Carlos Botana
O 1 de outubro cumpríronse setenta e cinco anos da proclamación da República Popular da China. Setenta e cinco anos dende que o presidente Mao Tse Tung anunciou ao mundo enteiro que unha cuarta parte da poboación mundial renunciaba, dunha vez e para sempre, ao oprobio da dominación de clase manifestada en miseria e vexación sen paliativos.
Pero, para comprender ata que punto a República Popular da China é unha conquista de valor inimaxinable, fagamos primeiro un percorrido polo oprobio:
O Imperio Británico, consumidor insaciable de mercadorías chinesas atopábase na complicada situación de que China non tiña interese en ningunha das baraturas que os ingleses tiñan que ofrecer a cambio dos seus bens, tendo que pagar en prata a prezos sumamente elevados estas importacións clave para a súa economía. Para superar esta situación, Gran Bretaña, na súa misión civilizadora do Globo, decidiu inundar China con toneladas de opio ilegal. O opio, para entendernos, sería un equivalente vintage á heroína no que a drogas destrutivas se refire. A situación resultante podería compararse coa crise do fentanilo que están a sufrir os EEUU, con amplas capas da súa poboación reducidas á drogodependencia máis brutal, inundando as rúas e agrupándose en antros, fomentando a aparición de clans criminais e permitindo que a corrupción devorase o país.
Cando os Qing, a decadente dinastía gobernante, decidiu tomar medidas contra esta situación, os ingleses, axudados logo por Francia e Portugal, declararon unha guerra a China que trouxo como consecuencia o establecemento do dominio británico de Hong Kong, a ampliación do dominio Portugués sobre Macao e os famosos Tratados Desiguais, que viñan a significar na práctica que na economía chinesa mandaban as clases dominantes dunha Europa que, xa por aquel entón, presumía de ser a luz do Mundo.
Xapón, que acababa de entrar no xogo do imperialismo en 1868, decide en 1894 que é bo momento para poñer en práctica a teoría, e declara a guerra a China para se facer co control de Corea.
Podemos facer unha longa lista de ofensas, como a existencia dunha colonia alemá na península de Shandong –a escasa distancia de Pekín e lugar de nacemento de Confucio, por certo– que os aliados, trala firma do tratado de Versalles que rematou coa Primeira Guerra Mundial, decidiron ceder, sen que se lles caera a cara ao chan de vergoña, a Xapón.
En definitiva, a lista de humillacións para China foi longa. Estas aldraxes, como vemos, non supuñan só unha ferida no orgullo nacional e nas pretensións chouvinistas das elites, senón que repercutían directamente no benestar das clases sometidas.
A situación de China na primeira metade do século XX é sumamente complexa, e mesmo confusa nalgúns momentos, pero por resumir, podemos afirmar que a dinastía Qing, incapaz de representar xa os intereses de ningunha capa da sociedade chinesa, débil na defensa do país e inútil no empeño modernizador, foi derrocada pola revolución Xinhai, un proceso revolucionario composto polas forzas máis diversas e saldado coa proclamación das teocracias militarizadas e ultrarrepresivas de Mongolia e Tíbet, a República de Uryankhai –títere do Imperio ruso– e unha hipotética República da China que, na práctica, foi un mosaico de rexións gobernadas por señores da guerra diversos no que proliferaron militares oportunistas tales como Yuan Shikai, que chegou a autoproclamarse emperador efemeramente.
A alternativa progresista naquel momento estaba representada polo proxecto republicano de Sun Yat-sen, fundador do Kuomintang (KMT) ou Partido Nacionalista Chinés, que logrou establecer un contrapoder na zona de Cantón en 1925, aliándose co Partido Comunista da China (PCCh) fundado en 1921. Sun morrerá pouco despois e, xa en 1925 toma o control o xeneral Chiang Kai-shek. Se Sun Yat-sen era un nacionalista de tendencias progresistas, como podería ser Castelao en Galicia, Chiang Kai-shek era un patriota do estilo de Pinochet: ditadura e baño de sangue anticomunista primeiro, eleccións despois, xa se cadra.
Foi así como, consolidada a autoridade do KMT a base de triunfos militares, Chiang Kai-shek traizoou ao comunismo chinés, comezando a perseguir e asasinar aos cadros comunistas que, de feito, viñan apoioando o movemento republicano representado polo nacionalismo ata o punto de compaxinar militancia no KMT e no PCCh ao mesmo tempo. Chian Kai-shek traizoaba así o legado de Sun Yat-sen, ao que si foi leal a súa viuva Soong Ching-ling, que chegaría a ser unha figura clave no comunismo chinés e exerceu incluso como vicepresidenta da República Popular durante anos e como presidenta un breve intervalo de tempo en 1981.
En 1937 Xapón comeza o seu grande ataque depredador contra China coa Segunda Guerra sino- xaponesa, na que as forzas nipoas invadirán o continente e levarán a cabo os meirandes crimes de guerra imaxinables, que farían palidecer algunha das maiores tropelías realizadas polas SS en Europa. Para lexitimar a invasión da China, Xapón empregou como ariete ao emperador Puyi, último rexente da dinastía Qing que fora derrocado sendo un neno, agora restituído na súa gloria imperial mediante a concesión dun terreño totalmente desprovisto de soberanía que recibiu o nome de Manchukuo. Chiang Kai-shek e a súa caricatura do KMT, incapaces de resolver os vellos problemas da China –escasa modernización e fragmentación territorial– demostrou non ser rival para Xapón e, no proceso de liberación nacional, foi o Partido Comunita Chinés o que levou a voz cantante, expulsando aos xaponeses primeiro, e ao fascismo militarista de Chiang Kai-shek despois. Así é como naceu, en 1949, a República Popular da China, para borrar dunha vez por todas a ignominia á que viñan sendo sometidas as clases populares daquel enorme anaco do mundo.
Os éxitos do comunismo foron rápidos: con Chiang Kai-shek fuxindo co rabo entre as pernas a refuxiarse nas illas do sur, o PCCh foi quen de estabilizar a China continental e dotala duns mínimos de unidade política e administrativa. En Tuva e Mongolia xa triunfara a revolución anos atrás, pero a existencia dunha teocracia feudal no Tíbet seguía a ser unha realidade insultante. En 1950 a Rexión Autónoma do Tíbet incorpórase á República Popular, rematando cun goberno baseado na represión militar máis brutal e nun adoutrinamento relixioso que enfatizaba a importancia da renuncia ao materialismo e ao ego mentres o seu líder afirmaba reencarnarse unha e outra vez para seguir vivindo rodeado de luxos e comodidades no complexo palatino de Potala. A illa de Heinan será liberada tamén en 1950, quedando só Taiwan baixo dominio dun KMT que, pese aos seus métodos fascistas, era unha das nenas bonitas do imperialismo occidental en Asia ata a década dos setenta.
A República Popular da China supuxo a recuperación da soberanía nacional, o fin do dominio imperialista no Estado máis poboado do planeta e o establecemento dunha entidade política capaz de traballar para acadar maiores taxas de prosperidade para centos de millóns de persoas. Pero, ademais, tamén trouxo consigo un xeito de comprender a realidade radicalmente distinto aos que se viñan aplicando ata aquel intre. Así, os pobos que compuñan o imperio nos tempos dos Qing, tradicionalmente sometidos ao despotismo dunha elite manchú, comezaban a camiñar xuntos cara a construción dunha nova entidade estatal que interpretaba a cuestión nacional como unha cuestión de clase e apostaba decididamente polo internacionalismo proletario como base do seu deseño estatal. A muller, pola súa banda, relegada durante milenios a un segundo plano e sometida ás formas máis monstruosas de maltrato físico e psicolóxico elevadas á categoría de dinámica estrutural, emprendía agora a senda da súa liberación desbotando tradicións tan monstruosas como a dos pes de loto –desfiguración dos pés das nenas dende a infancia, con gran dor para as mulleres durante toda a súa vida– e accedendo masivamente por vez primeira ao dereito á alfabetización e á representación política. As clases populares, donas do novo Estado gobernado mediante o Partido Comunista como ferramenta de emancipación e deseñado co marxismo-leninismo como esquema teórico, viron innegablemente melloradas as súas condicións materiais de vida e comezaban agora a obter a educación fundamental para comprender o Poder e para exercelo, saíndo por fin da minoría de idade vergoñenta que tiña imposto a reacción durante séculos de dominio.
Da experiencia comunista chinesa podemos extraer numerosas leccións útiles que contribúen a dilucidar o noso propio horizonte. A máis importante, probablemente, sexa a da necesidade dun esquema tan flexible e creativo como ortodoxo nos seus principios reitores, a comprensión de que a ortodoxia no marxismo implica a permanente negación do dogmatismo.
A longa presidencia de Mao Tse Tung caracterizarase por unha tendencia a confiar nun método de traballo baseado na participación masiva do pobo nos procesos políticos e económicos mediante enormes esforzos de mobilización popular. A idea da revolución como exercicio radical da democracia mediante a participación de masas das clases populares na República é unha formulación da que debemos aprender de cara a construír un Novo Poder que contribúa a crebar a lexitimidade e as bases materiais do Estado burgués. Non obstante, a experiencia socialista chinesa tamén ensina a distinguir a audacia necesaria para acadar o éxito da tentación do esquerdismo irracional, que non poucas veces estivo a piques de danar a construción socialista de xeito irremediable. Alén de exemplos concretos no eido da construción económica, o caso que máis pode interesarnos a nós sería, se cabe, o da Revolución Cultural, un fenómeno con dobre lectura: por unha banda, a do enorme potencial da mocidade e do estudantado como motor capaz de imprimir dinamismo no conxunto do Partido e contribuír a manter a liña revolucionaria; por outra banda, o inmenso perigo de impugnar o Partido como ferramenta de expresión e construción política, buscando construír por fóra e destruír por dentro. A Revolución Cultural, que conta con certas lecturas positivas, é tamén o exemplo clave de como, cando proliferan o ultraesquerdismo e a comprensión liberal da crítica e da autocrítica, son os grupúsculos baseados en lealdades persoais os que substitúen ao exercicio do debate democrático. A ruptura do Centralismo Democrático trouxo como consecuencia, en China, a aparición dunha tendencia antipartido que remataría por cristalizar nas protestas de Tiannamen, nas que convivían elementos dereitistas de toda índole auspiciados por potencias anticomunistas estranxeiras e os últimos gardas vermellos, cegados pola irracionalidade esquerdista. Mao Tse Tung, figura a reivindicar e da que aprender tanto nos seus erros como nos seus acertos inmensos, soubo identificar o problema e camiñar cara a súa solución nos últimos anos da súa vida, rehabilitando a Deng Xiaoping como cadro dirixente do Partido e confiando en Hua Guofeng como figura de transición que, se ben ineficaz por falta de audacia, soubo eliminar o influxo pernicioso que representaba a Banda dos Catro –grandes arquitectos da deriva ultraesquerdista e liberal que asolaba o PCCh–.
Hua Guofeng, como era natural, durou pouco nos seus cargos, pois a meirande parte do Partido era consciente da necesidade dunha modernización a gran escala, encarnada por Deng Xiaoping. Deng tivo claro que, para sobrevivir, China debía ser un xigante económico capaz de competir con Occidente en campos que foran moito máis aló do militar. Foi leal ao concepto de República Popular –estadio de desenvolvemento anterior á República Socialista– tal e como fora concebida por Mao no primeiro intre e fixo seus os postulados máis radicais formulados por Zhou Enlai, grande teórico do proceso reformador chinés. Así é como China aplicou a súa propia versión da Nova Política Económica soviética, logrando co paso das décadas que a cuarta parte da poboación mundial estea en condicións de camiñar cara o socialismo, ao mesmo tempo que, con man de ferro en luva de veludo, sentaba as bases para arrebatar Hong Kong e Macao ao dominio colonial occidental.
Ese é o legado da república popular Chinesa que Xi Jinping comprende e aplica, atacando de raíz calquera mostra de corrupción capitalista derivada da reforma económica, combatendo as vellas tendencias reaccionarias, as vellas formas de opresión disfrazadas de tradición que puideran subsistir na mentalidade chinesa e marcando o rumbo, dunha vez por todas, para a entrada dun cuarto da humanidade no socialismo.