Matar o monstro anticomunista

Moncho Lareu Riveiro

Se nos fixamos ben, o mundo non se divide entre esquerda-dereita nin entre abaixo-arriba, por moi ben que funcionen estas etiquetas a nivel publicitario ou persuasivo. Realmente, o mundo divídese entre os que queren avanzar e os que non queren evolucionar. Entre os que teñen privilexios e os que non. Entre os que queren manter eses privilexios e os que queren arrebatárllelos e acadar a igualdade total entre os seres humanos. Daí nacen o comunismo, a idea de que todos e todas podemos e debemos ser iguais; e o anticomunismo, a doutrina dos tiranos, dos escravistas, dos corsarios, dos timadores, dos esbirros, dos parasitos, dos explotadores.

O anticomunismo está nas igrexas, nas mezquitas, nas sinagogas, nos templos… aproveitándose do medo, da superstición e da ignorancia de moita xente. A Teoloxía de Liberación e os seus equivalentes noutros cultos, son curiosas excepcións que non nos deben enganar sobre a función principal das relixións dende que estas existen. Dende os púlpitos, o fanatismo consola ao pobre e pídelle resignación, dicíndolle que despois da súa morte vivirá noutra vida na que virarán as tornas e o explotado gozará de todos os praceres e desexos nun paraíso, e o explotador sufrirá tortura e mortificación ardendo no inferno. Toda crenza relixiosa está, polo tanto, sempre ao servizo propagandístico do rico, do poderoso.

O anticomunismo está nos libros de texto das escolas enganando os nenos e as nenas para que no futuro sexan escravas e non só non se rebelen contra os seus explotadores, senón que tamén os admiren e queiran ser coma eles por moito que o ascenso social sexa imposíbel. Nos libros de texto nunca se chama capitalismo ao capitalismo e identifícase o mesmo co termo “democracia”, cando non hai nada máis antidemocrático que un sistema intrinsecamente capitalita. Neses libros viólase calquera motivación didáctica cometendo a aldraxe de igualar comunismo e nazismo baixo a etiqueta “totalitarismos”. O anticomunismo está tamén nas universidades deturpando o marxismo e inventando as novas bases teóricas da explotación do humano polo humano.

O anticomunismo está na publicidade para que pensemos que o citado ascenso social si que existe, para que soñemos con ser nós os explotadores, porque os explotadores “son bos” e, en cambio, “nós somos pobres, perdedores e mediocres porque queremos”. E así, a publicidade convértese en propaganda elevando de forma case subliminal termos coma “exclusivo” (de excluír) ou “privado” (de privar a alguén de algo) até convertelos en ideas-forza e sacramentos dunha nova relixión. Os anuncios publicitarios venden a idea do importante que é poder ter todo sempre que outros e outras non poidan telo. Ti podes ser impotante e deixar de ser un miñaxoia por ter algo que o 99% non pode ter. Eis a consigna.

O anticomunismo está no cine para lavarnos o cerebro e facernos crer que a URSS non derrotou o nazismo, que os EEUU invaden países para “liberalos” de forma altruísta de non se sabe qué e levarlles “a democracia”, e que vivir nun estado socialista é sinónimo de pobreza e opresión. Para este cinema, Fidel é un ditador, os Romanov unha pobre xentiña que non vivía na opulencia mentres os pobos rusos morrían de fame, en Indonesia nunca houbo unha matanza de perto dun millón de comunistas e, curiosamente, o esbirro da CIA Pol Pot, si que era un auténtico marxista-leninsta “Red Label”. Hollywood gasta inxentes cantidades de diñeiro en ir contra aquilo que afirman que xa non existe: o comunismo e a democracia popular.

Do mesmo xeito, o anticomunismo está na literatura, sempre escrita polos fillos da burguesía, romantizando a explotación de clase, o dereito de pernada e a liberdade sen igualdade; e ridiculizando a solidariedade, a fraternidade, a colaboración mútua e a construción das causas comunais. A literatura anticomunista converte a realidade en ficción e a ficción en realidade, a verdade en mentira e a mentira en verdade, heroes en tiranos e tiranos en heroes. En moitos círculos literarios, ao escritor mediocre, abóndalle con ser furibundamente anticomunista para estar en todas a tertulias, en todos os programas televisvos, en todas feiras do libro, nas presentacións e sinaturas de FNAC ou de El Corte Inglés… É doado.

O anticomunismo é a causa pola que un capitalismo asustado inventou o nazismo e o fascismo, e a causa tamén pola que o capitalismo en crise continua actualmente botando man de nazis e de fascistas sempre que o necesita. Por anticomunismo, o imperalismo creou a Doutrina do Shock e a Escola das Américas, a contrainsurxencia e o Plan Cóndor, os paramilitares xenocidas e o terrorismo de Estado, as guerras proxy e os asasinatos selectivos, a OTAN e a AUKUS.

E dende esas confesións, eses centros de ensino, esa publicidade e propaganda, ese cine, esa literatura, esas alianzas terroristas… sempre anticomunistas, estimúlase e foméntase a personalidade individualista, egoísta, insolidaria, hedonista. Pisotear aos demais, pasar por riba de todos, ser un “lobo de Wall Street”, un “tiburón”, un depredador de “losers”, un triunfador maquiavélico e sen sentimentos… sempre en nome do sacrosanto liberalismo, do pesadelo capitalista.

E o anticomunismo está a triunfar. É o triunfo da morte e a miseria para os máis sobre a vida e a igualdade para todas. Eles teñen todas as ferramentas e nós fomos quedando sen ningunha. A maioría da clase obreira é anticomunista, a maioría das mulleres traballadoras son anticomunistas, a maioría da mocidade subalternizada é anticomunista. Temos ás galiñas rezándolle á raposa e desconfiando doutras galiñas. E a responsabilidade (prefiro non empregar o termo “culpa” polas súas connotacións relixiosas) é só nosa.

É responsabilidade das comunistas matar o anticomunismo. É unha necesidade e unha urxencia para a nosa clase, para as desherdadas do Planeta. É un inimigo moi forte e acabar con el cómpre de moito traballo, de moita disciplina, de moita unidade, de moita firmeza. Necesitamos formación, pedagoxía, didáctica, información e contrainformación. É un deber de todos os partidos comunistas, marxistas e obreiros do Mundo desmontar e desenmascarar o anticomunismo dando a batalla ideolóxica cos nosos propios aparellos (medios, ateneus, seminarios, cultura,…) combatendo os seus. Non queda outra, se non matamos a besta, a besta deboraranos.