Inés V.
Neste mundo baleirado de optimismo, con expectativas de guerra constantes e unha sensación de que todo está feito e nada hai por facer ao mesmo tempo, aparece Disco Elysium. Este videoxogo de rol permíteche escoller ao longo de toda a túa historia que tipo de detective es, que ideoloxía te representa, que consecuencias teñen as túas accións, quen es.
Disco Elysium publícase o mes de outubro de 2019 como xogo orixinal e a versión final tres anos despois. O mundo que se crea tarda case dúas décadas en desenvolverse e trata de crear un novo estilo, como eles mesmos relatan na súa web orixinal:
É fantasía? É ciencia-ficción? É unha historia alternativa? Ou algo relacionado co punk? Non. É un mundo completamente novo que creamos durante máis de quince anos. Nós chamámoslle realismo fantástico. E estamos preparados para ensinárvolo.
Preséntase unha situación aparentemente sinxela: houbo un asasinato e tes que descubrir que ocorreu, pero non comezas a historia de calquera maneira ou nunha situación habitual.
Disco Elysium preséntache un mundo no que acabas de volver a nacer despois dunha noite de pura auto-destrución cuxos motivos descoñeces cando comezas o xogo. Fálache o teu sistema límbico e a túa gravata, tes discurso interno e podes desenvolver pensamentos ou rechazalos. A historia é cambiante e ti decides que camiño percorrer.
A maiores do proceso da historia principal, a cal varía tanto dependendo das decisións de cada un que levaría varios artigos analizar cada unha, atopámonos co etiquetado político dividido en catro opcións principais: comunismo, fascismo, moralismo ou ultra-liberalismo.
O comunismo preséntase en Revachol como a ideoloxía fundada por Kras Mazov e pódela desenvolver respondendo directamente co desexo pola ditadura do proletariado ou coa defensa dos traballadores. Cando comezas o xogo, o comunismo está practicamente desaparecido debido á coalición moralista e os comunistas e os seus colaboradores anarquistas foron asasinados por, citando a K.M., “os lambebotas do capitalismo”. O único que queda son teóricos pesimistas sen ningunha esperanza e ti podes ser un máis, mailo xogo permíteche ser o que intente traer o comunismo de volta, o optimista revolucionario.
O fascismo é tan malo que ninguén nesta tesitura che vai confesar que é fascista, definiranse como tradicionalistas ou nacionalistas dalgún tipo e enfadaranse contigo se os relacionas co fascismo. Se acabas nesta liña ideolóxica no xogo será porque todas as mulleres te rechazaron e o continuarán a facer, e ti non entendes porque, así que a explicación cha dá a ideoloxía fascista: por culpa de que os comunistas asasinaron ao rei agora o mundo é unha merda! Ademais, por se a crítica non fose clara e suficiente, se te decantas polo alcoholismo, neste mundo é altamente probable que acabes sendo un fascista.
O moralismo é un anaco da nada, do gris, da non-decisión. Podes ser un moralista e actuar cero sobre o mundo que te rodea, todos son igual de bos e igual de malos. De feito, estás de sorte, porque o mundo no que vives xa está gobernado polos moralistas, ese centro con ningunha capacidade de análise ou crítica e que se nega a tomar partido.
E, por último, o ultra-liberalismo: o único que che importa son os cartos. Porque, que son os cartos realmente? O que ti queiras que sexan! Ideoloxías? As que queiras. Podes formar equipo cos fascistas, cos comunistas ou cos moralistas, o que máis che rente. Na propia historia os ultra-liberais pactan cos comunistas para derrotar ao rei na Revolución, cambiando a chaqueta segundos despois para obter beneficio cos moralistas da ocupación dos comunistas e vendéndoos automaticamente. É o mercado, amigo!
Poucas cousas hai que expresen a aura deste xogo e esta presentación das ideoloxías, produce tanto comicidade, como unha rabia por ser tan certo, que confunde aos sentidos. Disco Elysium é realmente o que queiras que sexa, é a túa historia, son as túas decisións… Seguir intentándoo ou renderte son opcións reais que calquera pode tomar e, aínda así, non podo evitar pensar que este xogo é o auténtico optimismo revolucionario.