Álvaro Rodríguez Núñez
As políticas dos reformistas e das dereitas económicas significaron recortes das conquistas sociais e salariais sobre as clases traballadoras, feito normal e lóxico ao ser instrumentos da burguesía. As políticas do neoliberalismo iniciadas nos anos 70 e que continúan ata o presente, consecuencia da caída da taxa de ganancia, necesitan de instrumentos políticos-culturais para canalizar a frustración das clases traballadoras depauperadas. (Vid. Andrés Piqueras. La tragedia de nuestro tiempo. La destrucción de la sociedad y la naturaleza por el capital).
Neste artigo exponse hipóteses sobre o papel desas políticas no presente político en marcha. Explícanse diferentes hipóteses sobre os efectos das políticas reformistas enfrontando aos diferentes extractos das clases traballadoras e as súas consecuencias reais na loita de clases.
Existen clases pero só dentro dos traballadores
Ao día da data asistimos unha manobra intelixente e habitual dos “medios de servidume intelectual”, (como moi ben definiu Bujarin no ABC do Comunismo aos medios de comunicación). A táctica vella e sempre eficaz é alimentar a guerra civil dentro das clases traballadoras. Vexamos a recente e repetitiva táctica:
La Razón, 30 de xuño de 2024. “Canto diñeiro se necesita para ser considerado ‘rico’ en España?”. Con anterioridade, o 27 de xuño publicara “A clase social á que pertences segundo o teu salario”, e esta era a súa exposición: “Clase social en función do salario. Segundo os cálculos da OCDE as clases quedarían definidas da seguinte forma: Clase baixa: ata 11.395 euros anuais / menos de 1.343 euros mensuais. Clase media: desde 11.395 a 30.386 euros ao ano / entre 1.343 e 3.581 euros mensuais. Clase alta: a partir de 30.386 euros ao ano / máis de 3.581 euros ao mes” .
AS, 30 de xuño de 2024. “Canto diñeiro debes ter para ser considerado ‘rico’ en España? Se cres que pertences á clase alta en España, comproba que gañas este mínimo, e igual coa clase media e a baixa” (…) “E é que, segundo Forbes, a cantidade que hai que cobrar en España para ser ‘rico’ é de 3.673€ ao mes”. Bankinter, 26 de abril de 2024, “Esta é a cantidade de diñeiro que debo ter para formar parte do 1% máis rico de España en 2024. En España necesítanse 2,3 millóns para ser máis rico que o 99% da poboación”.
Imos comentar un pouquiño o diario reformista El País do 14 de xullo de 2022. O seu encabezamiento era: “Sabes como de rico es? Pescuda a túa posición na escaleira do diñeiro, por renda e patrimonio. A maioría da xente cre que ten unha renda media, pero a miúdo se equivoca. Se gañas máis de 20.500 euros, estás na metade rica, e se superas os 44.000, es do 10% con máis ingresos”. Atendendo ao indicado polo diario reformista e moi “progresista”, os traballadores galegos que teñen un salario ordinario de media de 21.000 euros, son ricos. E atendendo ao INE, como o 50% dos asalariados cobran máis dun SMI e menos de dous, significaría que a clase traballadora galega é rica. Canto rirán na redacción dos diarios!
Xorde a sensación de que a burguesía non pode esconder a depauperación obxectiva das clases traballadoras e por iso tenta convencer aos traballadores de que son ricos privilexiados. Dentro dese esquema, a burguesía non existe… Desde esta falsidade de clase é desde onde opera sempre a manobra reformista e reaccionaria.
Adiantamos dúas das hipóteses: A burguesía tras instituír divisións dentro das clases traballadoras (véxase a prensa de hoxe) fomenta a guerra civil-interna: os medianos e os que menos gañan azuados polas dereitas económicas e a nova extrema dereita enfróntanse aos sinalados pola burguesía como “ricos” e “pobres”: os supostos ricos son os que gañan máis de 44.000 euros e os pobres son os que menos gañan (aí entran os inmigrantes). E os traballadores que máis gañan, aterrorizados coa posibilidade de gañar menos e que as súas familias baixen dentro da clase traballadora alíanse coa burguesía. A isto último podémolo definir como “instinto atávico de supervivencia servil”.
A burguesía na democracia burguesa é quen fai subir e baixar ás faccións reformistas, economicistas e reaccionarias a través dos “medios de servidume intelectual”. Non hai azar, nin sorte, derrota nin triunfo, só existe a explotación da burguesía da clase traballadora e o “xogo democrático” é hoxe un modo de facilitalo. A burguesía vai canalizando polas tubaxes procedementais legais as frustracións dos explotados e os seus aliados internos dentro da clase traballadora.
Democracia burguesa e o seu reformismo
Pódese considerar que o marxismo e o leninismo é o pensamento máis estudado pola burguesía oligárquica ou gran capital. Desde o ano 1945, e a ocupación militar dunha parte de Europa polo exército dos EUA, onde puido manter o capitalismo, a análise completa do marxismo e do leninismo estivo e está presente en cada acción dos capitalistas ou da gran burguesía. Coñecen perfectamente as súas leis e tamén cando pode actuar con éxito o seu inimigo. Por todo o anterior crearon os métodos e políticas para impedir o acceso a espazos de poder.
A burguesía (gran capital) analizou as consecuencias de darlle o poder ao fascismo en Alemaña e Italia, o vórtice que eles crearon, e que beneficiou no seu día aos movementos comunistas de Europa e tamén de Asia, América latina e África. En verdade estiveron a piques de perder toda Europa e vela convertida en comunista, e ese terror fixo e failles estar no presente político sempre en alerta. Pero tamén aprenderon, e iso é o que nos interesa.
O vello topo do 48, 70, 17, 36… está a traballar, a burguesía sabe que chegará a onda revolucionaria, é imposible evitala. O único que poden facer é que cando xurda, detectala a tempo, loitar por non ser asolagados e varridos. Para ese labor están, entre outras cousas, o deseño constitucional dos estados europeos e de todas as armazóns de poderes e forzas que dominan hoxe os réximes da UE e OTAN.
Pódese considerar que tras 1945, o capital foi consciente do risco de permitir que as forzas revolucionarias accedesen aos cargos institucionais e tivesen aéreas de influencia utilizando o propio estado burgués como no período 1920-1930. En consecuencia, a partir de 1945, e en defensa dos seus intereses, crearon réximes que impiden o acceso das forzas comunistas nas situacións dos anos 20 e 30. Hoxe a burguesía non se engana e non da facilidades ao inimigo. Tamén son conscientes de que a representación institucional non é importante en si mesma e que a batalla ideolóxica ou cultural é básica. Os instrumentos burgueses novos foron e son, entre outros, a imposición do Estado de Partido, partitocracia, e a institucionalización dos sindicatos.
Talvez só así é como pode analizarse que o Partido Comunista Francés e o Partido Comunista Italiano nunca puidesen ocupar a presidencia desas repúblicas. Os modos legais, procedementais, moi democráticos (burgueses) sempre, impedíanllo. Os éxitos dun tal Mario Soares e o seu Partido Socialista Portugués e os super éxitos liberais do arquicoñecido Felipe González e a súa facción de Suresnes, que usou e usa marca PSOE, compréndense mellor dentro desa política contrarrevolucionaria.
Antes de analizar o papel que cumpren as forzas outrora chamadas reformistas ou socialdemócratas, e hoxe chamadas reformistas ou socialdemócratas, tal vez debamos definila. Definición de reformismo:
“Corrente política no movemento obreiro, que nega a necesidade da loita de clase e da revolución socialista; predica a colaboración entre as clases e supón que só con axuda de reformas pódese converter ao capitalismo en sociedade de “prosperidade xeral”. O reformismo xurdiu no último cuarto do século 19. A súa base social é a cúspide da clase obreira (a denominada aristocracia obreira), así como elementos dos “sectores medios” e a burocracia sindical. O reformismo está enlazado estreitamente co revisionismo e non ten unha base conceptual íntegra e única. A combinación ecléctica das ideas do neokantismo, o positivismo, o antropoloxismo e o cristianismo: este cadro mesturado encobre a miseria espiritual dos teóricos do reformismo. Estes últimos proclaman anticuada a dialéctica; predican o evolucionismo vulgar; rexeitan o materialismo e afirman que a necesidade histórico-natural e económica do socialismo é un mito. Traizoaron as tradicións ateas do socialismo; a alianza co clericalismo e a conciliación da ciencia coa relixión pasaron a ser demanda programática da socialdemocracia de dereita. A aprobación de novos programas (1958-61) culminou a evolución postbélica do reformismo e a súa integración no sistema de relacións capitalistas. Moitos líderes do socialreformismo defenden abertamente, desde as posicións do anticomunismo, o capitalismo monopolista de Estado. O reformismo frea o desenvolvemento da autoconciencia de clase do proletariado. A loita contra o reformismo e a superación da escisión da clase obreira é unha das tarefas máis perentorias que ten expostas o movemento comunista. Sen transformación revolucionaria da sociedade, é dicir, sen destruír o capitalismo, ningunha reforma pode crear o socialismo. Ao criticar a práctica do oportunismo de dereita e a ideoloxía do reformismo, os comunistas pronúncianse enerxicamente, ao mesmo tempo, pola colaboración cos partidos socialistas e socialdemócratas na loita pola paz, a democracia e o progreso social”. Vid. Dicionario soviético de filosofía. 1984:366-367.
O reformismo do reformismo
As correntes reformistas son diversas e teñen varias áreas de traballo. Procedemos a analizar a corrente reformista alternativa, ou os adaís do reformismo do reformismo da man dun dos seus representantes, Manolo Monereo.
“Hoxe non existe unha esquerda política. Direino doutra maneira: hoxe vivimos na polarización entre unha dereita que é cada vez máis de dereitas e unha esquerda que non é realmente de esquerda e que non cuestiona os fundamentos políticos e económicos do sistema”. O presente político en marcha é así analizado por Manolo Monereo na súa recente entrevista en El Viejo Topo, “Reconstruíndo a esquerda”, xuño 2024, número 437. Tamén considera que “a clave hoxe non é unha contraposición abstracta entre democracia e fascismo, ese non é o problema de hoxe, non porque non haxa fascismo senón porque o que está en cuestión é a propia democracia polo predominio dun capitalismo cada vez máis depredador, máis oligárquico”.
O importante desas repetitivas argumentacións é que negan a existencia das forzas comunistas, e talvez ese é un dos obxectivos de dicir e repetir e repetir que hoxe non hai esquerda transformadora. O seu discurso consiste en negar a existencia de forzas comunistas. Para el non existe nada. Con esa carraca axúdase ou prexudica ás forzas comunistas existentes?
Na entrevista ao señor Monereo tamén asistimos á constante difusión da frustración-ilusión, xa que no artigo di que hai que rexenerar a esquerda reformista. Unha rexeneración que é eterna en crear a verdadeira esquerda alternativa reformista para, tras o seu esgotamento irreversible, denunciar novamente a inexistencia da mesma e iniciar o ciclo da nova esquerda reformista pola reforma do reformismo. O reformismo nega valor aos comunistas e insiste en reformar aos reformistas.
Outra característica é que a esquerda reformista hexemónica non é culpable de nada. No método de exposición dos reformistas do reformismo a culpa é do capitalismo e nunca das políticas dos reformistas que non son tales e que deben ser reformados.
Na análise Monereo antes exposto, hai unha esquerda reformista, que non é esquerda pero que tampouco é culpable de nada aínda que gobernou e goberna, e hai dereita, dereita, dereita e cada vez máis dereita. Estariamos na falacia reformista nun réxime con hemiplexia esquerda. Na súa mensaxe, a existencia da esquerda reformista curaría o sistema con suposta hemiplexia esquerda: xa teriamos a democracia burguesa coa cabeza arranxada.
Tamén dá a sensación de que o señor Monereo distingue entre capitalismo e democracia como dous entes diferentes. Omite que a democracia é capitalista. Omite que as Constitucións burguesas foron supervisadas tras 1945, e no seu día as de España e Portugal (Mario Soares e Felipe González). Parte de que a democracia é un ente puro, e que esa pureza estaría ameazada por un maligno capitalismo que por motivos non expostos, choca coa soberana democracia pura e inmaculada.
Pódese considerar que “ao caracterizar a democracia, a ciencia burguesa limítase xeralmente só a estes trazos formais, considerados á marxe das condicións socioeconómicas de vida da sociedade e do estado real das cousas. Como consecuencia diso xorde a noción acerca da denominada democracia “pura”, compartida polos oportunistas e os reformistas. Pero, en realidade, toda democracia, como forma de organización política da sociedade, determínase, en última instancia, polas relacións de produción da sociedade dada. En virtude diso, é necesario ter en conta o desenvolvemento histórico da democracia e a súa dependencia directa da substitución das formacións socio-económicas e o carácter e a agudeza da loita de clases. Nas formacións divididas en clases antagónicas, a democracia existe de feito só para os representantes da clase dominante. Así, a democracia na sociedade burguesa é a forma de dominación da ditadura da burguesía”. Vid. Dicionario soviético de filosofía. 1984:107. “Democracia”.
Os reformistas no presente político
Un feito pintoresco e habitual observámolo todos os días nos edificios das institucións democráticas, nos concellos, deputacións e demais cousas democráticas de Galicia. Non hai día que non luzan estandartes, bandeiras, pendóns ou pancartas de todas as causas imaxinables e da Axenda 2030, como LGTB, ecoloxía, enfermidades, animalismo; hai días para todo e todas e todes… salvo para dous: O día internacional da clase traballadora e o día da clase obreira galega. Que casualidade máis divertida! Eses días non colgan bandeiras vermellas nos balcóns. Co bonita que é a cor vermella!
Podemos considerar que existen varias esquerdas e obviamente varias dereitas. As esquerdas reformistas hexemónicas no presente político son neoliberais, progresistas e o que Claudio Zulian denomina clases educadas urbanas ou clases ilustradas herdeiras das clases medias. (Vid. “Esquerda de clase”, El Viejo topo, maio 2024, número 436). Caracterízanse polo abandono de todo horizonte de redistribución da riqueza e ser radicais anticomunistas; o anticomunismo feroz é parte do seu ADN. A burguesía coñece tamén o pánico atávico desas clases á regresión social e o usa con moita habilidade. O seu labor económico básico nas últimas décadas foi recortar os avances sociais conquistados outrora, a redución dos salarios e garantir a taxa de ganancia do capital, mantendo a explotación burguesa.
O papel político asignado polas oligarquías capitalistas ás diferentes faccións neoliberais progresistas no período xurdido desde 1945º tamén é o de garantir a estabilidade política capitalista evitando e impedindo o xurdimento dunha vía revolucionaria comunista. Sempre “democraticamente” a través da democracia burguesa e o seu réxime partitocrático, impedir o seu goberno. Lembremos que nunca gobernaron os comunistas nin en Italia nin en Francia.
Os apoios electorais das forzas reformistas ao día da data son as clases medias urbanas con educación superior que se consideran ilustradas e moi modernas en canto defenden o que denominan dereitos civís: feminismo, ecoloxía, LGTBIQ+, antirracismo, defensa da inmigración en masa, animalismo, Ideoloxía de xénero, e o longo etcétera, e o seu postmodernismo, made in USA: capitalismo rosa, verde, morado e o que se terce. E baixo ese verniz que vende de ilustradas está a defensa da explotación burguesa.
Pódese considerar que esas clases medias organizadas no Reformismo padecen pánico atávico de acabar na clase traballadora e defenden os seus propios intereses e non os das clases asalariadas traballadoras. Os seus intereses non son os dunha sociedade xusta, nin os da humanidade, (Deus líbrenos do Comunismo!) só loitan pola súa propia supervivencia en alianza co gran capital. Aceptan as necesidades do gran capital e a súa depredación social e económica co pacto tácito de que a taxa de ganancia sexa custeada polas clases traballadoras, as pobres, e as depauperadas.
Polo outro lado, a clase obreira e a asalariada do sector terciario, nas democracias actuais cada vez votan menos á esquerda neoliberal progresista: grandes masas non votan (o 40%), ou votan ás diferentes dereitas cada vez máis radicalizadas. Para Claudio Zulian séntense marxinadas polas clases medias educadas urbanas progresistas. “os outros”, “as clases baixas, ven á clase educada urbana como unha clase que favorece a xibarización do Welfare, manteñen firmemente os seus privilexios e pretende, hipocritamente, que o camiño do cambio social sexa unha cuestión de signos –como a linguaxe inclusiva- ou de comportamentos persoais “correctos”. En aras dun pacifismo interesado, ademais, castígase toda expresión violenta das necesidades e dificultades: enfrontarse á policía na rúa volveuse delito. Vistos desde a óptica das clases baixas, os ideais progresistas son só unha arma de control social”. É son unha arma de control?
Na mesma dirección maniféstase Thomas Piketty na súa obra Capital e Ideoloxía. (Vid. Páxinas 898 e seguintes). O autor manexa dúas hipótese, a social e a nativista. Desde a social “as clases populares sentíronse gradualmente abandonadas polos partidos da esquerda, que se orientaron a outras categorías sociais (e en particular cara aos máis formados)”. A esa “esquerda electoral”, “partido dos titulados” que son as clases medias ou as clases asalarias altas, denomínaa “esquerda brahmánica”. Na súa opinión na Francia actual “a esquerda electoral, tras converterse no partido dos titulados, converteuse de facto no garante e no primeiro defensor do elitismo republicano, mesmo máis que os partidos “burgueses” aos que se opoñía cando era o partido dos traballadores”. E tanto esa esquerda como a “dereita de mercado encarnan valores e experiencias complementarias e comparten moitos elementos comúns, empezando por un certo conservadurismo cara ao actual réxime desigualitario”. Polo anterior considera que “a fusión socioeconómica de ambas as elites chegue a un punto en que a hipótese de contar cun único partido político sexa a máis lóxica”.
Desde a posición da Escola de Filosofía de Oviedo da Fundación Gustavo Bueno incídese tamén no papel do que eles denominan “esquerdas indefinidas” (Gustavo Bueno define como esquerdas indefinidas a PSOE, Sumar, Podemos…) no seu “aliñamento sen fisuras co turbo capitalismo das plutocracias globalistas da City e de Wall Steet”. (Vid. Paloma Hernández. Arte, propaganda e política).
Talvez por todo o anterior a clase obreira e asalariada depauperada ao sentirse marxinada, comprobar que a súa situación económica aos reformistas impórtalles unha merda, cae nun resentimento que é acaparado polas opcións que hoxe denominan os ilustrados reformistas de clase media como “fascistas”. Caso paradigmático no Reino de España é Vox.
Hipótese: Rexeitando, criticando o discurso cultural progresista dos reformistas anticomunistas (feminismo, LGTB, ecoloxismo, antiinmigración, animalismo, antitabaquismo, ideoloxía de xénero, postmodernismo, etc. made in USA), e insolidarios coa súa realidade de clase depauperada, e centrando os seus criticas na estabilidade económica das clases medias ilustradas reformistas, é unha das vías de como a nova dereita arrastran ás clases depauperadas (“a España que madruga”) .
Outra Hipótese: Xorde a gran pregunta sobre a posibilidade de que o resentimento creado polas políticas reformistas e burguesas nas clases asalarias depauperadas e que nutre de votos ás faccións neoliberais de dereitas (que son denominadas fascistas, extrema dereita, ou dereitas extremas), obedeza a un plan ou sexa cousa do azar. (Os reformistas e as novas dereitas son furibundos anticomunistas).
Hipótese sobre a extrema dereita, dereita extrema, todas dereitas burguesas
Asistimos así a unha alianza de intereses entre a gran burguesía e as forzas reformistas das clases medias educadas, e as tradicionais forzas burguesas económicas tradicionais. Froito diso e das súas políticas, o resentimento social das clases explotadas é acaparado polas faccións neoliberais das novas dereitas denominadas extremas dereitas.
Resumindo o ata aquí exposto, os reformistas e as súas clases medias educadas optaron polo sistema imperante e non aspiran a ningunha transformación social. Antepoñen os seus intereses de clase e son radicalmente anticomunistas. Camuflan a súa natureza reaccionaria, explotadora e antiprogresista con todos os novos relatos. (Feminismo, linguaxe inclusiva, LGTB, ecoloxismo, antiinmigración, animalismo, antitabaquismo, ideoloxía de xénero, postmodernismo, etc, made in USA). E defenden a explotación burguesa que está a toda máquina.
Que papel cumpriron os reformistas no pasado? Lembremos o caso máis grave.
Na Resolución do Presídium do Comité Executivo da Internacional Comunista adoptada o 1 de abril de 1933 sobre o informe do camarada Heckert, (Vid. Que pasa Alemaña?por Fritz Heckert – Membro do Comité Central do Partido Comunista Alemán). A situación en Alemaña. Resolución de Presidium do C. E. da I.C. Santiago de Chile 1933) considerouse:
“En Alemaña, a resistencia do proletariado ao fascismo foi debilitada polo feito de que unha parte do proletariado foi enganada pola socialdemocracia; seguía á socialdemocracia a par de que esta última, aliada á burguesía, loitaba infatigablemente contra a outra parte do proletariado, a máis débil, contra o seu parte comunista, que constituía a única forza activa e combativa contra o fascismo. Canto maior era a influencia do Partido Comunista e a súa forza de organización, máis violenta facíanse as tentativas da socialdemocracia para illar ao Partido Comunista alemán”. En canto á política económica e de loita de clases, a socialdemocracia, “seguiu consolidando a posición da burguesía, apoiando a racionalización capitalista; continuou coa súa política de “tolerancia” respecto ao goberno Brüming e coa súa política de “mal menor, lanzando sobre traballadores todas as consecuencias da crise”.
A modo de resumo das hipóteses
O vello topo do 48, 70, 17, 36… está a traballar, a burguesía sabe que chegará a onda revolucionaria. A burguesía estase preparando para o momento.
A democracia burguesa é a ditadura burguesa. A ditadura burguesa é a democracia burguesa. A democracia burguesa non padece de ningunha hemiplexia esquerda. A súa natureza é burguesa. Simplemente a historia fíxoa anciá, a burguesía xa non ten ningún trazo progresista, cumpriu a súa función histórica. A súa decadencia no filosófico, arte, cultura, música, estética, talvez é difícil de ver, pero é irreversible. É incrible que caese tan baixo, mais así é a realidade. As súas bancarrotas económicas, culturais, e en todos os aspectos, asúmenas os mesmos pensadores burgueses: chámanlle decadencia.
A manobra da burguesía consiste en azuar a guerra civilista na clase traballadora coas súas faccións reformistas, a (dereita) economicista e a recuperada-rehabilitada extrema dereita. O inefable George Orwell denomínaos sector “Mollie” dos traballadores que defenden a explotación doutros traballadores.
A outrora a burguesía de EUA, Gran Bretaña e alemá impuxo o ascenso ao poder do Partido Nacional Socialista, e era unha saída á crise do capitalismo dos anos 30; hoxe, só 90 anos despois, asistimos a unha crise igual de agresiva e imperialista e a unha manobra política da burguesía da que a temos antecedentes evidentes.
A burguesía coñece perfectamente e de corrido o marxismo e o leninismo: as súas hábiles e intelixentes manobras son froito diso. E o que teñen de hábiles e intelixentes, téñeno de obvias e repetitivas na historia. Á luz da experiencia pódese coñecer a senda da súa vontade.
Nada acontece nas democracias actuais que non sexa aceptado pola burguesía. A burguesía impoñerá o réxime que lle interese en cada momento da súa agonía. Os “medios de servidume intelectual”, atacan constantemente, día tras día, á doutrina marxista. E no vórtice da súa crise están a fomentar novos instrumentos como as denominadas extremas dereitas.
En definitiva, neste breve escrito queremos facer unha pregunta que xorde no presente, e é: que relación gardan as políticas reformista de explotación das clases traballadoras, a súa carraca cultural reformistas, co feito do empobrecendo das clases traballadoras, e o crecemento das novas dereitas?