Unha renuncia tácita?

Durante a campaña electoral para as eleccións autonómicas do pasado 18 de febreiro, unha representación de ANOVA-Irmandade Nacionalista oficializaba o seu apoio incondicional ás candidaturas do Bloque Nacionalista Galego (BNG). O impacto inmediato do xesto de ANOVA dentro do movemento popular galego foi limitado cando menos por dúas razóns. En primeiro lugar, a descomposición organizativa de ANOVA durante os últimos 4 anos diminuíu a súa capacidade de incidencia social á mínima expresión. Polo tanto, o interese suscitado pola “reconciliación” nos medios de comunicación e nos actores interesados unicamente no cálculo electoral foi limitado. En segundo lugar, intúese un interese por parte da dirección do BNG por minimizar a relevancia do paso dado por ANOVA. Neste sentido, o acordo foi reducido á suma dun apoio máis dentro da infinidade de potenciais grupos nacionalistas/independentistas susceptibles, de cando en cando, de apoiar á expresión maioritaria do nacionalismo popular.

O cambio de postura mostrado en público por ANOVA non está a ser correspondido desde o BNG cun intento de sintetizar ambas culturas políticas nin a nivel discursivo, nin moito menos no plano organizativo. No plano discursivo, o BNG realizou unha viraxe cara a moderación no marco da campaña electoral que sen dúbida resultou nun éxito á hora de atraer o voto de capas populares politicamente menos avanzadas. Porén, a concepción ideolóxica da nación e da clase defendida polos cadros dirixentes do BNG segue a ser, de maneira maioritaria, descaradamente patrimonial. No plano organizativo, e en coherencia coa súa concepción política do movemento popular, o BNG segue a impulsar unha cultura política antidemocrática, dirixista e conservadora en todos aqueles espazos dos que participa cun rol dirixente—desprezando aqueles instrumentos de loita que non é quen de controlar. A identificación dunha certa pluralidade política, que caracterizou durante un tempo ás frontes do nacionalismo popular (CIG, CAF, ADEGA ou o propio BNG), ten desaparecido por completo.

As eleccións e as institucións non poden ser consideradas como o único espazo de loita política, moito menos nun réxime con claras carencias democráticas como o español. Porén, as eleccións si permiten tomar a temperatura ás correlacións de forzas existentes e o poder institucional debidamente empregado pode exercer un papel positivo na acumulación de forzas para transformacións rupturistas. Neste sentido, os resultados electorais do 18 de febreiro, xunto cos das anteriores eleccións municipais e xerais, deixa ante nós tres tarefas cando menos: estender a base social do movemento popular, erosionar a capacidade de mobilización (electoral e non electoral) do réxime, poñer o modesto poder institucional conquistado ao servizo do movemento popular galego.

Polo momento, e se cadra é cedo para avalialo, non se albiscan elementos na acción política estratéxica nin do nacionalismo popular maioritario nin da esquerda estatal que poidan contribuír en ningunha das dúas direccións descritas. De se confirmar esta tendencia, o grupo parlamentario do BNG será o máis grande da súa historia, mais correndo o risco de caer na esterilidade: sen marxe para elevar a conciencia ideolóxica cun discurso avanzado e sen capacidade para presentar batallas alén do parlamento onde o PP exercerá a súa maioría absoluta. Así mesmo, nas pasadas eleccións municipais e xerais o movemento popular galego si logrou conquistar modestas cotas de poder institucional—gobernos locais e cota dentro da maioría que sostén ao goberno estatal. En ausencia de espazos organizativos capaces de disciplinar a tales poderes institucionais, existe sempre o risco de que estes sexan amordazados, cando non cooptados polos encantos e as forzas do réxime español.

Neste panorama, o que poida acontecer a partir de agora co instrumento-ANOVA ten un interese limitado, ao se tratar dunha cuestión orgánica interna. Porén, resulta preocupante observar o posible futuro da idea-ANOVA.1 Atendendo ás declaracións realizadas na escenificación do acordo o pasado 14 de xaneiro e ao desenvolvemento da campaña, córrese o risco de render o conxunto de teorizacións e ideas republicanas articuladas durante o ciclo político do 15M en Galicia. Ou o que sería peor, de reservalas unicamente para o plano estético, renunciando explicitamente á súa realización práctica. Este artigo pretende (1) sinalar de maneira máis ou menos sistemática as virtudes da idea-ANOVA tanto nos plano discursivo como no organizativo e (2) argumentar as posibles vías de acción para a posta en práctica da idea-ANOVA no ciclo político post- 15M.

A idea-ANOVA: republicanismo nos planos discursivo e organizativo

Os resultados e o parlamento saído das eleccións do 18F confirma a total transposición do momento electoral post-15M á política institucional galega. No ámbito institucional, o impulso do ciclo 15M e das súas ramificacións en ámbitos sectoriais de loita foi progresivamente plasmándose a través de Frontes Amplas nas diferentes convocatorias electorais. Estas tiñan o seu precedente máis achegado na candidatura de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE) en 2007, aínda que tamén bebían doutros moitos exemplos construídos a nivel municipal durante as décadas dos 80 e 90. Os éxitos de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), das mareas municipalistas e de En Marea nas eleccións xerais explícanse en boa medida porque estas bebían da conciencia formada nas loitas contra a miseria material e inmaterial impostas polo capitalismo en Galicia con especial crueza tras a crise financeira. Esta conexión coa clase en conflito dábase tanto a nivel discursivo como tamén en boa medida a nivel orgánico.

Deste xeito, con independencia das fórmulas xurídicas escollidas en cada momento concreto, a existencia dun movemento de Unidade Popular detrás das diferentes Frontes Amplas conformadas aseguraba:

  1. Un programa avanzado á altura das loitas que estaban a desenvolverse naquela altura.
  2. Unha efectiva erosión das lóxicas de representación establecendo mecanismos de participación efectiva do proletariado na cousa pública.
  3. Como consecuencia, a posibilidade de efectivas transformacións institucionais nun sentido de ruptura, por momentos revolucionario.

Estas experiencias non poden ser entendidas sen a conformación, coa participación decisiva do comunismo galego, dun Partido-Movemento capaz de operar como interface entre o movemento de Unidade Popular e as diferentes Frontes Amplas conformadas para a disputa institucional/electoral. Neste sentido, ANOVA erixiuse durante o ciclo político do 15M como pedra angular do espazo galego de ruptura, como ferramenta política de masas capaz de exercer un labor bidireccional entre os movementos reais e as súas expresións electorais. Velaí o esencial da idea-ANOVA: ser a conexión das Frontes Amplas cos movementos de Unidade Popular, non ser a pata/cota nacionalista dunha coalición electoral. Iso que aquí damos en chamar idea-ANOVA susténtase nos seguintes principios xerais:

  1. A provisión dun conxunto ideolóxico de mínimos nas coordenadas nacional e de clase en torno á defensa compartida da República Galega. O suficientemente avanzado como para responder ás necesidades políticas do momento histórico. O suficientemente amplo como para permitir que distintas tradicións colectivas e individuais poidan tentar desenvolver o seu programa político específico cun certo grao de liberdade.
  2. O esclarecemento das naturais diferencias tácticas xurdidas no espazo onde se cortan as loitas económicas e políticas: disciplinando á loita política e dotando de visión estratéxica ás loitas de carácter sindical/económico (en sentido amplo). Así mesmo, actuar como espazo de transmisión de coñecementos codificados ou tácitos (savoir faire) entre persoas máis centradas nun ou noutro campo de batalla.
  3. O impulso dun republicanismo organizativo, centrado no coidado, preservación e extensión das ferramentas de traballo: o movemento popular como res publica e non como un lugar onde chegar a facer experimentos con gasosa. Neste sentido, a idea-ANOVA resultou clave ante intentos de instrumentalización unidireccional de determinados espazos de loita.

Cabe mencionar que a idea-ANOVA cristalizou por momentos no instrumento-ANOVA, máis tamén alén da mesma. De feito, a nivel organizativo, o instrumento-ANOVA nunca foi capaz de consolidar unha estrutura sólida dada a priorización continua do ciclo electoral á que se viu sometido durante a súa existencia. Na ausencia do instrumento-ANOVA, por momentos operaron outras formas organizativas máis específicas con desiguais resultados. A nivel estudantil a Asemblea Nacional das Estudantes Galegas (ANEGA) cumpriu por momentos unha función semellante, a cabalo entre os Comités de Folga formados nas facultades/institutos/zonas e a representación institucional do estudantado (p.ex.: a Candidatura Unitaria Estudantil). Así mesmo, a Central Unitaria de Traballadoras (CUT) fixo o propio durante certas fases do movemento das Marchas da Dignidade na súa relación co despegue de certas candidaturas municipalistas.

Algunhas ideas de traballo

Francisco Fernández Buey2 ensina que as utopías non adoitan realizarse nos terreos para os cales foron inicialmente pensadas. Amauroto e a Insula Utopía, pensadas por Thomas More como modelos para a reforma de Londres e Inglaterra, foron realizadas parcial e contraditoriamente por Vasco de Quiroga en varios lugares do actual México. O pensamento liberal inglés viu as súas aspiracións políticas plasmadas nas revolucións americana, francesa e haitiana moito antes que na propia Gran Bretaña. Finalmente, as utopías socialistas xurdidas no seo do Reino Unido, Francia e Alemaña durante o século XIX migraron sen apenas mirar cara atrás a Rusia, China, Cuba, Vietnam, África, etc.

A idea dun espazo republicano que exerza de interface bidireccional entre os organismos de loita política e os movementos sociais, sindicais e culturais foi concibida durante o ciclo 15M para o espazo galego de ruptura. Pero en ningures está escrito que a realización política final desta idea quede descartada pola finalización daquela fase de loita. Atendendo aos precedentes históricos o máis probable é que, de concretarse esta idea finalmente, o faga noutros terreos e noutros tempos. Se pretendemos fuxir da esterilidade que supón reservar as utopías unicamente para o plano estético, cómpre subir as mangas e poñernos mans á obra. Dentro da infinidade de posibles vías de acción, tres semellan nestes momentos de gran prioridade:

  1. Análise e (re)construción de confianzas. Durante os últimos anos as distintas tradicións e militancias que fixemos nalgún momento e compartimos a idea-ANOVA non fomos quen de manter un debate sereno sobre os acertos e as fallas do noso propio percorrido. Esta ausencia de debate (retro)alimentou un certo grao de desconfianza entre compañeiras e compañeiros que, en liñas xerais, presentamos un alto grao de coincidencia nas nosas visións políticas, tanto tácticas como estratéxicas. Cómpre pois ir artellando discusións que, malia o seu posible carácter parcial, asenten un relato colectivo común sobre o noso pasado máis inmediato e sobre as necesidades estratéxicas xerais de cara ao futuro.
  1. Construír vínculos militantes. Malia que a pervivencia de relacións persoais entre compañeiras e compañeiros poida facilitar a (re)construción de confianza política, o groso deste labor seguramente pasará pola interacción cotiá en espazos de loita. Atoparnos ao redor das tarefas sindicais, nas mobilizacións en defensa dos servizos públicos, na defensa do noso patrimonio natural, na conquista dunha vivenda digna e mesmo en espazos culturais pode ser unha das maneiras ir cristalizando o espazo republicano galego. Á hora de propoñer concrecións para ideas políticas, estamos condenados a movernos na tensión entre dous extremos a evitar por igual. Dun lado o excesivo detallismo. Do outro a excesiva confianza en que as propias condicións históricas determinarán o curso dos acontecementos. Nun intento de navegar polo medio destas particulares Scila e Caribdis, facemos a seguinte proposta.

No curto prazo, existen as condicións para a integración de todas as persoas e tradicións que facemos nosa a idea-ANOVA en:

  • Unha fronte sindical de carácter amplo, capaz de intervir en loitas de clase que vaian máis alá do puramente laboral —vivenda, medio ambiente, feminismo— e que mesmo sexa quen de axuntar a compañeiras e compañeiros de distinta afiliación sindical.
  • Unha fronte cultural que democratice o acceso á cultura galega alén de determinadas camarillas (case) familiares. Que inclúa no seu seo a toda a intelectualidade: artistas, poetas e escritoras; persoal técnico e científico. E, sobre todo, que incorpore a toda aquela persoa interesada en crear e difundir cultura, con independencia da profesión coa que gañe o salario ou do seu status social.

No longo prazo, o noso horizonte é o da conformación dun novo Partido-Movemento. Un instrumento que sexa quen de exercer o labor de interface bidireccional totalizador que por momentos o instrumento-ANOVA foi quen de exercer. Un Partido-Movemento que sexa froito das aprendizaxes pasadas e da nova conxuntura: que coide a pluralidade política interna dentro dos mínimos ideolóxicos comúns, que decida con independencia o seu grao de incorporación a procesos electorais e que sexa o suficientemente sólido como para afrontar o desenvolvemento da guerra de trincheiras dentro e fóra das institucións.

  1. Ensanchar o espazo. As conversas e interacción no traballo político cotián non deben limitarse á reconstrución de alianzas pasadas. Existen posibilidades reais, tanto no curto como no longo prazo, de ensanchar o espectro a abranguer por un espazo republicano galego, en liña coa formulación da idea-ANOVA cando menos en tres direccións complementarias. Primeira, cara persoas sen afiliación coas que compartimos loitas e que están orfas dun espazo onde desenvolver discusións políticas plenas dada a impotencia organizativa do BNG e a práctica desarticulación da esquerda estatal. Segunda, cara persoas que fan parte do BNG ou da esquerda estatal que comparten connosco a necesidade dun espazo republicano —tanto no discurso como no organizativo— para facer avanzar o movemento popular. Terceira, cara persoas organizadas en torno a tradicións hostís no pasado á concepción republicana do movemento popular que, paulatinamente, van asumindo elementos da mesma.

A modo de conclusión

O apoio dado pola dirección de ANOVA ao BNG nas pasadas eleccións autonómicas é unha decisión táctica lexítima, e mesmo acertada. Porén, resulta altamente preocupante que este apoio veña acompañado dunha renuncia, máis ou menos expresa, aos aspectos fundamentais que deron lugar á idea-ANOVA. Ou o que se cadra é peor: que este apoio leve a reservar a idea-ANOVA para o plano puramente estético, de cara á galería, namentres que na práctica se opta “pragmaticamente” polo seguidismo absoluto para coa dirección política que marque o BNG ou, no seu caso, a esquerda estatal. Dado o escenario actual na batalla pola liberación nacional e social de Galicia, renunciar a construír un espazo republicano será seguramente sinónimo de tranquilidade para aqueles instalados unicamente na lóxica da representación, e polo tanto tamén de derrota para o movemento popular.

Sabemos que as utopías nunca chegan a realizarse por completo. Que funcionan como ideas reguladoras ás que tan só nos podemos achegar tanxencialmente. De seguro, calquera proposta ou plan para o (re)artellamento dun espazo republicano galego atopará polo camiño incontables arestas, dificultades (políticas e persoais), e mesmo restricións. Pero a condición de posibilidade para a realización de ideas políticas ambiciosas, e desde logo é a idea-ANOVA, é a conxunción de mans e cabezas con disposición para empurralas contra o áspero mundo da práctica. Estas liñas son, apenas, un convite a tal fin: para realizar, o máis escrupulosamente posible, a nosa particular utopía.

1 Ata onde chega o meu coñecemento os termos idea-ANOVA e instrumento-ANOVA foron acuñados por Antón Dobao nun documento de traballo interno.

2 Fernández Buey, F. (2007). Utopías e ilusiones naturales. El Viejo Topo.