Manoel Pérez e Paulo Rubido
“O froito real das batallas non radica no éxito inmediato, senón na unión cada vez máis extensa dos traballadores.” K.Marx.
A mellora individual nas condicións dun traballador (sen saír da empresa) ten dúas formas: o enfrontamento coa súa clase ou o enfrontamento coa outra clase. Non hai mellora de condicións materiais sen asumir un enfrontamento. Cada membro da nosa clase asume unha posición neste enfrontamento que non é unha decisión baladí, nin inocente, e ten as súas repercusións nos ecos da historia.
En canto se emprende unha acción sindical nunha empresa hai tres fases, a fase na que se emprende esta acción, a fase na que se consolida e a fase na que se exerce. A fase na que se emprende amosa ser unha fase disruptiva motivada por un conflito concreto coa empresa que une vontades, pero que xa no primeiro momento de acción sindical as volve a desunir no momento no que hai que establecer o punto de enfrontamento coa empresa.
Unha vez asentada esta fase, que non sempre se asenta, créase unha rede de confianzas e desconfianzas de partida na que se reparten os papeis do plantel ante a empresa e ante os compañeiros. Esta fase de consolidación trátase dunha guerra de trincheiras na que as complicidades se moven amodo.
Por último, existe unha fase na que se exerce a unión sindical existente ante un ataque da patronal, ben sexa en forma de empeoramento das condicións, de non avance das mesmas ou da rescisión das condicións (peche). Estes son os momentos nos que o traballo sindical conxelado (o constituínte e o diario) agroma e cita á clase obreira á pelexa. E precisamente este é o momento no que as complicidades e as desconfianzas se agudizan en función do resultado da contenda, podéndose mover as posicións preestablecidas nas anteriores fases.
Neste deseño temporal do conflito, onde queda a conciencia de clase? É dicir, a intelixencia colectiva de saber que hai un enfrontamento soterrado na sociedade no que o reparto do tempo e do diñeiro dirímese de modo colectivo en clases pero que implica a cada individuo.
Como ampliamos a conciencia obreira? Loxicamente esta cuestión ten múltiples planos de resposta e de acción humana, pero ímonos circunscribir á acción do sindicato.
O problema que vemos no sindicato é o seu sometemento á lóxica mercantil. O sindicato divídese e fragméntase ao igual que a produción burguesa, facendo acumulación dos mesmos fenómenos de competencia e alleamento da empresa capitalista.
O sindicato é o máis parecido a unha asociación de pequenos propietarios. Cada membro ocúpase dunha serie de empresas cunha fisionomía moi parecida entre elas, de feito, establécese unha competencia descarnada entre os liberados polos resultados que se obteñen nos diferentes centros de traballo coa idea de chegar a un congreso (momento de reparto) e poder garantir ou poder ampliar a súa esfera de influencia. E, por suposto, nesta lóxica, os delegados e afiliados, que participan minimamente da estrutura sindical, nunca o fan máis alá da súa empresa.
A fracción máis consciente da clase traballadora, a que foi capaz de perpetrar unha acción sindical constituínte, incluso consolidala e incluso facela valer nos momentos de loita coa patronal, é totalmente allea aos problemas da súa clase noutros centros de traballo. Polo tanto, a súa consciencia diminúe ao ver que a súa acción colectiva só se circunscribe ao seu centro de traballo (que os demais problemas son totalmente alleos), cos avances pero sobre todo coas limitacións moi evidentes que ten non poder saír dun centro de traballo (o estancamento que se produce na guerra de posicións).
Romper con esta lóxica no sindicato non é fácil, require dunha profunda conciencia de clase, ou o que é o mesmo, dunha profunda crenza nas potencialidades da clase obreira, require dunha mente revolucionaria. Tentaremos reflectilo de xeito práctico.
Romper cos lazos de competencia, propios dunha asociación de pequenos produtores, faise cunha nova práctica sindical que rebase as lóxicas de representatividade sindical establecidas, que á súa vez emanan das lóxicas de representatividade que se establecen nas propias empresas, é dicir, o sindicato fai unha simple acumulación da lóxica representativa que lle vén dada pola legalidade burguesa do que debe ser a “representación pactada dos traballadores”.
Para isto presentamos dous planos de acción, un plano práctico e un plano político-cultural. A nosa aposta práctica é por unha acción sindical conxunta, allea as lóxicas de departamentalización e representación burguesa, é dicir, polo encontro de delegados, afiliados e obreiros de diferentes ramas de produción que expliquen a súa problemática (condicións materiais), compartan o xeito de resolvela (a consciencia obreira) e que o fagan de xeito conxunto (a solidariedade obreira), a trindade da conciencia obreira.
É un plano político-cultural, propio dunha concepción comunista, unha cultura do conflito de clase asemblearia, que tenda sempre ao encontro aberto dos traballadores e non a representación, que rebase as lóxicas ideolóxicas asentadas na clase obreira actuais (a súa múltiple afiliación a diferentes sindicatos, nacionalistas-non nacionalistas, e outras formas de división), que tenda a unha acción conxunta, excedendo así os límites impostos na representación, podendo asumir deste xeito maiores cotas de acción-conflitividade-transformación.
O liberado sindical non pode funcionar nunha lóxica de apagalumes que vai de problemática en problemática participando da segmentación e da comprensión asistencial-asalariada da acción sindical. O liberado sindical debe activar os mecanismos da práctica sindical conxunta, esa é a súa función, o organizador da clase obreira en conflito, non o solucionador da problemática individual. O liberado debe perseguir incansablemente “a unión cada vez máis extensa dos traballadores”.
A esta nova/vella práctica (dado que isto son as orixes do movemento obreiro) ímola denominar Comités Obreiros de Solidariedade.