Entrevista a Sintrahocu, Sindicato de Traballadoras do Fogar e dos Coidados 

EMBATE. Primeiro de todo, moitas grazas por participar nesta entrevista. A idea principal  é sacala na nosa revista, que sae semestralmente, para darvos a coñecer e tamén para analizalo. Sobre todo, para que o coñezan os nosos camaradas. O primeiro que queriamos preguntarvos é como é un día na vida dunha traballadora do fogar aquí en Galicia. Sobre todo no contexto no que estades vós, que vindes do estranxeiro e poñédevos a traballar no que atopades. 

SINTRAHOCU. Ben, a miña experiencia ao chegar é que foi difícil conseguir traballo, obviamente. Ao non ter papeis, non ter documentación…, é moi difícil conseguir traballo. O que si pasou, é que como aquí vive unha irmá miña, co boca a boca, foi como puiden conseguir traballo. Pero se ve que é difícil, se vés sen nada, sen ninguén, e se non coñeces algo, menos. Non sabes onde pedir axuda. E agora, por sorte, coñécese o sindicato. Entón, aí si tes unha axuda, tes unha man, tes xente, tes unha a man para saír adiante.  

EMBATE. Pero no sindicato tamén facedes anuncios de “mira, pois nesta casa están buscando…”. 

SINTRAHOCU. Si, si, hai contactos. E con outras compañeiras que xa están en coñecemento, o boca a boca…,  e xa se pode saír adiante. E difícil, pero se pode. Actualmente pódese. 

EMBATE. E unha vez que entraches, como é un día laboral, un día en xeral? 

SINTRAHOCU. Por sorte, eu dei con xente boa, sempre. Pero sei que hai rapazas que o pasaron moi mal. Pero a miña experiencia é boa. Incluso teño experiencias de Pamplona, tamén. A miña filla vive alá, e eu traballei aquí. Teño sorte, grazas a Deus dei con xente boa, pero non é todo así. 

EMBATE. E esa experiencia afortunada, como é? 

SINTRAHOCU. Ben, eu agora estou a traballar por horas, tres veces por semana. Son dez horas semanais que as manexo eu. Teño as chaves do fogar. Teño as chaves e o frigorífico á miña disposición. Ben, no meu traballo podo entrar ás oito, ás nove, ás dez, non importa… Estou a cumprir o meu horario, tres horas. Nove luns e mércores e catro horas o venres. E eu manexo tres horas e media o luns, tres horas e media o mércores e tres o venres. Podo estar aí até as tres ou catro da tarde, que despois vén o seu esposo, e como traballa co computador, é mellor que o meu horario o faga antes soa, para que despois que o moleste. Ben, despois dende aí regreso á miña casa, despois de cumprir ese horario. Pola tarde, novamente, coido aos seus fillos porque o seu esposo non está. Entón, recólloos do colexio ás 5 da tarde e até que a súa nai regrese, estou aí. Máis ou menos até as sete e media ou as oito, e aí xa regreso á miña casa. Ese é o meu día laboral. 

EMBATE. Pero vas a buscalos todos os días da semana? 

SINTRAHOCU. Si, aos nenos vou buscalos de luns a xoves. 

EMBATE. Son más de dez horas á semana. 

SINTRAHOCU. Na limpeza son dez horas e cos nenos e os seus coidados, dez horas tamén. Porque son dúas horas e media de luns a xoves. 

EMBATE. Son dous traballos diferentes. 

SINTRAHOCU. Momentaneamente diferentes. Até que veña agora o esposo, a fin de mes, eu aí xa me quedo sen o traballo dos nenos, porque é o pai o que se encarga dos nenos. Agora estouno a cubrir nestes intres. Pero ben, fano ben, pagan ben, a 10 euros a hora. Coa limpeza páganme 500 euros. E claro, aí xa me redondearon a 800. É a miña mesma empregadora. 

EMBATE. Tanto co coidado coma co da mañá? 

SINTRAHOCU. Si. E se ela me necesita nalgún momento. 

EMBATE. Máis ou menos, serán sobre unhas 20 horas semanais.  

SINTRAHOCU. Si, 20 horas semanais. E se ela me necesita porque está sola, págame extra coma “canguro”. 

EMBATE. Ben, pois agora imos comentar un caso diferente. 

SINTRAHOCU. Vale. Unha compañeira peruana, que chegou hai ou catro meses, veu por violencia doméstica. Veu sendo supergolpeada polo seu home case todos os días. É unha muller que está machacada e maltratada pola vida. Pediu asilo e déronlle asilo humanitario para que teña traballo. Buscou aquí traballo xa que tiña que sobrevivir. E encontrou un empregador que lle ofrecía entrar ás dez da noite e saír ás tres da tarde, vale? Todo iso. Tendo un día libre á semana. 

EMBATE. Das dez da noite ás tres da tarde? 

SINTRAHOCU. Sí. Págalle 600 euros e dille que está moi ben pagada. Agora, ese empregador ten que facerlle os papeis xa ten que empezar a presentala. O noso consello é que primeiro faga os papeis, e despois, cando vaia á xestoría diga: “eu no estou de acordo con este salario”, porque 600 euros por todo iso non é un salario. 

EMBATE. Á parte de que aquí, neste país, as horas nocturnas páganse máis altas… 

SINTRAHOCU. Esa é una falta de regularización do goberno, que non ten leis, por iso fixemos o sindicato. Outras persoas, coma moito, van traballar internas. Interna quere dicir que entran o domingo pola noite, tipo 8 da tarde e saen o sábado ás 12 da mañá. Van durmir á súa casa o sábado. Haxa festivos ou non, estean enfermas ou non. Pasan as súas gripes, os seus Covid…, alá na casa. Non teñen dereito a baixa, non teñen dereito a días festivos… e o que más lles pagan é entre 800 e 1000 euros por ese traballo. Entón, non hai pagas, non hai paga extra…, incúmprese todo o que é o dereito laboral. A maioría desa xente son persoas que veñen soas, persoas que veñen maltratadas, que deben alá no seu país o billete, teñen un fillo, teñen unha nai, teñen enfermos alá…, Entón collen calquera traballo que sexa para saír adiante, porque o dormitorio desa persoa, no que vai durmir un o dous días á semana, ten que pagalo aquí e hai abusos no cobro dos dormitorios, que algúns lles estaban a cobrar 400 euros por ir durmir dous días semanais. Entón, se gañas 600 euros e vas pagar 400 de dormitorio, para que traballas ou para quen traballas? Logo, hai moitos que lles din que as levan de coidadoras dos seus pais: “Ti só tes que atender ao meu pai e darlle o almorzo… Pero logo, mira, eu veño do colexio, eu veño porque vou ver o meu pai. Entón, tesme que facer a comida para el, e logo limpas todo… e a terraza, e isto e o outro, e pásasme o ferro, e isto e o outro…”. Todo. 

Máis casos: hai dous meses, outra traballadora, tamén veu maltratada, porque hai moitas. E todos os que veñen, veñen de migrantes, non veñen de turistas, vale? Vimos porque estamos necesitados, porque a maioría vén fuxindo da pobreza, do sistema, ou incluso das violencias familiares. Pódese vir por calquera cousa, e outros veñen ao que veñen. Contratan á persoa, dinlle que si, que lle van pagar 1000 euros -que xa é menos do salario mínimo-, pero cando chega e entra a traballar, aceptando que le paguen 1.000, chega a señora despois dunha semana e dille: “Ah, acomódate, que te vaia moi ben e tal…”, pero despois: “ben, é que non sabes facer nada, é que no tu país non te aprenderon nada?”, “é que non entendes tampouco ao meu pai, é que non sei que…”. Cuns aires. E finalmente dinlle: “mira, xa non te vou a pagar 1000, agora van ser 850 ou 800. Se che gusta, vés”.  

Outro. Nunha zona de Pontevedra, que a rapaza até se perdeu para chegar, porque non todos os traballos son na cidade. E a rapaza aceptou por necesidade, porque non ten onde se meter e porque, en lugar de estar en albergues, prefire estar traballando. Estivo a traballar dous meses. E señora moi energúmena berráballe de todo. Berráballe, e iso que esta muller non descansaba. E logo non era coidar só ao pai, senón que tamén á nai, que tiña un pouco de alzhéimer. E tamén a ela e ao seu fillo, porque tamén comían todos na casa. E iso todo por 850 euros.  

Pero hai bos traballos, que ogallá todos foran coma no caso de Judith. Iso é o que fai falla.  

EMBATE. Estamos a falar de casos cun contrato sobre a mesa? 

SINTRAHOCU. Sen contrato. Todos os traballos dos que estamos falar, a maioría, son sen contrato. E aínda con contrato, fan que as traballadoras lles axuden a pagar parte da seguridade social.  

EMBATE. Si, falsos autónomos… 

SINTRAHOCU. E cando é o seu primeiro traballo, que ten que cotizar por lei seis meses, o que buscan é alguén que lles faga un contrato. E moita xente acepta calquera cousa, porque esa é a nosa debilidade, digamos. É a lei que fai esperar ao inmigrante, que é ilegal, tres ou catro anos. Cando chega acepta o que sexa para poder incorporarse, para estar. Pero acepta unhas condicións que, a verdade, son moi tristes. Entón, un dos principios básicos do sindicato é que nós non estamos en contra do traballo interno, non estamos en contra. Pero estamos a favor de que se regule porque moitas compañeiras dinnos que elas, que veñen do Perú, Colombia ou de onde veñan, prefiren un traballo interno por evitar pagar os dormitorios, porque é diñeiro que necesitamos. Nesas estamos. Outra razón é que a xente que non ten papeis, este é o primeiro traballo que que atopa. Ao goberno venlle ben porque se evita facer residencias e á familia empregadora venlle xenial porque ten alguén na casa. 

EMBATE. Como tratades este tema? algunha vez recomendades ir a xuízos? Porque imaxinamos que ninguén está por denunciar aos seus xefes. Entón non sabemos se iso o debatedes, se tedes casos, se tedes algunha experiencia… 

SINTRAHOCU. Somos Sintrahocu, o sindicato das traballadoras do fogar e coidados. Temos uns avogados que nos dan unha formación online para que nós coñezamos a lei que nos ampara. Por suposto, animamos a que as traballadoras e traballadores denuncien. Porque tamén temos homes, que vos podemos contar casos de homes que tiveron que ser sacados en ambulancias dos seus traballos debido á presión e á ansiedade á que se viron sometidos por coidar a unhas persoas aquí mesmo, cerca, por Coia. O que pasa é que unha persoa que está ilegal, que non ten papeis, cre que non ten dereito ningún. Entón, o sistema, a xente nativa, o empregador xoga coa indefensión dese traballador. Ameázao. Temos xente que foi acusada do que non é. Por despedila e aproveitarse dela. Pero para iso existimos nós. Esa é unha das grandes reivindicacións que temos. Que se recoñeza o traballo doméstico, o traballo do fogar e dos coidadores coma un recoñecemento social, un recoñecemento legal, xurídico, queremos que haxa unhas leis que o amparen e que a persoa traballadora non se sinta soa, porque está a facer un traballo legal. Ela, ao mellor, non ten uns papeis, pero no traballo que está facendo, non está a roubar, non está a delinquir, non está a facer nada malo. Está sobrevivindo, coma calquera de nós o faría. Entón, nós estamos para abrirlle os ollos e para explicarlle o amparo que ten da lei. A maioría non se anima, non se atreve, pero sabemos que se cabe unha denuncia e ela ten probas como para demostrar esa denuncia, é certo que vai perder un traballo que non  merece, pero pode gañar incluso a residencia, porque a lei a ampara, porque se ten probas de que o empregador abusou dela, fixo abuso do seu poder e ela demóstrao, el é o que cometeu un delito, porque el está defraudando á cidadanía e defraudando a unha persoa tamén. Entón, por iso, máis ben, esa é a nosa postura.  

EMBATE. Tedes algunha experiencia, algunha vitoria neste campo?  

SINTRAHOCU. É exactamente o que vos imos comentar. Estamos agora cun caso latente, un caso actual. Estamos no proceso. 

Unha compañeira traballadora entrou nunha casa a coidar ao pai do empregador e esa traballadora quedou embarazada. Comezou a sentirse mal, e entón foi ao médico e ela, de boa fe, díxolle ao empregador: “teño que ir o médico porque o teu pai pesa moito, pesa moitísimo e estou embarazada”. E entón foi ao médico e o médico deulle unha baixa. Cando chegou ela e contou que tiña unha baixa, o empregador riuse dela, mofouse de ela, de que estivera embarazada. E antes collera a outra señora para que a axudara porque o home maior pesa moito, para que o levantaran da cama. E o empregador díxolle, “ti tes que seguir traballando, aínda que esteas de baixa, porque eu que vou facer?”, e quitoulle á outra señora que a axudaba para fastidiala moito máis. Ela tivo que volver ao médico e o médico díxolle: “non podes traballar, que estás de baixa”. Entón el, cando veu, esperábaa cunha folla de despido. Díxolle que el non estaba contento cos servizos dela. Ela díxolle que non ía firmar. Entón el, colleu as chaves, pechou a porta da casa, encerrouna e díxolle “até que ti non asines, non saes, e agora vou a chamar á policía porque ti es unha ladroa. Xa verás como te vou a pór eu a ti, xa verás”. Entón a rapaza, con todo o seu estrés, os seus nervios, embarazada… foi ao cuarto a recoller a súas cousas, agradando que viñera a policía. A policía non chegou. Entón, tivo a ben chamar ela mesma a policía. E díxolles: “Miren, son [o seu nome], estou nun cuarto, porque este home [o seu nome] me acaba de denunciar, pechou as portas e eu non podo saír”. Entón, díxolle a policía: “non temos ningunha chamada, pero agora mesmo imos aí”. Chamaron á porta e o home tívolles que abrir. E entón, alí mesmo, ela, diante dos policías, contou todo e tomáronlle  declaración. E este é o caso no que estamos agora. 

Porque coñecemos algúns casos nos que lles pegaron coa vasoira. Métenas nun cuarto e apáganlles a luz. E incluso, téñenlles quitado o pasaporte. Porque o que hai detrás da fachada, das empregadoras, dos mandilóns, das cofias… hai un gran sufrimento. Hai unha sociedade que as ignora, que mira para outro lado, que lles parece que śo son migrantes. Incluso hai xente á que despiden por ser negra, porque non lles gusta que sexan negras. E non as reciben, no queren una empregada negra. 

E iso que non queremos escarvar moito. Só estamos a denunciar o máis actual, pero é moi triste. Por iso Sintrahocu está a ter éxito. Sabedes por que? Porque a quen ninguén estaba a escoitar, agora estámolas atendendo. Non conta o voto dos migrantes ilegais. Entón, como non conta o seu voto, pois tampouco se fai moito por eles. Agora, cando xa conta, entón xa poden entrar no sistema, pero á xente non se lle pode usar. Só somos persoas que non viñemos de turismo, senón buscándonos a vida. E collendo os traballos que ninguén quere facer. Que todo o mundo o mira, sen embargo, é onde son máis avarentos. Nós queremos traer acompañamento, queremos traer tamén seguridade, queremos traer confianza, queremos traer amizade, queremos que a xente non se sinta soa, que saiba que nós estamos con elas. 

EMBATE. Claro, moita da xente que chega aquí… 

SINTRAHOCU. Non ten familia, non ten arraigo, non ten nada. Todo o que tiñan, deixárono alá, e deixárono mal. 

EMBATE. É unha cousa que en Galicia non se entende. Aquí emigrouse moito. Había dous tipos de migración diferentes. Estaban os que marchaban a Europa, que sempre era porque coñecían a alguén. E logo os que marcharon a Arxentina ou Uruguai, que ían alí porque xa había familias galegas asentadas, sobre todo a traballar no campo. Algúns volveron sen nada e sendo uns parias. 

SINTRAHOCU. E outra cosa que vos digo, entre a nosa xente, grazas a Deus, hai de todo. Hai xente que vén coa súa primaria feita, co seu bacharelato, coas súas enxeñerías, coas súas carreiras, coas súas licenciaturas en medicina… que no noso sindicato temos xente que é médico e está a traballar en servizos de coidados. 

EMBATE. Claro, porque terá que estudar unha compatibilidade e non pode facelo porque necesita gañar cartos. 

SINTRAHOCU. Porque necesita ganar diñeiro e porque no momento de chegar, está ilegal, non se pode facer nada. Pasoume a min: eu non puiden estudar nada porque a lei non mo permitía. Porque se estás ilegal, ti non podes optar a uns estudos oficiais.  

EMBATE. Sen embargo, estades aquí con toda a ilusión de aprender das clases de Dereito, de aprender galego… 

SINTRAHOCU. É unha xente forte a que emigra. En vez de quedar alá chorando, breado…, dá un salto. O que pasa é que ás veces saltas do tépedo ao que está a ferver. 

Entón, para que estamos Sintrahocu senón é para estender as mans, apoiarnos, que a xente nos sintamos ben, todas as mulleres e homes. Porque para o home é moito máis humillante este traballo, porque non está afeito, porque normalmente este foi un traballo asociado ás mulleres. Á muller, sempre se nos mirou como “para iso naciches”. Entón engádelle: muller, migrante, de cor, sen estudos, sen arraigo, sen ninguén que te defenda. Pero se é home, é un traballo máis deshonroso. Por iso nós reivindicamos tamén un recoñecemento social. Por que non podo dicir: “mira, son traballadora do fogar? sabes? Si, estou aquí, coma estás ti, que es avogado, ou o que sexa…, estou tomando o meu café e tal”. Queremos tanto o recoñecemento social coma tamén o laboral. Porque claro, se a un lle pagan un montón de diñeiro e a outra tan só os centavos, pois non podemos estar nos mesmos sitios. Hai tamén loita de clases aquí. 

EMBATE. Respecto á loita de clases, temos una frase moi ao conto: “todo traballo é digno, ningún salario é xusto”. Pero ben, xa destes motivos abondos para entender que pretende ou para que nace o sindicato, pero a nosa pregunta é: como nace, como xorde, onde apareceu? 

SINTRAHOCU. A pandemia sorprendeunos a todos, pero non nos déramos conta de que o traballo do fogar e una coidadora era algo esencial. Porque se se ía a coidadora, o vello ou a vella quedaba sos. Se non ía a persoa do servizo doméstico, nunha casa na que non están afeitos a facer as cosas, pois aquilo, imaxinade. 

Pero na pandemia houbo moitos abusos. Pero tantos, tantos… que quedaron ocultos. Incluso houbo traballadoras que morreron alí mesmo, porque ademais estaban como sinaladas, como que eran elas as que ían levar o Covid. Os empregadores dicían “A ver se vas saír á rúa e tráesme o Covid”. Pero eu si que podía saír, porque eu non, eu son inmune. Hai moitos que morreron por iso, moitas que caeron enfermas.  

Entón, oíndo todo isto ás mesmas compañeiras que o sufriron, houbo moitas bágoas, moita dor e moita frustración pola ingratitude coa que se tratou ás traballadoras do fogar e do servizo doméstico. Porque se antes unha interna tiña libre un día e medio por lei, na pandemia acabouse o día libre. Estás aquí, non ves nin á túa familia e, como moito, pódela chamar. Na pandemia quitáronlles todos os dereitos ás coidadoras e ás traballadoras do fogar. 

Neste punto, en Madrid, unhas compañeiras doutras asociacións de traballo doméstico déronse conta e viron que non había un sindicato tal. Os sindicatos tradicionais defenden a outros gremios, aínda que me parece que no País Vasco hai outro sindicato de traballadoras do fogar, pero non é coma Sintrahocu. A diferenza é que admitimos e afiliamos sexas legal ou ilegal e non cobramos afiliación. Preferimos reunirnos nun parque e que cada un traia o seu bocadillo, porque as nosas compañeiras, que non teñen papeis poden sentirse amedrentadas sabendo que non poden entrar no sistema porque non poden afiliarse a un sindicato. Esa é unha das razóns polas que non temos afiliación. 

Entón comezou a xurdir o movemento alí en Madrid, fixéronse os estatutos e inscribiuse o sindicato a finais do 2020 ou principios de 2021. Inscribiuse coma un sindicato nacional. Logo falaron comigo porque viron que eu levaba moito tempo en movementos e asociacións, coñecendo á xente e axudándoa na busca de traballo. Nós facemos moita énfase nos coidados e nos autocoidados: aprenderlle a unha persoa como se traballa e logo axudala na procura de traballo. Se unha compañeira ten 20 horas e outra ningunha, esta procura ensinarlle. Axudámonos, ensinámonos e colaboramos para que todas poidamos ter de onde sacar o sustento. 

A min comentáronmo, e ao principio deume pánico, porque eu non son sindicalista. E dixéronme “polo menos informa ás amigas”. Reunín a unha xente no De Catro a Catro, veu un avogado e explicounos as leis. E comezou a vir máis xente e, de repente, a xente comezou a preguntar: “eu non sabía que algunha lei me podería amparar”, “pero eu estou ilegal”, “non teño papeis”… e entón comezamos a ver a necesidade de organizarnos.  

Algunha xente xa acudira a avogados, pero entón cobrábanlles 50 euros por unha pregunta, 80 euros por botar vinte minutos, etc. Entón unhas cantas dixemos “nós podémonos botar unha man”, de feito temos unha outra asociación que xa esta case feita que se vai chamar Echando un Cable. 

Logo, dende Madrid déronnos liberdade para que cada territorio (Madrid, Vigo, Barcelona, Galicia, País Vasco…) tivésemos diferentes perfís. Os mesmos valores sindicais e principios, pero diferentes maneiras de facer as cousas. O importante é que o sindicato son elas, o sindicato é xente que chegou, encantoulle a idea e quedou con nós dándoo todo e enriquecéndoo. E hai, por exemplo, persoas que nos dan obradoiros de coidados de unllas, e agora imos facer un obradoiro de doces… Todas esas cousas para que a xente se sinta coidada, atendida e a gusto con nós. 

EMBATE. Estades socializando a formación. Estades creando unha sociedade de traballo. O que daba unha empresa capitalista de antes, a fábrica, agora facédelo vós sen a intervención dun capitalista. 

SINTRAHOCU. Estamos niso. O máis bonito de Sintrahocu, primeiro, son os seus principios e os seus valores, pero despois é a xente que o está a facer desinteresadamente. É o meu sindicato. Por fin sinto que alguén me escoita, que alguén me atende. 

EMBATE. E iso é moi importante para as persoas migrantes. Sentir que alguén está con elas. É certo que hai xente que vén coa familia pero hai outra que vén soa e sentir que hai xente que está na túa mesma situación é moi importante, non? 

SINTRAHOCU. É coñecer tamén as leis… E non só. Tamén veñen rapazas que non sabe nin o que é o arroz ou as lentellas, porque veñen doutra cultura en temas de alimentos. Aí está o sindicato. A aprender ás rapazas a saber cortar as unllas dunha persoa que está na cama, saber ter un coidado coa alimentación, se alguén pode comer con sal… Entón nós estamos a aprender e somos felices. 

EMBATE. Non é unicamente un sindicato. Estades creando unha administración alternativa ao que o Estado non vos dá. 

SINTRAHOCU. Claro. Aprender a facer lentellas, a preparar unha tortilla. Que son pratos moi sinxelos. Pero cando alguén chega a unha casa, pregúntanlle: “sabes cociñar?” e a rapaza sabe, pero sabe cociñar os pratos do seus país. É unha cousa para a que serve o sindicato tamén, serve para que nós poidamos respectar a cultura do país no que estamos e non tratar de impoñer a cultura da comida de, por exemplo, Brasil en Galicia. 

Estamos niso. Estamos con entusiasmo, porque o facemos de verdade e todo isto é un voluntariado. Estamos para formar dez comisións, queremos facer charlas de saúde mental, de riscos laborais… 

EMBATE. Grupos de traballo? 

SINTRAHOCU. Grupos de traballo, si. Porque aquí en Vigo xa somos trescentas e pico, e hai moitísimas necesidades. En Vigo pídennolo as nais que teñen fillos que viñeron con entre 14 e 15 anos e que senten perdidos coa materia de lingua galega e séntense sen amigos e sen poder facer deporte. Por iso queriamos perdirvos se nos axudades a facer un grupo de deporte para os rapaces. Logo, temos unha comisión de relax, sendeirismo, esparexemento… Hai unha compañeira que o organiza e xa fixemos un roteiro de tres horas por Cangas e Ons, axudándonos tamén a cargar as tarxetas das compañeiras para que algunhas se pagaran o barco. 

EMBATE. Falando diso, que tipo de financiación estades a recibir? 

SINTRAHOCU. Como Sintrahocu Estatal hai unhas axudas que dan para todo o sindicato e distribúense por igual en todos os territorios. Nós somos máis que nos outros territorios pero nos dan o mesmo. Pero como nós somos moi apañadas e moi dispostas, imos facendo. De momento non temos moitos recursos. Temos, iso si, moitas ideas de como seguir. Pero até agora, con vontade, con biscoitos caseiros, con camiñatas e colaborando, fixemos quince bolsas de comida para compañeiras que non teñen traballo, que non teñen recursos… e querémolo repetir outra vez este mes entre nós mesmas, porque a solidariedade é unha das nosas características. 

EMBATE. Explicáchedes moi ben como traballades, como vos organizades, que obxectivos tedes… cal é o seguinte paso? 

SINTRAHOCU. Seguir formándonos, porque queremos que cada apartado, cada comisión, cada persoa estea ben preparada, que non nos sobrecarguemos e esteamos todas en todo, que ninguén leve algo soa, coma ela cos obradoiros, e que haxa compañeiras que poidan axudar. Temos un comité de benvida e de atención para as novas. Hai unha comisión de xente que axuda a buscar traballo, a facer os currícula e dedicada á atención. Entón, o noso primeiro obxectivo é organizarnos mellor entre nós para seguir dando máis axuda, máis servizo, non estar sobrecargadas e, tamén, mantendo os nosos principios. Que non os queremos perder. 

A nosa ambición é sentirnos máis seguras, máis contentas e que a xente poida chegar confiada e que nós poidamos axudalas e atendelas. Un autocoidado. 

EMBATE. Eses son os principios. 

SINTRAHOCU. Coidamos a quen coida. Coidámonos. 

EMBATE. Que apoio buscades no resto da clase obreira de aquí que está organizada? Sindicatos, asociacións… 

SINTRAHOCU. Algún sindicato mirounos coma unha ameaza. Nós non somos unha ameaza para ninguén, nós estamos a recoller o que outros abandonaron. Non imos dicir máis. 

EMBATE. Non importa. Podedes dicir siglas. 

SINTRAHOCU. A CIG, por exemplo. O ano pasado, conseguimos que nos fixeran unha pancarta e saímos como saímos, eramos dez, camuflámonos…, porque nisto, aínda que non teñas cartos, hai que ter astucia. Primeiro fomos á manifestación dos anarquistas, a CNT, logo agardamos como medio agochadas pola manifestación da CIG, e cando chegou metémonos polo medio coa nosa pancarta, e como ninguén nos coñecía quedaron así como véndonos estrañados. Logo chegaron os de La Voz de Galicia, chamoulles a atención, preguntáronos por nós e saíu bastante ben. 

Pero este ano conseguimos que en Amorada nos deran un espazo, que non é un espazo delas, é un que lles sobra e nos dan os venres. Entón este ano deixáronnos alí e unha das de Matriarcado chamou a atención do Faro de Vigo e preguntáronnos se nos podían facer unha foto para despois facernos unha reportaxe o 1 de maio. O xefe díxolles tres días antes que se no 1 de maio conseguían unha foto boa nosa, sairiamos en primeira plana. E saímos en primeira plana. Nós adiantámonos. Perdimos “amigos”, porque cando chegamos o 1 de maio coa nosa pancarta e as nosas camisetas, todas contentas, os da CIG fóronnos deixando de lado na manifestación, para que quedáramos á parte e non adiante. Pero ben, entendemos que son “miserias humanas” que hai por aí. 

EMBATE. É máis complidado, e incluso máis retorcido ca iso. 

SINTRAHOCU.- Pero nós estabamos moi contentas porque saímos baixo a choiva, sendo máis de 20 persoas, camiñamos felices e fomos cara adiante cuns apoios ou sen outros apoios, tanto ten. Que agardamos? Primeiro, que a sociedade e os rapaces, toda común e corrente, sexa consciente de que o traballo do fogar é un traballo duro, precario, solitario… que ten que ter os mesmos dereitos que outros traballos. Que cando hai que subir o salario non te digan “ah, pero como cho vou subir a ti, se ti es a empregada doméstica?”. Barbaridades. 

Agardamos concienciación, apoio e todas as demais necesidades que teñen as nosas compañeiras, coma por exemplo, aprender galego e outras clases. Temos desexo de información e de arraigo, de sentirnos  a gusto, de sentirnos aceptadas e iguais. É bo para a sociedade, en xeral. Hai moitos rapaces de 14 ou 15 anos que teñen que deixar os estudos porque non se decatan, porque non saben, porque o sistema os golpea, porque veñen con outros conceptos. Queremos esa axuda porque o que non queremos é que esta xente estea tomando pastillas contra a ansiedade con 14 ou 15 anos. Son os fillos das nosas compañeiras, que quedan sos durante todo o día mentres as súas nais coidan a outra xente. Abandonan aos seus por coidar a outros por un salario miserable. 

Outro obxectivo é tratar o tema dos riscos laborais. A xente do servizo doméstico ten moitas patoloxías, moitas doenzas, que se tragan soas, que sofren soas porque non se lle teñen en conta.  

EMBATE. Podedes concretar algunha? 

SINTRAHOCU. As costas de moitas, as mans de moitas… accidentes laborais de todo tipo: queimaduras, golpes, caídas… Que recomendan? Caes nesta casa “coidado con dicir que caíches nesta casa”. Pero en Vigo temos un caso que aínda non volo podemos dicir, dunha persoa moi recoñecida, que tiña á traballadora ilegal, estáballe a pagar menos do salario mínimo. A traballadora caeu na súa casa, a empregadora obrigouna a dicir que fora noutro lado, obrigouna a manter o segredo durante anos, quería obrigala a seguir traballando e a muller xa non podía máis… e entón díxolle “despídote, xa non me vales máis, es vella”. 

EMBATE. Esa é tamén unha función importante que sempre debe ter un sindicato, e claro, no traballo do fogar funciona diferente. Á hora de denunciar ao xefe, ten que denunciar o sindicato, non a traballadora. Iso funciona, por exemplo, no Sector do Metal de Ourense. Pero no traballo doméstico a traballadora está soa, non ten compañeiras de traballo coma nunha fábrica. 

SINTRAHOCU. Nós tampouco temos unha Patronal, unha plataforma grande. Son traballos individuais, traballos illados, cun só empregador… Todo isto debilítanos, pero nós somos positivas. Estamos aquí para loitar, para plantar cara, para axudármonos. 

As rapazas séntense seguras sabendo que hai un sindicato. Porque na época na que eu traballaba como empregada do fogar eu non tiña ningún apoio. Entón digo, “grazas a Deus que agora temos un sindicato”, que nos poden chamar e nós estamos alí para  axudar. Teñen comida, que se alguén está pasando dificultades, pasa necesidades ou está doente, nós estamos aí para apoiala. Se houbese este sindicato hai 20 anos, cando cheguei eu, teríame sentido máis segura. Agora podemos axudar porque pasamos tamén por moitas cousas. E é por termos a experiencia do que pasou con nós, que non queremos que pase o mesmo coas rapazas que están a chegar. Este sindicato está a medrar sen necesidade de publicidade. Esta semana, falando cunhas persoas sobre o sindicato, xa teño a dúas que queren participar. Porque así se vai amosando á xente cal é o propósito do sindicato. Que moita xente ten unha idea retorcida do que é un sindicato. E un sindicato está para apoiar a toda a xente, tanto ten o sindicato que sexa. Pero a xente non coñece os sindicatos, ten outra mentalidade. 

EMBATE. Teñen unha imaxe predeseñada do concepto “sindicato” polos que son os sindicatos que sempre estiveron aliados coa burguesía en España: un sindicato que é unha ferramenta de caciquismo. 

SINTRAHOCU. É que a xente non o coñece, ata que comeza a mirar a proposta de porqué estamos aquí. Eu vin esta semana, cando fun á formación de cociña, alguén moi feliz por preparar unhas lentellas galegas. Iso é bonito, porque as lentellas teñen moitas formas de preparar, pero en Brasil só se comen lentellas unha vez ao ano, en fin de ano. E aquí vós tedes o hábito de comelas case todos os días, en verán, en inverno… E son maneiras distintas de preparar. Eu sei facer catro. 

A xente ven con emoción. Porque somos máis ca un sindicato. 

Na actividade que tivemos de sendeirismo o sábado, viñeron moitas rapazas que traballan internas, son rapazas que quedan alí de luns a venres, e o sábado teñen un sendeirismo que as pon en contacto, e logo volven ao traballo o domingo. Se elas non teñen unha actividade coma esta e persoas que as acollen, o domingo volven a traballar tristes, porque non desconectan. Eu coñezo unha rapaza que pasa o sábado dentro do Vialia, porque non ten a onde ir. Durme no Vialia, nun banco da praza. Ou na igrexa de Fátima. Non ten a onde ir e non pode pagar un cuarto. Non ten a ninguén, non ten familia. Por iso para min é importante o sindicato e estou moi feliz. 

EMBATE. Pois moitas grazas pola entrevista. Foi un pracer escoitarvos e coñecer o voso sindicato. 

SINTRAHOCU. Moitas grazas a vós.