Partido Comunista pola República Galega
O movemento obreiro galego vén de sufrir unha derrota de carácter histórico tras pecharse o ciclo de loitas iniciado coa crise financeira do 2008. O fracaso é histórico, en tanto que constata o esgotamento da estratexia e o sistema de alianzas ensaiado polo noso movemento durante as últimas catro décadas. Non se tratou dunha desacertada execución táctica, malia que os desacertos tácticos abondasen tamén. As consecuencias desta derrota exceden con moito as dun revés momentáneo. Basta observar o estado de bancarrota ideolóxica da práctica totalidade dos destacamentos que se reclaman revolucionarios en Galicia. A isto comeza a sumarse a progresiva disolución do que aínda hoxe é o gran activo do noso movemento obreiro: as organizacións sindicais galegas.
Sabemos que os fenómenos ideolóxicos e políticos de carácter histórico aparecen sempre ligados a realidades materiais consolidadas no tempo. Tal é o caso que aquí nos ocupa. Comprender os fundamentos materiais da actual derrota pode resultar de axuda para establecer o antes posíbel un novo rumbo revolucionario. O presente texto pretende soamente presentar unha primeira aproximación ao problema e propoñer para o debate unha serie de conclusións políticas.
1. A clase traballadora galega: unha clase maioritaria e tridimensional
No noso país, a porcentaxe de traballadores por conta propia descendeu acusadamente nas últimas catro décadas. Isto é resultado en primeiro lugar, do acelerado proceso de desagrarización. Así mesmo, o proceso de proletarización da actividade pesqueira e a asalarización de certas profesións liberais son causantes desta dinámica. Galicia é hoxe un país de asalariados. Mais do 80% da poboación que traballa en Galicia o fai por conta allea. Se sumamos na conta o número de empresas sen traballadores, coñecidos como “falsos autónomos”, obtemos para o ano 2020 unha porcentaxe de asalariados do 96%. A clase traballadora galega, porén, non constitúe unha unidade social homoxénea. Na actualidade, podemos diferenciar tres segmentos con fronteiras máis ou menos delimitadas: o proletariado industrial, o proletariado urbano e os empregados do sector público.
1.1. O proletariado industrial
O proletariado industrial en Galicia foi considerado tradicionalmente como unha fracción minoritaria e territorialmente concentrada[1] do pobo traballador. Na actualidade, os traballadores das ramas industriais representan en torno a un 15% da poboación ocupada e a súa distribución sobre o territorio tornouse moito máis homoxénea. Tanto é así que os traballadores das ramas industriais xa representan unha maior porcentaxe no emprego que os traballadores das ramas primarias nas zonas rurais. A isto último ten contribuído decisivamente a promoción por todo o país dos polígonos industriais. Grazas aos polígonos, o capital despexou as cidades para o seu uso na acumulación financeira e especulativa ao tempo que minaba as posibilidades de organización da nosa clase.
O proletariado industrial constitúe o destacamento mellor organizado e con maior combatividade da nosa clase. Para mostra, véxase o éxito dun gran número de folgas sectoriais (metal, naval, conserveiras) incluso nun momento no que as direccións sindicais están a renunciar a unha mobilización xeral polos seus pactos co Réxime (CCOO e UGT) ou por motivos electoralistas (CIG). Este éxito non é apenas só numérico, senón tamén simbólico, observándose unha grande capacidade de arrastrar a outras capas obreiras á rúa en solidariedade. En consecuencia, podemos considerar ao proletariado industrial como o segmento cualitativamente máis importante da nosa clase.
1.2. O proletariado urbano
O proletariado urbano eríxese, pola súa banda, coma o continxente máis numeroso do pobo traballador. Por proletariado urbano entendemos aquí aos traballadores dos servizos e máis da construción, ao estaren asociados polo xeral ás novas formas de vida urbana adoptadas pola nosa sociedade con independencia da densidade de poboación do territorio. En conxunto, os traballadores da rama de servizos, excluído o sector público, sumaban o 50% da forza laboral en Galicia. Se a estes engadimos aos traballadores da construción acadamos unha porcentaxe achegada ao 60%. Este continxente, outrora considerado secundario na loita de clases, exerce hoxe un papel fundamental nas relacións de (re)produción.
En primeiro lugar, o aumento dos traballadores nos servizos está relacionada coa estratexia capitalista consistente en extraer elos da cadea produtiva e situalos fóra das fábricas como empresas independentes. Por unha banda, o capital logra ganancias de eficiencia derivadas do uso compartido por parte de varias industrias dun mesmo capital constante xestionado por unha única subcontrata[2]; por outra, a difusión das fábricas a través do territorio facilita o exercicio do poder empresarial. Estes traballadores poden ser considerados entón coma unha prolongación do proletariado industrial. A maiores, cabe mencionar como boa parte dos novos empregos nos servizos son resultado da mercantilización de certos aspectos da vida reprodutiva e moi asociados á división sexual do traballo: coidados médicos, psicolóxicos ou a persoas dependentes. En terceiro lugar, os traballadores da construción posibilitan a xeración de valor a través das actividades inmobiliarias[3]. A valorización capitalista a través das rendas do aluguer e dos préstamos hipotecarios é posíbel só grazas ao seu traballo na construción e reparación de vivendas así coma na provisión de infraestruturas para aumentar a demanda interna (éxodo rural) e externa (turismo) destes bens.
Malia a súa situación de maior precariedade laboral e vital, o proletariado urbano ten dado mostras ao longo dos últimos anos da súa potencialidade política. Conflitos en empresas como Dinahosting, AENA, Froiz, etc., dan boa conta desta afirmación no plano sindical. Tamén podemos incluír a loita de boa parte dos traballadores do transporte, os cales propuxeron novas formas de combate de clase que supuxeron serios apuros para o Réxime.
1.3. Os empregados do sector público
Por último, aqueles traballadores empregados polo sector público representan en torno ao 20% da forza laboral de Galicia[4]. Dentro deste segmento de clase conviven á súa vez dúas realidades distintas. Dun lado, os traballadores encargados da administración e funcionamento das institucións do Estado. Doutro, atopámonos a traballadores que exercen actividades (re)produtivas parcialmente substraídas das dinámicas de mercado grazas a décadas de loita obreira: o ensino e a sanidade fundamentalmente. Os traballadores públicos constitúen a punta de lanza na defensa destes dereitos conquistados, e no pasado teñen demostrado capacidade para xerar arredor de si un certo liderado simbólico (lembremos por exemplo as mobilizacións cando lles foron negadas as pagas extra en 2012).
O acceso ao emprego público, malia formalmente estar baseado no mérito persoal, presenta hoxe en día un claro nesgo de clase. Así, a extracción de boa parte dos empregados do sector público está relacionada coa pequena e mediana burguesía e con familias que xa exercían un emprego público previamente. Tal configuración explica que, pese ao elevado grao de organización dos traballadores públicos, as súas organizacións e cadros adopten en non poucas ocasións posicións dentro do campo reformista. Porén, hai dous factores que fan deste segmento da nosa clase susceptíbel de sumarse á causa do proletariado industrial e urbano. En primeiro lugar, malia o mencionado nesgo de clase, existe unha parte dos traballadores públicos familiar e/ou vitalmente vinculada ao proletariado. Ademais, os procesos de privatización endóxena do sector público teñen achegado a profesores, sanitarios, administrativos, etc. a condicións de vida e traballo máis asimilábeis ás dos traballadores do sector privado abonando así o campo para procesos de politización en sentido revolucionario. Experiencias como as desenvolvidas polo colectivo d´A Trabe na Universidade de Santiago marcan neste sentido o camiño a seguir.
2. Hai alguén máis disposto? A situación dos nosos aliados tradicionais.
Desde fai máis de cinco décadas, institucionalizouse dentro do movemento obreiro galego a seguinte consigna: en alianza cos labregos, é necesario conquistar á (pequena) burguesía galega para a causa do desenvolvemento económico e a liberación do país. Examinemos pois a situación destas alianzas para avaliar as posibilidades actuais de éxito en tal empresa.
2.1. A reconversión do mundo labrego
Durante as pasadas catro décadas o proceso de disolución das tradicionais comunidades campesiñas foi completado até se situar o emprego primario nunha proporción estábel encol do 5%. Malia o reducido da cifra en termos absolutos, esta segue sendo elevada en termos españois e europeos, constituíndo a principal especialización produtiva de Galicia. Ademais estudos realizados nas últimas dúas décadas[5] sinalan que, dados os seus vínculos comerciais coma demandantes e oferentes de bens, os sectores agrarios ocupan posicións de grande relevancia dentro da estrutura produtiva do país. Os cambios operados nas ramas primarias en Galicia non só tiveron un alcance cuantitativo, senón tamén marcadamente cualitativo. No campo, observamos coma hoxe en día un 13% das explotacións concentra un 45% da terra cultivada e xera o 78% da produción agro-gandeira total[6]. Este novo núcleo duro do agro galego mantén a tradicional especialización gandeira pero dista moito do estereotipo asociado ao labrego dos anos 70. Os titulares do mencionado 13% máis activo de explotacións son persoas de mediana idade, moitas delas con estudos superiores, e que xeran como mínimo rendas anuais superiores aos 48.000 euros. Isto fai que as súas condicións de vida sexan xa moi distintas das do proletariado, dificultando extremadamente que esta clase tome partido polo socialismo. Ademais, o seu reparto no territorio aparece extremadamente concentrado en determinadas comarcas setentrionais (Deza, Terra Chá, Arzúa-Melide e Xallas). O paso dunha política agraria baseada no mantemento dos prezos de venda a un novo paradigma de axudas directas engadiu un efecto fetichista innegábel, afastando ás organizacións agrarias da súa tradicional e moi combativa oposición ao marco imperialista da UE.
2.2. A burguesía en Galicia
Para medir a importancia que as distintas ramas teñen dentro dunha economía, podemos calcular o impacto que a subtracción de cada unha delas ten sobre a produción total[7]. Desta maneira non só damos conta do seu peso no PIB ou no emprego, senón que tamén contabilizamos a súa influencia a través dos vínculos interindustriais dentro do territorio. O empresariado vinculado con estas industrias e sectores exerce, así mesmo, un papel político predominante dentro da súa clase dada a súa posición material. Distinguimos en función desta análise tres estratos dentro da burguesía que opera en Galicia cunha certa relevancia: burguesía foránea, burguesía nacional e pequena burguesía.
Tomando os datos do IGE, atopamos en primeiro lugar tres sectores de propiedade estranxeira que ocupan unha posición clave dentro do entramado produtivo galego: a fabricación de automóbiles, a construción e a produción enerxética. A característica fundamental destas industrias é o feito de empregaren o noso territorio como ferramenta para valorizar excedentes xerados nos centros imperialistas. Para o capital europeo do grupo Stellantis, a fábrica de Citröen en Vigo e as súas auxiliares funcionan coma mero instrumento de ensamblaxe a baixo custo dentro das fronteiras da UE. No caso da construción e da enerxía, é o capital español quen tira partido do noso patrimonio urbano e rural para obter rendementos. A xentrificación de Santiago de Compostela ou explotación sen límites do rural para a instalación de parques eólicos son dous exemplos prácticos de como isto se concreta.
Xunto a burguesía foránea atopamos a unha certa capa burguesa nacional, cuxo papel dentro do entramado produtivo vén representado fundamentalmente nas industrias agroalimentarias e conserveiras. A derradeira burguesía galega con mínima relevancia dentro da nosa economía puido exercer como clase un papel dirixente orientado cara o desenvolvemento das forzas produtivas. Porén os incentivos materiais deste tipo de industrias, enfocadas a satisfacer a demanda de alimentos dos grandes centros do capitalismo español, desaconsellaron tal camiño para estas empresas. Ademais, o xurdimento de boa parte destas empresas tivo a bendición cando non o patrocinio do franquismo, o cal levou a estes empresarios a adoptar unha clara posición política en favor dos partidos continuadores do mesmo. Así remataron Franqueira en UCD, e Jesús Alonso en AP.
A carón tanto da burguesía foránea coma da nacional, aparecen certos sectores de relevancia vinculados á pequena burguesía galega: o comercio e a hostalaría. Dentro destas ramas, o 92% das empresas que operan en Galicia contan con 5 ou menos asalariados. Malia seren sinalados tradicionalmente como unha clase aliada do proletariado, o certo é que as rendas dos pequeno burgueses con máis influencia na nosa economía proveñen fundamentalmente de quedar con parte do valor xerado polos obreiros galegos ao servizo (directo ou indirecto) das grande empresas nacionais ou estranxeiras. Os reflexos ideolóxicos xerados pola súa dependencia da burguesía foránea e nacional son evidentes. Da burguesía estranxeira aprenden os nosos pequeno burgueses a adhesión á UE e á globalización unipolar liderada polo imperialismo dos EEUU. Da burguesía nacional aprenden a súa adhesión ao Réxime e ás súas institucións autonómicas e municipais. O seu entusiasmo ademais é recompensado sendo os principais receptores das transferencias de renda, axudas e subvencións xestionadas pola UE, o goberno autonómico e os gobernos municipais tal e como puidemos comprobar recentemente durante a pandemia.
3. Algunhas conclusións provisionais: cinco teses para abrir un debate
Tendo en conta a análise realizada, cabe propoñer unha serie de conclusións que abran debates necesarios no seo do movemento obreiro para encarar os ciclos de loita que están por vir. Podemos resumir tales conclusións en cinco teses de carácter provisional:
1. Galicia é na actualidade un país urbano de asalariados. Estamos plenamente incorporados como nación aos circuítos económicos do Estado español e a Unión Europa. A condición do noso atraso non consiste xa na necesidade de desenvolver a nosas forzas produtivas, senón en exercer como máquina de diálise para a valorización dos excedentes xerados nos centros do imperialismo.
2. A nosa clase vive hoxe dunha realidade en tres dimensións distintas tanto no plano material como no vital, ideolóxico e simbólico. Ensamblarnos de novo en termos políticos require atopar formas de organización capaces de superar tales divisións. Cómpre avanzarmos cara unha Fronte de Clase froito da alianza entre o proletariado industrial, o proletariado urbano e os segmentos obreiros dos traballadores públicos.
3. Os nosos aliados tradicionais desertaron do campo revolucionario e atópanse na actualidade cooptados polo imperialismo español, europeo e norteamericano. Isto é particularmente certo no caso da (pequena) burguesía nacional. Carece de sentido reclamarlle a esta clase que exerza unha sorte de papel histórico do cal estaría abdicando. Os (pequeno) burgueses galegos exercen xa como tales, e a única maneira que teñen de facelo, dada a nosa estrutura económica. é facendo o papel de emisarios da burguesía foránea. Papel polo que son, ademais, relativamente ben recompensados namentres os traballadores sufrimos as consecuencias.
4. No caso do campesiñado, atopámonos cunha clase que xa pouco ou nada ten que ver cos pequenos propietarios de terras que dominaban o panorama a mediados do século XX. O labrego galego de hoxe é profesional, de renda elevada e está concentrado territorialmente nun número moi reducido de comarcas. Esta nova realidade vital unida á súa dependencia das axudas directas da Unión Europea explican o desvío do campesiñado e ás súas organizacións cara posicións reformistas.
5. Os traballadores galegos debemos ter en conta a nova configuración material do país á hora de trazar a estratexia para a nosa liberación nacional e social. Galicia non ten xa pendente ningunha revolución nacional-democrática para o desenvolvemento das nosas forzas produtivas. A única revolución pendente no século XXI é a Revolución Socialista.
Poñámonos mans á obra.
[1] O texto conxunto elaborado pola UPG e o PSG en 1973 expón que tan só 30.000 obreiros en Galicia traballaban en empresas de máis de 500 traballadores. Estas estaban localizadas fundamentalmente en Vigo e Ferrol.
[2] Marx chamou a este tipo de innovacións economías de capital constante.
[3] O circuíto secundario de acumulación, para David Harvey.
[4] Na nosa análise excluiremos deste grupo aos policías, militares e demais membros dos aparellos represivos do Estado.
[5] Véxase o traballo de Fernández Fernández e Fernández Grela sobre as táboas input-output galegas entre outros.
[6] Véxase o artigo publicado en 2019 por López Iglesias sobre as transformacións no mundo agrario.
[7] Esta maneira de proceder coñécese en economía como método de extracción hipotética.