Unha análise dialéctica da Resistencia Popular
Daniel Seixo
O taboleiro internacional está hoxe marcado por tensións xeopolíticas e contradicións sistémicas. Neste momento crucial da historia, a necesidade dunha militancia comunista con pensamento dialéctico propio supón unha tarefa ineludible. Non basta con repetir consignas ou abrazar posturas superficiais, precisamos poder trasladar unha comprensión profunda das dinámicas sociais, económicas e culturais que configuran o mundo actual. Se carecemos desta ferramenta, se fracasamos nesta tarefa, a acción política corre o risco de converterse en activismo sen substancia, sen fundamento nin capacidade para transformar as condicións materiais que perpetúan a explotación e a opresión do noso pobo.
A loita por un mundo novo non pode abordarse desde a inocencia. O capitalismo, na súa fase imperialista actual, empregará todos os recursos ao seu dispor para perpetuarse. A recente escalada na agresión imperialista en Siria non é un feito illado, senón unha manifestación dun sistema que, a pesar de estar sumido nunha profunda crise estrutural, segue amosando a súa enorme capacidade destrutiva nos que deben ser os seus últimos estertores.
Siria converteuse no centro dunha batalla prolongada, onde o imperialismo combinou o financiamento de grupos terroristas por potencias occidentais e rexionais cunha intensa guerra mediática. Esta dobre ofensiva buscaba xustificar unha intervención militar destinada a derrocar a un goberno que durante moito tempo loitou por defender a súa soberanía fronte ás presións externas.
Mentres tanto, os medios afíns ao imperialismo ignoraron o saqueo sistemático dos recursos sirios a mans das forzas de ocupación estadounidenses. Este despoxo, que inclúe o roubo do 83% da produción petrolífera diaria e toneladas de trigo, afundiu o país na fame e na pobreza extrema, exacerbando o sufrimento dunha poboación xa desgastada por anos de conflito.
Este roubo, escoltado polas Forzas Democráticas Sirias (FDS), erosionaba lentamente a moral dun exército que combatía non só a inimigos externos, senón tamén as secuelas internas dun conflito interminable. Unha guerra deseñada non para obter unha vitoria militar rápida, senón para esgotar de maneira prolongada as forzas produtivas e desintegrar o tecido social sirio, preparando así o terreo para un oportuno golpe executado polas sucursais xihadistas financiadas e armadas por Washington e Tel Aviv.
O pobo sirio, vítima do saqueo e da destrución, seguía sendo atacado, non exclusivamente mediante bombardeos, senón tamén a través dunha guerra mediática e propagandística deseñada para deslexitimar o papel da resistencia antiimperialista. Organizacións radicalizadas como Hayat Tahrir al-Sham (HTS), presentadas polos imperialistas como “combatentes pola liberdade”, son un exemplo claro de como os intereses imperialistas manipulan o descontento popular —xerado polas súas propias sancións— e convérteno nunha peza máis no taboleiro xeopolítico, disposta a tinguirse de sangue nun xogo alleo aos intereses dos pobos que sofren os seus movementos.
O internacionalismo proletario non significa idealizar loitas alleas, senón combater ao inimigo común desde cada trincheira. A consigna “todo o que debilita ao imperialismo fortalece aos pobos” debe ser o faro que guíe as nosas accións. Isto require tamén aprender das experiencias históricas e aplicar as leccións que delas se derivan
Apoiar ao goberno de Assad neste conflito nunca supuxo unha adhesión acrítica nin un aval absoluto ás súas políticas internas, senón unicamente o recoñecemento de que, na actual correlación de forzas, a súa permanencia no poder supuña un factor clave para lograr frear a dominación imperialista na rexión. Assad representaba un goberno que, a pesar das súas limitacións e contradicións, defendía a soberanía de Siria fronte ao avance do fundamentalismo e os intentos de kosovización do territorio por parte do imperialismo estadounidense.
O imperialismo, disfrazado en Siria de “liberación” e “revolución”, segue sendo o principal inimigo dos pobos que defenden a súa soberanía. A manipulación mediática, xunto coas alianzas estratéxicas de potencias como Turquía, Israel e Estados Unidos, creou un escenario onde as loitas locais se distorsionan ao servizo de intereses imperialistas. Neste contexto, a militancia comunista debe abordar o conflito cunha comprensión profunda da súa complexidade, evitando tanto o falso consenso promovido polos medios, coma a incoherencia de certos sectores esquerdistas que, paradoxicamente, sempre rematan atacando as nosas propias filas.
A nosa clase social debe comprender que a súa liberación é imposible sen identificar e analizar as cadeas que a oprimen. Apoiar aos pobos revolucionarios que loitan pola súa autodeterminación constitúe un principio esencial para calquera movemento que aspire á emancipación humana. O pensamento revolucionario non pode limitarse a reaccionar fronte ás inxustizas do presente, ten a obriga moral de estruturarse como unha ferramenta capaz de imaxinar e construír un futuro radicalmente diferente. Isto exixe cuestionar as categorías impostas polo capitalismo e o imperialismo, desafiando os chamados “valores universais”, a democracia burguesa, a súa interpretación dos dereitos humanos e incluso a súa noción de liberdade.
É especialmente crucial facelo cando o pensamento dominante nos arrastra cara a unha narrativa que busca lexitimar alternativas políticas destinadas a perpetuar a opresión e a barbarie. Neste marco, a militancia comunista debe ser un exercicio creativo, capaz de romper moldes e construír novas realidades, non unha mera imitación de fórmulas pasadas.
No contexto actual, no que as contradicións do capitalismo fanse cada vez máis evidentes, a militancia comunista ten a responsabilidade histórica, non só denunciar as inxustizas, senón tamén propor solucións concretas e viables que permitan analizar de forma eficiente o mundo que nos rodea e avanzar cara a unha sociedade máis xusta e equitativa. A construción destas alternativas debe partir do recoñecemento das particularidades de cada contexto, de cada pobo e cada revolución, sen perder de vista a perspectiva global.
Os exemplos de Vietnam, Cuba, Alxeria e tantas outras nacións que fixeron fronte ao imperialismo demostran que, mesmo nas condicións máis adversas, é posible derrotar aos opresores cando se conta cunha organización consciente e unha estratexia definida. Neste sentido, o caso de Siria ilustraba a necesidade de comprender as alianzas tácticas dentro dunha estratexia antiimperialista máis ampla.
É fundamental que os comunistas interpretemos esta coxuntura desde unha perspectiva dialéctica, recoñecendo que a loita por un mundo novo non pode prescindir de alianzas temporais que debiliten ao inimigo principal, mesmo cando estas sexan contraditorias nalgún dos seus puntos.
A loita por un mundo mellor non será fácil, nin rápida. Require paciencia, determinación e unha visión clara dos obxectivos a longo prazo. Pero sobre todo, require a convicción de que outro mundo non só é posible, senón que resulta preciso. A militancia comunista, armada cun pensamento dialéctico propio e un compromiso inquebrantable coa loita revolucionaria, ten un papel crucial que desempeñar nesta longa marcha. O reto está diante de nós. A pregunta non é se estamos preparados, senón se estamos dispostos a asumilo.