Estudantado acampado da UDC

“Folga dicir que, se estamos hoxe aquí, é pola mobilización social previa; exemplo de compromiso e solidariedade. Non podemos deixar de recoñecer e agradecer a valentía e determinación de todas aquelas persoas que, desde o primeiro momento, se sumaron a esta causa. Grazas” *
A mobilización do estudantado da Universidade da Coruña (UDC) en apoio ao pobo palestino abriu unha fenda no aparente estatismo estudantil, tanto pola súa duración como polo nivel de interpelación de diversos actores sociais e académicos. Todo comezou como resposta á escalada de violencia e agresións continuas que sofre a poboación palestina; un conflito ben enraizado tornouse un tema de interese para a poboación mundial, producindo un movemento de solidariedade a nivel internacional ao cal se sumou parte do estudantado da UDC. As institucións educativas teñen o deber de formar cidadanía crítica e comprometida, polo que sorprende que sexan só tres ducias de persoas vinculadas á comunidade universitaria (como moito) as que participaron na acampada dunha ou doutra forma; ao mellor non se está promovendo tanto a capacidade crítica, nin se está predicando o suficiente co exemplo. Mais con iso, a mobilización xorde novamente, como unha manifestación da toma de conciencia e do rexeitamento á inxustiza. Neste caso á ocupación e a violencia sistemática que enfronta o pobo palestino; pero non só, tendo en conta a escalada bélica patrocinada por Israel na rexión e as diferentes manifestacións do imperialismo neoliberal, aquí e alá, antes, durante e despois do xenocidio palestino.
Entón, cal foi a xénese da acampada? A decisión de acampar non foi espontánea. Foi o resultado dunha protoacampada que serviu de impulso para convocar asembleas e encontros, onde estudantado, profesorado, persoal non docente e persoas da sociedade civil debateron a mellor maneira de dar visibilidade á causa palestina dentro da comunidade universitaria. Foi nunha destas asembleas abertas, a celebrada a mañá do 20 de maio de 2024 na Facultade de Educación, onde se acordou dar un paso máis aló e levar a protesta ao espazo do campus, escollendo a acampada no exterior como estratexia de loita; o día 22 xa estaban as tendas montadas. A acampada, que comezou como unha protesta pacífica que aglutinaba estudantado que maioritariamente non participara doutras accións colectivas auto-organizadas, transformouse nun espazo de acción e reflexión colectiva, onde non só se problematizaba o que acontecía en Palestina e as causas que o posibilitaban, senón tamén o papel das institucións académicas na promoción da xustiza ou no mantemento do statu quo.
Durante os 25 días que se ocupou o espazo, o grupo foise consolidando, tanto en termos organizativos como na creación dunha identidade colectiva, estudantado acampado UDC. Cada día organizábanse actividades de mantemento do campamento (organización de quendas, comida, limpeza, divulgación, asembleas…) e outras, que ían desde charlas e obradoiros, concentracións e manifestacións, ata exposicións, concertos e representacións artísticas. Todo iso co obxectivo de manter viva a conciencia sobre o conflito palestino e sumar forzas para seguir premendo ás autoridades universitarias na consecución dun acordo que reflectise o compromiso institucional con esta causa.
A ausencia dunha estrutura organizativa interna permitiu o intercambio de roles entre as persoas que integraban a acampada: necesidades da asemblea, revisión e elaboración de textos, divulgación en redes, participación nas xuntanzas con outros actores, conexión con outras acampadas universitarias, roldas de prensa, sesións de formación, programación de actividades e mantemento do espazo. En resumo, experiencia militante e novos coñecementos. Mencionar tamén que a acampada non estivo exenta de detractores e pequenos incidentes, desde pegadas de ideoloxía neonazi -por exemplo- ata as consecuencias derivadas de durmir ao raso no Campus de Elviña -pódese traer a colación a recorrente reconstrución do teito de lona que nos protexía, a nos e aos materiais, da chuvia-. Se ben é certo que a participación activa do profesorado, persoal de administración e servizos, e outros actores da comunidade universitaria condicionaron, en positivo, a consecución de determinados obxectivos, facilitándonos a auto-xestión do espazo.
En resumo, alumnado de distintas facultades e niveis de estudos, con diferentes traxectorias persoais e políticas, uníronse baixo un obxectivo compartido: a solidariedade con Palestina. Esta pluralidade de visións tamén se reflectiu na participación de organizacións externas, como asociacións estudantís, colectivos da sociedade civil, partidos políticos e sindicatos. A colaboración con estes grupos ampliou o alcance da mobilización, fortalecendo a rede de apoio e logrando unha maior visibilidade tanto dentro como fóra da universidade.
A institucionalización foi medrando, desde as asembleas abertas nas bibliotecas e outros espazos comúns, ata os encontros posteriores -non abertos- en espazos reservados, e pasando polo que tivo lugar no propio campamento. Invitación que tanto o reitor en persoa como outras integrantes do equipo de goberno aceptaron, e que tivo lugar na nosa peculiar “sala de xuntas” o 31 de maio. Este foi o derradeiro encontro previa formalización dos actores. É dicir, esta foi a última vez que nos reunimos fora do espazo neutro que significaba a infraestrutura que alberga o CITEEC, e no que nos encontrabamos representantes da Rede UDCxPalestina, o Reitorado e o Estudantado Acampado UDC. A nosa primeira cita nese espazo foi o 7 de xuño, a última o 18. A cooperación foi crucial para que o diálogo se desenvolvésese nun ambiente de respecto e entendemento mutuo; por suposto non exento de diferenzas, que puideron ser superadas en prol dos obxectivos compartidos que nos unían. O acordo de mínimos que se alcanzou tras varios días de negociacións foi un reflexo deste esforzo colectivo, e permitiu a incorporación dunha perspectiva crítica no espazo da UDC (material e simbolicamente).
O mesmo día no que foi aprobado, por unanimidade, o acordo de mínimos -tamén chamado manifesto “UDC por Palestina”- no Consello de Goberno da UDC, o movemento entrou nunha nova fase. A institucionalización supuxo un recoñecemento formal das demandas do estudantado e da comunidade universitaria, o cal foi percibido como un gran logro. Pero, tamén é necesario sinalar que este proceso de institucionalización trouxo consigo certos desafíos, como adoita ocorrer nos movementos sociais que atravesan por fases de consolidación dentro de estruturas máis formais.
A creación de comisións e a colaboración co reitorado e o profesorado xerou unha dinámica de traballo máis estruturada, pero tamén máis lenta e menos autónoma. O consenso converteuse nun requisito necesario para a toma de decisións, o que ás veces diluíu a capacidade de acción inmediata e a espontaneidade que caracterizaba ao grupo; derivado isto último do cambio no uso do tempo, non é o mesmo vivir practicamente xuntas que vernos de xeito puntual. Reduciuse a capacidade de acción disruptiva, xa que pasamos a depender en maior medida das estruturas e dinámicas formais de poder. A esta retardación sumouse o impacto do parón do verán, que arrefriou en parte o nivel de compromiso e as redes internas. Todo isto obrigou ao grupo a reformular as súas estratexias e formas de loita.
Conclusión: debemos pensar en novos horizontes. A acampada rematou, pero a mobilización non cesou. De feito, a firma do acordo de mínimos e a institucionalización da causa palestina dentro da UDC representan só o comezo dunha loita máis ampla e de longo percorrido. As comisións creadas seguen traballando para manter viva a chama do compromiso e asegurar que a universidade siga sendo un espazo de solidariedade cos pobos oprimidos e de resistencia contra o imperialismo neoliberal. A diversificación das accións, a través de actividades académicas, culturais e de concienciación, permitirá que a causa palestina, xunto con outras, siga estando presente no día a día da universidade. Ademais, a cooperación con colectivos externos, tanto a nivel local como internacional, reforza a rede de apoio e amplía o alcance da mobilización. Ao fin e ao cabo, esta está suxeita a ciclos de intensidade e fases de menor actividade en función de factores internos e externos. Neste sentido, o reto para o movemento estudantil da UDC será manter o equilibrio entre a institucionalización e a mobilización activa, atopando novas formas de acción que manteñan o compromiso e aseguren que a perspectiva crítica, a ética, a moral e a resistencia, sigan sendo eixos centrais na vida da nosa universidade.
O máis importante é, en calquera movemento social, o consenso para a consecución de obxectivos compartidos. É imprescindible para manter a cohesión e efectividade do grupo. Especialmente cando existen diferenzas ideolóxicas e/ou persoais, cando as historias de vida son liñas de intersección que só se atopan en puntos moi concretos. No caso do Estudantado Acampado UDC, estas diferenzas, lonxe de debilitar o movemento, superáronse mediante a construción dun marco común que salientaba a cooperación e o respecto mutuo. A capacidade de articular unha axenda colectiva permitiu que as diferenzas se transformasen nunha riqueza de perspectivas, a condición de que se mantivese o respecto como principio reitor. O éxito da mobilización radicou na creación de vasos comunicantes, é dicir, na construción de canles de diálogo e entendemento que non privilexiaban as posicións antagónicas, senón que favorecían a procura de consensos. Só así poderemos organizar ás persoas dunha sociedade profundamente individualista e neoliberal, enfocando o compromiso en aquelo no que si están de acordo, dándolles un punto de apoio compartido que poida funcionar de panca para o cambio.