O mundo que vén

Miguel Lorenzo

Este ano 2024 cumpríronse 10 anos do golpe de estado en Ucraína e hoxe, todos contemos a respiración polo constante belicismo e rusofobia que se respira na decadente Europa Occidental. A mal chamada ‘’esquerda’’ europea, seguindo coa súa continua caída en picado ao abismo da irrelevancia política, sitúase xunto aos liberais e a nova aristocracia elitista, para levarnos coa súa axenda globalista de guerra ante un escenario incerto, onde está a suceder a reconfiguración, non só dos bloques internacionais tradicionais, senón incluso dos tradicionais eixos ‘’esquerda-dereita’’.

O mundo de hoxe agoniza porque tras décadas de expansión da OTAN cara as fronteiras rusas; tras décadas de ter ao estado xenocida de Israel dándolle carta branca para realizar limpezas étnicas e masacres indiscriminados; tras décadas de ameazas a China para que non creza e, polo tanto, sancións económicas indiscriminadas; e tras estas décadas onde as falsas esquerdas abandonaron a súa combatividade na rúa para ser defensores da ideoloxía ‘’woke’’ e centrarse en problemas mundanos que nada teñen que ver coa clase obreira. Por todo isto e demais agravios, o mundo dixo basta, e ese mundo que dixo basta está liderado e dirixido por China, Rusia e os BRICS, e os comunistas non podemos ser indiferentes e temos que pornos ao seu lado xa que son os únicos baluartes e defensores da civilización humana fronte aos lobbies das grandes multinacionais. Nestes períodos electorais europeos que estamos a vivir, o eixo esquerda-dereita rompeuse, xa que a xente non vota partidos en función do seu contido nacional, senón pola postura que actualmente teñan en función do conflito en Ucraína; así, podemos observar un aumento considerable do Bloque Sahra Wagenknecht en Alemaña, da Alianza da Esquerda en Finlandia, ou tamén do partido de Robert Fico en Eslovaquia ou do partido Fidesz en Hungría. O común que teñen todos eses partidos é a oposición ao réxime neonazi de Kiev e a seguir alimentando a maquinaria de guerra da OTAN.

O mundo de mañá que arelamos, pasa por un mundo de paz onde non teñan cabida toda esta quincalla de belicistas, globalistas e dexenerados que o único que pretenden é acabar con todos nós, os que non servimos aos seus intereses decadentes ao servizo dunha organización macabra e criminal como a OTAN. Todos teremos que decidir cando chegue o momento se o mundo que queremos é un planeta cheo de dexeneración, como impera agora mesmo en occidente, ou un mundo de paz onde as diatribas belicistas, antinaturais e anticientíficas queden enterradas na esterqueira da historia.