Cara a consolidación dunha vangarda galega

Editorial

O Partido Comunista é a ferramenta do proletariado para a conquista do poder: esa é a ensinanza fundamental do marxismo-leninismo no ámbito organizativo.

O Partido Comunista ten a obriga, por tanto, de ser obreiro e operativo.

A operatividade do Partido e o seu carácter obreiro están estreitamente vencellados, en tanto que un non pode ser sen o outro: o Partido deixa de ser útil e funcional no momento en que abandona o seu obxectivo orixinal de conquistar o poder para o proletariado e, ao mesmo tempo, perde o seu carácter de clase no intre en que a súa ineficacia como ferramenta de combate provoca o cese na incorporación de novos cadros obreiros nas fileiras da organización, o abandono da militancia por parte dos cadros que o conforman ou o rexeitamento dunha liña política combativa e proletaria.

Temos, por tanto, que o Partido non é nin pode ser un club de lectura nin de debate, nin unha sorte de asociación para a conservación do folclore. Tampouco debe ser unha axencia de colocación nin un trampolín para oportunistas, acomodándose ou acomodándoos nas diversas institucións burguesas e perdendo de vista o único obxectivo para o que naceu: a conquista do poder por parte do proletariado, a conquista do socialismo.

En definitiva, se o Partido quere ser obreiro e operativo, debe:

1º) Aglutinar eficazmente a todos os comunistas, con militancia previa ou sen ela, nunha única organización.

2º) Identificar e incorporar no seu seo aos elementos máis combativos e conscientes do proletariado, a aqueles que gozan de referencialidade na loita obreira e/ou teñen audacia e compromiso dabondo para poñela en práctica.

3º) Dotar aos militantes da formación necesaria para convertelos en cadros comunistas, entendendo que a formación non é só a lectura e o debate acerca de cuestións teóricas concretas, senón a participación activa nas dinámicas da loita de clases. A axitación e o proselitismo no posto de traballo ou a participación nun piquete son parte da formación tanto como a lectura de determinado texto de Marx ou Lenin.

É así como a ferramenta medra tanto no cualitativo como no cuantitativo, adquirindo a potencia necesaria para levar a término as tarefas asignadas e garantindo a correcta preservación do carácter co que foi concibida.

No último ano vimos asistindo ao cumprimento eficaz das tarefas enunciadas, que redunda nun fortalecemento non só do Partido senón tamén das organizacións de combate da clase obreira –sindicatos, plataformas, etc.–, vendo estas incrementada a súa eficacia operativa en tanto que poden aproveitarse das vantaxes que ofrece aquel no que respecta á coordinación, disciplina e trazado dun horizonte estratéxico integral.

Galiza atópase inmersa nun proceso de confluencia e unidade do comunismo galego que aínda non culminou. Queda traballo por diante para poder falar dun Partido Comunista unido capaz de asumir o rol de liderado no proceso de liberación nacional. É responsabilidade dos e das comunistas seguir afondando nesta liña de traballo que permite ao Partido medrar alén dos marcos impostos pola realidade vixente, incorporando nova militancia e cumprindo o seu obxectivo de difusión das ideas marxistas entre sectores cada vez máis amplos da sociedade, evitando calquera tipo de vocación sectaria ou marxinal.

Para acadar maiores taxas de éxito nesta necesaria tarefa de proselitismo, o Partido debe ser quen de artellar unha área de influencia que rebase o seu propio marco orgánico, unha cultura política co que amplos sectores da sociedade poidan identificarse, con independencia de que decidan ou non dar o paso decisivo da militancia no Partido.

Esta cultura comunista á que nos estamos a referir debe vir dada, por unha parte, pola referencialidade do Partido e dos cadros que o compoñen nas loitas concretas e no día a día da nosa clase. Volvemos, unha vez máis, á mesma idea: o Partido como ferramenta obreira debe nacer da clase obreira, estar composto por elementos da clase obreira e servir en todo momento aos intereses da clase obreira.

Por outra parte, se entendemos que Galiza é unha nación eminentemente obreira, que a independencia é un horizonte estratéxico revolucionario afín aos intereses políticos do proletariado e que o comunismo é, en Galiza, a superación dos postulados do nacionalismo burgués no camiño á emancipación nacional e á plena soberanía, como xa explicamos en números anteriores desta mesma revista, faise necesario comezar a albiscar unha estratexia en relación á defensa da cultura e da lingua galegas, entendendo que se trata da defensa do dereito da clase obreira galega a expresarse con voz propia.

Neste ámbito, o Partido debe ser quen de:

1º) Desafiar os dogmas esencialistas das formas reaccionarias de concibir a cultura galega, sometidas aos intereses das elites. A lingua debe ser comprendida como unha enseña revolucionaria que evidencia a nosa identidade como pobo e como clase fronte a unhas clases dominantes cuxo proxecto económico, político e cultural pasa por atentar directamente non só contra a nosa prosperidade, senón tamén contra a nosa dignidade e a nosa identidade. Faise necesario fuxir de concepcións acomplexadas, emanciparnos de mecanismos intelectuais propios de realidades coloniais: a cultura galega é unha realidade viva non se limita nin debe limitarse unicamente ás formas tradicionais, pero tampouco ten por que excluílas ou evitalas.

2º) Artellar un horizonte estratéxico que non se limite á defensa da cultura baixo parámetros discursivos ou performativos, senón que comprenda que a cuestión cultural é tamén unha cuestión económica e sexa quen de deseñar unha folla de ruta que inclúa a defensa dos profesionais do sector cultural, non só no eido artístico senón tamén no plano académico e nos diversos centros de produción intelectual. O Partido Comunista debe ser quen de desenvolver unha comprensión da loita cultural que englobe a poetas, actores e actrices, profesores e profesoras, músicos e cantantes pero tamén, por suposto, ao persoal técnico do teatro ou do sector audiovisual, situando nun mesmo plano de importancia as reivindicacións relacionadas coa defensa explícita da cultura e da lingua e aquelas en defensa das condicións materiais do proletariado tamén neste sector, interrelacionando as cuestións para dar lugar a unha comprensión revolucionaria do eido cultural en tódalas súas facetas.

3º) Desenvolver fórmulas que acheguen ao conxunto da poboación á produción cultural galega e á defensa da súa cultura e da súa lingua, non como meros consumidores senón como protagonistas. Apostar por unha forma revolucionaria e plenamente democrática de comprender a cultura en base a postulados de clase. Implicar ao pobo galego na construción desa nova cultura de emancipación.

Temos, por tanto, que o Partido Comunista debe desenvolverse tanto no cualitativo como no cuantitativo mediante a constante formación de cadros, e traballar de xeito activo na súa implantación na clase que lle permita erixirse como vangarda e actuar como tal, facendo que a súa loita e os seus postulados cheguen a amplas capas da poboación mediante a referencialidade que concede o traballo humilde, consecuente e cotián na loita obreira e o desenvolvemento dunha cultura galega comunista e revolucionaria.

Sabemos cales son as nosas tarefas. Seremos dilixentes no seu cumprimento.