Congreso Constituínte do PCRG

Na fin de semana do 18 e 19, no barrio obreiro dunha bisbarra deste País, foi formalmente constituído o Partido Comunista pola República Galega (PCRG), un destacamento revolucionario e obreiro que traballará incansabelmente por unir nunha soa ferramenta a todas as comunistas galegas, así como por coordinar e darlle dimensión política e revolucionaria aos conflitos sociais do país.

A totalidade dos relatorios e a dirección proposta foron aprobados con 121 votos a favor, ningunha abstención e ningún voto en contra.

O Congreso Constituínte do PCRG encárgalle ao seu primeiro Comité Central as seguintes tarefas:

  • Traballar por unir a todos os comunistas de Galiza nun só Partido, fomentando a organización dos elementos máis avanzados e combativos da nosa clase, así como a coordinación, colaboración e cohesión práctica e teórica entre os destacamentos xa organizados actualmente existentes. Renunciaremos se fose preciso ás nosas siglas pola Unidade orgánica proletaria e revolucionaria.
  • Traballar pola Central Sindical Única Galega e, mentres tanto, implicarse nas centrais sindicais existentes para coordinar aos elementos máis conscientes e combativos, e fomentar un sindicalismo nacional, de clase, non pactista, combativo, asembleario e non sometido a lóxicas alleas ao movemento obreiro.
  • Reconstruír un movemento estudantil popular, democrático , republicano e asembleario, capaz de ter un programa avanzado e ser hexemónico á vez.
  • Reforzar teórica e practicamente o movemento de emancipación da muller, fomentando a formación interna ao respecto, a propaganda específica dirixida ás mulleres traballadoras e a promoción da militancia e da organización entre elas. Fomento de cadros mulleres nas organizacións obreiras e populares, así como no propio Partido.
  • Impulsar e reforzar as relacións internacionais, tanto cos estados socialistas e populares que resisten ao imperialismo, como coas organizacións e movementos obreiros, revolucionarios e insurxentes de todo o mundo. Promocionar, tamén, as organizacións de solidariedade internacionalista do noso país.
  • Solidariedade anti-represiva con todas as persoas encausadas pola súa participación nas loitas obreiras e democráticas e cos presos políticos. Loita pola amnistía e contra os corpos represivos.
  • Fomentar a formación teórica constante da militancia mediante lecturas, charlas e seminarios obrigatorios.
  • Participar en todos os frentes de batalla e de intervención, e con todos os métodos de combate que aconselle a situación da loita de clases en cada momento.

Pola República Socialista Galega!

Pola Revolución Proletaria!