses nunha maniobra común de reabastecemento de combustíbel. O segundo suceso importante ocorre catro anos mais tarde cando a JEN libera acidentalmente RRL ao río Manzanares[23].

Particularmente no río Ebro dábase unha combinación nociva de asuntos que retroalimentaron unha sensación de abuso e abandono[24]: o trasvase Ebro-Pirineo Occidental e a concentracción de centrais (Garoña, Ascó e Tudela, como proxectos daquelas avanzados, e Sástago, Escatrón e Fuenmayor, rápidamente desestimadas) levaron á poboación a defender as súas paisaxes fronte ao que consideraron un abuso.

Nesta primeira etapa de oposición, as novas que chegaban de accidentes, de enfermidades canceríxenas nas centrais nucleares e de incluso algunha morte de traballadores (como o caso dun traballador de Zorita en 1976) ademais dos primeiros estudos académicos que falaban das consecuencias ambientais, comezaron a artellar o primeiro movemento nacional posfranquista (xunto ca oposición á OTAN).

Os primeiros artigos antinucleares veñen da man de Mario Gaviria, urbanista e ecoloxista, e de Josep María Portell, periodista que investigou a loita de liberación vasca e foi finalmente asasinado por ETA. O aporte serio mais influínte foi a publicación de «Análisis económico de las centrales nucleares» de José Allende, profesor da Universidade de Bilbo.

En xeral o movemento antinuclear caracterizouse por unha heteroxeneidade organizativa e ideolóxica verdadeiramente ampla, sendo liderado, no caso galego, polos partidos nacionalistas e os sindicatos labregos, e no caso vasco por frontes de masas enormes e dirixidas por comités interclasistas.

Este momento de fluxo político, de grande recuperación mobilizatoria, convivía cunha policía todavía reticente a certos modos, actos e estéticas, que clausuraba moitas veces reunións, mesas redondas, conferencias, etc, daquelas todavía con moitos partidos ilegalizados, traballando mediante asociacións culturais, unha práctica común no franquismo[25]. En 1975 é detido o Secretario Xeral de AEORMA[26] como responsábel da realización dunha mesa redonda sobre as centrais; detéctanse fugas na central de Vandellós I[27] e o periodista Antonio Espada é prendido dous días[28], todo no lapso de meses.

A táctica oportunista de moitas organizacións -debida á popularidade do pensamento antinuclear- diversificou o interese partidario destas mobilizacións e levou por exemplo a PSOE, Falange Española de las JONS (Auténtica) e PCE a concentrarse frente a ubicación da proxectada central de San Vicente de la Barquera (Cantabria). Así, a dialéctica deuse en todo o Estado, básicamente entre a UCD e o resto de partidos, case sen discriminación, agás polas reticencias temperás do PCE (dicía Carrillo en 1979 que “un país que renuncia á enerxía nuclear é un país que renuncia ao progreso”). Cómpre sinalar a existencia de métodos de intrusismo plataformista, atendendo a estas dinámicas oportunistas, por parte sobre todo de Greenpeace ou de partidos que, como veremos no caso de Xove, tratan de acaparar o traballo de anos. Tamén ademais algunha vez incluso en contra dos intereses dos propios veciños do concello, coma no mencionado caso de Villar de Cañas (neste caso para un cemiterio nuclear) ou no de Escatrón, a vila aragonesa que en 1977 aprobou co 93,92% dos votos construír a central proposta polo Estado[29]. Cómpre mencionar a este respecto que o único latexo atómico posterior á moratoria de 1984 ocorreu tamén en Aragón, desta vez na construción do «Rubbiatrón»[30], un reactor proposto polo premio nobel Carlo Rubbia. O proxecto foi anunciado LAESA[31], creada ad hoc en 1997 coa misión de conectalo á rede en 2002. En 2001 creba a sociedade e sobra dicir que o plan non continuou.

A relación das ideas antinucleares ca entrada na OTAN

A nivel de plataformas civís, nace en maio de 1977 nace a Coordinadora Estatal Antinuclear (CEAN), formada por 23 colectivos (que chegan a ser 52 en 1984). O Comité Antinuclear mais activo despois do vasco foi o catalán (CAC), que publicou o «Boletín de Información sobre Energía Nuclear» que seguiu activo ata 1987.

Neste canto, cómpre mencionar algo que sitúa a España, xunto con Francia, Alemaña e Italia, nun lugar privilexiado, xa que a inmensa primeira liña antinuclear tamén rexeitaba á OTAN e pediu o voto en contra no famoso -e fraudulento- referendo de 1986. Segundo Luis Lemkov, colocounos nunha contraposición con USA e cos ingleses, que separaban enerxía nuclear da organización militar atlántica. A Plataforma Cívica para la salida de España de la OTAN estaba liderada polo PCE e pola CEOP (Coordinadora Estatal de Organizaciones Pacifistas) “onde conviven ecoloxistas, obxectores, cristianos de base e partidos extraparlamentarios, levan o peso da campaña que protagonizou as maiores mobilizacions de masas da historia do noso país”[32]

A loita antinuclear en Euskal Herria

De lonxe as mais exitosas loitas e as mais masivas en todo o Estado déronse en Euskal herria, onde a loita de liberación nacional, de xeito similar ao caso galego pero con grandes diferencias, decidiu involucrarse e intentar liderar a ofensiva contra o PEN-75[33]. En Euskadi deuse a confluencia de conflitividades socioambientais ca loita de liberación nacional armada. Nunha primeira fase, os problemas ambientais son articulados dende veciños a organizacións de xeito heteroxéneo sen unha dirección política ou estratéxica clara, ainda que sempre de orientación abertzale. Tanto en Galiza como en Euskadi as centrais pasaron a representar a efixie da Ditadura. Nesta etapa de fluxo político, de recuperación democrática, a loita antinuclear era unha loita antiditatorial. Estas posicións están presentes nas protestas contra a central de Deba e Xove (nos inicios), que estiveron centradas en denunciar o dano paisaxístico e medioambiental. É nunha segunda fase cando os partidos nacionalistas se suman e pasan a xogar un papel determinante nas loitas antinucleares, a pesar de continuar a ser un apéndice dunha fronte de masas mais indefinida, como foi o «Comité por una Costa Vasca No Nuclear», que era a plataforma dende a que se anunciaban as mobilizacións, os percorridos e toda a programación. É nesta segunda fase, e particularmente cas protestas contra Lemoiz, cando se produxo un salto cualitativo: o agredido non eran xa unhas vilas concretas, senón todos os vascos.

O 25 de agosto de 1976 50.000 persoas concéntranse en Plencia-Górliz en contra das centrais de Ispáster-Ea, Deva e Lemoiz. En xullo saen ás rúas en Bilbo 200.000 persoas, no que é posibelmente a maior protesta antinuclear do mundo a día de hoxe[34]. Un grupo de manifestantes levanta unha faixa na que se le “Iberduero se lo pasa bomba”[35].

Nas accións participaba a recén formada Koordinadora Abertzale Sozialista, o Partido Nacionalista Vasco, Herri Batasuna, Euskadiko Ezkerra, Euskadiko Mugimendu Komunista, Liga Komunista Iraultzailea e o Partido Socialista de Euskadi (PSOE), con mais debate interno nos comezos porque formaba coalición co PCE-EPK. Os militantes do PNV foron desaparecendo das manifestacións e o partido terminou adoptando en 1981 unha postura favorábel á central, coincidindo cas posturas da UCD e Alianza Popular.

As intervencións de ETA asumiron polémicas ambientais na década dos 70, por exemplo en ameazas por escrito ao propietario dunha granxa en Irún por contaminar o entorno. En xaneiro do 77 comeza a intervir nas protestas en Lemoiz: dúas bombas nos comedores da central, incendios, etc. En total 80 atentados no ano 1977 contra instalacións e oficinas, co saldo total de sete mortos.

A relación do movemento con ETA é complexa. Hai quen di que

«A pesares de que o tema foi motivo de debates e discrepancias internas, dende as organizacións do movemento antinuclear vasco non se articulou ningunha denuncia pública dos atentados de ETA»[36]

pero o certo é que a pesar de que ETA obtivo certa simpatía nos manifestantes, desmostrada con faixas e pintadas, que acadaron tamén Navarra nas protestas contra a central de Tudela (mediante o secuestro do delegado do Ministerio de Industria y Energía), existiron protestas numerosas e mediáticamente densas -convocadas por partidos, non polos comités- polo asasinato do enxeñeiro de Iberduero Jose María Ryan en 1981, e polo asasinato do inmediato sucesor no posto Ángel Pascual. O certo é que estes feitos paralizaron as obras, ata o cese definitivo en 1984.

A loita antinuclear en Galiza

En comparación co que aconteceu nos movementos nacionalistas vasco e catalán, o galego non se interesou particularmente polas ciencias naturais. O mais destacábel foron alguhas publicacións e saídas de campo do Seminario de Estudos Galegos. Non é ata a década dos 60 cando a UPG, fundada en 1964 na clandestinidade, incorpora o factor ambiental na lóxica da crítica política[37], de feito a súa primeira actuación política de relevancia foi na oposición á construción do embalse de Castrelo do Miño.

Unión Fenosa, Hidroeléctrica del Cantábrico e Electra de Viesgo anuncian en 1973 a construción dunha central nuclear no concello de Xove, ao carón da proxectada Alúmina-Aluminio (logo Alcoa), co plan de servir de abastecemento eléctrico á industria, hoxe por certo, alimentada polo parque empresarial de Muras. Entón, a UPG é quen de organizar todo o traballo dende o comezo, ademais da súa fronte Asemblea Nacional-Popular Galega[38], e de Comisiós Labregas[39], a rama sindical da UPG no agro. O traballo levouse a cabo principalmente mediante as asociacións culturais Sementeira, de Viveiro, e Valle Inclán, de Lugo. Cómpre particularmente destacar as figuras de Pencha Santasmarinas, traballadora de Extensión Agraria, picheleira, activa nos círculos “anepegos”, que promovía as reunións percorrendo todas as parroquias; tamén a de Moncho Valcarce, «o crego das Encrobas», eminente defensor dos labregos, comunista, e de Ramón Muñiz, compañeiro de profesión de Pencha e promotor dos Comités de Apoio á Loita Labrega (CALL[40]).

A nivel formativo sucedíanse charlas e reunións continuamente, como as organizadas por Camilo Nogueira, asistidas ata por mil persoas. Tamén tiveron un papel moi importante o traballo axitativo de certos académicos[41] como Pedro Costa Morata -ecoloxista murciano-, Ramón “Moncho” Varela -biólogo e ecoloxista, que publicaría no 81 «A Contaminación das Centrais Nucleares: Xove» con Edicións Xistral-, e mesmo de X. M. Beiras, que publicara en 1972 posibelmente a biblia da teoría do colonialismo interno en Galiza, «O Atraso Económico da Galiza». Dende a lóxica do colonialismo interno entendíase que Galiza non tiña deficiencias enerxéticas que cubrir polo que se veía nos catro reactores únicamente a exportación de electricidade para Madrid. Ademais, xa comezaban a chegar novas das protestas en Alemaña[42] alén doutros acontecementos coma o movemento contra a Fosa Atlántica e incluso algunha película como Silkwood[43] ou o Síndrome de China, que nutriron o ideario colectivo. Carlos Varela Veiga, pola nosa parte, é case o único responsábel do legado cinematográfico das protestas en Xove (ademais de moitas outras)[44].

A oposición organizouse dende 1974, cando ten lugar o primeiro acto sobre a central, unha mesa redonda organizada pola asociación Valle Inclán, que presentan X. M. Beiras -como profesor-, José Manuel Otero Novas -ministro da UCD- e o señor Velasco -enxeñeiro e director da central de Zorita. En xuño do mesmo ano faise outro acto, desta organizado por Sementeira, ao que asiste Jesús López González, alcalde de Xove dende o ano seguinte, X. M. Beiras e Mario Iglesias, enxeñeiro lucense que militaba no Partido Socialista Popular.

En 1976 ten lugar a primeira concentración, de xeito espontáneo, cando unha morea de mocidade sae completamente revolucionada dunha reunión celebrada na sala de festas Verxeles.

En abril do 77, convocada formalmente polas Comisiós Labregas, organízase a primeira marcha de 12km entre Viveiro e Xove. A organización ideou esta forma para eludir ás proibicións de facer concentracións, a pesaren da cal foi proibida polo goberno civil de Lugo e se decidiu facer igual, en fila india, por imperativo dos “grises”, e cunha asistencia inicial dunhas 500 persoas, ás que se lle uniron posteriormente os militantes do Movemento Comunista de Galicia “os mocos”, do Partido Comunista Galego, alén do resto de organizacións, como Comisiones Obreras, Partido dos Traballadores, Partido Comunista de Unificación, Liga Comunista Revolucionaria, Partido Socialista de Galicia (PSOE), Estudantes Revolucionarios Galegos[45] e Asemblea Popular Galega. A convocatoria finalizou na igrexa de Xove, onde houbo liortas debidas ao intento de algunhas organizacións, particularmente o PCG[46], de monopolizar o acto, de “chegar e encher” e abandeirar o traballo feito pola UPG. Feitos corroborados mesmo por Rafael Pillado, Secretario Xeral[47] do PCG e natural de Cervo. Segundo Ramón Muñiz, esta convocatoria congregou a unhas 8000 persoas.

En 1978 faise unha pequena concentración na praia de Esteiro e nace o Comité Antinuclear Galego. Ao ano seguinte repítese a marcha entre Viveiro e Xove, agora autorizada, que remata tamén na praia de Esteiro, por imperativo do pleno de Xove, para evitar que se “deteriore con los actos la vida pacífica y normal de sus habitantes”[48]. Esta convocatoria foi posibelmente superada en número de participantes. Comprensíbel polo contexto do acidente de Three Mile Island en New York. Sucédense tamén algúns actos de solidariedade noutras cidades galegas[49].

Finalmente o abandono do proxecto nos 80 obedece á mesma lóxica da moratoria nuclear e está sometida de igual modo a diversas explicacións, entre elas a existencia dunha suposta faia xeolóxica. O contexto de crise das empresas eléctricas volve a ser o mais relevante.

É posíbel, entón, que a loita antinuclear se configurase como táctica oportunista e en absoluto como estratexia da clase obreira, como aquela fronte de masas favorábel ao novo momento de fluxo político, nos anos inmediatamente posteriores ó final da ditadura, como medio para volver a organizarse. A UPG tamén loitou contra a instalación de Alúmina-Aluminio, e rectificou unha vez estivo funcionando, para pasar a organizar numerosas manifestacións en favor dun tren de laminado, o proceso de transformación do que precisamente carece unha enclave de extracción.

A Fosa Atlántica

Entre 1967 e 1983 a Fosa Atlántica, a 700 km da costa galega, foi o vertedoiro nuclear de Europa. UK xa soterraba dende 1949 en diferentes partes do Atlántico e Francia dende 1959 no Mediterráneo. En 1974 Francisco Bermejo, profesor da USC e fundador de ADEGA fala por vez primeira deste asunto en Galicia, tras coñecer unha reportaxe da revista alemana Stern. En 1979 sae un filme de Greenpeace en colaboración ca tv holandesa mostrando a rotura de bidóns radioactivos mergullados. Dende entón Greenpeace colabora con ADEGA nas misións de sabotaxe nos barcos co Sirius e co Xurelo. Numerosos concellos (O Grove, Fene, A Coruña, etc), partidos (o maioritario o xa constituído BNG), sindicatos e cofrarías apoian as loitas. En 1983 celébrase a VII reunión do Convenio de Londres sobre residuos radioactivos onde se proíbe almacenar RAA no mar (pero si de baixa e media). Sucédense protestas galegas en Madrid e Londres. O 8 de xullo dáse unha xornada de protesta masiva en Galicia con folgas, apagóns, soan as sireas de varios portos… Os sindicatos ingleses tamén están en folga, impedindo a saída programada do Atlantic Fisher, con 4.000T de residuos[50]. Unha nova reunión en Londres en 1983 aproba a moratoria (que xa non se levantará) sobre o soterramiento de residuos na Fosa. Reino Unido desobedece e envía un derradeiro cargamento, baixo o mando de Margaret Tatcher, que falaba incluso de levar buques de Armada nas viaxes para protexer aos seus barcos.

Seguramente a raiz deste acontecemento, Greenpeace[51] establécese de xeito permanente en España en 1984, con Artemio Precioso como presidente[52].

O declive nuclear no Estado

A paralización do proxecto nuclear no Estado atende a múltiples explicacións suxeitas a debate, que son tres:

  • Crise financeira internacional e das empresas eléctricas españolas
  • A entrada na OTAN e a subordinación aos intereses yankis
  • A presión da loita antinuclear violenta e pacífica

O primeiro goberno do PSOE, con Felipe González, despois da morte de Franco e de 6 anos ca UCD, revisa o Plan Enerxético vixente (PEN-78) e redacta o novo PEN-83, que paraliza as obras de cinco dos sete reactores en construción: Lemóniz I-II, Valdecaballeros I-II e Trillo II. O goberno paraliza as inversións na industria nuclear e rompe unilateralmente os contratos cas empresas eléctricas que xa investiran miles de millóns de euros nas centrais. Únicamente os proxectos de Trillo I e Vandellós II sobreviviron aos recortes.

«Alteráronse considerabelmente as decisións dun sector moi intensivo en capital, e polo tanto moi sensíbel a el (…) A crise financeira de FECSA en 1984 é o caso mais significativo (…) A solución veu por un intercambio de activos entre empresas e por un novo reparto do territorio nacional polas eléctricas, mediante un interminábel proceso de fusións e tomas de control empresarial»[53]

Segundo Eguiagaray (ministro de Felipe González) a moratoria foi tanto unha compensación pola paralización dos contratos como un rescate financeiro das compañías eléctricas, endebedadas pola deriva incontrolada da industrialización mal planificada do tardofranquismo. Esta visión é compartida por Ecologistas en Acción (2018) mentres AEPDEN (1978) atribúe a vitoria, neste caso do PEN-78, á loita ecoloxista.

A «Ley de Ordenación del Sistema Eléctrico» (1994) paraliza definitivamente as centrais citadas na moratoria do PEN-83, algunhas rematadas ao 90%, polo que se estableceu unha compensación e entre 1996 e 2015 todos os españois pagaron sobrecargos nas facturas eléctricas para compensar ás empresas (por un total de case seis mil millóns de euros).

O contexto económico internacional é a crise do 73, que, a priori, desincentiva a construción de centrais por un aumento dos intereses dos créditos e falta de capital, nun sector como este que é financeiramente moi intensivo. Agora ben, isto pode explicar unha redución das previsións de participación nuclear no total da demanda enerxética nacional, malia non frenou a construción de centrais.

No canto da mobilización, a moratoria dispersou case toda a organización, malia cómpre resaltar o protagonismo dos comités antinucleares vascos, como EGUZKI (dende 1987), do que se escinde EKI aos dous anos, por discrepancias con Herri Batasuna. Para a CEAN, AEDENAT, ADENEX, Greenpeace e outros douscentos colectivos a moratoria non foi suficiente e intentaron pechar as derradeiras centrais activas mediante unha Iniciativa Legislativa Popular en 1990, á que lle faltaron 40.000 firmas para chegar ao medio millón necesarias. Lembremos que na República Socialista Soviética de Ucrania, en 1986, ocorre a maior catástrofe nuclear da historia, o accidente de Chernobil, que acentúa definitivamente a inclinación antinuclear de varias xeracións de persoas en todo o mundo.

En 1996 Greenpeace, ADENEX e outros colectivos lideran a campaña Cerrar Almaraz. Neses anos Greenpeace adicouse a perseguir a barcos que navegaban con cargas nucleares para ver que facían con elas.

Fixemos un repaso pola historia da crise económica malia existe outra parte da historia, a do programa nuclear español secreto, a chegada do mundo unipolar e a OTAN.

O programa nuclear secreto, iniciado oficialmente en 1963, chamouse «Proyecto Islero» e plantexaba a obtención de 36 cabezas nucleares. O principal aliado técnico da España franquista neste campo foi a Francia de De Gaulle, grazas á cal constrúese a central de Vandellós I, de patente francesa, e a única en toda a historia de España que producía plutonio-239 de uso militar como residuo. De Francia estaba previsto obter os primeiros Submarinos Nucleares de Ataque, de clase Rubis, que se fabricarían en Cartagena, ademais de misiles e bombas proporcionadas pola empresa EXPAL.

En 1966 a JEN é enviada a Palomares para rescatar os restos da bombas caídas e obter información sobre a construción de bombas termonucleares. Guillermo Velarde[54], director técnico da JEN ata 1981 xoga un papel relevante nos achados.

En 1974 confírmase a existencia de dúas cabezas nucleares listas e proponse 1977 como a data para realizar probas nucleares no Sáhara Español, a unha profundidade de 150m. Xusto en 1975 ocorre a Marcha Verde sobre o Sáhara e España abandona o territorio dous meses mais tarde, coincidindo cas presións de Jimmy Carter (USA 1977-1981) sobre os países non firmantes do TNPN. Ademais o primeiro goberno da UCD paraliza a construción do CINSO (Centro de Investigación Nuclear II de Soria), proposto polo goberno provisional de Arias Navarro, que rematou sendo únicamente unha planta de biomasa. Logo, en 1981 o Centro de Investigación Nuclear de Juzbado, no goberno de Calvo Sotelo, é sometido á soberanía da Energy International Agency e un ano mais tarde España entra na OTAN.

O Proyecto Islero foi definitivamente abandonado tra-la reunión en La Moncloa de Ronald Reaggan e Felipe González en 1987, que leva a España a firmar no TNPN, tratado que rexeitaba dende 1968, e polo que a CEAN fixo campaña a favor. Unha vez foi todo cancelado, os explosivos nucleares preparados foron enviados a Chile e Sudáfrica[55].

Bibliografía utilizada

  • Artigo de Ecoloxistas en Acción «El movimiento antinuclear en España 1977-1990» consultado en https://www.ecologistasenaccion.org/16239/el-movimiento-antinuclear-en-espana-1977-1990/ o 14 de novembro de 2022. Publicado en 2018.
  • Boletín Informativo de AEPDEN Encina, xuño 1978, consultado en https://archivo.ecologistasenaccion.org/uploads/r/null/e/7/3/e735d83382630e6e0bd6e3cd9fb51daa0d4e31c69320bf0d83dda32599f118ca/1978-06_AEPDEN_Encina.pdf o 13 de novembro de 2022.
  • «El Ecologismo Español», Joaquín Fernández, 1999.
  • «Nuclearizar España?», Pedro Costa Morata, 1976.
  • «Hacia la Destrucción Ecológica de España», Pedro Costa Morata, 1985.
  • «El Buen Salvaje», Mario Gaviria, 1981.
  • «Evaluación de los Planes Energéticos Nacionales en España (1975-1998)», Miguel Cuerdo Mir, consultado en https://core.ac.uk/download/pdf/39048389.pdf o 17 de novembro de 2022. Publicado orixinalmente na Revista de Historia Industrial nº15, p161-178, 1999.
  • Artigo de El Progreso https://www.elprogreso.es/articulo/noticias/el-dia-en-que-xove-vencio-la-energia-nuclear/20110318130100216407.html
  • «Antinucleares y nacionalistas. Conflictividad socioambiental en el país vasco y la galicia rurales de la transición» publicado na revista Historia Contemporánea nº43 p749-777, 2012, escrito por Raúl López Romo e Daniel Lanero Táboas. Consultado en https://ojs.ehu.eus/index.php/HC/article/view/4743/4531 o 24 de novembro de 2022.
  • Artigo «La energía nuclear ante el mercado único», Juan Emilio Iranzo Martín, 1990. Publicado en Cuadernos de Estrategia nº16, p124-154. Consultado en https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2773038 o 27 de novembro de 2022.
  • Artigo de Wikipedia en https://hmong.es/wiki/Anti-nuclear_movement, consultado o 1 de decembro de 2022.
  • Artigo de M. R. Martin en LibreMercado.com https://www.libremercado.com/2022-09-17/que-fue-del-uranio-en-espana-lo-que-llego-a-sacarse-y-lo-que-hoy-se-podria-extraer-6933132/, consultado o 2 de decembro de 2022.
  • Artigo de Antonio Gómez en https://www.latribunadecuenca.es/Noticia/zd1b58d4b-e9e2-ca65-6974a7cf810f7e5d/201410/Adios-al-fantasma-de-los-pararrayos-radiactivos-, consultado o 3 de decembro de 2022.
  • Foto dos veciños de Villar de Cañas: https://www.villardecanas.es/ATC/atc.htm
  • Artigo de F. G. Balcázar en El Mundo https://www.elmundo.es/cronica/2022/12/14/639227d2e4d4d8a1468b459b.html liberado na páxina web de archive.ph.
  • Artigo en El Progreso: https://www.elprogreso.es/articulo/a-marina/jesus-lopez-recibi-amenazas-muerte-diera-licencia-construir-fabrica/202006171316321444459.html.
  • Artigo en El Salto Diario, do blog de Desconexión Nuclear: https://www.elsaltodiario.com/desconexion-nuclear/enterramientos-radiactivos-en-el-jarama consultado o 21 de decembro de 2022.
  • «Proyecto Islero. Cuando España pude desarrollar armas nucleares», Guillermo Velarde, 2016.
  • Fotos das protestas en Xove cedidas por Xulia Canoura Díaz e Francisco Luís Rodríguez Guerreiro. Doulles ás grazas por aturarnos e amosarnos material inédito.
Recomendacións

El Ecologismo Español, Joaquín Fernández, 1999.

https://www.rtve.es/play/videos/te-acuerdas/los-pararrayos-radiactivos/1331906/

https://www.enusa.es/areas-de-negocio/nuclear/fabricacion/#menu

El Secreto de la Bomba Atómica Española, Francisco Gámez Balcázar, 2022.

ANEXO FOTOGRÁFICO DE FOTOS

  1. Pedro Costa Morata (1976).
  2. Iranzo (1990).
  3. Iranzo (1990).
  4. En 1982 o Parlamento Europeo resolvía que era fundamental o desenvolvemento da enerxía nuclear para aqueles países sen recursos propios de hidrocarburos, dado o menor custe da electricidade xerada pola nuclear (Iranzo, 1990).
  5. Pódese consultar o proxecto de Salamanca en https://www.berkeleyenergia.com/salamanca-project-overview/project-studies-all/
  6. Diario Oficial de Extremadura
  7. https://www.elperiodicoextremadura.com/extremadura/2022/01/02/enterro-mina-uranio-61148778.html
  8. Consejo de Seguridad Nuclear, o sucesor da JEN.
  9. España importa uranio enriquecido dende 1975 da URSS e despois a través de Rosatom (posibelmente o conglomerado industrial nuclear mais grande do mundo), en concreto ca subsidiaria Tenex.
  10. Informe de Foro Nuclear 2021 https://www.foronuclear.org/wp-content/uploads/2021/06/Energia-2021.pdf
  11. https://www.lainformacion.com/empresas/sanciones-rusia-enusa-dependencia-uranio/2862614/
  12. https://www.foronuclear.org/actualidad/a-fondo/etapas-para-la-obtencion-del-combustible-nuclear-a-partir-del-uranio/
  13. As operacións de concentración son soamente rentábeis a partir dun umbral de produción (que en 1990 en España non se acadaba) xa que hai un exceso de oferta destes servizos, ademais de que é unha operación que suma pouco valor engadido ao combustíbel.
  14. Como a inglesa BNFL para as centrais de Zorita e Garoña.
  15. http://wikimapia.org/18315321/es/Eiasa-Aragonesas
  16. https://elperiodicodelaenergia.com/enusa-principal-afectada-de-la-industria-nuclear-espanola-por-el-brexit/
  17. Residuos Radioactivos
  18. Joaquín Fernández (1999).
  19. Tras as fases IFA e AFA, correspondentes ás construcións de AXP (Inventario Nacional de Formaciones Favorábeis e Estudio de Áreas Favorábeis de Alta, respectivamente).
  20. https://www.publico.es/sociedad/personas-marchan-cementerio-nuclear-villar.html.
  21. Como comenta Joaquín Fernández (1999), respecto a FECSA e os grupos de Ascó en Tarragona.
  22. Unha central nuclear ten unha zona de exclusion, de vixilancia e de seguridade, a radios crecentes respecto do reactor.
  23. As tarefas de desmonte de ribeiras e de limitacións temporais das actividades agropecuarias coñecéronse como Operación Tajo.
  24. Costa Morata (1985).
  25. Algunhas destas foron creadas ad hoc pola ANPG como Galo en Compostela, Facho, Lumieira ou Francisco Lanza en Ribadeo, e outras foron “anexionadas” despois coma no caso de Sementeira.
  26. En 1970 nace a Asociacion Española para la Ordenación del Territorio y el Medio Ambiente (AEORMA), “en las antípodas de ADENA (…) introduce una línea más combativa y de objetivos más amplios (…) en 1988 (…) su secretario general (…) acusaba a ADENA de tener en su consejo a lo mejor del franquismo”. Unha vez nos Ancares un activista de AEORMA desviou a escopeta de Manuel Fraga para que non matase a un urogallo (Joaquín Fernández, 1999)
  27. En 1989 préndese o reactor de Vandellós I, sendo o accidente nuclear mais grave en España, que levou ao peche definitivo da central. Cómpre mencionar que o accidente ocorre no reactor que producía a materia explosiva do Proyecto Islero, proxecto que como veremos USA cercenou neses precisos anos.
  28. Inspirada nestes sucesos Pilar Miró estrea a pelicula de ficción Hablamos esta noche, en 1982.
  29. https://www.heraldo.es/noticias/aragon/2017/06/07/el-pueblo-que-voto-instalacion-una-central-nuclear-1180192-300.html
  30. https://francis.naukas.com/2010/08/11/el-ascenso-y-la-caida-del-rubbiatron-en-zaragoza-laesa-y-el-acelerador-de-energia-propuesto-por-carlo-rubbia/
  31. Laboratorio del Amplificador de Energía, S.A, contaba ca participación do Instituto Aragonés de Fomento.
  32. Joaquín Fernández (1999). Pódese ler as «Actas del Segundo Encuentro del Movimiento por la Paz del Estado Español», Barcelona, 1985.
  33. Primer Plan Energético Nacional (ou IV Plan de Desarrollo). A vitoria posterior do ecoloxismo conseguirá que o PEN de 1978 faga numerosas concesións na paralización do proxecto nuclear.
  34. A asistencia a manifestacións masivas é difícilmente cuantificábel pero grosso modo a mobilización en Bilbo é equiparábel ás de New York (1979) ou Roma (1986), e en todos os casos consideramos protestas anti-centrais, xa que considerando tamén as protestas anti-armas nucleares, a de Berlín Occidental (1983) tivo medio millón.
  35. Joaquín Fernández (1999).
  36. Raúl López Romo e Daniel Lanero Táboas (2012)
  37. En concreto as loitas ambientais en Galiza foron contra os embalses, contra a expropiación de montes comunais, contra a construcion da Autopista do Atlántico e contra a central de Xove.
  38. Que decide finalmente posicionarse tras coñecer os efectos do gradiente térmico que xeraría o vertido de auga quente no marisqueo da zona.
  39. Que logo se tranformará no Sindicato Labrego Galego, con Lidia Senra como Secretaria Xeral.
  40. Os CALL estaban constituídos por xente relacionada co agro mais sendo case na súa totalidade funcionarios de Extensión Agraria, médicos, cregos, etc. Aos CALL pertenceu tamén África Leiras, activista relevante neste conflito. As CCLL, en cambio, si estaban compostos íntegramente por labregos.
  41. Uns mais meritorios que outros. Un profesor da USC afirmaba que nacerían nenos con Síndrome de Down. «Efectos das radiacións sobre a saúde (A propósito da central nuclear de Regodela-Xove)», TEIMA nº23, maio de 1977, p8, Xose Luis Temes.
  42. Contra unha central nuclear no municipio alemán de Wyhl.
  43. A traballadora Karen Gay Silkwood foi asasinada nun presunto atentado en coche cando estaba inmersa nun proceso de denuncia de irregularidades nos sistemas de seguridade da planta de preparación de combustíbel nuclear na que traballaba. Estaba sindicada na Atomic Workers Union. Basada nestes feitos estreouse en 1983 a película Silkwood.
  44. Existe unha recopilación de 2005 consultábel en https://www.youtube.com/watch?v=Hp4LWWZ5-AY.
  45. De ERGA proceden moitos dos actuais cadros da UPG.
  46. Fundado en París en 1968. O PCE legalizouse o día anterior á marcha.
  47. https://anosaterra.com/rafael-pillado-a-memoria-que-sempre-absolve/
  48. Cita extraída do texto do pleno de Xove, impreso cedido por Francisco Luis Rodríguez Guerreiro e Xulia Canoura Díaz.
  49. En Pontevedra é detido o cantante Suso Bahamonde por un Guardia Civil debido a cánticos antipatrióticos (Joaquín Fernández 1999).
  50. O lider dun destes sindicatos era John Prescott, futuro viceprimeiro ministro de Tony Blair que en 1998 presiona para proibir o afundimento de plataformas petroliferas (que ao parecer era practica común cando deixaban de ser usadas).
  51. Que xa realizara algunhas accións anti-caza-de-baleas posteriormente ao Manifiesto de Daimiel (1978).
  52. Afiliouse ao PCE en 1937, loitou no Exército Republicano e ca vitoria do golpe de estado emigrou á URSS ca súa familia, logo a Yugoslavia e a Checoslovaquia, onde se doctora en macroeconomía.
  53. Cuerdo Mir (1999).
  54. Que en 2016, a dous anos de morrer, publica «Proyecto Islero. Cuando España pudo desarrollar armas nucleares».
  55. Guillermo Velarde (2016).