Editorial
O multipartidismo propio da democracia burguesa non é máis que a translación da dinámica da competencia propia do modelo económico capitalista ao eido da política. Neste sistema, o electorado escolle entre varias marcas, do mesmo xeito que o cliente dun supermercado pode escoller entre Coca Cola e Pepsi. Non obstante, e a pesar da envoltura estética, ningunha das forzas participantes do xogo electoral ten capacidade para facer cambios que afecten ás bases fundamentais do sistema a través das institucións. Nunca, xamais, os xestores do brazo político do capitalismo se atreverán a facer nin o máis mínimo movemento que vaia contra os intereses das elites económicas que constitúen o verdadeiro poder no marco do capitalismo, pese a pequenas concesións que buscan paliar a discriminación e a desigualdade resultantes da existencia da propiedade privada sen atacar directamente a raíz do problema.
As portas xiratorias –método máis que coñecido mediante o cal a burguesía promove aos políticos leais aos seus intereses a postos moi ben remunerados na empresa privada unha vez rematan a lexislatura– non son o único mecanismo mediante o cal as elites garanten a súa dominación do eido institucional. Cabería pensar que aqueles políticos procedentes da academia, que volven ocupar a cátedra universitaria cando rematan as súas aventuras como parlamentarios, concelleiros e demais, non deben nada a ninguén e, por tanto, non teñen motivos de peso para o servilismo. Pero as grandes editoriais e os grupos responsables de publicar as obras e organizar as conferencias das cales sacan a súa propina estes venerables servidores do pobo están tamén en mans da burguesía máis puxante, de xeito directo ou indirecto.
Este control do poder editorial e informativo non se manifesta unicamente mediante a sedución, senón que tamén pode aparecer como coacción cando é necesario, dado que os medios de comunicación de masas pertencen a grandes multinacionais ou están controlados por estas de xeito indirecto mediante os ingresos da publicidade.
Todo isto non significa, por suposto, que non existan políticos, periodistas, intelectuais ou artistas honestos que operan dentro das canles ofertadas polo sistema. Algúns son honestos na súa defensa do modelo capitalista sen necesidade de que medien subornos ou coacción, simplemente porque pensan que é o mellor modelo ao noso alcance. Outros son honestos na súa crítica ao sistema a pesar de participar das institucións, de traballar nos grandes medios de comunicación ou de estar inxeridos nun circuíto editorial dominado por grandes grupos empresariais como Planeta. Mesmo existiron intentos honestos de subverter este sistema sen impugnar plenamente as institucións políticas que o conforman. A Unidade Popular de Salvador Allende en Chile ou a Fronte Popular na Segunda República española son tan só dous exemplos. Tamén son dúas leccións escritas con sangue, tendo en conta que ambas experiencias foron abortadas con golpes de Estado perpetrados pola casta militar. As armas actúan como garante último dos intereses da burguesía cando tódolos demáis mecanismos de control fracasan, demostrando así a veracidade da vella máxima que afirma que «o poder nace da boca do fusil».
Chegados a este punto toca preguntarnos que entendemos por democracia. Resulta complicado defender que o poder descansa na vontade do conxunto da cidadanía cando é evidente que algunhas vontades pesan máis que outras, pois teñen todas as ferramentas necesarias para condicionar o xogo ao seu favor. A idea da democracia pluripartidista como vía ao diálogo e á comprensión entre diversas correntes de pensamento ás que se adscriben os diferentes sectores da cidadanía amósase agora, máis que nunca, como unha falsidade na que non cren nin os que deberían ser os máis acérrimos defensores deste sistema: PP e PSOE intercambian acusacións, coa colaboración dos partidos menores do hemiciclo e de algúns actores internacionais que se prestan gustosos a fomentar esta performance coa que se busca manter distraído ao pobo; o PSOE e os seus afíns acusan de corrupción ao PP e aparece o escándalo de Ayuso; o PP e os seus partidarios contraatacan apuntando a Begoña Gómez, Pedro Sánchez escribe unha carta emotiva porque quere moito á súa muller, entra Milei en escena, as organizacións que deberían centrarse en artellar unha estratexia revolucionaria para a destrución deste sistema baseado na pantomima entran a opinar ao respecto e subordinan o seu aparello de axitación e propaganda a esta performance… E mentres sucede todo isto, o Presidente do goberno decide que é necesaria unha lei que regule os contidos da prensa e poña fin á “máquina de lodo”, ás loiadas e á desinformación. Asistimos, por tanto, a un paso máis na dirección da regulación dos contidos dos medios por parte do poder político. Tendencia que non se limita ao ámbito estatal con exemplos como o da Lei Mordaza, moi criticada no seu día por unha socialdemocracia que se negou a derrogala cando lle tocou a quenda de gobernar, senón que encaixa nun contexto europeo no que presenciamos outros atropelos contra a tan pregoada liberdade de expresión, como a censura de medios rusos coa escusa de que se tratan de propaganda bélica dun país co que nin sequera estamos en guerra oficialmente.
Xa no editorial do número 4 de Embate, afirmabamos que «a esquerda, debilitada ata converterse nunha caricatura de si mesma, atópase representada na súa práctica totalidade pola socialdemocracia reformista e, aqueles sectores da poboación de vocación máis progresista, atopan un refuxio reconfortante detrás dos escudos da policía cando observan sucesos como as protestas de Ferraz a través da televisión, depositando as súas esperanzas nas ferramentas represivas da elite dominante: o Estado burgués e as súas forzas e corpos de seguridade, os mesmos que executan os desafiuzamentos a golpe de porra cando non podemos pagar a hipoteca ao banco». Avanzamos un paso máis nesta dirección cuns sectores do autodenominado progresismo cada vez maiores que afirman que, para salvagardar a calidade da información, deben habilitarse leis que regulen os contidos da prensa dun xeito ou doutro. En nome da liberdade de expresión, esta debe ser suxeita a censura!
O máis rechamante de todo é que unha importante cantidade dos defensores destas medidas –por non dicir a inmensa maioría– están en contra dos Estados socialistas baseados na premisa da ditadura do proletariado que existiron historicamente ou existen na actualidade, alegando que limitan a liberdade do suxeito. Negan a necesidade de comprender o feito político, en todas as súas dimensións, como un feito subordinado á dinámica da loita de clases, mentres apoian afirmacións como estas, de Silvia Itxaurrondo que, intentando defender a ética periodística no marco da democracia burguesa, comete o erro de explicar porqué é imposible aspirar á información de calidade no sistema actual:
«Hai un montón de literatura, de bibliografía sobre o que se fixo nas campañas presidenciais e nas situacións de alto voltaxe para montar un caso ao rival (…) recórrese a un medio de comunicación financiado por un partido político ou por xente que apoia a ese partido político. Poden ser particulares, poden ser fundacións… E finánciase con subvencións ou con publicidade. Ese medio político recibe un día unha información anónima por fontes X, que xusto, xusto, vai dirixido contra o rival político dese partido que o financia a el. Publícao e ese partido que financia ese medio de comunicación di “vaia, se é que o está a publicar a prensa, eu non podo facer nada máis que, claro, retomar o fío dalgo que publican os medios de comunicación…”».
Por pechar a cuestión, podemos resumir o problema do seguinte xeito: a democracia pluripartidista burguesa e os presuntos dereitos dos que esta dota á cidadanía, como as liberdades de expresión e prensa, son realidades suxeitas en última instancia aos designios dunha clase dominante capaz de condicionar o sistema mediante os máis diversos xeitos, pacíficos ou violentos, para facer cumprir a súa vontade. É por isto que nos clásicos marxistas, o sistema no que vivimos reciba o nome de ditadura da burguesía. No contexto da ditadura da burguesía, o exercicio dos nosos dereitos políticos como cidadáns non só é incompleto, senón que está corrupto polo influxo desta clase dominante que basea a súa capacidade de influencia no control da propiedade privada dos medios de produción.A democracia, comprendida como dereito do conxunto da cidadanía a participar en pé de igualdade na xestión dos asuntos públicos, nas decisións que afectan ao feito común –chamado res pública polos antigos–, entra en contradición frontal coa propiedade privada dos medios de produción.
A proposta comunista é a emenda á totalidade. Nós entendemos que a democracia é o exercicio do poder por parte dun demos que, historicamente sempre foi excluínte cos oprimidos: en Atenas, as mulleres e os escravos estaban privados do dereito a participar politicamente; nos comezos da democracia burguesa contemporánea, só os propietarios podían participar da política e incluso cando este dereito foi concedido a capas máis amplas da poboación, a participación das mulleres foi unha novidade tardía e a realidade da escravitude seguiu existindo de xeito vergoñento ata ben entrado o século XIX –falamos exclusivamente das democracias liberais burguesas, lembremos–.
En consecuencia, o tipo de democracia que nós propugnamos é a ditadura do proletariado por contraposición á ditadura da burguesía: un modelo no que a clase obreira constitúa o demos, unha forma de organización social deseñada para favorecer a participación plena das clases populares e a supresión da burguesía, privándoa da propiedade dos medios de produción, da capacidade de actuación política e, en última instancia e como consecuencia do anterior, da súa existencia como clase social. Neste novo xeito de organizar a sociedade, a participación da nosa clase no político, no económico, no cultural, no intelectual ou no científico é a cuestión central, con independencia de que isto se manifeste nun modelo multipartidista como o foi a RDA ou nun modelo de Partido único como a URSS, por exemplo.
Pero todo isto non son futuribles, non é unha utopía divorciada da realidade. Para que a nosa clase asuma o papel protagónico no feito político, debemos construír o Partido que lle permita tomar o poder e exercelo, fortalecendo unha estrutura capaz de equilibrar eficacia operativa e democracia interna. Para que a nosa clase asuma o papel protagónico no feito económico, debemos traballar a capilaridade nos centros de traballo, favorecendo que o proletariado ingrese no Partido e chegue a comprender que os termos «obreiro» e «comunista» deben ser sinónimos. Para que a nosa clase asuma o papel protagónico no cultural, no intelectual e no científico, debemos traballar dende este preciso instante na construción das canles que lle permitan falar con voz propia, favorecendo espazos de diálogo que non actúen unicamente como difusores da axitación e da propaganda revolucionarias senón como escenario no que comezar a ensaiar ese mundo novo que está a nacer pola nosa man. Só mediante a implementación destas tres vías de acción avanzaremos cara a organización dunha revolución que non remata, senón que comeza, coa toma do poder por parte do proletariado.