Galiza e o imperialismo

Xose Ríos Cidrás

Lenin combateu nunha sociedade clasista, mais foi quen de vaticinar a nova orde mundial: o imperialismo, última fase do capitalismo. Nesta fase da internacionalización da produción, a presenza no exterior é vital para o capital. Impoñer prezos, dominar o comercio, garantir materias primas, vender   tecnoloxía,… son mecanismos que amosan un dobre fío. Non se trata de rendabilizar as inversións feitas, senón que se busca crear dependencia e submisión.

A entrada de capital faise de moitas maneiras: inversións directas, programas de colaboración con empresas nacionais, integración de mercados, concesión de créditos, acordos comerciais e, incluso, subvencións a fondo perdido a certas actividades. Ata a política de bolsas a estudantes no primeiro mundo. Todas elas non son máis ca mecanismos para manter o dominio económico e político. No caso de Galiza, a axuda recibida do exterior rara vez atende aos nosos intereses produtivos. Véxanse os Fondos Europeos, por exemplo. Aproban axudas para infraestruturas, porén, prohíbese optimizar a capacidade produtiva. Certo que contamos con melloras importantes coma portos, estradas, almacéns,… das cales vaise aproveitar o capital estranxeiro, porque as nosas empresas seguirán ríxidas: taxa láctea, cupos na pesca, Taxlease, aranceis cero ás conservas de fóra,… 

As inversións foráneas van máis alá da procura dun salario baixo. Telegraficamente diríase que algunhas das inversións viñeron eliminar competencia no mundo do moble (Ikea), outras na procura dun lugar estratéxico e de paz social (Citröen), acceso a infraestruturas en transporte marítimo (Repsol), acceso á materia prima (ENCE), dispor de fontes de enerxía (Alcoa), concentración da oferta (Carrefour, Mercadona,…).

Esta entrada de inversión foránea lévase co visto e prace das nosas institucións nacionais-estatais-europeas. A negación de Galiza coma suxeito político, sumada á incapacidade de nos concienciar coma pobo, prorroga esta situación. Válelles con publícalo no DOGA/BOE/DOCE para materializar o noso atraso. Quen non lembra o acontecido co Grupo Álvarez, Leyma, Barreras, Nueva Pescanova…? Non eran competitivas? Logo, por que desapareceron?  Para dar paso ao parasitario. Así vemos coma nun abrir e pechar de ollos pasamos de potencia pesqueira a importar  peixe de peor calidade. Abastecémonos de leite producido en granxas intensivas da UE mentres os nosos pastos se enchen de eucalipto. O noso naval é desmantelado para manter carga de traballo noutros puntos do “Mercado Común”. E como era de agardar, en tempos de crise, as tensións das potencias trasládanse á periferia: peche da industria electrointensiva, desmantelamento do sistema financieiro público galego, fornecer enerxía limpa de CO2, destrución da sanidade pública,…

A situación arestora é crítica por demais. Os erros na diagnose conlevan a esforzos en van e á morte do doente.  Por desgraza, o empeoramento das causas obxectivas non conleva unha automática concienciación do problema. Loitar por acadar salarios dignos e empregos estábeis non soluciona o noso problema coma nación dependente xa que o plusvalor non provén da explotación laboral unicamente. 

É ben sabido que Lenin chamou a atención para erradicar o economicismo, ao mesmo tempo que se desaviu con Trosky para atraer a colectivos de labregas á construción da nova sociedade soviética. Porque aprender a saber distinguir quen son os nosos verdadeiros inimigos nunca foi doado. As clases vivas xogan en constantes leis do desenvolvemento. Quen hoxe é vangarda mañá pode ser un estorbo.

Se quixéramos buscar os nexos que conlevan ás alianzas e ás crises entre potencias sería unha labor ardua e diaria. Por exemplo, adiantar cal será o primeiro Estado da UE en retomar o comercio con Rusia? Por canto tempo Alemaña seguirá prostrada ante EE.UU? O certo é que carecemos de diplomáticos e de status de Estado. Mais alá da nosa solidariedade, non podemos contribuír a embizcar nestas contradicións directamente. Mais si podemos observar e entender os movementos que se dan e tratar de comprendelos na dialéctica do momento. Se algúns Estados coma China, Rusia, Brasil, India e Sudáfrica foron quen de aparcar as súas particularidades e formaron unha alianza temporal contra o imperialismo mundial, non deberiamos aprender algo disto? Non deberíamos buscar alianzas contra o imperialismo? 

Lenin concibía a revolución internacional coma suma da revolución por separado a tenor das condicións internas de cada País. En Galiza precisamos construír un espacio sen ataduras dos monopolios occidentais. Do contrario, non haberá progreso real nin avance político posíbel. Debemos poñer as condicións políticas, e con elas materiais para avanzar no camiño do anti-imperialismo. Do contrario seguiremos nunha loita entre ananos.