Unha nova xeira no comunismo de raigame galega

María García

Eu, unha vella traballadora, que sigo tentando aprender a ser comunista, saúdo con delicia a aparición e consolidación da nova expresión orgánica do comunismo de praxe independentista e lectura republicana; coma esa vella toupeira que sempre volve a furar na terra da que os nosos clásicos nos falaban. A nova criatura, que os máis “veteranos” ollamos con alivio e espranza, non é tan nova como parece, pois, nesta Terra e neste Tempo, leva décadas vivindo entre nós, con diferentes nomes, formas e caras.

Chamámoslle agora Partido Comunista pola República Galega, ao mesmo Partido que antes se chamou, na Galicia dos desposuídos, Partido Galego do Proletariado, Galicia Ceibe, Partido Comunista de Liberación Nacional, Fronte Popular Galega… Este Partido, que sempre foi máis que un Partido, tamén se manifestou, discreta e colaborativamente, xunto cos camaradas da nosa clase, a través do SOG, da ING, da CSG, da CTG, da INTG, da CXTG, da STG, da CIG e da CUT.., traballou, con todas as virtudes e carencias que tamén ten a nosa contradictoria clase, onde o mellor e o peor sempre se xuntan, estivo en divisións, que se convertiron de novo en unións, en enfrontamentos, as veces máis fraticidas que ideolóxicos, dos que todos temos responsabilidade, e tamén estivo na reparadora fraternidade posterior que nos impón a Historia. Este Partido tamén tivo fillos, os fillos, creativos combinando ledicia con carraxe, tiveron nomes fermosos como: Xerfas, MI, Adiante, Xeira… Fillos estes, que tamén superon manifestarse humilde e xenerosamente mediante ERGA, EI, GREI, LEG, ANEGA, Espiral…

Foi un Partido que sempre soubo que o leninismo só é digno de tal nome cando é creativo, audaz, imaxinativo, adaptativo, e, sobre todo, útil. E parece que o sigue a saber. O noso barco nunca irá ás rochas, sabe navegar en todos os climas, nin as peores Mareas fixeron fundir esta tripulación de pulso firme. Se a firmeza foi, e é, unha virtude necesaria do bo comunista, a intelixencia non o é menos, por iso este partido tamén escribiu, pensou, analizou, e produciu intelectualmente Academia e Beleza a partes iguais, como só un proletario consciente de si mesmo pode facer; aí está Sempre en Galicia, a revista Espiral, o Embate, A Gadoupa, o Clube Cultural Adiante, A Trabe de Ouro, as Redes Escarlata. A fermosura plena da clase obreira pensando e creando colectivamente.

Hai quen dí que este Partido tamén se chamou Unión do Pobo Galego, Union Socialista Galega, Comité Revoluzonário Arredista Galego, que incluso foi a, infaustamente abortada, Sección Galega da III Internacional, o PG progresista, popular e antifascista de Castelao, a confesamente independentista FMG…É posible que tivera este Partido case infinitos nomes, en todas as Terras e todos os Tempos. Tivo nomes de mártir e de traballador anónimo, de preso, de asesinado, de explotado e de alegre combatente, de dirixente revolucionario e de militante de base. Pode que o primeiro nome fose Espartaco, o derradeiro nós cremos que será Comunismo.

Inda que, sabemos que non existe articulación posible do presente nin do Futuro sen Historia, tamén somos conscientes que só da memoria non se pode vivir, por iso dende aquí, gustaríame humildemente insistir teimosamente nalgunhas obviades:

Defendemos a construcción da Organización de Combate da nosa Clase, o Cerebro Colectivo do Proletariado, o Instrumento de Consciencia e Emancipación. Nós chamámo-lo Partido Comunista. Cremos que é un deber seguir a insistir na agrupación de todo-los comunistas de Galicia no mesmo Partido. Contra o pluralismo burgués é o Partido quen dirime as diferencias non antagónicas entre a clase consciente.

Tamén contra ese mesmo pluralismo burgués, defendemos a Unidade Obreira, que a nivel da loita económica ten forma de Sindicato Único Galego. Exhortamos ó sindicalismo nacional e de clase realmente existente, esto é, á CIG e á CUT, e as súas múltiples correntes internas, así como ós sindicatos de ramo que operan en Galicia, como o STEG, ás múltiples e variadas asembleas independentes de traballadores e ós obreiros sindicados que teñan a ben rachar co sindicalismo español e pactista, a colaborar e traballar todos na Unidade Obreira e Patriótica, incluída a Unidade Orgánica, baixo os parámetros da combatividade, pluralismo e democracia interna, asemblearismo obreiro, autoorganización nacional e non pactismo. Todos terán que pór da súa parte, recoñecendo con humildade os destacamentos máis cativos a obvia superioridade cuantitativa e cualitativa da CIG, e a dirección desta última actuando con xenerosidade e audacia para facilitar a integración, e así contribuír a nutrir, fortalecer e ensanchar o Movemento Obreiro Galego.

Inda que, cremos que a Emancipación Nacional e Social de Galicia só se vai poder dar de forma plena baixo unha estratexia comunista que nos leve á Independencia e ó Socialismo, somos conscientes que na Construción Nacional e no Fortalecemento Popular temos diversos aliados cos que temos o deber de ter unha relación sá e fraterna. Chámense istes soberanistas, nacionalistas, republicanos ou arredistas existe en Galicia un rico, plural e combativo Movimento Popular e Movimento de Liberación Nacional, que ten nomes propios nas organizacións políticas que cumplen eses mínimos esixibles en termos nacionais e sociais: BNG, Anova, IGV, Causa Galiza, Agora Galiza, AAI e PCPG, alén dalgunha expresión local de carácter, composición e práctica nidiamente galega e popular. Creo que todas as forzas patrióticas debemos facer o esforzo de curar as feridas do pasado, avanzar no recoñecemento mutuo e na virtuosa colaboración nas organizacións e movementos sociais e sectoriais do Pobo Galego, para contribuír entre todos ó seu fortalecemento, medre e implantación social e territorial para combater a Hexemonía reaccionaria, liberal e españolizadora. Debemos de asumir que as nosas diferencias son complementarias e non competitivas, e que na colaboración gañaremos todos, inda sabéndonos distintos. Colaboración e Recoñecemento mutuo non ten porque significar uniformidade nin unidade orgánica.

O ciclo de colaboración estratéxica coa esquerda española, esgotouse, con infausto final para as organización galegas, que, humilde e honestamente decidiron apostar por iso no seu día. Facemos un chamamento ós patriotas honestos que siguen teimando nesa vía, a abandonar a uns compañeiros de viaxe que nunha década nada fixeron por galeguizarse nin apostar polos mínimos políticos e democráticos que o pobo galego merece e necesita. Máis ben, todo o contrario, colonizaron e destruíron parte do espazo soberanista e republicano en Galicia por cálculos electoralistas e de Réxime.

Emancipación, Patria, República, Irmandade e Comunismo. Clase, Galicia e Máis Alá!

Galicia, 27 de Natal do 2022.