Imperialismo (en singular e sen apelidos)

Editorial

A realidade internacional é volátil e representa con cru rigor a forza do cambio como única constante inherente á política, e ao ser humano no seu conxunto.

Nos últimos anos vimos cousas que xa pensabamos inconcibibles: o Donbass pasou da resistencia á ofensiva coa plena entrada de Rusia no conflito de Ucraína, Palestina pasou da resistencia á ofensiva co apoio do denominado eixo de resistencia, África pasou á ofensiva co rexeitamento e expulsión do neocolonialismo francés…

Os oprimidos, cando pasan á ofensiva –fase inevitable do conflito para o implicado que pretende facerse coa vitoria–, deben adoptar métodos que, pola súa proactividade, xeran confusión e mesmo rexeitamento. O que rexeita o espectador europeo, por exemplo, cando asiste a estes feitos, non é a violencia, que xa asume como algo intrínseco ao fenómeno da opresión. O espectador europeo rexeita a necesaria proactividade asumida por aqueles que buscan emanciparse da condición de vítimas, revólvese contra a subversión dun esquema ideolóxico que lle permite sentir unha compaixón impoluta, balsámica e, en definitiva, estéril.

A vítima que busca deixar de selo debe impoñer as súas razóns pola vía da forza, porque esa é a única linguaxe que comprende o vitimario. Que a imposición da vontade dun actor en conflito a outro só se pode obter pola aplicación dun maior grao de forza está en Clausewitz. Que a violencia do oprimido –que non a súa forza– sempre é menor á violencia do opresor, que é a fonte da que nacen o resto das miserias, está en Fanon. Que a ruptura do círculo de violencia e opresión –a emancipación, en definitiva– está no xeito en que os oprimidos deciden empregar a súa vitoria, está nun libriño titulado A violencia excedente, do galego Francisco Sampedro –dicir cultura en Galicia é dicir revolución, comecemos a interiorizar isto como un mantra–.

Esa fase de ofensivas á que asistimos no eido internacional, saldada en Galicia cun deslindamento político no campo progresista entre as forzas resoltamente antiimperialistas e outras tendencias que priorizaban outros intereses, parece chegar ao seu final. Resulta importante, neste punto, botar a mirada atrás e trazar unha análise que nos permita seguir mirando e camiñando cara adiante.

Derrota da clase obreira e unipolaridade

Resumindo dun xeito algo simplista, pero eficaz, o século XX, podemos identificar catro etapas fundamentais no que se refire ás dinámicas xeopolíticas e ao xogo de poder entre as diversas potencias:

  1. Competencia entre os diversos imperios pola expansión das súas esferas de influencia e a conquista de novos mercados. A hexemonía non era unha cuestión simplemente política senón de dominio económico. Non ten sentido entrar a definir detalladamente o imperialismo como fenómeno económico, posto que xa o fai Lenin no Imperialismo, fase superior do capitalismo.Nesta fase, os imperios responden frecuentemente á caricatura clásica, cun papel preponderante do monarca e da rancia nobreza, pero non sempre: temos a Austria-Hungría, Gran Bretaña, Alemaña, Rusia ou o Imperio Otomán, pero tamén unha Francia de aspecto republicano e práctica imperialista. Nesta fase, os EEUU comezan a extender as ás e afiar as garras. Esta competencia entre imperios leva á Primeira Guerra Mundial en 1914 e remata en 1918.
  2. Hexemonía dos vencedores da Gran Guerra e nacemento da URSS. Nesta fase, Gran Bretaña, Francia e os EEUU desfrutan de preponderancia política plena e definen o panorama internacional. Os imperios vencedores reparten o botín con tratados como o acordo de Sykes-Picot e buscan definir a nova realidade posbélica con propostas como os 14 puntos de Wilson. Imponse a vontade dos vencedores aos vencidos mediante tratados como o de Versalles. Das cinzas do Imperio ruso, trala Primeira Guerra Mundial, nace a Unión Soviética, que ameaza a tódolos estados da Terra coa súa idiosincrasia en tanto que Estado obreiro que constitúe un modelo a imitar para os pobos oprimidos do mundo. Os imperios buscan afogar ao neno no berce e, como sabemos, mandan tropas a combater aos bolxeviques na guerra civil. A URSS non só resistirá ao intento de abortala, senón que asumirá a categoría de superpotencia baixo o liderado de Stalin, definindo todo o que queda de século XX. No corazón de Europa, a necesidade das clases dominantes de combater a un movemento obreiro que nunca fora máis ameazador e a existencia dun sentimento xeral de insatisfacción ou rencor polos resultados da Gran Guerra dá lugar ao nacemento do fascismo. Dende Italia, a fórmula do fascismo espállase por Europa ante a indiferenza ou incluso a compracencia das potencias vencedoras da Guerra Mundial, que vían nesta nova doutrina un bo muro de contención fronte á ameaza soviética. Malia isto, o chauvinismo (nacionalismo expansionista e reaccionario) do fascismo, sublimado no caso alemán, leva á consolidación do Eixo como bloque que disputa a hexemonía das potencias vencedoras na Primeira Guerra Mundial ao tempo que busca a guerra total co comunismo. Comeza a Segunda Guerra Mundial en 1939 e remata en 1945, dando fin a esta etapa.
  3. Guerra Fría e consolidación do imperialismo como actor único. O período que vai dende 1945 ata 1991 caracterízase polo antagonismo entre capitalismo (Bloque Occidental) e comunismo (Bloque Oriental). Existirá unha terceira vía, a dos países non-aliñados, que na práctica asumen un maior grao de achegamento a un bloque ou a outro dependendo do momento e do lugar do que falemos. No campo comunista, se ben aparecen formas de organización interestatal que buscan coordinar aos seus integrantes baixo a premisa da unidade de acción contra o adversario capitalista, como o Pacto de Varsovia, operan unha serie de contradicións internas e entre os estados que levan ao conflito de intereses, por exemplo, á URSS e a China en materia xeopolítica. No bloque capitalista disponse a Comunidade Económica Europea (CEE) como muro de contención político-ideolóxico contra o socialismo real e aparece a OTAN como ferramenta de coordinación militar. A medida que avanza esta etapa, observamos como a superior unidade de acción do bloque capitalista tradúcese na consolidación da hexemonía dos EEUU e o seu rol como líder do Bloque Occidental.
  4. Desaparición da URSS e unipolaridade. O colapso do comunismo soviético e dos seus aliados máis próximos en 1989-1991 trae como consecuencia a aparición dunha nova correlación mundial de forzas caracterizada pola preponderancia absoluta duns EEUU que actúan como líderes do mundo. Os aliados dos EEUU efectivamente teñen certo grao de autonomía, pero os feitos son os feitos: en 1989 compuñan a CEE doce países dos cales once –todos agás Irlanda– formaban parte da OTAN e dez –todos agás Irlanda e Francia–, albergaban bases militares estadounidenses no seu territorio. No ideolóxico, aparecen discursos triunfalistas como o de Fukuyama, que pregoan a fin da Historia e o triunfo definitivo do modelo capitalista mentres os partidos comunistas do Vello Continente e doutros lugares son desmantelados ou claudican en cuestións irrenunciables.

Este repaso é fundamental se queremos comprender a situación na que nos atopamos: o século XXI comezou cunha Rusia que chamaba ás portas da OTAN e que buscaba integrarse no mundo “libre” do capitalismo, pero esas portas non se lle abriron. A meirande parte dos rusos interpretaron isto como a demostración de que o único interese que Occidente tiña neles eran a súa desaparición como actor xeopolítico relevante e o saqueo dos seus recursos naturais. China, pola súa banda, centrada no seu desenvolvemento económico baixo a premisa de “reforma e apertura”, foi vista como un país inofensivo que abandonara calquera intención de construción socialista e aceptara o seu papel como fábrica de cachifallos para o mundo civilizado. África, devastada pola guerra e o golpe de Estado, quedara no imaxinario dos habitantes deste novo mundo libre como un lugar desolado no que só había fame e riquezas soterradas, do que compadecerse a través da ONG de confianza.

O esquema unipolar consiste, como vemos, no exercicio do poder político, económico, cultural e incluso poderíamos dicir que militar, por parte dunha única potencia xeopolítica no mundo. A unipolaridade é, en definitiva, a preponderancia incontestable do capitalismo, cos EEUU como núcleo en torno ao cal xira a economía global e modelo para todo o resto de países que aceptan o liberalismo como fin da Historia. Existen, por suposto, conflitos de intereses entre sectores da burguesía e entre os diversos Estados que compoñen ese polo capitalista, pero en tanto que buscan o mantemento do estado actual de cousas no que ao sistema de produción se refire, podemos falar dunha unipolaridade con capital en Washington e dun imperialismo configurado xa como actor único, cos seus centros de poder e toma de decisións localizados na Casa Branca, Wall Street e o Pentágono.

A heteroxeneidade inherente a un actor destas características non é óbice para a existencia dunha comuñón de intereses que leva aos grandes donos da economía mundial a traballar na mesma dirección: o mantemento dun estado actual das cousas que lles resulta moi beneficioso.

En tanto que a burguesía internacional é propietaria dos medios de comunicación de masas e ten capacidade para mercar vontades políticas con regalías, podemos falar moitas veces do imperialismo como un actor con vontade única en termos propagandísticos e axitativos, de aí que sexa posible dicir que “o imperialismo fixo isto” ou que algo atende “aos intereses do imperialismo”, porque o imperialismo, no noso momento histórico, defínese como un actor único e unha tendencia de opinión asociada ao mantemento do esquema que representa. No noso momento histórico, toda manifestación imperialista á que asistamos na Terra é parte dun xigantesco funil que vai dar aos EEUU en tanto que actor principal e núcleo irradiador, responda isto a unha actuación consciente ou non.

Multipolaridade e triunfo da clase obreira

A multipolaridade é un modelo caracterizado pola distribución múltiple de poder entre diversos actores, no que xa non habería unha única opción política, económica e cultural, nin unha única potencia mundial con capacidade de actuar como árbitro dos pobos. A aposta de Rusia e China por este modelo é lóxica se atendemos ao feito de que a preponderancia incontestable dos EEUU como primeira potencia mundial parece, cada vez máis, algo propio do pasado.

Así, a multipolaridade non aparece unicamente como contexto global inminente no eido xeopolítico, senón como un horizonte estratéxico ao que aspiran determinados actores no panorama internacional. Estes actores non son un todo monolítico, senón que representan unha pluralidade de modelos no económico e no ideolóxico: dende o conservadurismo de Rusia ou Irán ao progresismo de Cuba, China ou Venezuela. Isto significa que o proxecto multipolar non é unha meta aséptica á que poidan aspirar os pobos do mundo simplemente porque determinados estados de tendencia socialista camiñan nesa dirección. As interpretacións maniqueas, o seguidismo cego e a asunción acrítica da consigna tense convertido, neste tempo noso, nunha práctica incompatible coa existencia política para as forzas proletarias de Europa occidental. Non foi así nos tempos da Guerra Fría e iso explica que moitos quedaran durmidos nos loureiros ou que determinados individuos como Kruschev ou Carrillo, por poñer dous exemplos, fixeran tantísimo dano ao movemento obreiro en xeral.

Temos que ser conscientes da contradición interna existente no denominado campo multipolar, se é que é posible falar dun todo único. Pero, se existe unha tendencia conservadora tan radicalmente asentada como a de Rusia ou Irán neste denominado eixo multipolar, por que é esta a aposta de determinadas organizacións obreiras que avogan polo internacionalismo proletario?

A multipolaridade é a disposición dunha realidade xeopolítica na cal a burguesía internacional enfróntase a si mesma cunha furia explícita, en lugar de atoparse unificada baixo o mandato dos EEUU, con independencia de que atribuamos a este país o papel de déspota ou o de primus inter pares.

A multipolaridade é a disposición dun escenario no que os pobos do mundo teñen a oportunidade de proclamar a súa soberanía e escoller un rumbo, rachando co monolitismo liberal da fin da Historia de Fukuyama.

A multipolaridade é a posibilidade de explorar, a posibilidade de atopar o elo máis feble na cadea do imperialismo e atacalo, rachando a cadea dunha vez por todas, como sucedeu hai pouco en Sri Lanka coa vitoria do marxista Poder Popular Nacional, que constitúe unha lección de orgullo e valentía para o Mundo por parte da humilde illa oriental.

OTAN e Unión Europea: rachar os cepos

Xa vimos cal é o carácter e natureza que propicia o nacemento da OTAN e da UE (antes CEE): muros de contención militar, e político-económica contra o proxecto socialista que avanzaba imparable dende o leste.

A URSS e o Pacto de Varsovia desapareceron hai tempo, pero a OTAN segue existindo, grazas en parte a facer de Rusia un inimigo contra o cal unificar aos estados que compoñen a alianza. A UE, pola súa banda, segue a practicar unha política de evidente seguidismo con respecto aos EEUU, nos que ve un socio comercial desexable con respecto ao cal adoptar a máis humillante das submisións, mentres opta por sancionar a outras potencias coas que se asume unha actitude de hostilidade suicida, como poden ser Rusia ou China.

Se levamos tanta tinta gastada en falar da cuestión internacional non é, como adoita suceder con determinadas organizacións políticas de vocación grupuscular, porque pretendamos encher con debates bizantinos o baleiro deixado pola inexistencia dun programa con foco no nacional. Se concedemos tanta importancia á cuestión internacional e ao asunto da xeopolítica non é unicamente por un compromiso moral irrompible co internacionalismo proletario, senón por unha convicción pragmática que nos leva a comprender que a UE e a OTAN son dous axentes que, na actualidade, imposibilitan ou dificultan en grado sumo a culminación do exercicio revolucionario. É por iso que a actuación das forzas con vocación revolucionaria que operen no seo da OTAN e da UE deben orientar a súa acción a rachar o cepo que constitúen estas organizacións.

Como reaccionaría a UE se nós, galegos e galegas en libre exercicio da soberanía, optásemos polo socialismo –polo verdadeiro socialismo, polo socialismo real, enténdase–? Como interpretarían as institucións europeas o artigo 16 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión, que promulga a “liberdade de empresa”? E o artigo 17, que promulga o “dereito á propiedade”? Que sucedería cando se instaurara a economía planificada e se concedese ao pobo o control dos medios de produción? Como se interpretarían os artigos 11, 12 e 13, que propugnan a “liberdade de expresión e información”, a “liberdade de reunión e asociación” e a “liberdade das artes e das ciencias”? Apelaríase a eles coa mesma obxectividade e rigor co que se apela á hora de censurar medios como RT ou Sputnik? Estamos apañados.

Como reaccionarían os socios da OTAN ante a caída do Estado burgués español e a aparición de repúblicas socialistas, poñamos por caso? A inxenuidade, con militares de por medio, é perigosa, senón que lle pregunten á Segunda República española ou ao Chile de Allende.

Chegados a este punto, debemos dicilo sen paliativos: o imperialismo é hoxe un actor único, unha axenda común, un traballo coordinado daqueles axentes que buscan a permanencia do presente.

A existencia de horizonte e metodoloxía comúns son innegables: os militares que intentan dar un golpe de Estado en Corea do Sur recoñecen a connivencia do Pentágono con escasos meses de antelación á reunión do ministro de exteriores español con Al-Golani, terrorista ao servizo de Al-Qaeda e ISIS no pasado, líder de facto da Siria devastada no presente. O obxectivo é o estancamento e o método é a barbarie.

Debemos comprender o panorama xeopolítico e a solidariedade internacionalista dende parámetros de clase e vocación estratéxica. O elemento internacional é unha peza integral do noso plan de acción e debe integrarse nunha folla de ruta operativa. Nunca é licito que o internacional actúe como unha escusa para descoidar o proxecto nacional. O Partido, se é Partido e non grupúsculo, entende o peso que debe ter cada cuestión para evitar converterse nun foro de debate inocuo para o sistema vixente.

Do anterior derívase a necesidade de comprender onde queremos chegar no que a situación internacional se refire e que papel xogamos nós na transformación desa realidade. O internacionalismo proletario, aquí e agora, pasa polo artellamento dun bloque progresista de natureza internacional e internacionalista capaz de condicionar de xeito eficaz a opinión pública das diversas nacións e Estados de Europa co fin de rachar o xugo que constitúen, como xa vimos, a OTAN e a UE.

Para poder cumprir esa tarefa con eficacia, é preciso depositar a práctica totalidade do noso traballo no trazado e implementación dun programa de ámbito nacional que nos permita mobilizar á nosa clase e ás capas da sociedade afíns ao proxecto proletario. Só así pode o proletariado dispor das ferramentas necesarias para exercer a súa vontade. Só así pode existir un internacionalismo proletario que sexa digno dese nome e non se reduza á verborrea máis estéril.