A nosa solidariedade está co pobo de Irán e entendemos que o internacionalismo proletario non pode existir sen unha defensa radical da soberanía dos pobos fronte ao imperialismo.
Unha convocatoria que nace das Asembleas Abertas polo Ensino Público, asembleas xurdidas da espontaneidade popular, que se dan en centos de centros de Galicia, semana tras semana, organizando unha ofensiva na defensa da mellora da calidade do ensino.
Na segunda semana de febreiro o caso Epstein invade as conversas e as redes sociais, pois a avalancha de documentos desclasificados por parte do FBI atraen a atención da opinión pública e moven á indignación e ao noxo polo alcance e gravidade das aberracións descritas nos mesmos. Non obstante, estamos ante un fenómeno de sobreinformación no que as falsedades e a verdade, mesturándose, saturan a capacidade do público para asimilar a información recibida, impedindo chegar aos puntos de verdadeiro interese.
Día de Rosalía
O domingo 1 de febrero , 700 traballadores da empresa GKN percorreron as rúas de Vigo en protesta polo intento de ERE de 72 compañeiros por parte da dirección da empresa.
GKN, no 2023, anuncia o maior contrato da súa historia de compoñentes para o sector do automóbil, asegurando traballo ata 2035. Tras este contrato, Chelo Domínguez (directora de GKN) propuso unha contención salarial (conxelación) por cinco anos que foi aceptada polo Comité de empresa ao completo (CIG, CC. OO., UXT e CUT).
A principios deste ano a dirección de empresa propón despedir ao 10% da plantilla formada por 725 traballadores (no ano 2023, cando se asinou o maior contrato da historia a plantilla era de perto de 900 operarios). Os capitalistas queren, ano tras ano, ter máis ganancias a costa de exprimirnos como limóns. Unha multinacional, propiedade do fondo Melrose Industries, adicada a especulacion, o roubo e a explotación sin límites, enriquecendo a uns poucos á costa do traballo de moitos. Inda así, os espírito de acumulación non ten fondo e, como todo Capital, batalla incesantemente pola redución dos costes de produción, a baixada de salarios, o aumento de horas de traballo. O beneficio do burgués sae, única e exclusivamente, do noso traballo non pago.
Primeiro conxelación salarial, agora un ERE, e mañan non sabemos que nos deparara. Ante este panorama, os operarios de GKN, familiares e amigos, o pasado 1 de febreiro, despois de unha asemblea as portas da fábrica saímos en manifestación, máis de mil persoas, polas rúas da cidade.
Este ERE que afecta a 72 compañeiros non responde a necesidades económicas da empresa, dado que en 2023 recadou récord de beneficios e o pasado 2025 bateron récord de produción. Este ERE, como a conxelación salarial, responde a ofensiva da Patronal no recorte de dereitos da nosa clase.
GKN chegou a ter máis de 1000 empregos, agora ten uns 725,sen embargo, agora traballan un total de 2000 traballadores, mediante contratas e externalización de servizos. Isto é unha proba máis de que o Capital pretende seguir aumentando as ganancias mediante o aumento da extracción da plusvalía absoluta dos traballadores, mediante peores condicións, conxelación de salarios, e unha maior flexibilidade laboral.
En Vigo o faro para todos os capitalistas da automoción é Stelantis, onde gracias ao sindicato amarelo a flexibilidade do traballo é total, os traballadores están absolutamente sometidos aos designios da empresa. Neste caso, GKN, está xustificando este ERE mediante mecanismos de enxeñería financeira, con traspasos cara a outras filiais da Península para xustificar perdidas económicas.
Este tipo de medidas non serían posibles sen a axuda dos sindicatos pactistas e a claudicación de CC. OO. e UXT. A única alternativa ante os atropellos da patronal é a acción sindical. Pero aí está o quid da cuestión, como dixo o delegado da CIG, dunha forma moi acertada, non pode haber acción sindical e union sindical, ou unha cousa ou a outra. Sí hai union sindical non hai acción sindical e con acción sindical non hai union sindical. A pescadilla que se morde a cola!.
En 2024, Inspección de Traballo dictaminou a existencia de cesión ilegal de personal por parte de Alten a BorgWarner, unha multinacional que ten contratado un servizo da empresa con sede en Nigrán. Numerosos traballadores presentaron denuncias para reclamar seus dereitos laborais e, agora, a poucas semanas de que se celebren os primeiros xuízos, as compañías optaron por impoñer medidas de presión, despidos e a ameaza do cese de actividade, do fin do contrato con BorgWarner a partires do 9 de marzo. Os traballadores da sede en Nigrán de Alten, anunciaron un calendario de mobilizacións que comezou cunha concentración diante das instalacións o 23 de febreiro trala que, en asemblea, acordaron o inicio dunha folga indefinida, logo de manterse pechados nas oficinas das instalacións dende o xoves 19. Dos denunciantes, catro traballadores foron despedidos e sete se manteñen baixo a ameaza do remate do proxecto sobre o cal son contratados se non retiran as súas denuncias, o que significaría a renuncia aos seus dereitos como traballadores.
O conflito no transporte de viaxeiros por estrada acadou o seu punto máis álxido. O sector chegou á undécima xornada de folga coa reclamación intacta dun convenio digno. Os traballadores organizados denunciaron a absoluta e desmedida acción policial para tentar afogar o seguimento da folga e, ante o bloqueo patronal, convocou unha manifestación en Compostela. A marcha partiu da estación de autobuses e reclamou o desbloqueo da negociación e poñer fin ás manobras dilatorias da patronal, nun conflito que afecta a milleiros de persoas traballadoras e usuarios do servizo.
O 25 de febreiro aconteceron unha mobilización histórica a prol do ensino público:
Docentes, familias e estudanta-do do sur da provincia de Pontevedra saíron en masa ás rúas para mostrar os avances dun movemento asembleario que está a remover os centros de ensino dos barrios populares de cada vez máis zonas do país.
Cinco manifestacións convocadas á mesma hora en Vigo, Cangas, Mos, O Porriño e Redondela, as cinco exitosas, que sumaron decenas de miles de manifestantes, 8.000 só na marcha de Vigo. Esta foi a primeira mostra visible dun novo quefacer na loita polo ensino público. Unha convocatoria que nace das Asembleas Abertas polo Ensino Público, asembleas xurdidas da espontaneidade popular, que se dan en centos de centros de Galicia, semana tras semana, organizando unha ofensiva na defensa da mellora da calidade do ensino. O movemento engloba ás docentes que están a ver como a perda do seu poder adquisitivo segue unha viraxe sen fín dende a crise do 2008, que observan unha docencia imposible de impartir cos ratios actuais, coas infrasctuturas descoidadas durante décadas, con programas educativos ilóxicos e unha carga burocrática insoportable. Pero o movemento non remata ahí. As traballadoras do ensino entenden que esta cuestión é de fondo, é a contiua pauperización do ensino a prol dunha privatización dos sectores públicos e non se trata dun problema illado da loita polos dereitos laborais do profesorado, senón que se trata dun problema que afecta a toda a comunidade educativa, as clases populares, aos fillos e fillas das que traballan máis ca nunca, pero ven cada vez menos cartos, menos servizos públicos e menos acceso aos bens básicos.
Sara Castro
A autoestrada do Atlántico, a infelizmente coñecida AP-9, é un dos exemplos máis paradigmáticos de como unha das arterias motoras do país non é senón un coágulo monetario de piche e formigón que impide o desenvolvemento pleno da sociedade ó hipotecar a cotiandade da galeguidade que se despraza entre a vertical de Tui e Ferrol para traballar, estudar ou reproducir a súa vida social.
No mes de xaneiro, os medios de comunicación abrían as súas páxinas con titulares que aludían á suba de prezos nas peaxes da AP-9 no 2026: un 4’68% con respecto ó ano anterior, o que supón un incremento de entre 0’40 e 0’60 euros en cada tramo da mencionada vía. Escusada por Audasa, a empresa encargada da xestión e da explotación da mencionada autoestrada, coma un «axuste técnico» ou unha «actualización tarifaria para mellorar a calidade da propia infraestrutura», esta suba é a perpetuación dunha lóxica concesional que antepón a rentabilidade privada á nacionalización dos medios e, por conseguinte, ás necesidades do pobo.
Daquela, para sortear este xurro da socioeconomía burguesa, estudantes e traballadores adoitan escudarse noutras alternativas para garantir a súa mobilidade sen deixar atrás o peto; estamos a falar do recurso ó transporte público e o emprego das estradas nacionais. Porén, estas dúas opcións presentan importantes eivas:
Deste xeito, o escenario que se proxecta no maxín de quen precisa desprazarse non é máis que unha falsa dicotomía: pagar por circular ou asumir un custo indirecto en tempo, seguridade e recursos. En ambos os casos, a carga das deficiencias do sistema recae sobre as familias proletarias, que se ven obrigadas a asumir os custos —moitas veces, xustamente, inasumibles— dun modelo de mobilidade insuficiente que mercantiliza uns servizos que deberían ser públicos.
Neste escenario, o goberno autonómico tan só se limita a manter diálogos de confrontación co goberno estatal na procura de proveitos políticos a curto prazo. Isto evidencia que parte da mala praxe que hai detrás da autoestrada do Atlántico ten que ver cun enfrontamento institucional, un rédito partidista que pon de manifesto as contradicións internas e inherentes á organización do actual sistema político na cúpula capitalista.
En definitiva, cómpre entendermos a suba de prezos nas peaxes da AP-9, a precariedade das súas alternativas e a falta de vontade política como elos dunha cadea de dinámicas que reforzan as relacións de dependencia territorial e de clase ó perpetuar un modelo de ordenación do espazo que prioriza a rendibilidade económica fronte ás necesidades materiais da maioría social e ás características propias do territorio onde se ergue.
O 28 de febreiro, Estados Unidos e Israel deron comezo a un novo conlito bélico bombardeando varias cidades de Irán nun ataque sorpresa nun mes no que inda se mantiñan en curso as negociacións diplomáticas entre o goberno iraní e o estadounidense. Estes ataques resultaron no asasitato de Alí Jameneí, líder supremo iraní, xunto con outros altos cargos da República Islámica e miles de civís iranís.
Lonxe de tratarse dun ataque relámpago, as posiblidades militares do Estado agredido manteñen o pulso e a resposta iraní non tardou en aparecer. Espérase unha guerra de maior duración do que as administracións estadounidenses e israelís están dispostas a afirmar e as consecuencias inmediatas son as de sempre: miles de civís asasinados polas forzas imperialistas. Ademais, este conflito manterá durante moito tempo pechado o Estreito de Ormuz, limitando considerablemente o tráfico de petróleo, algo que na nosa clase, dende o noso humilde país, estamos a pagar aqueles que non temos para pagar a gasolina.
Fronte a guerra, o capital e a ofensiva ianqui-sionista, o Comité Central do Partido Comunista pola República Galega mantén tres teses:
Advertimos que a aparente debilidade na que parece sumirse o proxecto multipolar deixa o campo aberto para dúas tendencias igualmente nocivas no noso territorio: a proliferación dun esquerdismo infantil, idealista e maniqueo alleo aos fundamentos do leninismo e incapaz de artellar un proxecto solvente para a clase obreira e, por outra banda, a expansión de posturas derrotistas que prediquen a claudicación e a entrega perante as forzas da socialdemocracia reformista máis servil e entregada ao proxecto belicista do Pentágono.
A nosa solidariedade está co pobo de Irán e entendemos que o internacionalismo proletario non pode existir sen unha defensa radical da soberanía dos pobos fronte ao imperialismo.
Na segunda semana de febreiro o caso Epstein invade as conversas e as redes sociais, pois a avalancha de documentos desclasificados por parte do FBI atraen a atención da opinión pública e moven á indignación e ao noxo polo alcance e gravidade das aberracións descritas nos mesmos. Non obstante, estamos ante un fenómeno de sobreinformación no que as falsedades e a verdade, mesturándose, saturan a capacidade do público para asimilar a información recibida, impedindo chegar aos puntos de verdadeiro interese.
1. A información é unha arma. Quen a empuña?
É normal preguntarse, ante o aluvión de acusacións gravísimas contra centos de empresarios, políticos, periodistas e persoas da industria do espectáculo, por que a cidadanía non está a reaccionar. A apatía e a pasividade ante un caso tan escandaloso de tráfico de influencias construído sobre a base da violencia sexual, da escravitude infantil e mesmo do asasinato, segundo as acusacións máis extremas, resulta incomprensible e desmotivadora. Pero, lembremos dúas cuestións: en primeiro lugar, a fonte da documentación é o FBI; en segundo lugar, tanto os medios de comunicación tradicionais como as principais redes sociais son propiedade de grandes empresas que comparten intereses con Washington porque son directamente eles os donos deste sistema. Verdadeiramente podemos crer que esta información foi revelada sen ningunha clase de previsión, sen ningún plan de contención elaborado por aqueles responsables de garantir a estabilidade e supervivencia do sistema? Aceptar o feito de que as elites gobernantes dedicadas á xestión dos Estados non son estúpidas, non é conspiranoia, é realismo.
2. A sobreinformación, a mentira masiva e o ultraexcepticismo como anestesia definitiva.
Os documentos desclasificados conteñen datos escalo-friantes de veracidade probada, indicios e acusacións que pese a non ter sido probados foron obxecto de investigación polo FBI e, finalmente, mencións a nomes que non gardan relación con delitos de ningún tipo pese a ser mencionados en correos electrónicos, mensaxes ou chamadas. En paralelo, unha avalancha masiva de acusacións, fotografías falsas, vídeos xerados por IA, documentos falsificados e toda clase de bulos ten invadido as redes sociais. Responde isto á intención concreta de atacar a determinados individuos? Non.
O fluxo constante de desinformación responde ao pro-pósito de alimentar un estado de suspicacia masiva e dúbida permanente. A transformación do sentido crítico na negación rotunda da posibilidade de chegar ao coñecemento veraz é un fenómeno que se ven dando no eido ideolóxico do mundo occidental dende a ruptura académica do gran relato que algúns deron en chamar posmodernidade. O marxismo sabe da impor-tancia da verdade no proceso revolucionario: a axitación e a propaganda son, segundo Lenin, situar ao pobo ante a súa realidade; os bolxeviques, unha vez tomado o poder, farían públicos documentos secretos como o famoso acordo Sykes-Picot no que Gran Bretaña e Francia acordaban o reparto de Oriente Medio, poñen-do en severos problemas ao imperialismo europeo que quedaba entón desenmascarado; o xornal máis famoso da URSS levaba por nome Pravda, que significa “A Verdade”. Resulta evidente que a erosión da verdade constitúe un ataque frontal contra a capacidade do pobo para alzarse e derrocar ás elites que o someten precisamente a todas as aberracións que figuran nos documentos en cuestión.
3. A violencia dos individuos desvía a atención da violencia do sistema, aínda que non o pareza.
Resulta polémico afirmalo, pero o noso deber é facer énfase no políticamente crucial. As tendencias delictivas das elites dominantes, o seu desprecio polas nosas vidas, a súa impasividade ante o sufrimento, non son ningunha novidade. Pode horrorizarnos máis a vileza que sucede no ámbito doméstico que aquela que sucede no eido público materializándose, por exemplo, nunha soa decisión que pode costar a vida de centos de miles de persoas por bombardeos, por fame e por miseria? Nós sabemos o repugnante que é o capitalismo e o repugnantes que son os seus donos. Pode distraernos a evidencia da súa inmundicia persoal do carácter absolutamente perverso das súas decisións criminais contra Venezuela ou Cuba, da promoción do terrorismo en Siria e Oriente medio, do xenocidio patrocinado polo sionismo de Israel, dos tratos con organizacións paramilitares nazis en Ucraína financia-das a través da trata de brancas? Non. Que non nos distraiga nin un ápice a incerteza que se pretende crear a través do caso Epstein, pois nós non precisamos exactitude no relato escabroso dos seus vicios como individuos. Nós temos o retrato absolutamente inmundo desas persoas porque día tras día fan do Mundo un estercoleiro e temos ocasión de velo en directo. O crimen dos opresores é existir. Todo o demáis son consecuencias da súa existencia.
Comezou neste mes, o martes 17 de febreiro, o aninovo chinés e, ao redor do mundo, millóns de cidadás e cidadáns da China celebran en comunidade a chegada do Cabalo de Lume, animal simbólico que, segundo a tradición, patrocina este ano que entra.
Para o resto dos pobos do mundo, a celebración do aninovo chinés actúa como exemplo de compromiso coa súa cultura por parte dun Estado e dun pobo que, dende a plena defensa da súa soberanía, constitúe o maior polo irradiador de progreso no noso tempo.
Para nós, comunistas de Galicia, o aninovo chinés, alén de calquera atractivo exótico, é un momento para admirarnos co sentido comunitario dun pobo capaz de derrotar ao imperialismo e constituirse, con orixinalidade, pragmatismo e consecuencia en defensor dos valores de desenvolvemento material, técnico e científico, de progreso sobre a base da cooperación e da igualdade, de respecto á soberanía dos pobos e, en definitiva, de antiimperialismo.
O PCRG ve en China un faro de esperanza para o proletariado do mundo e comparte co pobo chinés alegrías, soños e intereses. É por isto que, aproveitando esta data para lembrar a importancia internacional da Revolución chinesa (que é un proceso en curso), queremos desexar un ano cheo de éxitos e felicidade aos máis de 3250 cidadáns chineses residentes en Galicia.
O Comité de Redación de Faísca decidiu celebrar este aninovo chinés e a chegada do Cabalo de Lume inaugurando unha nova sección na Internacional, co fin de aproximar a nosa militancia e aos simpatizantes da clase obreira, lectores deste voceiro, ás bonanzas do proxecto do Partido Comunista da China e o seu modelo de economía planificada.
Unha análise dos once títulos de romance xuvenil máis vendidos en España durante 2025 e este comezo de 2026 revela que o 81% das obras conteñen un patrón patriarcal significativo. Ademais, unha consulta realizada este mes de febreiro no catálogo da Rede de Bibliotecas de Galicia confirma a alta presenza e demanda destes títulos en territorio galego, con exemplares maioritariamente prestados nas bibliotecas das principais cidades. Destas once obras, catro presentan casos moi graves de romantización do abuso, codependencia e submisión feminina.
Para a gráfica da esquerda a puntuación asignouse a parti-res de reseñas públicas con-siderando:
(1) romantización do abuso cando as relacións presentan comportamentos de control, coerción sexual ou violencia psicolóxica
(2) codependencia cando a protagonista feminina asume a responsabilidade da saúde emocional do home
(3) submisión feminina cando a muller carece de dig-nidade, autonomía ou vida propia máis alá da relación.
E por que están todos estes datos na sección chinesa? O debate xorde en novembro de 2025, cando a Administración Estatal de Radio e Televisión de China (NRTA) emitiu unha directriz para restrinxir os badao zongcai (霸总), que se traduce como CEO dominante. É dicir, o socialismo chinés analizou os datos que vimos antes sobre a gravidade destas narrativas e detectou como estas defenden, non só os roles de xénero máis clásicos, senón a desigualdade estrutural (da man da glorificación da riqueza) e atallou o problema. As novas occidentais non se fixeron esperar, acusando rapidamente a China de censora e autoritaria, clásica propaganda acrítica mais, cal é a realidade?
O fenómeno badao zongcai, coñecido en países da fala hispana como fenómeno cincuenta sombras, defenden a mesma narrativa: un home rico, poderoso e emocionalmente problemático namórase dunha muller humilde e inxenua. Esta mesma historia repítese en todas as obras que menciona a nosa gráfica (en maior ou menor medida) e normaliza comportamentos tóxicos de sobra coñecidos: poder asimétrico, a muller debe merecer o amor do home poderoso… En China tamén triunfaban este tipo de historias tanto en literatura como, sobre todo, na televisión, foi por isto que xa en setembro de 2025 Han Dong critica publicamente este xénero. En novembro comeza a xestionarse, en decembro adaptan os criterios e por último, este mesmo mes, aplican a campaña chamada Qinglang, lanzada pola Administración do Ciberespecio de China (CAC).
Qinglang (ciberespazo limpo), é unha serie de campañas que comezaron en 2021 a regular internet mediante diferentes normativas contextuais en periodos de especial sensibilidade, como o Festival da Primavera. En febreiro de 2026, a CAC lanzou a campaña por detectar unha produción masiva de contidos de baixa calidade: textos incoherentes, parodias sensacionalistas vulgares e violentas, contidos xerados por IA sen etiquetar, etc. Esta tamén foi a primeira vez que se mencionou explicitamente a loita contra os badao zongcai na mesma lista na que se atopan os ensaios motivacionais masivos ou os contidos de ciencia popular erróneos, pois todos poden inducir a erros aos usuarios na súa comprensión e xuízo (Xian Ligang, director da Alianza Tecnolóxica de Zhongguancun).
Analicemos o caso occidental, Cincuenta sombras de Grey. Esta triloxía foi un fenómeno global, con máis de 125 milóns de exemplares vendidos; trata sobre un mozo multimillonario de 27 anos (o CEO) que seduce a unha inxenua universitaria de 22, pobre, virxe e emocionalmente vulnerable. As semellanzas co badao zongcai chinés son tan obvias que xa en 2015 varios artigos facían a comparativa. A fórmula é global porque o sistema que a produce é global: o capitalismo tardío. A tese de Erin S. Young de 2010 xa estudaba como as novelas románticas que xorden nos anos 90 se centraban na tensión entre traballo e fogar, a ampla maioría defendendo unha utopía individualista: o problema estrutural resólvese maxicamente grazas ao amor dun home rico. Cincuenta Sombras de Grey representa á perfección o discurso neoliberal occidental na que todos os problemas reais se transforman nunha decisión individual e emocional, o problema estrutural pasa a ser unha elección emocional e polo tanto, responsabilidade individual.
China prohibiu as badao zongcai porque entende que a cultura non é neutral. Que unha adolescente pase horas consumindo fantasías onde a súa realización persoal depende de que un home rico, controlador e abusivo a salve, ten consecuencias graves: normaliza a desigualdade, reproduce o patriarcado e ignora a conciencia de clase. En Occidente, estas mesmas historias véndensenos como entretemento inofensivo ou incluso como liberación sexual. Que historias estamos a contar e que poderíamos contar?
A Columna internacional
Artigo de Samuel Pérez
Mentres dende Washington e periódicos afíns, como o ABC, fálase dun proceso de “bloqueo efectivo” ou de “transición controlada” que a administración Trump busca levar a cabo en Cuba, na realidade isleña vívese unha nova forma de “Período Especial”, aquel mesmo eufemismo utilizado coa caída da URSS para asumir a inminencia de tempos difíciles.
Esa é a realidade que vive o país, que dende o secuestro do presidente Nicolás Maduro, sufre o peche do subministro regular do petróleo que, xunto aos envíos mexicanos, rusos e os pozos nacionais, garantía un correcto funcionamento da estrutura enerxética do país.
Este bloqueo á illa aplícase dende dous espazos fundamentais:
Ademais, este bloqueo ten unhas consecuencias perfectamente visibles e cuantificables sobre a illa.
En primeiro lugar, hai que destacar o colapso dun sistema eléctrico actuando baixo mínimos, atopando apagóns en grandes puntos da illa, estímase que esta perdeu o acceso ao 60% dos barriles indispensables para xerar a electricidade necesaria para manter un óptimo funcionamento. A situación conduce á limitación da venda de gasolina ou a redución das rutas de transporte público, ante unha situación límite.
En segundo lugar, o bloqueo económico xa limitaba o acceso a medicamentos e alimentos necesarios para soster unhas pautas de nutrición adecuadas. Esta situación levou a un aumento da mortaldade infantil, nun país que presentaba taxas moi baixas a nivel internacional, mesmo sendo inferiores aos EE.UU, ata o recrudecemento do bloqueo.
Consecuencia directa desta limitación enérxetica é tamén a situación de risco na que se atopan preto de 32.000 embarazadas, postergando o exercicio médico tamén ata a 90.000 cidadáns pendentes de ciruxía e a 61.830 menores dun ano que requiren atencións especiais na súa primeira etapa da vida.
Por outra banda, Cuba levou a organismos internacionais, como a UNESCO, a situación. Deste xeito, María del Carmen Herrera, representante permanente de Cuba, expuxo a día 19 de Febreiro as consecuencias do recrudecemento do bloqueo estadounidense. Amplamen-te coñecida é xa a incompetencia da UNESCO na resolución de asuntos de importancia internacional, pero si é relevante tomar en conta as declaración da representante cubana, en tanto que podemos achegarnos todavía máis ás criminais accións do goberno presidido por Donald Trump. María del Carmen cualificou de brutal o claro acto de agresión a escalada proxectada dende Washington cara a nación cubana, así como reforzou a idea de como esta decisión do goberno estadounidense aspira, a través da ameaza e a coerción contra terceiros países, reforzar as medidas de asfixia económica impostas dende o primeiro mandato de Trump.
Este non é o único espazo internacional no cal a cuestión cubana saiu reflectida, Valentina Matvienko, Presidenta do Consello da Federación, catalogou este bloqueo imposto a Cuba na condición de xenocidio contra o pobo cubano, no marco da reunión co ministro de Relacións exteriores de Cuba, Bruno Rodríguez.
En definitiva, máis aló da consideración lingüística que se poida realizar sobre a situación na illa, é evidente que estamos ante unha agresión dos EE.UU que incide nunha nova reasunción da doutrina Monroe como marca de auga da administración Trump, no seu desexo de proxectar o seu poder ao longo do continente americano.
Sabemos ben quen é Rosalía de Castro. Temos presente a famosa imaxe de medio sorriso e co escuro cabelo crecho ondeando libre na súa fronte; de sobra sabemos os títulos das súas obras máis celebradas… quen non oíu falar de Cantares gallegos ou Follas novas? Pero somos, tamén, plenamente conscientes de que Rosalía non é soamente iso.
Este 23 de febreiro celebramos 189 anos desde o nacemento da nosa poeta nacional, continuadora dun movemento imparable —iniciado por Sarmiento (Anxo Angueira, 2019)— e que aínda segue o seu curso: o rexurdimento da nosa cultura, subxugada, xa de vello —pero non de sempre—, ao imperialismo hespañol.
A palabra de Rosalía, desde a súa concepción inherentemente dialóxica, ergueuse sempre como colectiva e contra o desprezo histórico, contra o colonialismo cultural, contra a explotación económica e contra a opresión que sufrimos historicamente as mulleres. Promoveu desde os seus inicios unha reflexión profunda a través dunha estética primeiro aparentemente popular e logo intimista e social, pero mantendo sempre unha densidade simbólica e política de enorme complexidade, afastada de calquera redución folclorizante. É, en fin, iniciadora dun amplo movemento de rexeneración social e política, dando voz a todos os silenciados e especialmente as silenciadas, como imos ver agora.
Nesta data, Galicia énchese de celebracións, pero especialmente é protagonista a casa da Matanza: alí onde viviu os seus últimos anos, prepárase o Caldo de Gloria. O nome deste prato vén do poema de Follas novas «Miña casiña, meu lar», un poema que denuncia a pobreza e exclusión social en voz dunha muller que as sofre no seu día a día, rodeada de veciños con máis recursos: camiña chovendo e descalza de Santiago a Padrón e, famenta, polo camiño ve diferentes comidas pero non pode mercalas. Ao chegar á casa pídelle axuda aos veciños, que lonxe de compadecerse dela e axudala o que fan é burlarse dela e negarlle as súas sobras. Mentres, ela cun pouquiño de fariña munda que atopa no fondo da artesa, cun pouco de palla (tirada do propio leito!!), cuns garabulliños e fieitos, cunhas poucas coles… elabora un caldo, caldo de groria, que era cousa de envidiar. E aínda puido, a muller, facer un bolo do pote.
Lonxe de ser un poema folclórico ou simplemente gastronómico, trátase dunha actualización simbólica do conflito de clase posta en boca dunha muller proletaria que atravesa as consecuencias dunha sociedade baseada na propiedade individual e na acumulación de bens. Ela non pode acceder a necesidades básicas porque carece de recursos económicos ou medios de produción. E mentres, a súa miseria convive coa abundancia dos crueis veciños que reproducen a ideoloxía do estamento dominante, rompendo con toda posibilidade de conciencia de clase: no canto de recoñecérense como parte do suxeito explotado, os veciños operan desde o individualismo e participan no illamento social da muller en situación de necesidade. Por iso, entre os versos finais tamén vemos: «para que me oíran/ en todo o lugar:» como o acto de romper o silencio imposto, a condena social da indiferenza. E ela canta: «Meu lar, meu fogar / cantas onciñas / de ouro me vals.» converte así a carencia na afirmación de dignidade, a mesma dignidade e orgullo que nós debemos ter de ser proletarias.
Isto mesmo foi o que viu Xosé Luís Méndez Ferrín, como así o reflexa habilmente no seu poema de Estirpe (1994), co mesmo título («Miña casiña, meu lar») onde falan os labregos desposuídos, pola forza das armas e da xustiza españolas, das terras que traballaran e da casa na que naceran eles e os seus antepasados, en Larín (Arteixo).
Pero tamén o fai no artigo «Caldo de groria», recollido na recente publicación Rosalía en famila e a propósito do día de Rosalía de 2019, onde di:
Se alguén dubida de que Rosalía tomaba partido pola muller do proletariado campesiño e vilego, non ten máis que ler o poema «Miña casiña, meu lar». En Padrón conmemorouse o Día de Rosalía de Castro cociñando e comendo o caldo das probes na memoria dela.
Vemos aquí tamén, claramente, a lectura que el fai do poema.
Que na casa de Rosalía, a nosa casa, a casa de todas e todos os galegos, se aposte por preparar un prato coma este, humilde e cargado de significado, nun acto aberto, social, feito para todo aquel que se queira achegar é, para nós, un orgullo. Porque máis alá do evidente valor histórico e cultural que a casa ten para a nosa identidade, é unha forza que voga polos nosos intereses como nación.
A obra rosaliana dignifica ó pobo galego e artella unha visión emancipadora que entende que non pode existir liberación social sen liberación nacional, nin liberación social sen liberación das mulleres, nin liberación real sen a ruptura da explotación e da opresión; por iso segue e seguirá sendo de completa actualidade todo o que Rosalía formula nos seus textos. Gustaríame, para rematar, lembrar algúns versos da Alborada, o penúltimo poema de Cantares gallegos, no que convida ás rapaciñas da mocidade galega a erguerse polo seu propio futuro:
Arriba
todas, rapaciñas do lugar!,
que o sol
i a aurora xa vos vén a dispertar.
Arriba!
Arriba, toleirona mocidad!,
que atru-
xaremos-cantaremos o ala…lá…!!!
Nós, en fin, sabemos ben quen é Rosalía de Castro. Porque Rosalía falou e fala para nós. Pero temos que preguntarnos se nosoutras, proletarias, estamos preparadas para atender á chamada que ela aquí fai e poñernos en pé.
189 anos son un pestanexo no contexto dunha eternidade nos nosos corazóns. Feliz día de Rosalía!!
Alba Mourillós
O 28 de febreiro tivo lugar a Asemblea Constituínte de Artefacto – República Galega no barrio obreiro de Lavadores, Vigo.
Artefacto nace como un colectivo de traballadores das ciencias e da cultura de Galicia que decidiron converxer en acción co fin de entregar toda a súa creatividade e toda a intelixencia colectiva á tarefa de mudalo todo.
Nesta asemblea afirmouse que Artefacto non nace para reproducir nada, nin para facerse eco de nada, senón que para crear. Crear dende a colectividade, a vida común, crear como forma de tecer República (cousa pública) afastándose e contradicindo todas as lóxicas do capitalismo e a súa enaxenación do producto.