Clases, estado, reforma e historia. Clase contra clase

Manoel Pérez

  1. Clases sociais, loita de clases e estado

A loita de clases é o marco xeral de contacto entre as clases sociais. As clases sociais antagónicas (proletariado e burguesía) son as construcións conflitivas de solidariedade-competencia universal que se establecen entre: Por un lado, os vendedores de forza de traballo (clase traballadora), e polo outro lado, os compradores de forza de traballo (clase dominante).

A competencia que establecen os obreiros entre si por vender máis barata a súa forza de traballo vertebra unha relación de competencia que portamos como clase (de aí, parte das complicacións históricas no avance da mesma). Agora ben, a reprodución mesma do capital total como unidade, é dicir, a unidade do proceso de produción e consumo sociais precisa da venta da forza de traballo polo seu valor. O capital non pode mercar forza de traballo por debaixo do seu valor de forma sostida no tempo, falaríamos dunha forza de traballo que morre de fame, de enfermidades, de esgotamento, ou que simplemente rexeita vender a súa forza de traballo e prefire vivir doutras formas ao marxe da relación salarial. Polo tanto, de xeito paradoxal, é o movemento xeral de capital o que posibilita a solidariedade obreira e da necesidade da construción da mesma como clase para poder loitar pola venda da súa forza de traballo polo seu valor.

A burguesía ou os compradores de forza de traballo inxírense nunha dicotomía parecida pero antagónica no capital xeral. Por un lado, establecen unha relación de competencia individual ao querer comprar a forza de traballo o máis barata posíbeis e verse enfrontados por unha forza de traballo limitada. Por outra banda, establecen unha relación de solidariedade universal ao ser compradores da mesma mercadoría, e enfrontala de xeito colectivo para a súa compra e o seu disciplinamento.

Son estas determinacións e non outras, as que vertebran as clases sociais como suxeitos conflitivos en disputa e históricos. A súa relación como clases ao seu interior e entre elas constitúe todas as manifestacións da loita de clases, é dicir, a loita de clases é o gran regulador da compra-venda da forza de traballo polo seu valor. Porén, esta relación é excesivamente conflitiva, dado que sen maior construción social que ambas clases en choque constituiríase unha pugna constante de folgas e lock-outs irresistíbeis para a acumulación de capital.

É este o motivo da necesidade do estado para o capital. A loita de clases precisa dunha forma invertida na que ambas clases aparezan como unha relación de solidariedade universal baixo un abstracto “interese xeral”, e incluso baixo unha formulación individual igual para ambas clases, cidadanía. Noutras palabras, o capital precisa de que a relación de clase antagónica apareza invertida como un antagonismo respecto de como satisfacer mellor o interese xeral ou “nacional”.

De todos xeitos, esta non é unha simple inversión maniquea do capital, o estado non é simplemente unha ferramenta de engano. O estado cumpre unha función fundamental á hora de adecuar a compra-venda da forza de traballo, é dicir, de garantir un salario que permita acumular capital de forma xeral e sostida.

  • O reformismo como posibilidade

A política institucional e a súa ficción democrática está concibida para levarse a cabo sobre individuos desposuídos (individuos que só posúen a súa forza de traballo). Unha (des)sociedade de individuos sen poder está conformada para albergar formas pasivas de política (representación-delegación). Porque ao ser valor-capital o “suxeito” raigaño desta orde social, os individuos só poden chegar a ser suxeitos contra el.

Por iso a opción reformista só prospera dentro duns parámetros determinados, dado que as esixencias de valor do capital van por riba de calquera tipo de consideración moral, ética, estética, relixiosa, moral ou política. O xogo institucional é unha aparencia que axuda a delimitar as fronteiras até as que o sistema está disposta a reformarse para seguir funcionando. O profesor Andrés Piqueras sinala que os logros democráticos no capitalismo só poden lograrse (avanzar de forma sostida) si coinciden tres tipos de factores:

  • Factor subxacente: Dáse cando a masa de ganancia e a súa taxa de beneficio desenvólvese satisfactoriamente para a clase capitalista.
  • Factor accionador: Que a clase capitalista véxase con dificultade de emprazar ou substituír á forza de traballo.
  • Factor precipitante: Concorre cando o traballo organizado adquire unha relevante forza social e política.
    • Exame histórico de tendencias.

Imos facer un breve esbozo de como aparecen a taxa de ganancia, a loita de clases e a disputa política na historia do capitalismo. O capitalismo competitivo caracterizouse por experimentar ao longo do século XVIII e XIX unha loita sanguenta pola compra e a venda da forza de traballo por debaixo do seu valor, toda a extensión que dedica Marx ao estudo da extracción da plusvalía absoluta e o paso da manufactura a gran industria é un excelente percorrido polo que imos denominar “o camiño da construción social do capital”.

Este é o camiño máis duro que debe pasar toda acumulación de capital nacional, e concretamente, debe sufrir a clase traballadora de cada espazo nacional para lograr vender a súa forza de traballo de forma colectiva polo seu valor. Esta fase nunca é unha fase superada e xeneralizábel a todos os obreiros, é dicir, nunca vai haber un momento no que este asegurada a venda de forza de traballo polo seu valor, senón que seguirá sendo unha disputa inacabada, violenta e non xeneralizábel a todos os obreiros, factor co que o capital vai xogar. Pero digamos que se produce unha oscilación próxima para a maioría obreira sobre o que recibe a cambio da súa forza de traballo. A organización obreira nesta fase é oscilante, débil na súa organización pero vigorosa en explosións concentradas de enfrontamento de clase.

Nesta primeira fase xa se vai producindo unha sedimentación lexislativa que procura esa relación universal, pero é na seguinte fase de avance da clase obreira como suxeito colectivo e ao mesmo tempo, a dificultade de proseguir coa acumulación de capital de maneira ampliada o que vertebra a segunda fase: “a consolidación das clases no capital”. É nesta fase que a clase obreira experimenta coas maiores construcións colectivas de solidariedade que experimentou a humanidade: os sindicatos e os partidos comunistas, acadando o poder en certos países e latitudes. Precipitado por dúas condicións: A incapacidade e inestabilidade do capital e a construción agregada da clase obreira. Falamos da primeira metade do século XX.

De feito, a construción europea que se fai pos-segunda guerra mundial vertebrase baixo este magma, o fracaso do capital e da súa expresión máis sanguinaria, o fascismo, e a capacidade de organización da clase obreira.

Porén, dáse unha fase de acumulación de capital ampliada moi vigorosa. A destrución masiva de capital na guerra mundial e a capacidade para ensamblar novas innovacións en grandes centros industriais relanza a plusvalía relativa. Constrúese unha nova realidade coa potencialidade de cumprir os parámetros reformistas antes enunciados sempre baixo a ameaza interna e externa da clase obreira organizada: Altas taxas de ganancia, unha forza de traballo limitada e unha forte organización social da mesma.

Isto fixo que o movemento obreiro se envorcara na opción reformista, pois era a opción real de avance. De feito, a consolidación a nivel lexislativo de dereitos laborais que se consegue en certos países europeos non ten parangón histórico. É dicir, o estado, na procura de salvagardar a acumulación de capital total, vese forzado a inclusión dun pacto moi avanzado, en prol do “interese xeral”.

Pero a taxa de ganancia non atura o ritmo e dobra, os anos setenta e oitenta son o escenario de mudanza na que o capital axusta contas coa clase obreira. É unha crise de reaxuste por abaixo, que asegura unha tendencia contraria a que se viña dando. A burguesía prosegue a súa acumulación con desprazamentos espaciais e temporais moi vigorosos e a clase traballadora retrocede ao verse frustrada historicamente pola derrota do reformismo e a inexistencia da opción “revolucionaria”. Digamos que o gran movemento obreiro e comunista deixa sedimentado no estado a gran potencia da solidariedade da nosa clase, de feito, debido a asunción das demandas obreiras, o movemento queda tan subsumido e encaixado no estado que é incapaz de sobreporse á ofensiva da burguesía.

A derrota dos anos oitenta é tal que asegura a tendencia de despegar o salario do valor da forza de traballo que se establece nos anos oitenta e que chega até os nosos días, véndonos na actualidade cunha dificultade crecente de reproducir a nosa forza de traballo.

Porén o problema na actualidade, xa non é que existan dificultades para reproducir a forza de traballo, senón que existe unha imposibilidade crecente de acumulación de capital nun magma disgregado das clases. A fase actual denominarémola “fase de disgregación do capital-traballo”. Nesta fase a disputa política vai xurdir dunha forma máis abrupta, con códigos de clase e estruturas organizadas herdadas e novas, nas que os choques de clase van volver ser violentos, caóticos, é dicir, vaise volver a disputar o poder.

  • Estratexia revolucionaria. Clase contra clase

A crise capitalista eleva os movementos de clase porque eleva tanto a competencia como a solidariedade nelas. Elevan a competencia entre o proletariado porque ao haber menos demanda de forza de traballo, o proletariado compite de xeito máis descarnado pola pouca demanda que hai, e ao mesmo tempo refórzase o lazo de solidariedade porque o salario que recibe despégase máis do seu nivel de supervivencia. Do mesmo xeito, eleva a competencia entre a burguesía dado que compite de xeito máis descarnado pola pequena cota de mercado e tamén aflúe a solidariedade entre ela ao ter que enfrontar a clase obreira como clase social.

Porén, isto non quere dicir que por elixir métodos máis afastados da legalidade, por declararnos inimigos de todas as institucións, por condenar todas as reformas e por pornos ao marxe de todo consenso esteamos máis certos e máis próximos á revolución. De feito, a clase obreira presta maior atención ás reformas e disputas, pois vese moito máis afectado debido a debilidade da súa reprodución e o que se xoga en cada unha delas.

O movemento obreiro sempre oscilou nesa dicotomía entre reforma ou insurrección. A primeira internacional encarou de fronte as teses insurreccionalistas, tanto anarquistas como branquistas. A terceira internacional foi o resultado do enfrontamento coas teses reformistas, e a súa superación. Pero, tanto Luxemburgo como Lenin, achegan que non se trata de repudiar ningún dos repertorios de loita que manexan ambas correntes. Trátase da combinación mestra de ambas coa mirada fixa na toma do poder político, é dicir, coa mirada fixa na eclosión da solidariedade da nosa clase a escala xeral e do afundimento da solidariedade da burguesía, co conseguinte fin do seu poder político.

Se se mira calquera proceso revolucionario coa marxe dun ano cara atrás verase que todos os procesos revolucionarios son o resultado da erótica combinación da reforma e da insurrección, da representación e da asemblea, da violencia e da paz, da tribuna e da rúa. Cun factor común a todos eles, o partido. O estado maior da nosa clase.

Cultivar o partido, como o espazo consciente da vontade xeral de solidariedade da nosa clase, debe ser a pedra angular da estratexia revolucionaria, concibir a combinación máis audaz entre a reforma e a insurrección como formas de accionar a nosa clase e derrotar a outra é a tarefa de dito partido. Hai que desbotar os partidos estean tan encaixados nas estruturas do capital que só albisque o perfeccionamento das mesmas, nin os partidos totalmente alleos a toda disputa social e política.

A estratexia de clase contra clase é isto, enfrontar a clase obreira contra a burguesía en todo momento coa máxima agudización posíbel, empregar todas as ferramentas da insurrección e da reforma para facelo. Capilarizar e esmagar.