Vivenda e reprodución social: a segunda fronte?

Partido Comunista pola República Galega

O centro produtivo: a primeira fronte

O lugar onde se producen bens e servizos é considerado o escenario central da loita de clases na práctica política revolucionaria. Non sen motivo. É nos centros de produción—fábricas, restaurantes, comercios, minas, barcos, etc.—onde ten lugar a relación que define en puridade ao capitalismo: a expropiación sen contrapartida dunha parte dos froitos do traballo por parte dos empresarios. Así mesmo, a división técnica do traballo deseñada polos capitalistas favoreceu en moitas ocasións unha gran concentración de traballadores e traballadoras—ben baixo o teito dunha mesma fábrica, ben nos polígonos industriais. Este feito prové da masa crítica necesaria para a realización de accións colectiva e a construción de organizacións.

Por último e máis importante, nos centros de produción dirimiuse—cando menos historicamente—a boa marcha xeral da acumulación capitalista. Nomeadamente nos sectores industriais: nas fábricas téxtiles, da conserva, aluminio, naval, automóbiles, etc. En tanto que centrais para a acumulación, a disputa entre clases polo control dos centros de produción transcende á esfera económica. Así, no campo das ideas, as persoas que traballan en determinados sectores en loita poden erixirse en referentes alén da fábrica, como sucedeu coas traballadoras e traballadores de Alcoa na Mariña ou na Coruña. Ademais, no terreo práctico, a paralización da produción en sectores importantes dun territorio pode romper coa súa normalidade política: en Italia e no Reino Unido durante os anos 70, en Asturias durante o conflito mineiro de 2012, no Morrazo durante incontables loitas mariñeiras.

A centralidade do escenario produtivo fai que as forzas obreiras—tanto partidarias como sindicais—procuren articular politicamente á nosa clase ao redor do mesmo. A organización e acompañamento de loitas por dereitos laborais ocupan gran parte dos esforzos na militancia revolucionaria. Este quefacer colectivo para protestar contra, poñer couto, ou mesmo subverter o roubo de plusvalía nos centros produtivos é unha maneira de compoñernos como clase: a composición laboral. É a nosa primeira fronte. O resto de formas para articularnos politicamente fican, máis ou menos conscientemente, subordinadas. Disputamos, por suposto, outras batallas: no ámbito estudantil/universitario, na defensa do noso patrimonio natural, na reivindicación da igualdade efectiva entre homes e mulleres, etc. Moitas veces moi duramente. Pero xeralmente mantendo como marco de referencia a esfera do produtivo. Pode que chegase o momento de repensar esta relación entre eidos da loita de clases.

Vivenda e(é) acumulación capitalista no Estado español

En 1970 Henri Lefebvre sinalaba un xiro nas estratexias capitalistas de acumulación.[1] Segundo Lefebvre, o capital en determinados territorios capta cada vez máis rendas pola vía da posesión de activos ante o declive da acumulación a través de actividades produtivas/industriais. Nomeadamente, activos inmobiliarios: vivendas, locais, terra. Todos eles bens clave para a reprodución social. Este xiro estratéxico foi confirmado durante as últimas décadas ata o punto de inaugurar un novo réxime de acumulación: o réxime de acumulación financiarizado. O capitalismo hispano é un alumno avantaxado (López Hernández & Rodríguez López, 2010). Desde os anos 90 ata a crise financeira iniciada en 2008 o crecemento económico no Estado estivo claramente marcado pola boa marcha do sector da construción. A vivenda—cun prezo crecente—foi un sumidoiro onde poder reciclar os excedentes xerados nos países máis industrializados do centro de Europa, na liña do que estaba a acontecer en Estados Unidos (Varoufakis, 2012).

Ilustración 1. Gasto dos non residentes como porcentaxe do consumo final total. Galicia e Comunidade de Madrid.

Fonte: elaboración propia a partir das contas económicas rexionais dispoñibles.

A recuperación das principais economías do mundo e a devastación provocada polas intervencións imperialistas no norte de África permitiron ao capitalismo hispano retomar a súa estratexia de acumulación tras a crise de 2008. Desta volta, o turismo está xogando un papel fundamental. Entre 2008 e 2023, o gasto dos non residentes no Estado español incrementouse nun 82%, o que equivale a unha taxa de crecemento media anual do 2,81%. A taxa de crecemento media anual do investimento en maquinaria foi, para ese mesmo período, do 0,45%. En comunidades como Madrid, o gasto dos non residentes—do resto do Estado e estranxeiros—equivaleu no ano 2019 a máis do 7% do consumo total. Desde a crise de 2008, obsérvase unha clara tendencia á alza (ver ilustración 1). Existen casos máis extremos. Nas Illas Baleares, o consumo dos non residentes supuxo no 2018 o 53,25% do consumo rexional total. Isto é: máis da metade do consumo que se realiza nesa comunidade autónoma é feito por persoas que non viven alí.

O caso galego: unha realidade distinta polo momento

O caso galego é distinto. En primeiro lugar, o peso do gasto dos non residentes no consumo total é sistematicamente menor. Os últimos pasos (1996-2008) da nosa tardía, abrupta e desordenada modernización económica incrementaron a capacidade adquisitiva dos fogares galegos. Por tanto, pese ao incremento paulatino do turismo nos anos previos á crise financeira, o peso do dos non residentes tendeu a ser menor en termos relativos. Durante os anos de recesión, o peso relativo do consumo dos non residentes continuou diminuíndo, en liña do que estaba a suceder no conxunto do Estado ou en comunidades autónomas máis dependentes do turismo. Tan só no último período previo á crise da Covid-19 observamos un leve crecemento do peso relativo do consumo vinculado á chegada de turistas. Por tanto, a estratexia de acumulación orientada ao turismo en Galicia parece estar moito menos implantada que noutros lugares do Estado español. Porén, esta última afirmación require, cando menos, dous matices importantes.

Primeiro, as cifras galegas poden estar agochando importantes diferencias a nivel local. Nalgúns concellos como O Pino—atravesados polo Camiño Francés—o número de peregrinos que fai noite equivale a un 30% da poboación residente. En determinados barrios de Santiago de Compostela a presencia do turismo está a desprazar claramente os usos do espazo vinculados ás necesidades da poboación local (López, Otón & Piñeiro Antelo, 2019). Nestes casos, o peso das persoas non residentes é seguramente máis elevado e por tanto as economías desas zonas son máis dependentes que a media galega respecto do consumo que estas realizan.

Segundo, o que está a acontecer noutras rexións do Estado pode ser a pantasma do Nadal futuro. A estratexia de acumulación previa á crise do 2008 foi ensaiada nalgúns territorios e logo exportada ao conxunto do Estado. O mesmo podería acontecer de novo. En efecto, os esforzos do réxime español por facilitar a entrada de fluxos turísticos en Galicia están a ser importantes. Chama a atención, por exemplo, a desproporción entre o esforzo realizado para reducir os tempos de viaxe entre Ourense e Madrid e o relativo a mellorar as conexións ferroviarias internas. Na actualidade, o gran proxecto ferroviario do Estado en Galicia é a construción dunha variante para a alta velocidade en Ourense que aforrará nada menos que 15 minutos de viaxe co centro de España. En contraposición, segue sendo imposible viaxar en tren desde Lugo cara o Eixo Atlántico.

Terceiro, as e os turistas en Galicia son cada vez menos hóspedes e máis veciños. Segundo datos de Eurostat, o peso da vivenda turística—ofertada a través de Booking ou Airbnb—sobre o total de aloxamentos en Galicia foi do 22,50%. Galicia está, a este respecto, por enriba da media estatal (19,05%) e europea (17,50%). Isto leva a que rivalicen máis coa poboación local polo uso de determinados espazos e servizos. Ao estaren fóra dos hoteis e circuítos pechados, consumen nos mesmos bares e tendas que os residentes, contribúen a conxestionar as estradas, etc. En determinados territorios do noso país estamos observando as consecuencias desta rivalidade. Os bares e restaurantes oriéntanse cara as demandas das e dos turistas, as tendas pechan ou mudan o seu comercio, as rúas e parques conxestiónanse.

Turismo, vivenda e reprodución social: unha nova fronte de batalla

A (re)aparición de organizacións en defensa do dereito á vivenda introduce unha novidade no desenvolvemento da loita de clases no noso país.[2] Esta novidade ten que ver coa posibilidade de disputar as condicións da nosa reprodución social. De todos os bens que o capitalismo procura transformar en mercadoría, a vivenda é un dos que máis condiciona a dinámica da nosa reprodución como sociedade. O preámbulo da lei de vivenda de Euskadi exemplifica este argumento de maneira moi bela:

“O dereito a gozar dunha vivenda constitúe unha necesidade vital para o ser humano, xa que condiciona o goce doutros dereitos esenciais como ter un emprego, exercer o dereito ao sufraxio, acceder ás prestacións e aos servizos públicos, escolarizar aos fillos, gozar da cultura e dun medio ambiente adecuado, compartir vivencias con familiares e amigos e un sen fin máis, reiteradamente posto de relevancia tanto pola doutrina máis autorizada como polos propios tribunais de xustiza. O dereito a gozar dunha vivenda e a súa realización efectiva facilitan e permiten ao ser humano levar unha vida digna.”

Ningunha outra mercadoría en solitario é tan importante para a organización da cidadanía, do traballo e da identidade. En consecuencia, problematizar o acceso á vivenda en termos anticapitalistas pode ser unha maneira alternativa de facer política revolucionaria entre a nosa clase. Trátase dunha maneira alternativa de articularnos. Esta posible segunda fronte (Bunge, 1977) non só responde a unha serie de necesidades materiais inmediatas, senón que tamén pode servir loita revolucionaria no medio e longo prazo por tres razóns relacionadas entre si.

En primeiro lugar, permite a organización de segmentos da nosa clase que teñen dificultades para a articularse en torno ao laboral. A loita pola vivenda permite a incorporación ao movemento obreiro a través dun proceso de composición espacial (Gray, 2018), complementario ao da composición laboral. Nótese que entre estes segmentos máis precarios da nosa clase adoitan atoparse colectivos afectados por outras estruturas de opresión funcionais ao capitalismo: as mulleres, as persoas migrantes, etc. Os procesos de composición espacial, como a loita pola vivenda, poden ser pancas que axuden a solucionar o problema da infrarrepresentación destes colectivos no seo do movemento obreiro organizado.

En segundo lugar, desafía dous dos piares fundamentais do réxime de acumulación capitalista en Galicia no Estado español: a explotación económica da propiedade privada sobre a vivenda e o fomento do turismo sen control como motor do crecemento económico. A través do traballo político revolucionario, este desafío económico/sindical ten potencial para transcender e transformarse nun desafío ideolóxico e político do sistema capitalista e do réxime político que o sustenta na actualidade.

Relacionado co anterior, a loita pola vivenda sinala como o capitalismo condiciona, descompón e mesmo impide por momentos a reprodución da sociedade onde se insire. Con tempo e traballo, isto pode permitir a converxencia con outras reivindicacións relacionadas coa dinámica reprodutiva. As loitas pola socialización dos coidados, polo dereito ao lecer, pola extensión do transporte público ou por unha alimentación saudable son apenas un feixe de exemplos.

Comentarios finais

A loita polo dereito á vivenda é unha batalla que vén de lonxe. No século XIX e no XX as folgas de alugueiros e protestas relacionadas salpicaron boa parte da xeografía mundial. Loitas obreira por este dereito tiveron lugar en Estocolmo, Berlín, Dublín, Barcelona, Nova York, Bos Aires, Milán, Viena, Leeds, Glasgow, París, Irlanda, Londres, St Louis. Moitas delas, como no caso de Glasgow (1915), Viena (1910) ou Irlanda (1970-1973) saldáronse con vitorias. Hai 45 anos Galicia tamén viviu a súa primeira experiencia neste eido da loita de clases, coa coñecida como Loita dos Pisos en Santiago de Compostela.

Porén, a primacía da loita económica, ideolóxica e política no plano produtivo foi deixando para a loita polo dereito á vivenda un lugar secundario nos esforzos dos partidos políticos e sindicatos obreiros. En Galicia non somos unha excepción. Durante a loita dos pisos, a maioría do movemento obreiro deixou de lado ao estudantado argumentando que se trataba dun ataque aos (aliados) pequenos propietarios rendistas. Na actualidade, os esforzos organizativos para construír organizacións en defensa do dereito á vivenda están a facerse sen o máis mínimo interese das organizacións sindicais, e cunha reducida participación dos partidos políticos obreiros.

Este artigo busca discutir a subordinación das loitas reprodutivas a aquelas vinculados co plano produtivo. Sen cuestionar a vital importancia das batallas no eido laboral, arguméntase como o capitalismo no Estado español e en Galicia depende cada vez máis da extracción de rendas xeradas a través de (1) a propiedade privada sobre a vivenda e (2) o fomento descontrolado do turismo. Poñer paus na roda desta nova estratexia de acumulación capitalista non é só defendernos ante unha degradación das nosas condicións de vida (p.ex.: a suba dos alugueres). Tamén implica poñer en cuestión o privilexio dos capitalistas para dispoñer da nosa reprodución como sociedade para xerar ganancias ao seu favor, protexido fortemente polo aparello do réxime español. A vivenda non é, pois, unha fronte secundaria, senón unha segunda fronte.

En Galicia, o problema da vivenda aínda non produce contradicións tan agudas como as doutros territorios (Baleares, Cataluña, Madrid, etc.). Pero sabemos xa que o modelo de acumulación baseado no turismo está a producir efectos negativos para a nosa clase en varias partes do noso territorio. E sabemos tamén que a patronal capitalista quere seguir por esta senda, intensificando a extracción de rendas pola vía do turismo e a vivenda no noso país. Nunha época na que prima a guerra de manobras sobre a de movementos a tarefa fundamental das e dos revolucionarios pasa pola acumulación de forzas. Non podemos predicir cando terá lugar a vindeira gran batalla, tampouco as causas que a motiven. Pero si podemos traballar con honestidade, canda as nosas compañeiras e compañeiros, para ir estendendo e ensanchando as trincheiras que nos permiten responder a estas novas formas de ataque do capital. Polo momento toca afianzar a resistencia. No futuro este traballo pode contribuír a que a nosa clase poida pasar de novo á ofensiva.

Referencias bibliográficas

Bunge, W. (1977). The point of reproduction: a second front. Antipode, 9(2), 60–76. https://doi.org/10.1111/j.1467-8330.1977.tb00711.x

Gray, N. (2018). Spatial Composition and the Urbanization of Capital:  The 1915 Glasgow Rent Strikes and the Housing Question Reconsidered. En N. Gray (Ed.), Rent and Its Discontents. A Century of Housing Struggle (pp. 49–68). Rowman & Littlefield.

Lefebvre, H. (2022). La revolución urbana. Alianza.

López Hernández, I., & Rodríguez López, E. (2010). Fin de ciclo. Financiarización, territorio y sociedad de propietarios en la onda larga del capitalismo hispano (1959-2010). Traficantes de Sueños.

Lopez, L., Otón, M. P., & Pineiro Antelo, M. de los Á. (2019). Is there overtourism in Santiago de Compostela? Contributions for an ongoing debate. Boletín de La Asociación de Geógrafos Españoles, 83. https://doi.org/10.21138/bage.2825

Varoufakis, Y. (2012). El minotauro global: EEUU, Europa y el futuro de la economía mundial. Capital Swing. 


[1] Alianza reeditou esta obra recentemente. Ver Lefebvre (2022) na listaxe de referencias.

[2] Nos anos máis duros da crise financeira existiron brevemente experiencias de resistencia, como a Plataforma de Afectadas pola Hipoteca de Vigo-Tui, os as de Stop Desafiuzamentos de Santiago de Compostela e Ourense, entre outras.