Carlos Botana
O proceso inicial de confluencia dos elementos politicamente proclives nun Partido único está formalmente rematado. Podemos presumir, chegados a este punto, de que o Partido Comunista pola República Galega é a única forza verdadeiramente operativa organizada á esquerda da socialdemocracia institucional, ademais de ser a organización que con máis contundencia reivindica a emancipación nacional de Galicia, dado que é a organización con máis forza para facelo. Seguen a existir no país, por suposto, persoas que se consideran marxistas e aínda non forman parte do único Partido Comunista realmente existente e digno dese nome no noso territorio, pero eses elementos non deben ser incorporados xa pola vía da apelación e da chamada a un deseño inicial que está culminado, senón pola vía da loita de liñas: a operatividade do Partido e o acerto na definición da folla de ruta rematarán por impoñerse; aquelas persoas que son verdadeiramente honestas na súa vocación de clase dende unhas coordenadas marxistas, rematarán por incorporarse a un proxecto que saben acaido, centrado e consecuente.
Malia isto, non debemos enganarnos a nós mesmos: o comunismo segue a ser visto como unha idea exótica –no mellor dos casos– pola poboación galega. O punto no que nos atopamos esixe dunha inversión consciente en organización que faga posible que a ferramenta Partido acade os máximos posibles de operatividade –a solvencia dunha idea ven dada en grande medida pola forza de quen a defende– e a disposición de espazos de interacción co conxunto da sociedade que fagan da nosa proposta programática unha cuestión de sentido común para tódolos galegos e galegas.
Construír Poder en paralelo
As revolucións triunfantes ao longo da historia da humanidade funcionan en base a un esquema común que é indispensable coñecer se pretendemos acadar éxitos reais e non adicar as nosas forzas a un pasatempo estéril: aí radica a diferencia fundamental entre proceso revolucionario e xogo erudito.
En que consiste este esquema? Na construción dun poder alternativo ao poder das clases dominantes. O que na literatura marxista se denomina, en ocasións, “Novo Poder”. Isto non é fraxeoloxía folclórica, aínda que para aquelas persoas alleas á militancia marxista poida soar como unha excentricidade.Vexamos exemplos:
A Revolución francesa triunfa no momento en que o terceiro estamento –todo o que quedaba fora da nobreza e do clero–, dotado xa dunha cohesión interna e de estruturas paralelas ao vello poder feudal, máis ou menos definidas, decide, no famoso Xuramento do Xogo de Pelota, constituírse en Estado con maiúscula, dando comezo á detonación sistemática de tódalas vellas estruturas do poder feudal. Esta é a vía mediante a cal a burguesía suplanta á nobreza como nova clase dominante. Algo similar sucedera no caso americano coas Trece Colonias nacendo como entidade estatal en detrimento da monarquía británica.
A Revolución rusa fórxase a través da organización dos soviets –asembleas de obreiros e campesiños– e acada o seu cénit no momento no que este novo poder das clases oprimidas derroca ao Goberno Provisional, constituíndose xa en Ditadura do Proletariado materializada na forma da Unión Soviética no marco dun proceso que dura no tempo.
A Revolución chinesa é un exemplo moito más radical: nun momento no que o Estado chinés era practicamente un oxímoro, fragmentado de antemán e colapsando a raíz da invasión xaponesa, o Partido Comunista Chinés organiza un Estado de seu nas zonas liberadas que se atopaban baixo o seu control.
Na Revolución cubana o novo poder nace da man da guerrilla en Sierra Maestra. En todas estas experiencias, un xermolo do novo Estado, deseñado para servir aos intereses dunha clase concreta, existía con anterioridade á proclamación do novo Estado revolucionario e só no momento en que a clase previamente dominante é derrotada aparecen as novas experiencias, chámense Estados Unidos, República Francesa, Unión Soviética ou República Popular da China. É importante observar que isto non é válido unicamente para a revolución proletaria, senón que funcionou de xeito moi similar nas experiencias revolucionarias da burguesía.
Tendo nós esta información, podemos reflexionar de xeito moito máis centrado sobre a nosa tarefa, enunciada diafanamente por Lenin e repetida como un mantra nesta revista e en tódolos foros nos que ate agora tivo ocasión de pronunciarse o noso Partido: demoler o Estado burgués e construir un novo Estado proletario que facilite a emancipación da humanidade no seu conxunto.
E cal é a conclusión fundamental? Que os vimbios dese novo poder estaban xa dende antes do fito histórico que constitúe a proclamación das novas formas de Estado. Esa era a realidade que trataba de sinalar Lenin cando afirmou que “a revolución non se fai, organízase”. Organizar a revolución proletaria é, insistamos unha vez máis para que non quede dúbida, traballar seriamente na disposición das bases do poder obreiro que ha de ser.
Construír Poder Obreiro: asembleas e participación de masas
Atendamos agora ao que, no seu momento, afirmaba Lenin:
Que é o Poder soviético? (…) consiste en que o Estado era gobernado antes, dunha ou doutra maneira, polos ricos ou os capitalistas, mentres que agora o gobernan por primeira vez (e, ademais, en masa) precisamente as clases que estaban oprimidas polo capitalismo. Mentres exista a dominación do capital, mentres a terra siga sendo propiedade privada, o Estado o gobernará sempre, incluso na república máis democrática e máis libre, unha pequena minoría, integrada nas súas nove décimas partes por capitalistas ou ricos.
Por primeira vez no mundo, o poder do Estado foi organizado en Rusia de maneira que unicamente os obreiros e os campesiños traballadores, excluíndo os explotadores, constitúen os Soviets, organizacións de masas ás que se transfire todo o poder público. (…) Este poder (…) permite pasar ao socialismo. Ofrece aos oprimidos de onte a posibilidade de elevarse e de tomar cada vez máis nas súas mans toda a gobernación do Estado, toda a administración da economía, toda a dirección da produción.
O Poder soviético é o camiño ao socialismo, atopado polas masas traballadoras e, por iso, un camiño acertado e invencible.1
Afondar nesta concepción e atopar un xeito de artellala no noso contexto require comprender que é un soviet. Un soviet é un consello obreiro, fundamentalmente unha asemblea. O soviet, en tanto que forma de organización dos obreiros polos obreiros, impugna os fundamentos dun poder preexistente construído de arriba abaixo mediante a incorporación do pobo dun esquema de poder de abaixo arriba. O soviet constitúe, pola súa disposición e natureza, a detonación da contradición que opera entre o Estado das clases dominantes –chámese burguesía, chámese nobreza, chámese funcionariado subordinado aos intereses das dúas anteriores– e as necesidades das clases populares materializadas en vontade soberana mediante o exercicio da asemblea.
A experiencia histórica da Revolución rusa amosa que os soviets non erosionaron unicamente o Imperio tsarista, senón que evidencian pola súa mera existencia o carácter represivo da democracia burguesa sobre o proletariado e as súas clases afíns, explicitando sen remedio o carácter fundamentalmente opresor da ditadura da burguesía, adquira o nome que adquira. Así foi posible derrubar tamén o Goberno provisional de Kerenski, que encubría a permanencia da dominación de clase mediante a cosmética, coa careta do Partido Social-Revolucionario.
Sería posible que os soviets tiveran acadado o seu máximo potencial no proceso histórico da loita de clases por sí sós? Non. Se o soviet é o catalizador do instinto de clase e da vontade do proletariado por exercer o poder, o Partido Comunista é a ferramenta da clase para deseñar unha estratexia en conxunto, é a ferramenta de combate que permite dar forma a esa vontade e executala de xeito implacable, aínda cando a burguesía adopte os métodos represivos máis brutais, aínda cando toda a burguesía do mundo ataque como unha manda de lobos, como sucedeu na Guerra Civil na que británicos, xaponeses, chineses, franceses, checoslovacos, gregos, italianos, romaneses, serbios, estadounidenses, alemáns, lituanos, búlgaros, austríacos, húngaros e unha infinidade de exércitos máis colaboraron coas tropas tsaristas para impedir o nacemento da Unión Soviética (unidade de tódolos soviets erixidos en Estado obreiro polo traballo abnegado dos bolxeviques).
No presente a fórmula é a mesma: é preciso construír unha forma alternativa de comprender o poder, un modelo de organización común, radicalmente democrático, tallantemente republicano, univocamente proletario. Toca artellar espazos de interacción que faciliten a intervención dos elementos máis organizados co resto da clase, permitindo que a liña política sexa posta a proba polo escrutinio dun pobo no pleno exercicio da súa conciencia de clase. No inmediato, veñen á nosa mente tres fórmulas: a disposición dun movemento estudantil obreiro, combativo e de masas; a construción de espazos proletarios que eleven a intensidade da loita económica coa axuda da ferramenta sindical; o artellamento dunha fronte cultural que conceda plena liberdade ao xenio creador do noso pobo tamén no eido das artes e das ciencias, intensificando así a loita ideolóxica.
Esa é a terra fértil na que debemos sementar Partido Comunista e República Galega.
1 O fragmento presentado aquí omite certos fragmentos non esenciais en aras da brevidade, para o texto completo vésaxe V. I. Lenin. «¿Qué es el poder soviético?» en Obras Completas, tomo 38, Editorial Progreso, Moscú, 1981,
pp. 238-239.