O marxismo-leninismo como fórmula para a liberación nacional

Mariana P. N.

«Para facer a revolución, necesítase un partido revolucionario. Sen un partido revolucionario, sen un partido creado conforme á teoría revolucionaria marxista-leninista e ao estilo revolucionario marxista-leninista, é imposible conducir á clase obreira e as amplas masas populares á vitoria sobre o imperialismo e os seus lacaios».

– Mao Tse Tung

«A burguesía expón sempre en primeiro plano as súas reivindicacións nacionais. E exponas dun modo incondicional. O proletariado subordínaas aos intereses da loita de clases».

– Lenin

  1. A nación: o materialismo dialéctico fronte ao idealismo e o esencialismo

O caracter nacional de Galicia é algo que, por sorte, está xa máis que exposto. Galicia é unha nación, porque hoxe constitúe unha identidade diferenciada da(s) do resto do Estado Español. O vello Stalin (1913) definía o concepto de nación do seguinte xeito: 

“nación é unha comunidade humana estable, historicamente formada e xurdida sobre a base da comunidade de idioma, de territorio, de vida económica común e de psicoloxía, manifestada esta na comunidade de cultura (Stalin, 1913).

E se ollamos para Galicia, o noso país, dámonos de conta axiña de que, punto por punto, cumpre os requisitos que o histórico líder comunista expuña xa hai máis dun século. 

No entanto, moitas veces, os nacionalistas galegos, caen en lóxicas esencialistas para defender o carácter nacional de Galicia. Obviando o materialismo dialéctico, apelan ao pasado destas terras, falando de características diferenciadoras de Galicia noutras épocas históricas, sendo a máis común, o Reino de Galicia. E non, Galicia non é unha nación porque tivera un pasado no que se constituíse coma unha entidade diferenciada do Estado Español. Galicia é unha nación porque hoxe, segue tendo as características imprescindibles para que sexa considerada tal. E estas características poden mudar. E Galicia pode deixar, por conseguinte, de ser unha nación.

Tamén, é máis que evidente, que non podemos basear a nosa defensa da existencia da nación galega nunha suposta existencia dunha “raza galega”, ou peor aínda, dunha suposta superioridade desta raza, argumentario polo que pulou o sector máis reaccionario e conservador do nacionalismo galego, como Vicente Risco, escritor ourensán que chegou a afirmar o seguinte: 

“Pero o único bendito que levo comigo é o meu sangue celta. Mentres non me quiten o sangue celta, non poderei apartarme da cruz; (…) Porque a nosa raza é tamén unha árbore podada, e tamén un Cristo cravado na cruz que derrama o seu sangue; Baixo as aguias a nosa raza é a imaxe viva de Cristo crucificado” (Risco, 1961, p. 82).

Así mesmo, se ben isto pode parecer unha afirmación desafortunada pero inofensiva, se nos paramos máis nos seus escritos, podemos ver como a súa defensa da existencia da nación galega se basea en postulados racistas e xenófobos, tratando a outras etnias ou orixes culturais de inferiores:

“O odio ás razas radica nun fondo da alma inatacable polo razoamento. É un instinto. (…) E digo eu: é posible que un sentimento tan unánime contra os xudeus non teña unha causa real? Ten que tela. Todo instinto corresponde a unha causa; o instinto atina sempre, adiviña as causas” (Risco, 1984, pp. 299-300).

Este argumentario, propio da idea romántica de nación anterior á Ilustración, a parte de ser moralmente reprobable, dende a ciencia do materialismo dialéctico é puramente idealista e esencialista. Así, este enfoque supón que as características dun grupo son inherentes e inmutables, definíndoas de forma fixa e estática. Con todo, as identidades nacionais son complexas e dinámicas e están compostas por unha variedade de factores culturais, históricos, lingüísticos e sociais. Ao asignar características específicas a un grupo en función da raza, créase unha idea idealizada e moitas veces simplificada do que debería ser esa nación. 

Así mesmo, se o caso da raza exposto por Risco ou outros nacionalistas conservadores é algo extremo, e por sorte minoritario, si que dentro do nacionalismo máis progresista se poden seguir vendo estas dinámicas ensencialistas. Un claro exemplo é o rural e o agro. Se ben tradicionalmente Galicia foi un país con grande presenza da agricultura e da gandaría como motores económicos, actualmente podemos ver como iso foi mudando conforme o capitalismo foi tamén avanzando. Nembargantes, é do máis habitual que dende o nacionalismo se faga un gran paralelismo do noso país co rural e coas aldeas, que se ben parte da poboación se pode sentir identificado con ese relato en base á súa experiencia persoal, cada vez é menos así, pois é tamén cada vez menos a poboación que vive fora do rural ca nel. Ademais, téndese a caer nun discurso no que se equipara ser galego a “ser de aldea” algo que, como xa dixen é puramente esencialista e polo tanto, reaccionario. Así mesmo, é importante tamén destacar a resignificación que se lle deu a este, pois nun pasado empregábase a alta ruralidade de Galicia como algo pexorativo, pois esta ruralidade asociábase ao atraso económico, pero tamén ao atraso social, non obstante, dende o nacionalismo, fíxose unha reapropiación de todo ese relatorio e desa simboloxía, asociando o rural ao ser galego. Algo moi similar ocorreu coa figura do Apalpador, por exemplo. Esta figura navideña, irrompeu hai cousa dunha década con moita forza, reivindicada sobre todo por sectores nacionalistas coma unha tradición galega que había que recuperar. Sen embargo, esta figura nunca foi extendida nin coñecida na maior parte da xeografía galega.

Deste xeito, é unha tarefa totalmente imprescindible e urxente de todos os autodenominados comunistas de Galicia (e de todas as nacións asoballadas) tomar conciencia de todas as contradicións derivadas da principal, capital vs. traballo, que atinxen á cuestión nacional galega e analizalas (e abordalas) do xeito correspondente, é dicir, coa ciencia do materialismo dialéctico e histórico.

  1. Suxeito revolucionario para a emancipación para a clase obreira galega

Os marxistas temos como deber posicionarnos a favor da emancipación das nacións asoballadas. Xa Lenin, na súa obra O dereito das nacións á autodeterminación (1914), recoñecía a necesidade dos pobos de poder decidir sobre a súa posible independencia sen intervencións externas por parte doutras nacións. Formaba parte isto, ademais, dunha estratexia antiimperialista, pois o dirixente soviético ademais afirmaba que a emancipación nacional debilitaría a capacidade do imperialismo (fase superior do capitalismo) para explotar nacións máis vulnerables (Lenin, 1914). Non obstante, aínda que avogaba pola emancipación nacional, facía fincapé na necesidade de solidariedade internacional entre os traballadores e os movementos revolucionarios, considerando a loita pola emancipación nacional coma parte dun proceso cara á transformación socialista a escala global. 

2.1 Breve resumo do comunismo de praxe independentista en Galicia

Así mesmo, en Galicia, temos un longo percorrido histórico de comunismo de praxe independentista. Empeza coa Unión do Pobo Galego (UPG), fundada no ano 1964, de facto, aínda durante a ditadura franquista. Nas imaxes 1 e 2, podemos ver “Os dez puntos da UPG”, que se publicaron na Revista Terra e Tempo (revista do partido) a modo de manifesto ideolóxico.

Imaxes 1 e 2

Fonte: Revista Terra e Tempo, 1

Porén, conforme foi pasando o tempo, a UPG foi sufrindo un proceso de dereitización, amén dun acusado interclasismo e un progresivo acatamento das institucións políticas burguesas españolas. Deste xeito, en 1976 prodúcese un proceso de ruptura impulsado polo escritor Méndez Ferrín, onde os marxistas-leninistas abandonaron o, nese momento xa, partido nacionalista, e fundan a UPG-liña proletaria, partido que se refunda no ano 78 baixo o nome de Partido Galego do Proletariado (PGP), partido que mostra unha posición favorable de cara a unha alianza de esquerdas, nun precedente claro da Posición Soto, da que falarei no seguinte apartado. 

Imaxes 3 e 4

Esta necesidade foi promulgada ademais abertamente por Galicia Ceibe-OLN, organización impulsada polo PGP (que se acabou disolvendo na mesma).

Imaxe 5. Luís Soto e Enrique Líster na manifestación do Día da Patria convocada por Galiza Ceibe-OLN (1980)

,

Así, no ano 1986 prodúcese tamén outro importante fito na historia do comunismo galego, pois é en marzo dese ano cando se funda o colectivo “22 de marzo” (logo PCLN), que estaba formado por trece membros formado por 13 membros do Comité Central da UPG que non quixeron acatar o acordo de aprobar o xuramento da Constitución Española no Parlamento galego acordado no V Congreso da UPG. Porén, o PCLN seguía estando presente no Bloque Nacionalista Galego (BNG), que se fundara no ano 82 co fin de aglutinar aos nacionalistas, en xeral, nunha soa fronte, pero na súa III Asamblea Nacional, celebrada no ano 87 na vila ourensá do Carballiño, o PCLN é expulsado debido ás discrepancias existentes, como o apoio dos do PCLN ao partido vasco Herri Batasuna. 

Deste xeito, a proximidade ideolóxica e a coincidencia táctica do PCLN e Galicia Ceibe-OLN fixo que estes dous partidos se fusionasen dando lugar á Frente Popular Galega (FPG). A FPG avanzou tamén considerablemente na Posición Soto promovendo a Plataforma Veciñal de Esquedas. A FPG contribuiu enormemente ao aglutinamento dos comunistas nunha soa fronte, así como da mocidade comunista, primeiro en Adiante e logo en Xeira. Así, seguiu avanzando nas frontes de masas de esquerdas e participando nas candidaturas que, por aquela entonces, sí supuñan unha clara oposición e unha estratexia operacionalizable de ruptura co réxime do 78. 

Imaxe 6. Homenaxe da FPG a Moncho Reboiras en Teis, Vigo (2014)

Porén, no ano 2021 a FPG sufriu unha ruptura ao evidenciarse no seu propio seo eivas nacionalistas e socialdemócratas. Non obstante, a mostra desas contradicións contrubuiu a que os marxistas-leninistas da organización a abandoaran e xunto a outros cadros provintes dos partidos antecesores da mesma tradición á FPG, así como outros cadros comunistas alleos a toda esta carreira construiran o Partido Comunista pola República Galega (PCRG), que tivo o seu Congreso Constituínte en decembro do ano 2021 e que nestes máis de dous anos de andaina demostrou a necesidade de que todos os comunistas galegos se agrupen en torno a un partido marxista-leninista de praxe independentista.

2.2 O nacionalismo galego hexemónico como reacción

Non obstante, a necesidade de ruptura co Estado Español non é un discurso que unicamente copáramos nós, senón que certos sectores do nacionalismo progresista (polo menos, de portas para fóra), tamén falan da necesidade de que Galicia se desligue de España.

En Galicia, ao contrario que en Catalunya ou Euskal Herria, nunca tivemos un tecido industrial forte, polo que o nacionalismo de dereitas, ao contrario que  neses outros países, nunca logrou cristalizar nun proxecto político sólido. En Galicia, o nacionalismo hexemónico, historicamente, sempre foi progresista e fortemente vinculado ao mundo cultural. Podemos dicir que o nacionalismo, tal e como o coñecemos posteriormente á Ilustración, comeza en Galicia co Rexurdimento, no século XIX, e que conseguiu cristalizar en movementos de tal envergadura como a Xeración Nós, a comezos do século XX, e fundamental para a consolidación e difusión do nacionalismo galego, así como para a afirmación da identidade cultural e lingüística de Galicia.

Porén, en 1964, aínda na clandestinidade, como xa dixen, fúndase a UPG que racha co discurso nacionalista e evidencia todas as contradicións que había no seu seo. Desta forma, ponse sobre a mesa unha cuestión na que os comunistas galegos nos afirmamos e é que non existe unha Patria, en abstracto, que deba de emanciparse, senón unha clase traballadora que ademais da súa condición de proletariado, ten que sufrir tamén as consecuencias da opresión nacional, que non é consecuencia doutra cousa que non teña que ver coa contradición capital vs. traballo. Resulta, por conseguinte, totalmente incongruente e ilóxico que como comunistas teñamos en mente outra cousa que non sexa a emancipación da nosa clase e, por conseguinte, acreditar nun proxecto interclasista que non teña por fin último a cristalización de Galicia nunha República Socialista. 

Outro factor fundamental a ter en conta é a ideoloxía autonomista que perdura dentro do nacionalismo galego hexemónico, agora mesmo, representado no BNG. Isto, lonxe de ser unha incoherencia, como a priori nos pode parecer, responde a unha mera cuestión de clase, pois quen ten máis influencia dentro do BNG é a pequena-burguesía, aristocracia obreira e profesionais liberais que se senten bastante cómodos no marco autonómico e de dependencia con respecto ao Estado Español que temos en Galicia. As expresións (sempre mínimas) de radicalidade (sempre só estética) foron ligadas a procesos electorais a fin de atraer aos sectores máis avanzados do nacionalismo progresista. 

Así, atopámonos con sectores da suposta esquerda nacionalista -que non independentista- que falan dunha Patria en abstracto como un ente ao que liberar. Fronte a isto, os comunistas temos claro que a liberación da clase traballadora galega non pode ser concibida: 

  1. nun proxecto interclasista no que se apele á patria como un ente totalizador da vontade e duns supostos intereses comúns dos galegos sen atender á diferenciación de clase. 
  2. sen un proceso real de independencia para Galicia non concibido coma un fin en si mesmo, senón coma un proceso para rachar o Estado (burgués) Español. A independencia de Galicia debe de se cristalizar na construción da República Socialista Galega. Os comunistas non queremos a independencia coma fin en abstracto, queremos a independencia para construír o socialismo.

E non acreditamos tampouco nun proxecto incompatible co internacionalismo proletario, pois a clase traballadora, independentemente da nosa orixe étnica, cultural ou nacional, compartimos intereses comúns: a socialización dos medios de produción e a abolición das clases sociais. Este posicionamento, co que todos os marxistas coincidimos, é contraditorio co nacionalismo:

  1. Clase vs. Nación: O internacionalismo proletario céntrase na pertenza á clase obreira, destacando que os traballadores comparten intereses comúns que traspasan  fronteiras nacionais e fai fincapé na importancia da cooperación entre traballadores de diferentes países para construír o socialismo. Pola contra, o nacionalismo prioriza a identidade e os “intereses nacionais”, centrándose na procura duns intereses comúns a todas as persoas da nación que, na maioría dos casos, reflicten un claro intento de lograr unha conciliación de clases.
  2. Abolición da sociedade de clases vs. Preservación da nación: O internacionalismo proletario ve a abolición do sistema capitalista coma o seu fin último, concibindo ademais a existencia de nacións opresoras e oprimidas coma unha consecuencia da sociedade de clases e da propiedade privada dos medios de produción. O nacionalismo avoga pola preservación da nación coma obxectivo central, non necesariamente pasando por un proxecto de construción do socialismo.
  1. Nacionalismo progresista e Posición Soto

Sería totalmente ilóxico e caeriamos nun claro caso de revisionismo e simplismo se falásemos de nacionalismo en abstracto sen atender ás diferenzas (que xorden polas obvias contradicións) que hai dentro do seu seo. En Galicia, hai un claro sector nacionalista de carácter progresista que ten a súa orixe a comezos do século XX, que rompía co nacionalismo esencialista e conservador e logra introducir a contradición de clase no seu relatorio. Neste movemento é obrigatorio falar de Castelao, figura non só indispensable na cultura de noso, senón tamén no político, que, sen ser comunista, logrou pór enriba da mesa as contradicións de clase que había no nacionalismo máis conservador e incluso chegando a abandonar as posicións federalistas en prol do independentismo.

Non só no marco da nosa realidade nacional podemos ver os grandes avances que no seu momento o nacionalismo progresista conquistou. Se nos imos á China de principios do século XX vemos unha nación totalmente invadida polo imperialismo xaponés, que buscaba expandirse a costa de China. Isto, provocou un enorme malestar á poboación que, descontentos coa xestión do emperador, logrou que se producise a chamada Revolución de Xinhai e que o Kuomitang do histórico líder e pensador chinés Sun Yat Sen chegase ao poder. Este partido, se ben supuxo un fito histórico ao rachar co réxime anterior, non logrou operacionalizar unha resposta axeitada á invasión xaponesa, sendo o PCCh o encargado de levar a cabo esa necesaria e imprescindible labor, partido do histórico dirixente Mao Tse Tung, que sendo o férreo comunista que foi, é innegable negarlle a influencia do pensamento de Sun Yat Sen, a quen chegou a loar publicamente incluso nos seus discursos (Mao, 1956). Sun Yat Sen propuxo inicialmente un enfoque de Tres Principios do Pobo, que incluían o nacionalismo, a democracia e o benestar do pobo. Mao, doutra banda, avanzou na teoría e práctica da loita de clases, vendo a revolución como unha loita entre as clases sociais, especialmente entre os campesiños e os terratenentes. Aínda que os seus enfoques diferían, ambos os líderes foron capaces de identificar as contradicións que existían no réxime anterior.

Un fenómeno similar pasou no Vietnam, onde a Fronte Nacional Socialdemócrata, que se erixiu nun primeiro momento coma alternativa para organizar a ofensiva contra o imperialismo estadounidense, demostrou, ao igual que na experiencia china, que o nacionalismo era insuficiente para a liberación da clase traballadora.

Luís Soto, figura histórica do comunismo galego, observou este fenómeno e viu a potencialidade do nacionalismo progresista no noso país, posicionándose firmemente nunha estratexia que pasaba pola unidade dos comunistas, da esquerda e do nacionalismo nunha soa fronte. Méndez Ferrín colleu o legado de Soto e recoñeceu esta estratexia coma óptima para Galicia, Nun artigo que redactou de seu titulado Eu, Posición Soto (1992) cando aínda militaba no comunismo, recoñeceu esta necesidade tamén, afirmando que este proceso debía ser levado a cabo “incluíndo Anova e todos os seus compoñentes, nos que se inclúe a FPG, con EU e co BNG. Se tal confluencia se producira, asistiremos a unha mudanza histórica. Calquera outra combinación política suporía a continuación de aquilo que hai e que a maioría non quer” (Ferrín, 1992: 145).

  1. O comunismo patriótico galego

Se ben a Posición Soto é unha estratexia que formula unha solución á situación de dependencia e asoballamento de Galicia a España, non debemos deixarnos deturpar por eivas nacionalistas nin autonomistas. Actualmente, o nacionalismo galego hexemónico, agrupado en torno ao BNG, xa se declara, agora xa abertamente, como autonomista. O autonomismo é unha solución insuficiente, pois equipara a Galicia e o resto de nacións sen estado de España, co resto de autonomías divididas arbitrariamente. Este nacionalismo, que nace da eiva pequenoburguesa que abandonou no seu momento a comunista UPG, é profundamente reaccionario caendo en lóxicas esencialistas e puramente acientíficas para defender a nación galega, a, como se mencionou no primeiro apartado do presente artigo, presentándose como nostálxico de tempos pasados, como argumento para defender a necesidade de rematar coa inferencia do Estado Español no noso país e presentando proxectos pouco definidos e con estética “radical” como resposta á incapacidade da pequena-burguesía para impoñerse ao dominio da burguesía española na política e economía galega.

Os comunistas galegos avogamos pola independencia, pasando entón loxicamente por un proceso de captación por parte da nación galega do poder económico e político, poderes que o Estado Español nos nega historicamente. A independencia tampouco pode ser concibida coma un fin en si mesma, senón coma unha conclusión e unha estratexia para acadar o socialismo, pois no marco do Estado Español, e cunha situación de total dependencia do noso país a el, non se vai lograr chegar a este obrigatorio fin. 

E temos entón, por deber, agrupar a toda a militancia comunista nun só partido, intervindo con representación en todas as frontes de loita política e económica posible, destacando o sindicalismo. Non podemos tampouco rexeitar a intervención en frontes de masas que avoguen pola autodeterminación do pobo, pois é importante incorporar os cadros máis avanzados que se decaten das contradicións que obvian partidos nacionalistas e pequenoburgueses, valla a redundancia, e que teñen implícitas a conciliación de clases. Nós somos partidarios entón do patriotismo, como Mao Tse Tung, materializando o amor á patria, na loita pola emancipación da nosa clase, así coma do internacionalismo proletario, pois comprendemos que a loita da nosa clase traspasa todas as fronteiras das diferentes nacionalidades e é colectiva a todo o xénero humano.

Pola emancipación do proletariado galego: Independencia e Socialismo! 

REFERENCIAS