Giovanni Chaves
Hoxe non ten ningún interese reducir ou simplificar a teoría materialista a un obxectualismo, a reivindicación tan parva do mundo exterior. Ninguén no seu sano xuízo nega a existencia do mundo exterior, como afirman algúns manuais que abundan no mundo da militancia revolucionaria.
Do mesmo xeito, o idealismo tampouco se pode reducir a un espiritualismo, a idea de Hegel de espírito é moi equívoca porque non presupón ningunha realidade supramental, supramaterial, máis aló da actividade psíquica humana. Non o defende nin o necesita defender, a noción hegeliana de espírito o único que designa é a racionalidade humana, a intersubxectividade, que se materializa en toda clase de procesos, en toda clase de obxectos, por exemplo: unha catedral, unha novela, unha constitución, unha formula científica, etc.
Por outra banda, despois de Immanuel Kant o espiritualismo practicamente desaparece, é completamente marxinal en filosofía, e desde logo, Marx non era inxenuo a esta idea, sabíao perfectamente. Por tanto, o que discutía era a autonomía da subxectividade para impulsar cambios políticos, que os posthegelianos –filosofía dominante dentro das institucións académicas ilustradas daquela época– defendían. O idealismo expón que esa subxectividade ten algunha clase de espontaneidade, algunha clase de autonomía, que non queda explicada sinxelamente ao analizar os obxectos nos que se manifesta e que, dalgunha forma, esa creatividade subxectiva é a fonte da dinamicidade histórica, que a historia cambie e poida haber innovación.
Polo tanto, o debate entre o idealismo e o materialismo refírese ao peso que se lle otorga a esa espontaneidade da subxectividade, que inflúe máis no campo histórico, as realidades materiais ou a espontaneidade da subxectividade? Ese é o debate que lle interesa a Marx, o materialismo non ten que ver cun rexeitamento do espiritualismo filosófico, senón que é unha reacción ás teses políticas que desenvolveron os discípulos de Hegel na Alemaña do seu tempo e tiñan moita influencia na esfera pública dese momento. As teses da dereita hegeliana defendían unha intervención cultural, un cambio de mentalidade para lograr o cambio do réxime absolutista, e non unha experiencia similar aos convulsos procesos políticos e económicos que atravesaron Francia e Inglaterra.