O proceso de investidura de Pedro Sánchez como presidente do goberno e, sobre todo, as subseguintes protestas contra a amnistía, evidencian unha situación lamentable sobre a que cómpre reflexionar fondamente dende as diversas organizacións proletarias do conxunto do Estado.
Para comprender de xeito máis preciso a cuestión é útil rescatar a definición de hexemonía tomada de Gramsci e empregada, hai xa máis de dez anos, paradoxalmente, por Pablo Iglesias: «o poder adicional do que goza o grupo dominante para facer coincidir os seus intereses co interese xeral». Asumindo este concepto, a disputa pola hexemonía estaría estreitamente vencellada coa loita ideolóxica da que falou Lenin: mentres que as elites empregarían todas as ferramentas ao seu alcance para que as clases dominadas permanezan submisas aos intereses da clase dominante, as forzas revolucionarias buscarían empregar todos os recursos axitativos e propagandísticos á súa disposición para crebar esa dominación ideolóxica e levar ao conxunto do pobo traballador a defender os seus propios intereses, que dende unha formulación xenuinamente marxista pasan por prestar apoio ao proletariado na loita pola implantación do socialismo.
Malia non ser forzas de vocación revolucionaria que tiveran os conceptos de clase obreira, proletariado ou socialismo, no centro da súa axenda, o obxectivo de Podemos e outras forzas «de ruptura» aparecidas a partir do ciclo 15-M pasaba, en teoría, por mover os marcos do que a sociedade consideraba aceptable, condicionando a opinión pública e conquistando a hexemonía, en teoría, en beneficio da cidadanía, das maiorías sociais, das clases populares… Pero, cal foi o resultado tras máis dunha década de práctica reformista? As forzas «de ruptura» que mantiveron a súa presenza na política institucional confirmáronse invariablemente como forzas socialdemócratas incapaces de formular ningún tipo de emenda á totalidade, contentándose con amaños parciais de dubidosos resultados e asimilándose ao discurso e ás lóxicas do sistema.
Dito isto, vexamos cales son os tres grandes problemas evidenciados polos sucesos de Ferraz:
En primeiro lugar, temos a existencia dunha reacción capaz de mobilizar ás masas en torno a discursos e símbolos cada vez máis reaccionarios. No eido institucional, isto cristaliza na aparición dunha forza parlamentaria como Vox, que actúa en sinerxía co PP como catalizador do discurso máis desacomplexadamente antiobreiro por parte do conxunto das chamadas forzas «de dereita». Nas rúas, asistimos á aparición de grupos de choque, de natureza máis ou menos oportunista e discurso esteticamente radical e aparentemente antisistema –vemos exemplos en consignas como «Felpudo VI», por exemplo–. No que respecta a esta última cuestión, é doado relativizar e subestimar o papel destes actores se tomamos como referencia os grupúsculos de natureza máis ou menos efémera que actuaron no contexto concreto das protestas de Ferraz, pero o seu papel como condicionante ideolóxico pernicioso é moito máis evidente se reparamos en organizacións como Desokupa. Sería un erro grave subestimar o papel cualitativo destas excrecencias da reacción apelando a factores cuantitativos: a reacción constitúe un todo por moi fragmentaria que se poida presentar ante nós nun momento dado.
O segundo problema é a inexistencia dunha opción de clase verdadeiramente combativa e preparada para constituírse como muro de contención do proletariado fronte ás arremetidas da burguesía e da súa carne de canón. As clases populares, no conxunto do Estado, atópanse indefensas e despoxadas das ferramentas necesarias para defender os seus intereses: na loita económica pártese da derrota, a xulgar pola afabilidade coa que os responsables dos principais sindicatos comparten mesa e apertas de mans coa patronal –a última folga xeral é cada día unha lembranza máis lonxana–. Especialmente dramática é a situación no que se refire á loita política –dificilmente disociable aquí da ideolóxica–, cunha esquerda dividida en dous grandes familias igual de impotentes que xogan, no mellor dos casos, o papel de disidencia controlada ou crítica espectacular do espectáculo: a socialdemocracia concesiva e timorata de discurso posmoderno e un reformismo socialdemócrata de discurso moito máis clásico, adornado co nacionalismo español máis esencialista e cos argumentos reaccionarios máis perniciosos. Non incluímos aquí, por razóns máis que obvias, ao partido dos GAL, aínda que no dramático contexto no que nos atopamos, para algunhas capas da nosa clase poda ser visto como unha opción progresista.
O terceiro problema, o máis importante, derívase dos dous anteriores: as forzas contendentes atópanse nunha posición totalmente asimétrica, coa clase obreira en clara desvantaxe no que se refire ás condicións subxectivas. A esquerda, debilitada ata converterse nunha caricatura de si mesma, atópase representada na súa práctica totalidade pola socialdemocracia reformista e, aqueles sectores da poboación de vocación máis progresista, atopan un refuxio reconfortante detrás dos escudos da policía cando observan sucesos como as protestas de Ferraz a través da televisión, depositando as súas esperanzas nas ferramentas represivas da elite dominante: o Estado burgués e as súas forzas e corpos de seguridade, os mesmos que executan os desafiuzamentos a golpe de porra cando non podemos pagar a hipoteca ao banco.
Na dinámica de antagonismo existente entre dous actores con intereses contrarios –neste caso, proletariado e burguesía– a necesidade dos adversarios de impor a súa lei ao outro da lugar a un bucle de violencia sen límite, é dicir, a escalada da violencia só se detén cando unha das partes xa non pode ir máis aló. Así, o grao de represión que as elites están dispostas a exercer de xeito explícito, depende directamente do punto ao que as clases populares sexan quen de chegar na organización da súa loita. Por outra banda, as accións de cada unha das partes en disputa non emanan da libre vontade das mesmas, consideradas illadamente: mentres o adversario non teña sido totalmente derrotado sempre existe a posibilidade de que se impoña, polo que os antagonistas, mentres dure o conflito, nunca serán plenamente donos das súas decisións. Por último, a insuficiencia da forza material coa que conta cada un dos actores en disputa para impor a súa vontade trae como consecuencia un aumento da súa convicción para entregarse ao conflito en si acadando cotas de compromiso cada vez maiores coas súas metas.
Podemos concluír, por tanto que:
No proceso da loita de clases, unha maior pasividade do proletariado ante as medidas tomadas pola burguesía, a subordinación das clases populares aos intereses das elites, só pode dar como resultado unha perda gradual de dereitos e un nivel de vida cada vez máis miserento para os traballadores.
Pola contra, un ánimo de combate por parte dos oprimidos e a firmeza na defensa do que é seu, só pode traer como resultado medidas represivas cada vez maiores por parte da burguesía, que ten o deber obxectivo de defender os seus intereses se non quere desaparecer como clase. O interese principal da burguesía, evidentemente, é a explotación.
Os proxectos de clase do proletariado e da burguesía constrúense en direccións necesariamente opostas en tanto que os intereses de clase de oprimidos e opresores son irremediablemente antagónicos. Non existe nin pode existir un programa honesto de conciliación. Sempre que existan cesións, no marco da loita de clases, estas responderán ás necesidades da clase dominante por manter o seu control sobre a clase dominada. Ou o que é o mesmo: cando unha clase cede, é porque a clase contraria ten forza para facela ceder.
Canto máis ameazada está unha das partes contendentes, maior é a súa predisposición a levar a cabo actos máis radicais: así, por exemplo, o Terror xacobino aparece como solución inevitable para garantir a supervivencia dunha Revolución Francesa asediada por tódolos flancos e, no contexto ruso, o Terror Vermello bolxevique aparece como resposta á máis furibunda ofensiva da reacción tanto nacional como internacional; ás forzas reaccionarias, pola súa banda, non lles treme o pulso en empregar os métodos máis brutais cando o seu modelo é ameazado, tal e como demostran os exemplos, empapados en sangue, de Franco, Salazar, Pinochet, Videla, Mussolini, Hitler…
Chegamos, unha vez máis, a unha conclusión máis que coñecida: o estado da clase obreira en Europa occidental é de completa indefensión, totalmente subordinada económica, política e ideoloxicamente aos intereses dunha burguesía dominante que vende a explotación que exerce sobre nós como “o máis humano dos modelos posibles”. Como podemos saír desta?
Precisamos unha ferramenta claramente definida e posicionada no contexto da loita de clases. Un Partido de todos e todas nós, nitidimante obreiro, que antepoña os intereses do proletariado a calquera outra cuestión.
Precisamos abandonar e rexeitar, dunha vez por todas, os cantos de serea do pesimismo desmobilizador, do falso pragmatismo que nos ata ao mal menor. Toca escoller, dunha vez por todas: os intereses da nosa xente –dos nosos pais e nais, dos nosos irmáns e irmás, dos nosos fillos e fillas– ou os intereses dos nosos inimigos de clase, aqueles que viven da ignorancia, da guerra, da miseria e máis da fame.
Precisamos un plan, unha folla de ruta. Abandonar o idealismo inxenuo e os prexuízos morais que nos separan da acción. Rexeitar decididamente as lóxicas liberais, o narcisismo instigado pola burguesía que nos reduce á condición de caricatura ridícula, de secta impotente, con tal de non recoñecer os límites das nosas capacidades como elementos illados. Trazar e abrazar, por fin, un horizonte estratéxico deseñado por e para a clase no seu conxunto, a través da única ferramenta que fai posible este exercicio: o Partido Comunista.
Precisamos o traballo lento, meticuloso, pero constante e sen pausa, como o da formiga, que nos leva a avanzar, centímetro a centímetro, pasiño a pasiño, cara a consolidación da unidade do conxunto da nosa Patria proletaria, cara á inclusión do conxunto do noso pobo no proxecto nacional do seu Partido Comunista pola construción dunha República Galega, que está destinada a ser e inevitablemente será socialista.