Entrevista á Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil

EMBATE: Este ano a Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil cumpre 40 anos dende a súa creación. Que balance facedes dos 40 anos de existencia no exercicio da solidariedade internacionalista?

AAG-CFV: Podemos dicir con certo orgullo e sen falsa modestia que a “Villamil” realizou un bo traballo de solidariedade dende a súa fundación no 1983. Sen dúbida, un dos nosos maiores éxitos foi manter durante corenta anos unha organización militante que agrupou a ducias de persoas de moi diversas orientacións políticas e ideolóxicas, todas unidas polo apoio sen límites á Revolución Cubana e ao proxecto socialista que Cuba constrúe.

Certamente, houbo etapas máis satisfactorias ca outras, nas que se logrou mobilizar milleiros de persoas, tanto para denunciar en manifestacións o bloqueo e o imperialismo, como para encher, literalmente, barcos que levaron ao pobo cubano o froito da solidariedade material do pobo galego.

Foi un exercicio multiforme de solidariedade, mobilizando partidos, sindicatos e outras organizacións sociais ou persoas particulares, que chegou durante 40 anos a amplos sectores do noso pobo e mantivo aceso un facho internacionalista até hoxe.

EMBATE: Tendo en conta que sodes a asociación máis lonxeva na práctica do internacionalismo no noso país, como valorades a solidariedade internacionalista que practica o pobo galego?

AAG-CFV: Aínda que pareza un pouco “tópico” dicir isto, sen dúbida a masiva experiencia de emigración e exilios que o pobo galego padeceu produce unha sensibilidade especial a respecto dos padecementos e loitas doutros pobos, nomeadamente os de América Latina. Non pode ser indiferente que o himno galego nacese en Cuba, ou que Castelao finase no exilio arxentino. Houbo un constante ir e vir de ideas, de militantes, de experiencias que unen o noso pobo a múltiples experiencias revolucionarias do mundo. Nomear Fidel, xa é dicilo todo.

Porén, a resposta popular á chamada internacionalista está moi ligada ao estado concreto, de forza ou de debilidade, das organizacións internacionalistas ou solidarias e ao nivel de organización e conciencia política do pobo nun determinado momento, que tamén se expresa nun limitado traballo internacionalista por parte de partidos e sindicatos. Operan por outra parte novas formas presuntamente apolíticas de “solidariedade” que adoptan formatos de ONG asistenciais, máis ou menos humanitarias e nalgúns casos, directamente intervencionistas, como axentes indirectos do imperialismo.

Na nosa man está, fortalecer con militancia e alargar a base asociativa de organizacións internacionalistas como a “Villamil” ou como a Asociación Galego-Bolivariana de Amizade con Venezuela AGABO, o Comité Internacionalista Mar de Lumes, o Comité de Galego de Apoio ao Donbass, a Asociación de Amigos do Sahara ou as organizacións de apoio a Palestina, por exemplo.

Outro aspecto a non descoidar, é o de incrementar a mobilización social contra o imperialismo e o militarismo da OTAN. A defensa dos salarios e do poder adquisitivo da clase obreira pode ser hoxe unha poderosa ferramenta antiimperialista, nas condicións concretas do momento no que o imperialismo tende, máis ca nunca, á reacción, á guerra e ao fascismo.

EMBATE: Foron 40 anos nos que a experiencia socialista cubana veuse día a día acosada, ameazada e acurralada. Cales foron os momentos máis difíciles para o socialismo en Cuba e como axudou a asociación e a cooperación internacional?

AAG-CFV: Sen dúbida algunha, a etapa do chamado “período especial”, a comezos dos anos noventa do século pasado. O retroceso do socialismo a nivel mundial, coa desaparición da URSS e dos países socialistas de Europa, privou a Cuba do 85% dos seus intercambios económicos, co agravante de que existía unha real integración produtiva de Cuba cos demais países socialistas.

Foi unha etapa na que vimos algunha xente de esquerdas, “revolucionarios” mesmo, que en seis meses pasaron de ser os máis firmes defensores de Cuba a non dar un patacón polo socialismo ou por Fidel. A frase de moda dalgunha desas persoas era: á revolución cubana quédanlle seis meses.

En cambio, neses anos confluíron na “Villamil” e na solidariedade con Cuba (tamén desde outras organizacións que xurdiron por toda Galiza), ducias de persoas que dedicaron xenerosamente tempo, esforzos e medios. Enchéronse barcos con material médico, maquinaria, vehículos, material escolar, etc. Organizáronse concertos, festivais, manifestacións, charlas en colexios e sindicatos, mobilizouse a solidariedade de partidos e sindicatos, de Concellos e institucións diversas. A resposta do pobo galego foi impresionante.

EMBATE: O mundo está mudando. Nunha formulación moi resumida: a hexemonía unipolar do capital imperialista estadounidense está véndose cuestionada por unha realidade de hexemonía multipolar. Como afecta isto á illa caribeña? Abre isto novas posibilidades á solidariedade internacionalista?

AAG-CFV: A pandemia e as dificultades materiais de Cuba, aumentadas polo bloqueo (que xa cumpriu 62 anos) e a conseguinte intervención exterior nos sistemas de transferencia e crédito da illa, xeraron un espontáneo movemento interior de solidariedade que se traduce, por exemplo, no arribo á cidade de Matanzas, cando esta era o epicentro da Covid e parecía gravemente colapsada, de centos de voluntarias e voluntarios de todas as provincias de Cuba: estudantes, profesionais, artistas ou traballadores. Para a relación internacional de Cuba, a presenza das brigadas médicas en 34 países (incluso en Italia) reborda a censura das grandes axencias e produce recoñecemento popular en sociedades do terceiro mundo que foron convencidas de estar vivindo no paraíso consumista e vista a exportación médica solidaria de Cuba comproban que eles mesmos están excluídos da atención médica. O goberno de Washington considera urxente darlle volta ao impacto ideolóxico do internacionalismo médico cubano e fai que apareza nos media coma un mero traballo mal pagado, no que as mulleres e homes das brigadas médicas deixan de ser heroes para apareceren coma escravos. A propaganda do capital encadra no mundo da compra-venda a excepcionalidade de voluntarias e voluntarios resoltos a salvar vidas a risco da propia. O que o Imperio tenta evitar é que a opinión pública do norte capitalista confronte o fracaso do mal chamado mercado libre coa visión da solidariedade internacional e o socialismo. Isto é particularmente certo no continente Sur de América, que a nada de librarse do dominio colonial europeo comezaba a ser atormentado polo goberno de Washington en nome de ameazas de intromisión exterior, a seguir do terror comunista e finalmente do risco de que unha illa do Caribe, con ben menos poboación e riquezas que a área de Nova York, poda transmitirlle a idea da solidariedade. Ben entendido que, por veces, esta censura imperial non pode impedir que Emily Morris, profesora do Instituto das Américas do University College de Londres repase nun artigo o completo fracaso das arrogantes predicións de riqueza para o Báltico e os países do CAME cando a caída do Muro de Berlín. Morris recorda que a maiores da desaparición do CAME,  Cuba arrastraba o bloqueo, a Lei Helms Burton, a Lei Torricelli, a Lei de Axuste e a diaria hostilidade promovida desde Washington. Malia o criminal cerco, os indicativos sociais cubanos superaban os dos seus exsocios do Leste, urxentemente convertidos ao capitalismo. O artigo aparecera na New Left Review. Cuba vive en todos os sentidos unha realidade diferente da que conta a propaganda. A rede de solidariedade internacional co proxecto socialista, procura a diario contrarrestar esta inflación de propaganda de guerra que ten a súa orixe no goberno de Washington.

EMBATE A experiencia cubana foi a experiencia socialista con maior proxección internacional de toda América. Para ben ou para mal, os seus líderes e a súa revolución non deixan indiferente a ninguén. Como valorades a importancia que compre na batalla das ideas, é dicir, que importancia ten a loita polo desenmascaramento das mentiras que se verten e a dignificación da vontade do pobo cubano?

AAG-CFV: O Imperio domina o medio de difusión e os contidos. O seu propósito é acabar coa primeira cultura socialista de América que se realiza nun goberno con control integral da economía. A desproporción entre o poder e a ubicuidade do pregoeiro do Norte e os medios da illa obxecto do cerco, é colosal. Eduardo Galeano adoitaba recordar o poder de Hollywood para facer evidente e natural que só o consumo pode facernos felices. A liña de poder que arrinca dos filmes en technicolor de telefones brancos dos 50, non se corta coa aparición do streaming porque a fábula que se conta e a ideoloxía é a mesma. A diferencia é que a industria de Hollywood de Eisenhower, usaba a caricatura anti-comunista contra Cuba con tanta animosidade que acababa producindo risa. As presidencias de Trump e Biden non perden tempo en comedias e van a pé feito contra a economía de Cuba co obxectivo declarado de provocar miseria e protestas que acaben co goberno socialista. Paralelamente, a liña editorial da propaganda do Imperio aconsella un regreso ao debate que precedera á unidade da Revolución, de maneira que defenden como plena normalidade as correntes historicamente superadas como o anti-comunismo, a superstición relixiosa, os límites ordenados entre culturas (o racismo) e un caudaloso resto de vergoñas do Antergo Réxime. Ben entendido que isto é o que defende Joseph Biden como espírito democrático. A outra parte desta mesma recomendación é considerar o diálogo como lugar de converxencia de todas as ideoloxías, sen preeminencia de ningunha. Arguméntase que a diversidade actual da sociedade cubana esixe a aceptación de todas as correntes ideolóxicas para podelas integrar no apolíneo coro dun multi-partidismo no que dun xeito natural quede excluído o Marxismo, pola súa condición de radicalmente anti-capitalista. A propaganda a prol deste debate, invita a dar por perdida a loita pola cultura, a igualdade e a soberanía. É notábel que quen lanza estes argumentos dende o Norte censure o debate e combata a proliferación de partidos, nomeadamente os que chama de esquerdas, na propia casa. Na que fora metrópole de Cuba até 1898, non parece preocupar o destino da lingua de Cuba nin o recordo dunha cultura (hoxe fundida na Cubanía coa que procede de África e Asia) que o discurso académico considera coma un tesouro a conservar e que incluso conta cunha partida orzamentaria non menor.

EMBATE: A raíz da crise do Covid_19 e a fractura nas cadeas internacionais de valor, a illa sofre problemas de abastecemento. Como está a situación actual e como podemos cooperar os internacionalistas?

AAG-CFV: Hai que dicir que a emerxencia sanitaria e económica que produciu o COVID19 tivo un efecto negativo multiplicador das dificultades que viñan de antes. Golpeou a Cuba nun momento en que esta viña de acadar case a meta de 4 millóns de turistas e por tanto, tronzou de súpeto o proceso de recuperación económica que se estaba a producir. No peor desta situación sanitaria, Estados Unidos aproveitou para endurecer o bloqueo, aumentar as sancións e finalmente, colocaron a Cuba na lista de “estados patrocinadores do terrorismo”, o que entorpece en maior medida as transaccións bancarias internacionais.

Temos que ver o proceso na perspectiva dunha década. A guerra híbrida de Estados Unidos contra Venezuela reduciu drasticamente o intercambio con Cuba e os seus ingresos. A vitoria de Bolsonaro, supuxo a retirada dos milleiros de efectivos médicos e deportivos que cooperaban con Brasil. As sancións imperialistas contra Rusia bloquearon o turismo ruso que estaba sendo no 2021 o segundo cliente de Cuba, despois de Canadá.

Todos estes factores externos xeraron unha situación de tensión económica extrema, con cortes de luz e auga, carestía de prezos e rupturas de subministros. O imperialismo monitoriza esta situación e tratar de converter a natural insatisfacción de sectores da poboación en protestas e desafección ao proxecto socialista.

Hai unha percepción xeral, no PCC e na sociedade, da necesidade de actualizar o modelo socialista, nas condicións presentes, que non son as de hai 60 anos nin as de hai 30. Pero os pasos desas reformas, cuxos aspectos xerais xa levan aprobados hai dous congresos, van a modo, con moita prudencia e gradualidade, sen perder de vista que Estados Unidos, non renunciará nunca ao seu proxecto de apropiación de Cuba.

En todo caso, ese debate, correspóndelle dalo ao pobo de Cuba. A nós, correspóndenos impulsar a solidariedade con Cuba.

Unha solidariedade multiforme, que pasa primeiro por aumentar a afiliación da nosa asociación que se mantén exclusivamente das cotas e da venda de libros que editamos. Que pasa tamén por implantar núcleos locais da Villamil en novas comarcas e seguir levando actividades e campañas polo país adiante. Correspóndenos estar alertas ante emerxencias como a acontecida este verán co incendio da base petroleira de Matanzas, ante a cal a asociación conseguiu mobilizar doazóns por 6.193 euros, nuns poucos días, ou como na campaña para enviar 10 millóns de xiringas para a vacinación contra o COVID_19

EMBATE: Entre as vosas actividades están a colaboración en campañas de axuda material fronte ao bloqueo, o exercicio do debate público e as mostras de solidariedade e protesta. Que actividades e campañas estanse a desenvolver na actualidade?

AAG-CFV: Hai actividades que xa temos en marcha e outras que serán aprobadas na vindeira Asemblea Xeral da Asociación en febreiro.

Imos seguir promovendo diversos actos de solidariedade con Cuba. Nomeadamente a conmemoración do natalicio de Xosé Martí o 28 de xaneiro, que este ano realizaremos en Pontevedra. O 26 de xullo, conmemoraremos o asalto ao cuarteis Moncada e Céspedes. E a comezos de novembro, organizaremos actos de repudio ao bloqueo, coincidindo coa votación na ONU da resolución condenatoria que presenta Cuba cada ano.

O 3 de marzo, conxuntamente con AGABO, teremos en Vigo a Arantxa Tirado, presentando na Casa do Libro a súa última obra, “Lawfare”.

Neste primeiro trimestre queremos traer a Galiza a Helen Yafe, que virá nunha xira estatal para presentar o documental “Tarefa Vida”, sobre a loita de Cuba contra as consecuencias das alteracións climáticas e a protección dos seus ecosistemas máis fráxiles.

Seguiremos organizando campañas de venda de café e azucre co triple obxectivo de contribuír a rachar o bloqueo, contactar con novas persoas interesadas en apoiar a Cuba e apoiar os proxectos de agricultura ecolóxica que desenvolve SODEPAZ en Cuba.

Imos impulsar unha campaña de divulgación do proxecto de electrificación solar para o Instituto Finlay de Vacinas, proxecto auspiciado por SODEPAZ, para o que queremos mobilizar doazóns.

Imos ir sistematizando a recollida de medicamentos, aínda que isto teña moitas dificultades loxísticas.

Para rematar o ano, organizaremos en decembro unha serie de actividades para conmemorar os 40 anos de actividade da nosa asociación, das que xa informaremos con tempo.

Non queremos rematar sen agradecer o voso interese e o apoio que supón dar voz á solidariedade galega con Cuba nas páxinas da vosa publicación, e á vez, aproveitar para convidar a vosa militancia e simpatizantes a participar activamente na Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil ou cando menos asociarse quen o considerar posíbel.