Apuntamentos para unha industria galega estruturada e integrada desde unha perspectiva ambiental
Pedro Alonso Iglesias
Acerca do termo reindustrialización, extraemos da enciclopedia dixital máis popular do momento: “A reindustrialización é o proceso económico, social e político de organizar os recursos nacionais co propósito de que as industrias volten establecerse nun país ou territorio que abandonaron ou do que desapareceron. É o contrario da desindustrialización”. A información que para os derradeiros 15 anos ofrece o Instituto Galego de Estatística acerca da evolución do emprego industrial en Galiza non deixa espazo para a dúbida. Existe un descenso importante nas cifras de emprego industrial no noso país. Un descenso de máis de 40.000 empregos que se traduce nunha perda de peso do emprego industrial sobre o conxunto do emprego de case tres puntos porcentuais. Mais ese descenso non permite asentar unha retórica catastrofista nin falar de ermo industrial. Optar por esa vía, pola do vitimismo, non contribúe máis que para o engorde do caldo do discurso político do PP e do seu goberno autonómico, que ten plenas competencias na materia. E reforza, pola contra, a imaxe da nosa terra como o último lugar do planeta onde alguén se atrevería a investir en industria, convertendo piratas, ladróns e especuladores, en afervoados benfeitores. Porque esa teima que mostra o PP en falar de ermo e catástrofe industrial ten como obxectivo claro, ademais de culpar ao goberno do Estado, o de impulsar o extractivismo clásico e, en concreto, o de preparar a chegada á Ulloa e a outras comarcas do país dunha nova vaga de industrias de enclave. Trataremos, pois, de pór novamente no foco os obxectivos lóxicos e prioritarios dunha política industrial pensada por e para a Galiza, mantendo como criterio fundamental o beneficio social nacional e a sustentabilidade ambiental.
A realidade da que partimos
A táboa 1 e a conseguinte gráfica pódenos servir para construírmos unha idea sobre o devalo industrial recente do noso país e sobre as súas dimensións.
ANO | Poboación ocupada total (miles persoas) | Poboación ocupada na industria (miles de persoas) | % ocupación industria sobre ocupación total |
2008 (1T) | 1.189,8 | 216,0 | 18,1 |
2023 (4T) | 1.138,9 | 174,70 | 15,3 |

Así como o mencionado descenso do peso específico do emprego industrial a respecto do emprego total é significativo, non menos innegábel é a constante e recorrente teima do poder foráneo e dos seus valedores autóctonos en reforzar o papel subsidiario e dependente da nosa economía, co principal obxectivo de perpetuar a súa función como territorio onde asentar proxectos extractivos e industrias de enclave. Son coñecidos e numerosos os exemplos deste tipo de economía extractiva e industria de espoliación. Non vamos lembrar ese listado que materializou a aldraxe e lastrou as posibilidades dun desenvolvemento auto-centrado. Pero si é interesante citar aquí que o impacto que na economía galega representa a industria extractiva se sitúa en máis dun 15 % do V.A.B (valor agregado bruto) total galego, proporción significativa aínda que non comparábel á que rexistran as economías de países como Bolivia, R.D. do Congo, Namibia ou Chile, todos eles situados en esferas xeopolíticas caracterizadas polo predominio do extractivismo e a industrialización primaria de enclave. O dominio e perpetuación no tempo deses modelos son garantía de expulsión de iniciativas auto-centradas, do afogamento dese tecido social e nacional capaz de ameazar os intereses coloniais e, finalmente, do progresivo esmorecemento do sector primario, desprazado e marxinado polo avance de múltiples proxectos extractivistas. O medre dese modelo vai acompañado, convén non esquecelo, dunha perda de peso específico no sector primario. Agricultura, gandaría e pesca atinxiron en Galicia perdas de 5.6 puntos porcentuais no V.A.B. entre 2029 e 2020 (un valor aproximado, pero en positivo, foi o alcanzado polo sector enerxético e a minaría). E isto acontece nun país que sempre mostrou unha relativa fortaleza nese sector, por riba da dos países da súa contorna, constituíndo por tanto un claro sinal de identidade. Chegado este punto, con todo, conviría tamén non subestimar a nosa propia responsabilidade na edificación de proxectos de distinta natureza, que poidan servir de contraste ás lacras citadas.
Estrutura e integración
Na historia recente do noso país, a dotación dunha estrutura e integración económica e, nomeadamente, industrial, coherentes ten sido unha teima de diferentes especialistas e investigacións ao longo de decenios. Desde o Seminario de Estudos Galegos, cos trazos dados por Lois Peña Novo no deseño dun tecido industrial galego capaz de dar soporte á economía, á sociedade e á cultura galega, ata as recentes aportacións de Baamonde (Unha nova Olanda. De Ferrol ao Porto. Cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global. Galaxia, 2021 e Galicia, distrito industrial. Conversas con Daniel Hermosilla. Galaxia, 2024), pasando polos clásicos de Beiras (O atraso económico de Galicia. Galaxia, 1973), López-Suevos (Excedente económico e análise estrutural. Galaxia, 1977), Nogueira, Soto e Facal (O poder industrial en Galicia. Xerais, 1980) ou Vence (Innovación e cambio tecnolóxico na industria. O potencial científico-técnico e as transformacións nos procesos de produción na industria en Galicia durante o período de crise. USC, 1992; Galicia. Unha luz no Atlántico. Obra colectiva. Xerais, 2001). Estas achegas todas sitúan o foco neses dous conceptos: estrutura e integración.
A estrutura dunha economía confórmana as relacións de produción e os fluxos, de bens, servizos e traballo, que se establecen entre os distintos sectores: primario (agricultura, gandaría, pesca..), secundario (industria e construción) e terciario (servizos). Así, existen conceptos como o da “estrutura produtiva desequilibrada”, que definiría unha estrutura caracterizada pola heteroxeneidade dos seus sectores, incluíndo, por exemplo, a presenza dun sector primario de alta produtividade, que traballa a prezos internacionais ou por baixo deles, e un sector industrial dunha produtividade claramente inferior, que soporta prezos superiores aos internacionais e que, con frecuencia, nace coa protección e impulso públicos, sendo, para o caso galego, un exemplo claro o do nacemento da empresa estatal do aluminio INESPAL. Neste exemplo concreto paga a pena lembrar o que apunta M.C. García Negro nunha súa colaboración xornalística:
“Segundo iamos descrebendo os atributos característicos das industrias de enclave poderíamos ter anotado en cada unha delas os trazos que compuxeron a chegada e instalación do que hoxe é Alcoa en San Ciprián. Infraestruturas a cargo do Estado, nada menos que un porto feito de novo. Terreo barato e accesíbel. Man de obra barata e maleábel. Lexislación medioambiental: a máis laxa do continente europeo. Capital local disponíbel (as caixas de aforro e o capital público como socios locais). Acceso á subministración de electricidade garantida pola central das Pontes: prezo e cantidade seguras. Disposición institucional totalmente colaborativa en todos os níveis: local, provincial, autonómica e estatal: tanto en actuacións de investimento apropriado como en subvencións directas. Pagamento de impostos en Madrid, coa cobertura da contabilidade dunha compañía máis coñecedora que a propria Facenda pública dos interiores da empresa.” As industrias de enclave. Diario de Pontevedra, 01-06-2020.
No tocante á integración, escribía Xavier Vence1 en 2001:
“As nosas actividades productivas adoecen dunha feble integración interna e medran ou estáncanse en función das necesidades doutras economías máis desenvolvidas. Estamos demasiado especializados en actividades centradas na explotación de recursos naturais e primarios, cunha escasa capacidade de xeración endóxena de tecnoloxía e coa conseguinte dependencia como meros compradores-usuarios da tecnoloxía creada neses espacios. As principais empresas industriais, comerciais, de transporte, comunicación, financeiras, seguros, etc., son hoxe de capital foráneo, polo que sufrimos unha sistemática detracción do noso excedente económico a través dos mecanismos de acumulación privada (expulsión de recursos financeiros, repatriación de beneficios por parte das empresas de capital alleo, impostos recadados no lugar onde están situadas as sedes sociais das compañías e non onde está a produción, etc.). A reducida capacidade de acumulación tradúcese nunha escasa xeración de emprego, e a súa orientación cara a actividades pouco intensivas en coñecemento dá lugar a unha continua expulsión de recursos humanos cada vez máis formados, contribuíndo, xunto cos fluxos anteriores, ao desenvolvemento doutros espacios.”
Ambos conceptos, estrutura e integración, son, segundo a súa fasquía, os que permiten diferenciar cando unha economía é auto-centrada ou cando é extravertida. A primeira equilibra as demandas dos diferentes sectores e acostuma ir acompañada por unha maior cohesión social. A segunda desaproveita e expulsa recursos (materias primas, bens de transformación, forza de traballo..) desde o sistema económico, que se caracteriza ademais pola existencia dunha forte desestruturación social e por elevados pasivos ambientais. Cando os investimentos se producen seguindo o modelo que prioriza a expulsión de materias primas, sen apenas avanzar nos procesos de transformación, ou cando os aproveitamentos que serven a eses obxectivos alteran ou directamente limitan as posibilidades para o desenvolvemento doutros aproveitamentos que aportan unha maior incidencia social positiva, fálase de investimentos que perpetúan a dependencia fronte a investimentos que favorecen o desenvolvemento endóxeno e autónomo.
1 Vence, X. (2001): Forzas e feblezas dun vello país. Unha economía en mutación e en crise. In: Galicia. Unha luz no Atlántico. Víctor F. Freixanes (editor). Xerais, 2001.
Exemplos do desequilibrio e as súas consecuencias sociais e territoriais. O pasivo ambiental.
Quizás sexa interesante lembrar algúns exemplos de desenvolvemento industrial sectorial caracterizados pola súa magnitude e polos desequilibrios que introduciron, voluntaria ou involuntariamente, nas súas periferias industriais respectivas e, por extensión, no dinamismo económico galego. Son paradigmáticos os casos do cooperativismo e o sector lácteo, da minaría metálica, de lousa e de granito e da industria forestal baseada na silvicultura intensiva. O do aluminio é xa sobradamente coñecido.
Industria alimentaria: Coren e sector lácteo
O impulso do cooperativismo foi sempre unha teima de importantes sectores do galeguismo histórico e de asociacións académicas involucradas na promoción dese modelo de desenvolvemento no noso país. Con todo, foi na provincia de Ourense onde deu en aparecer a maior das cooperativas galegas, converténdose en poucos anos nun referente no mercado de producións primarias e, ao tempo, nun foco cobizado onde practicar o caciquismo máis primitivo. For casual Coren, mérito dun “prócer do pobo” ou froito da converxencia de intereses políticos e empresariais, o certo é que o caso de Coren prendeu escasamente como referente dinamizador e o modelo do cooperativismo agrario non ofrece unha visión coincidente entre realidade e potencialidade se pomos o foco no sector lácteo-gandeiro, por exemplo. Tan só recentemente unhas poucas empresas e cooperativas de produción deron en unirse para criar unha nova referencia industrial. Novamente, a indolencia institucional lastra as posibilidades de crecemento económico e social dun dos sectores que involucra maior poboación e territorio rurais. As razóns dese desleixo intúense. E as consecuencias da macrocefalia de Coren saltan á vista na Limia, afectada por unha contaminación difusa de proporcións inéditas.
Minaría
A minaría galega de lousa e granito beneficiouse das oportunidades que abriron, por un lado, o devalo rexistrado en áreas produtivas anteriormente dominantes, como o País de Gales coa lousa ou Italia co granito, e de marcos legais favorables nos que a variable ambiental foi sempre desprezada. De tal xeito que, en poucos anos, as empresas extractivas de lousa e granito incrementaron a súa capacidade produtiva situándose en condicións de dinamizar os mercados internacionais para, nos anos noventa do século pasado e primeira década do presente, lidera-los ao saír reforzadas por unha relación privilexiada caracterizada pola máxima tolerancia que as institucións autonómicas de Galicia e Castela-León lles dispensaron. En contraste con esa evolución extractiva, que pasou no caso da lousa dunhas poucas miles de toneladas na década de 1980 a centenas de miles apenas vinte anos despois, chama a atención a escasa transformación da materia prima, limitada ao corte e elaboración de cubertas para a construción e, moi recentemente, á produción de paneis solares térmicos de lousa (o denominado thermoslate, de Cupa Pizarras). En cambio, esa tolerancia institucional transformouse en poucos anos nun enorme impacto ambiental, caracterizado polo inxente volume de estéril de lousa xerado, sepultando ladeiras e valgadas, ribeiras de ríos, patrimonio etnográfico e paisaxe de comarcas como Valdeorras ou Courel, sen que as prácticas de restauración ambiental teñan mitigado se quer unha mínima parte das superficies ocupadas polos entullos, convertidas na actualidade nun pasivo ambiental de colosais proporcións que condiciona e limita o impulso a outros aproveitamentos e actividades económicas. No caso da minaría metálica, poñamos por diante os exemplos de Touro e Penouta, a actividade sen implementación de medidas preventivas conduce case sempre á aparición de graves problemas de drenaxe ácida. No caso de Touro, tal contaminación constitúe un impacto que para minorar ou paliar é preciso recorrer á adición de centos de toneladas de residuos fecais de depuradoras que neutralizan a drenaxe ácida pero provocan a eutrofización dos cursos de auga da contorna, que van ao Ulla e deste á ría de Arousa.
Forestal e celulosas
O caso da industria celulósica é paradigmático a nivel mundial por demandar enormes cantidades de materia prima, o cal se traduce na ocupación e transformación de superficies crecentes do territorio dos países onde se instala, ben sexa o sudeste asiático ou o suroeste de Europa. Considérase unha industria típica de economía de escala, de maneira que leva á practica constantemente o mantra de incrementar produción para reducir custes e mellorar competitividade no mercado. En Galicia, este comportamento derivou na eucaliptización do territorio situado por baixo dos 700 metros de altitude nas tres provincias con beiramar e á crecente incidencia na superficie agraria. Un modelo silvícola e industrial excluínte que demanda o control territorial absoluto. O seu impacto, por tanto, non só é ambiental, tamén o é a nivel económico e social. Só un país dependente pode padecer a incidencia territorial que esta industria provoca, por exemplo, en Galicia. Pero mesmo en estados soberanos, como Portugal, Suecia, os EE.UU, Uruguai ou Chile, o poder desta industria é enorme e aproveita os mecanismos e privilexios outorgados pola lobbificación para incidir a cada fase expansiva en maiores proporcións de territorio. Trátase, pois, dunha das industrias máis perniciosas do punto de vista ambiental e socioeconómico.
Déficits fronte virtudes da industria galega
Baamonde e Hermosilla sinalan na recente obra Galicia, distrito industrial (Galaxia, 2024) que as novas sinerxías establecidas na industria galega teñen a ver coa demanda tecnolóxica compartida. Describen un moi interesante proceso de desenvolvemento produtivo, apertura de mercado e progreso tecnolóxico partindo dunha orixe común e natural: a demanda do uso de tecnoloxía de innovación para determinados procesos industriais pon en contacto unha pequena rede de empresas e industrias, que avanzan no knowhow ao tempo que proxectan as súas producións mediante a transferencia de información en proxectos colaborativos e procesos de innovación, introducíndose en mercados emerxentes e mellorando a posición das súas empresas neses mercados. Convén reparar neste curioso fenómeno, porque aparenta que a propia dinámica empresarial e industrial galega parece ser capaz de compensar o que non se fai desde as institucións competentes, amortecendo as dimensións dun devalo que, en boa medida, está propiciado pola indolencia consciente do goberniño autonómico.
Por outro lado, as estatísticas de 2023 reflicten un dinamismo superior ao do conxunto do Estado Español, de maneira que o crecemento industrial en Galicia ese ano foi dun 0.8%, fronte ao retroceso do 1.4% rexistrado para o conxunto do Estado. E esa tendencia mantense, pois o IPI (índice de produción industrial) galego rexistrou un aumento do 4.0% nos primeiros catro meses de 2024, contrastando co 1.9% que marcou para ese período o conxunto do Estado. Por tanto, non é tal o enfraquecemento industrial galego, como se quere transmitir interesadamente desde a cociña política do PP.
Os sectores de transformación
Descarbonización, transición verde e sector enerxético
A demanda dunha maior electrificación da sociedade para afrontar os retos da descarbonización de sectores como o transporte e as comunicacións vai ter, invariablemente, unha enorme incidencia na estrutura do sector enerxético. E, previsiblemente, serán os países dependentes e colonizados os que han pagar un maior prezo, tanto a nivel de custe ambiental como, en obvia e inxusta contradición característica do modelo colonial, polo propio da enerxía producida no seu territorio. Se no canto de impulsar a masificación eólica ou a hidroelectricidade por bombeo, o goberno autonómico priorizase a repotenciación eólica, o rescate de concesións hidráulicas e o deseño e edificación dunha verdadeira axencia enerxética galega, as avantaxes que se abrirían para a promoción industrial e, consecuentemente, para o emprego, serían superiores ás proporcionadas pola perpetuación do modelo extractivista que levamos padecendo desde mediados do século pasado.
Industria alimentaria
Aquí inclúense os produtos derivados da pesca, da gandaría e da agricultura. Falamos, por tanto, de sectores tan importantes para a economía galega como a industria conserveira, a industria láctea ou a cada vez máis significativa agricultura ecolóxica. No caso da pesca e a industria conserveira, sería optimista xa manter o recurso e a frota, vendo como a non oculta axenda do Estado e o papel de acompañante do goberniño autonómico do PP avanzan cara o redeseño da beiramar, impulsando a masificación eólica tamén a escasas millas da costa. No relativo á gandaría e á agricultura, é obvio que a institución competente -Xunta de Galicia- podería ter a capacidade de enfrontar con plenas garantías unha política transversal que impulsase a resiliencia do tecido económico rural pero, como parece claro, son outros os intereses. Encadrados no novo contexto europeo de procura de materias primas estratéxicas, estes intereses dan as costas a aqueles sectores demográficos que precisan máis atención e maior esforzo institucional, direccionando as prioridades institucionais precisamente en sentido contrario, o do enfraquecemento e desaparición. A directiva europea de materias primas estratéxicas é clara e aspira a que antes de 2050 a UE atinxa un 60% de fornecemento interior destes materiais, ben a través da extracción directa como do impulso da reciclaxe. A mobilización e autodefensa do rural é, por tanto, urxente, se o que se pretende é non seguir perdendo base material e poboación.
Industria forestal
Vimos anteriormente como o atributo de economía de escala converte a industria celulósica en excluínte en relación ao territorio onde procura a súa materia prima e, por tanto, tamén en relación ao ecosistema industrial ligado ao sector forestal. A historia recente demostrou como a concentración dos serradoiros, se ben puidese ter sido unha demanda básica para a mellora da competitividade, o que resultou foi na eliminación práctica deste tipo de actividade de moitas comarcas do país e na apertura dun corredor que mobiliza recursos públicos en beneficio exclusivo das grandes compañías silvícolas de desintegración (celulosas e taboleiros de fibra) e dos pequenos pións que as fornecen (empresas forestais que mercan madeira). Consumada a renuncia da administración pública autonómica a regular e compensar o desequilibrio que no territorio supón a dinámica do mercado da madeira, só resta que novos axentes políticos, cando dispuxeren do poder institucional, tracen unha nova axenda. Na que se encontraría, en primeiro lugar, a ordenación forestal, coa imposición de restricións e limitacións aos aproveitamentos silvícolas intensivos e de rápido crecemento. E, como non pode ser doutro xeito, o peche da celulosa de Pontevedra e, se for o caso, a análise detallada das posibilidades, circunstancias e contextos onde se podería impulsar, ou non, unha industria celulósica de dimensións moderadas a reducidas, de carácter público, con peche do ciclo do papel e salvagardando a inocuidade ambiental.
Industria mineira
As pretensións do goberno do PP nesta materia non pasan do tradicional extractivismo que practican as multinacionais de capital australiano ou canadiano, propietarias de filiais ibéricas ou españolas ás que xa se lles deu entrada nese contubernio denominado Recursos de Galicia. O obxectivo é cinguirse como luva na man aos intereses desas multinacionais, impulsando proxectos limitados pola súa temporalidade, renunciando a procesos de transformación que impliquen maior valor engadido, máis emprego e a posibilidade de reforzar a integración industrial da economía galega, mantendo pois a coherencia cos principios fundacionais da “brigada de demolición”. Con todo, a demanda interna galega, a solidariedade con países sobre-explotados en América do Sur ou África e as posibilidades de acadar esa integración deberían facernos repensar proxectos concretos. As dúas condicións fundamentais serían, en primeiro lugar, a sustentabilidade e inocuidade ambientais e, por suposto, o acompañamento da extracción coa transformación mineral, estimulando proxectos de maior impacto no emprego, con posibilidade de establecer sinerxias tecnolóxicas e favorecer a apertura de mercados.
Industria siderúrxica
Os acontecementos bélicos recentes re-deseñaron o escenario enerxético da Centro Europa. O enorme gasto inducido derivado da sabotaxe do Nord Stream II dinamitou tamén a industria pesada da Alemaña. Multiplicados por oito ou por dez os prezos do gas, as empresas siderúrxicas, as químicas de fertilizantes, as de celulosa, vidro e, en xeral, a industria pesada toda, viuse abocada ao peche en moitos casos. O colapso económico desta industria posicionou en condicións máis que favorábeis a outras empresas europeas da siderurxia. Eis o caso de Hierros Añón, empresa de A Laracha da que un xornal dixital galego informaba recentemente que mercara as filiais británica, belga e francesa da siderúrxica Klöckner, situándose así en condicións de liderar o mercado siderúrxico do suroeste europeo. Exemplo de como a dispoñibilidade de enerxía e a súa xestión para favorecer un uso industrial que social e economicamente reverta positivamente no país podería marcar o camiño dunha nova xeira industrial galega. Impulsar a economía circular, dotar os fornos coas máis modernas e eficaces tecnoloxías e mellorar os procesos de captura e re-utilización de carbono deberían ser a marca desa nova fase de desenvolvemento siderúrxico galego.
Automoción
Se existe unha empresa industrial con capacidade de incidir sobre plans urbanísticos e enerxéticos, comunicacións e desenvolvemento económico do sector terciario no suroeste galego esa é a da automoción, coa antiga Citröen, hoxe Stellantis, como referente indiscutible. O desenvolvemento de estradas e o crecemento urbanístico e portuario non se poden concibir en Vigo sen a participación desta industria. A importancia e peso específico na economía viguesa é tal que, de producirse o seu peche, a hecatombe social sería de proporcións de difícil estima. E, con todo, existe potencial no país para diversificar esta industria e relativizar a importancia da multinacional francesa. Non lonxe da capital galega existe unha cada vez menos modesta empresa especializada en grandes e medianos vehículos de transporte, incluíndo vehículos militares. A potencialidade desta empresa para diversificar, introducir e integrar en novas liñas de produción a demanda de descarbonización do transporte -civil- debería ser atendida no plano institucional. Son precisamente as empresas con inicios modestos, de longa traxectoria e que experimentaron importantes fases de crecemento, as que poden, co debido apoio do sector público, servir de auténticos polos de desenvolvemento e integración industrial.
Excedente, aforro, banca e facenda públicas. Artellar e comunicar unha estratexia galega do sector público
Nos últimos 20 anos vimos como as ferramentas que podían servir para o deseño e construción da nosa economía nacional ían desaparecendo ou converténdose en apéndices carentes de iniciativa e mobilidade propias. Así aconteceu co sistema financeiro, liquidado nunha operación deseñada para entregar este poder a axentes foráneos. A SODIGA (Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia), da que saíron importantes iniciativas e propostas de grande potencialidade para o país cando nela pinchaban algo as caixas de aforro, foi anulada como instrumento ao servizo do país e reconvertida en axencia de penetración do capital foráneo. E que dicir do principal capital que tiña o país, o aforro. Filtrado pola escasa sensibilidade coas obxectivas necesidades nacionais que mostra a familia propietaria, o investimento que poida facer a principal entidade financeira do país, a que ficou cos recursos e o capital das antigas caixas, diríxese prioritariamente a aquelas iniciativas coincidentes coa política marcada polo poder político e real. Nesas circunstancias, tan só se pode pensar e deseñar a política do futuro, as prioridades e urxencias básicas a atender por unha nova maioría política, que asuma o reto de situar na axenda política institucional cuestións de tanta relevancia como unha banca pública galega, unha verdadeira sociedade de promoción e deseño industrial, unha competente e capacitada axencia enerxética pública galega, etc. Pero, sobre todo, potenciar e articular o argumentario comunicativo que poida situar como inescusable unha política pública de promoción industrial desde unha perspectiva auto-centrada e respectuosa co ambiente, a paisaxe e os recursos patrimoniais.
Unha necesaria cultura política proactiva coa industria galega e coa inevitable compensación da perspectiva ambiental
Reforzar o discurso do sector público como eixo ou axente dinamizador fundamental da construción dun novo modelo industrial autocentrado debe, de maneira inescusable, incorporar a aceptación da aplicación das máximas garantías de control da incidencia ambiental. Non podemos pasar dun modelo de industrialización de enclave, que espolia e desestrutura o territorio e o tecido socioeconómico propio, a un modelo de industrialización nacional que interiorice e asuma os niveis de polución herdados do modelo anterior. Certo é que haberá cuestións que requerirán períodos transitorios cara alternativas máis acordes a esas intencións (falamos, por exemplo, de Alcoa), durante os cales será inevitable correxir vicios e asumir “voladuras” controladas. Pero o discurso debe procurar a mutación profunda da economía galega, mediante a activación e integración dun sector industrial no que a innovación tecnolóxica, a transformación das materias primas, o impulso de modernas redes de comercialización e o absoluto respecto ambiental poidan ser marca e bandeira da casa, tanto como esa filosofía colaborativa da que fala Galicia, distrito industrial, que estamos convencidos que contribúe tanto ou máis para a construción nacional e social que calquera celebración do 1º de maio.