A configuración do comunismo galego é un proceso histórico que chega até os nosos días, un proceso que conducirá necesariamente ao nacemento da República Socialista Galega e que comeza coa inevitábel confluencia, na primeira metade do século XX, dos elementos máis progresistas do galeguismo cos segmentos organizados da clase obreira consciente.
Será na década dos anos trinta cando algúns militantes comunistas comecen a insistir na necesidade de prestar atención á cuestión nacional galega, comprendendo que é un factor clave que condiciona de xeito decisivo a vida das clases populares e a súa disposición a organizarse politicamente. Destacan, por esta banda, figuras como Benigno Álvarez ou Luís Soto, entre outros.
En paralelo, a crecente simpatía de Castelao e da rama máis progresista do nacionalismo polas teses marxistas propiciará a adopción do concepto leninista de nación tal e como figura no Sempre en Galiza: «comunidade humana estábel, historicamente formada e xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada esta última en comunidade de cultura».
Nas décadas posteriores á Guerra Civil, mentres o pobo galego loita por manter viva a resistencia antifascista na nosa terra e dende o exilio, o mundo asiste á vitoria soviética sobre o nazismo alemán e ás revolucións triunfantes en África, Asia e América. O xugo colonial do imperialismo comeza a rachar e, para o proletariado galego, Cuba e Vietnam convértense en referentes á altura do que antes fora Irlanda para determinados sectores do galeguismo. Nos anos sesenta resulta xa evidente que a emancipación nacional é incomprensíbel e inalcanzábel fóra do marco da loita de clases. Este é o contexto no que nace a Unión do Pobo Galego como primeiro intento de dar expresión orgánica a esa confluencia entre marxismo e nacionalismo que se viña dando dende décadas atrás.
A UPG supón un dos maiores saltos cualitativos no proceso de configuración do comunismo galego conseguindo converterse no motor fundamental tanto da loita obreira coma do movemento de emancipación nacional, que vencella maxistralmente. Tamén xogará un papel clave na difusión da teoría marxista en Galicia.
Non obstante, as posibilidades do momento resultaron ser limitadas: se ben ao redor da UPG florecerán potentes organizacións de masas –ERGA, SOG, etc.–, no seu seo opera unha contradición latente entre os sectores máis conservadores do nacionalismo, que pensan a organización en clave oportunista, e unha militancia obreira que pretende facer da UPG un Partido Comunista de vangarda, compás e motor da emancipación nacional e de clase en Galicia. Este antagonismo saldarase coa derrota do sector obreiro da organización, laminado primeiro, para ser paulatinamente depurado despois en varias ofensivas anticomunistas a partires da morte de Reboiras en 1975.
Vanse formando así, fóra da UPG, grupos tales como o Partido Galego do Proletariado en 1978, con Carmiña Graña nas súas filas, ou o Partido Comunista de Liberación Nacional en 1986, que terá un papel central no nacemento da FPG en 1988.
Mentres tanto, o comunismo español organizado no PCE experimentará unha severa loita de liñas, sobre todo nos setenta, que se saldará coa aparición de novas siglas nos anos seguintes, como a Organización Obreira, na que militaría Abelardo Collazo, e as organizacións que a sucederon, ou o PCPG.
A década dos noventa suporá un severo retroceso para o marxismo no mundo enteiro, coa perda do enorme referente que até entón supuxera a Unión Soviética e a bancarrota ideolóxica da meirande parte do marxismo occidental. Galicia, malia todo, verá nacer novas organizacións e partidos, tanto no ámbito do independentismo como no seo do marxismo, tales coma APU ou Primeira Liña (MLN).
Tras o caos ideolóxico propiciado pola caída do Muro, o século XXI será un momento de recomposición e rearme ideolóxico do comunismo galego: os anceios bélicos dos EEUU en Oriente Medio, o desastre do Prestige e a crise de 2008 encárganse de deixar claro, unha vez máis, que o capitalismo non é reformábel. A vella consigna «socialismo ou barbarie» segue a ser patente e agroman por toda Galicia diversas experiencias de unidade que van moito máis aló do institucional, coma o demostrarán unhas Marchas da Dignidade capaces de poñer en xaque ao sistema e cuestionar incluso a lexitimidade do monopolio burgués da violencia a partir de 2013.
No entanto, as posibilidades demostraron, de novo, ser limitadas, e o que comezou con grandes ilusións de vitoria e de conquista do Poder resultou ter fébeis alicerces. Tanto AGE coma as mareas municipais remataron perdendo o horizonte presas das derivas electoralistas. Anova-Irmandade Nacionalista, pola súa banda, demostrou ser incapaz de consolidarse organicamente e de exercer como eixo dinamizador das diversas expresións da unidade popular, o que derivou na inevitábel ruptura de calquera vencello entre as diversas organizacións existentes e o conxunto do pobo.
O fracaso na aplicación da estratexia frontista na década pasada, debido en gran medida á febleza organizativa do proletariado no marco dun proxecto interclasista, trouxo como consecuencia unha situación de debilidade no conxunto do movemento obreiro galego, cunha esquerda totalmente tomada pola socialdemocracia máis servil ás elites e unha clase obreira despoxada por completo de calquera organización que puidera actuar coma escudo ante as novas arremetidas do capital. Porén, se algo nos aprende a historia do movemento obreiro, é que as derrotas sempre achegan leccións e marcan tarefas. A un século do comezo deste longo proceso de configuración do comunismo galego, a situación é a seguinte:
- A realidade material da clase obreira nos nosos días evidencia que a loita de clases é unha verdade innegábel. Asistimos a un deterioro progresivo do noso nivel de vida que se manifesta, de momento, en facturas cada vez máis altas, salarios cada vez máis escasos e condicións laborais cada vez máis precarias, pero estamos tan só ante os inicios dunha crise que ameaza con ser moito peor que a de 2008 e que ademais nos colle totalmente desarmados. O capitalismo segue vivo e é máis feroz do que nunca. Segue vixente, por tanto, a diagnose feita por Marx e Engels tanto tempo atrás.
- As condicións concretas de Galicia como nación subalterna no marco do Estado Español provocan que a loita de clases se materialice, no noso territorio, coma un choque frontal entre proletariado galego e burguesía española. A burguesía española conta entre os seus aliados cunhas elites galegas totalmente sometidas, cando non asimiladas e, por suposto, coa burguesía internacional (alianza expresada militarmente na OTAN e politicamente na UE, por poñer dous exemplos). Se quere resistir esta vaga reaccionaria e ser quen de organizar o contraataque, a clase obreira galega debe reconstruír todas as súas trincheiras: os diversos movementos sociais, antirrepresivos e de solidariedade internacionalista, un sindicalismo asembleario e democrático con vocación de unidade e, sobre todo, o Partido Comunista.
- A dramática perda de falantes da nosa lingua, xunto co avance imparábel das políticas de espolio da nosa terra para intereses alleos, dan testemuña da imposibilidade práctica do nacionalismo para liderar e levar a término a emancipación nacional de Galicia. O século XX ensina que non pode existir soberanía sen socialismo. O marxismo é a teoría que permite comprender a nación con maior claridade e proporciona, por tanto, as claves necesarias para trazar a estratexia e a táctica da súa liberación. Esta comprensión da nosa realidade nacional dende a lóxica da loita de clases debe ir acompañada pola aposta renovada por unha cultura que afunda as súas raíces no pobo, posto que a loita cultural, no caso galego, é a loita do proletariado por ter voz propia.
Unha e outra vez ao longo dos últimos cen anos, a cuestión nacional tense manifestado coma unha prioridade absoluta á hora de artellar un programa revolucionario capaz de arraigar na clase obreira galega. Dende hai décadas resulta evidente que a independencia das nacións sometidas é o detonante máis eficaz para derrubar as bases do poder burgués. Un século de deslindamento e constante loita de liñas deixa claro que, chegados a este punto, as dúbidas de determinados sectores con respecto á estratexia independentista non responden máis que a unha deriva socialdemócrata que, consciente ou inconscientemente, leva a algúns a confiar máis na cadea do Estado burgués que no internacionalismo proletario como garantía da unidade internacional da clase obreira.
Perante estas circunstancias, as nosas tarefas resultan evidentes:
- Consolidar a unidade de acción do conxunto do comunismo galego.
- Formular, sobre a base desta unidade, unha liña política común, firme nos principios, ambiciosa na súa estratexia e realista na aplicación táctica.
- Construír un Partido Comunista galego puramente proletario na súa natureza e organizado en base aos principios do centralismo democrático: un partido de cadros listo para a Revolución.
- Acadar a unidade de acción da clase obreira galega, propiciada e orientada pola súa vangarda organizada no Partido Comunista.
- Materializar esta unidade nunha Fronte Única na que tanto comunistas coma os sectores máis combativos e lúcidos do pobo galego operen coordinadamente en base a un Programa avanzado que teña como horizonte a independencia e o socialismo.
- Conquistar a República Socialista Galega, sabendo que a independencia nacional é a única vía que conduce á desaparición do Estado burgués e fará posíbel o nacemento da ditadura do proletariado.
O 19 de decembro de 2021, camaradas de diversa procedencia, pensando que non tiña sentido agardar máis para dar o primeiro paso no camiño da unidade, fundamos o Partido Comunista pola República Galega como primeiro paso nunha senda da que aínda queda moito por andar. Asumimos esta iniciativa convencidos e convencidas de que un futuro digno é posíbel para a nosa terra: un futuro sen explotación nin espolio, no que a muller traballadora sexa por fin dona incuestionábel da súa propia vida e a mocidade galega quede libre da lacra da emigración.
E porque cremos con todas as nosas forzas nese futuro, sabemos que o PCRG non é máis que o primeiro paso na construción dese Partido que, hai xa cen anos, estivo nos soños de quen deu a vida pola nosa clase.