Moncho Lareu
Non só o liberalfascismo ama e adora o mal-chamado estado hebreo. Sectores da esquerda máis desnortada e dos “independentismos” de dereita, manteñen certa admiración polo noutrora “admirábel” Estado de Israel. Hai anos, partidos e sindicatos socialdemócratas e laboristas de todo o planeta enviaban ás súas mocidades a pasar o verán neses kibutz, presuntamente “inspirados” nos kolxoses soviéticos, e falaban dun idílico “estado colectivista” que estivera moi perto de se converter nun estado socialista presidido polo mesmiño Albert Eisntein en 1952. Todo mentira. Ese estado foi artellado e montado, primeiro, polo esmorecente imperialismo británico, e mantido, despois, polo emerxente imperialismo estadounidense. É a súa Sionazión, a 51ª estrela, xa non de cinco puntas, senón de seis.
David e Goliath morreron. Pedras contra cazas
Nunha guerra enfróntanse exércitos ou, polo menos, milicias. Nas internacionais, exércitos de estados. Nas civís, exércitos do mesmo país. Nas interimperialistas, exércitos medianamente parellos. Nas imperialistas, exércitos moi desiguais. Esta última, sería a guerra entre un estado coma o israelí e un estado coma o palestino. É o que nos queren facer crer o medios de desinformación sistémicos; altofalantes do imperial-capitalismo e cómplices do xenocidio. Falan de “Guerra de Gaza”. Pero Palestina non é un estado independente; non ten exército. Ten algo parecido a milicias, ten organizacións políticas armadas de forma moi precaria. Ten nenos e adolescentes usando tirafondas. Pero non é un David contra Goliath, é un bebé boxeando contra Foreman. Uns teñen pedras e bombiñas e os outros teñen cazas, armas nucleares e químicas, cúpula de ferro, armada, mísiles de última xeración; todo.
Parecidos razoábeis. Aprendendo do teu agresor
A coartada do Estado terrorista e teocrático Israel ten o seu grande alicerce na Shoah e nos anteriores pógromos. O holocausto cometido polos nazis contra boa parte dos xudeus asquenazís de clase traballadora nos 30 e 40 do XX é o comodín recorrente dos xenocidas sionistas para xustificar as súas matanzas: se alguén cuestiona os crimes israelís “é un antisemita, un antixudeu e un herdeiro de Hitler”. Porén, entre tanto falso vitimismo e revisionismo, estamos diante unha vez máis dunha constante histórica, literaria e psicolóxica: a adopción do rol de agresor polo que anteriormente tivo o rol de agredido: o sionismo actual, o que soporta o Estado xenocida de Netanyahu, bebe directamente do nazismo.
Afirma Carlo Fabretti, botando man do mito do vampiro, que “O maior dano que os nazis fixeron aos xudeus non foi exterminar a varios millóns deles, senón crear as condicións para que outros tantos se converteran nos máis ruíns herdeiros do nazismo […] os nazis tomaron do xudaísmo o mito do “pobo escollido”, puxérono ao servizo dunha suposta “raza aria” e o utilizaron para exterminar aos propios xudeus; e os supervivintes dese brutal exterminio retomaron a vella fórmula, corrixida e aumentada, de mans dos nazis, para dedicarse, coa mesma ferocidade que os seus antecesores e verdugos, ao exterminio dos palestinos e á invasión dos países da súa área”.
Os parecidos son evidentes: os nazis animalizaban aos xudeus dicindo que eran ratas, os sionistas califican aos palestinos como “animais humanos” e “infraseres”; os nazis empregaban o concepto de Lebensraum (o espazo vital), os sionistas botan man do concepto de “Terra Prometida” e de “Gran Israel” en base aos textos bíblicos; tanto o nazismo coma o sionismo están sostidos sobre ideas racistas, no caso de Israel, os cidadáns teñen dereitos diferentes dependendo da súa raza ou etnia; tanto sionismo coma o nazismo manipulan a información, fomentan estados de histerismo colectivo,
utilizan a educación para crear unha sociedade enferma, violenta, fanatizada e alicerzada no odio ao diferente. Son réximes revanchistas, iluminados e esquizofrénicos.
Unha chea infinita de impunidade e inmunidade
Este estado terrorista e xenocida actúa así porque pode. Saben que nada nin ninguén os pode parar. Rinse de Nacións Unidas, desprezan os tribunais penais internacionais, perseguen á UNRWA e a quen a apoia, asasinan a xornalistas internacionais… Poden bombardear a civís, pechalos entre muros, asasinalos cando se reparte comida e medicinas, esnaquizar os seus depósitos de auga, asasinar a bebeś con fósforo branco, humillar, violar, estuprar… Poden gravarse ríndose da xente á que masacran, poden facer declaracións públicas en tik-tok pedindo o exterminio de todos os árabes, poden dicir tranquilamente que os palestinos son animais, poden mentir, manipular, vitimizarse. Poden ir a Eurovisión e participar en competicións deportivas internacionais, algo que non se lle permite á Federación Rusa. Poden o que lles saia de dentro porque non lles vai acontecer nada: total impunidade, inmunidade total.
Unha forra do imperialismo, dende río até o mar
E todo isto, por que? A Shoah está por riba da Nakba? O imperial-capitalismo internacional estima que son máis importantes por unha cuestión racial ou étnica? Non importa nada o lobby árabe ou musulmán no mundo? Nada diso. “The economy, stupid”. O Estado terrorista de Israel é un activo importante para Estados Unidos, a OTAN e os seus esbirros da Unión Europea, de boa parte da Liga Árabe e dos AUKUS nunha das rexións máis ricas do mundo en combustíbeis fósiles: Oriente Medio. EEUU gasta centos de miles de millóns de dólares en manter ese Estado xenocida para ter unha cuña na zona. Petróleo, petrodólares, Canal de Suez. Todo o estado é unha base militar. Israel non ten cidadanía, todos son soldados, dende que nacen. Son formados no fanatismo, no odio e na doutrina do choque. Son o Estado 51, a Sionazión.
A situación é insostíbel dende hai oito décadas e cada vez a escalada é peor, máis intensa, insufríbel. As carautas voaron e ao longo de todo o Mundo, todos os bandos tomaron partido. A extrema dereita e o imperialismo (noutrora antixudeus) co Estado terrorista e xenocida; o comunismo, o antiimperialismo e o antifascismo, co pobo palestino e a súa Resistencia. É a hora da verdade, e ogallá o sufrimento, o sacrificio e o masacre de todo un pobo sirva para acabar con este estado criminal, gadoupa infernal de EEUU e a OTAN. A shoah acabou coa Alemaña nazi: que este xenocidio sexa o principio da fin do estado terrorista, criminoso, asasino, facinoroso e teocŕatico sionazi. A humanidade estará en débeda co pobo palestino eternamente. Eternamente.