Ricardo Valeiras
Introdución
A corrección dos desequilibrios demográficos en Galiza constitúe un dos retos máis urxentes para o país. Estes desequilibrios materialízanse na perda continuada de habitantes no medio rural, que se ve contrarrestada polo crecemento das zonas litorais e urbanas, onde, entre outras diferenzas, que serán obxecto de estudo ao longo do presente artigo, se concentran os equipamentos industriais, o acceso a unha oferta laboral máis diversificada e onde os espazos de sociabilización e de lecer son reducidos ou, na práctica, inexistentes.
A situación actual non se produciu dun día para a outro, senón que se fraguou no seo dun proceso secular marcado por diferentes procesos, conectados entre si, que derivaron no denominado por Beiras e Abel López (1999) como colapso demográfico do país. Este proceso viu marcado pola concatenación dunha serie de procesos históricos, tales como: O elevado grao de avellentamento da poboación; a caída dos indicadores de fecundidade e natalidade; a dispar distribución da poboación ao longo do territorio ou a migración da xuventude do país cara ao estranxeiro, marcan unha tendencia preocupante con respecto á evolución demográfica do país.
A nivel estatal existen diferentes expresións para referirse a este proceso: España Vacía (Del Molino, 2016); España Vaciada; Iberia Vaciada (Taibo, 2021); Reto Demográfico (MITECO 2019); etc. A definición que mellor define este proceso é a outorgada pola CVE (2021), onde se describe a España Despoboada como [sic]: “el conjunto de las zonas rurales del país que aquejadas por una pérdida continua de población, ha llegado incluso a comprometer su supervivencia presente y futura como entes territoriales del Estado”.
Historicamente, a aproximación ao estudo da realidade do medio rural pecou de caír en tópicos que, por un lado, idealizaban o espazo rural como preservador de tradicións moi antigas e valores en perigo de desaparecer polas sociedades modernas. Polo outro lado, existen visións anacrónicas e desvirtuadas da realidade rural, como a ofrecida no filme Las Hurdes, onde se describe como pouco menos que bestas ás persoas que vivían nesta localidade estremeña. E ningunha destas perspectivas ofrece unha aproximación realista á situación do noso medio rural.
A entrada das dinámicas capitalistas e a mecanización do sector agrario, así como a introdución dos modos de intercambio propios deste sistema económico (que se traduciu na substitución dos trocos con produtos materiais ou útiles para a vida diaria por intercambios por diñeiro) transformou as relacións de produción do medio rural. Outros cambios derivados da expansión do capitalismo foi a progresiva privatización das formas de propiedade colectiva, coma os bens comunais (que levaron á perda de pastos para o gando) ou a xestión dos montes. (Del Romero Renau, 2021).
As funcións do espazo rural redefiníronse no seo durante as últimas décadas. Na actualidade, o espazo rural pasou de actuar como un dos motores económicos do país, sustentado sobre a agricultura e o sector da construción, a ser considerado un espazo que apenas queda relegado a tres funcións subxugadas ás necesidades dos centros urbanos: residencial; medio de vida (provedor de materias primas e salvagarda do sector primario que dota ás cidades dos produtos necesarios: alimentos; auga; madeira, etc.), como espazo natural, onde se deben de manter intactos os bens esenciais para o mantemento da vida (aire, auga)… (Cornet P., 2002; Del Romero Renau, 2021).
Pinceladas sobre as causas e consecuencias do despoboamento
Non existe unha soa causa que por si soa explique o despoboamento, senón que este proceso se debe á confluencia de diferentes procesos sociais, económicos e políticos. Entre as principais temos1:
+ Existencia de baixos niveis de renda
+ Caída dos indicadores de fertilidade e natalidade
+ Baixa cobertura en materia de servizos e infraestruturas
+ Baixa retribución salarial
+ Declive do sector agrario e ausencia de diversificación económica
+ Proliferación de actividades extractivas de alto impacto sobre o medio (encoros; minaría; monocultivo de especies coma o eucalipto).
+ Alto grao de avellentamento da poboación.
Sobre este proceso tamén está presente a configuración do territorio. O modelo de poboamento correspóndese coa proliferación de pequenos núcleos de poboación diseminados polo conxunto da xeografía do país, onde moitas destas poboacións apenas acadan a vintena de vivendas ou, no seu defecto, de habitantes. No caso de Galiza este factor agrávase, xa que a nosa comunidade conta co 76,64% das entidades singulares de poboación de España (concretamente, 3771 das 4907 existentes).2 A existencia dunha poboación altamente envellecida; xunto as deficiencias (froito do desinterese e o desleixo ao que someten as institucións ás zonas rurais).
O declive do sector agrario, da man da ausencia dun verdadeiro impulso á diversificación da actividade económica no medio rural; xunto coa perda de servizos; a deficiencia de infraestruturas aptas para aumentar a competitividade dos mercados rurais con respecto aos urbanos; e a expansión do modelo de vida urbano conflúen como factores esenciais neste proceso.
As migracións provocan un avellantamento na estrutura de idades (caída da fertilidade, pola marcha das cohortes en idade de procrear), alén de levar unha serie de efectos económicos moi lesivos (elevada dependencia das remesas do exterior -en tempos recentes, das pensións da seguridade social-, mantemento de explotacións con baixas taxas de produtividade ata datas recentes, etc.). O avellentamento da poboación tamén ten como consecuencia a terciarización da economía das cabeceiras comarcais, debido a que a estrutura económica das mesmas deberá ir orientada a atender as necesidades derivadas da avanzada idade dos seus habitantes, tendo como consecuencia a perda de influencia das mesmas no tecido económico global da CCAA.
O abandono das áreas rurais trae consigo a desaparición de modos de vida e modelos de paisaxe que se entendía pola relación do home co medio, en aspectos tan relevantes como o aproveitamento dos montes; o modelo de asentamento sobre o territorio; construcións e estruturas vencelladas a este modelo de vida, etc.
1 Collantes e Pinilla (2019); Taibo (2021);
2 Consellería de Política Social (2021)
Sobre a situación en Galiza
A comezos do pasado século, en Galiza residía preto do 11% do total da poboación española, mentres que a finais do mesmo, este peso caeu practicamente á metade (5,89%). Porén, como se xestou este proceso no noso país? O despoboamento na Galiza rural non é un proceso illado, senón que se insire dentro das dinámicas de regresión demográfica existentes en outros puntos de España e Europa, onde este proceso se inicia a mediados do século XIX. (Collantes e Pinilla, 2019).
A TD europea veu marcada pola substitución dun modelo poboacional marcado por elevadas taxas de natalidade e mortalidade en todos os grupos de idade (mostrando maior incidencia no infanto-xuvenil), por poboacións con alto grao de supervivencia na infancia e a prolongación da esperanza de vida. Asemade, tamén se conseguía obter baixos índices de mortalidade e natalidade, chegando a estancarse no seu crecemento (Collantes e Pinilla, 2019; Observatorio Demográfico de Galicia, 2018; Vinuesa Angulo, 2004). A Teoría da Segunda Transición Demográfica aporta novos indicadores. Este tipo de indicadores e variables van a proceder dos cambios sociolóxicos, económicos, tecnolóxicos, educativos, etc., así como tamén dos cambios dentro dos roles da parella e o auxe das separacións; o retraso da fecundidade, ou as transformacións do modelo familiar: monoparentais, sen fillos, etc. (Van de Kaa e Lesthaeghe, 1988).
A evolución demográfica de Galiza durante o pasado século veu marcada polo estancamento do crecemento da poboación durante as décadas de 1930 e 1950. As migracións transoceánicas que se produciron no país dende finais do XIX afectaron principalmente as cohortes xoves da poboación, converténdose nunha constante ao longo das olas migratorias que afectaron ao país durante a pasada centuria.
Así, apreciamos neste período un estancamento no crecemento da poboación, chegando ao punto de regresión demográfica (Hernández Borge, 1999) debido á Guerra Civil e á posterior posguerra. O crecemento poboacional durante este período prodúcese nas provincias da Coruña e Pontevedra.
A caída da natalidade comeza a producirse dende os anos 1930 da pasada centuria, dándose un breve período de regresión demográfica (Hernández Borge, 1999). A pesar dun leve repunte entre os anos 1945-1952, vaise producir unha importante caída dividida en 2 fases: 1955-1976 (leve e continua). A segunda abrangue dende o ano 1976 ata a actualidade: proceso de caída moito máis acusada. As áreas máis afectadas foron as provincias de Lugo e Ourense. Estas provincias coñeceron unha regresión demográfica da orde dun quinto dos nacementos que se producían no século XX. Pola contra, Pontevedra non experimenta esta contracción nos nacementos ata os anos 1980. (Beiras e López, 1999). Durante a primeira década do século XXI observamos un breve período alcista da natalidade: chegada á idade fértil.
A mortalidade é outro indicador que experimentou unha importante variación ao longo deste período. A súa caída veuse relacionada cunha serie de factores que favoreceron o aumento da esperanza de vida: a erradicación de enfermidades infecciosas como a tuberculose ou a varíola. A partir dos anos 1980 a mortalidade supera á natalidade. Este fito produciu un saldo vexetativo de corte negativo (véxase o cadro). Isto, máis que ser debido a un incremento da mortalidade (previsible tendo en conta a amplitude das cohortes de idade asignadas á vellez), está máis relacionado coa caída da natalidade. (Beiras e López, 1999).
O saldo vexetativo, deste xeito, mantívose en valores positivos ata mediados dos anos 1980. Nestes anos, a pesar da chegada dun importante continxente de retornados, así como tamén a incidencia da caída da migración, comeza unha marcada evolución negativa. Este proceso está marcado pola acusada caída da natalidade no conxunto do territorio galego e a estabilización á alza da mortalidade, froito do elevado grao de avellentamento que se observa nos grupos de idades. A evolución por sexos deixa entrever un fenómeno demográfico particular: a feminización da vellez. A pegada das migracións, caracterizadas nun inicio pola marcha dos efectivos masculinos en idade de procreación, aínda que tamén con posterioridade se unirían as mulleres, así como os efectos das guerras mundiais e Civil, deixáronse sentir nas décadas centrais do século. Ademais, este proceso vén da man tamén de outros indicadores, como o aumento da esperanza de vida, que repercute de forma máis positiva sobre as mulleres (menor tendencia a malas condutas de saúde –alcoholismo-, condicións de traballo menos agresivas, etc.). (Aldrey Vázquez, 2006).
Táboa 1: Saldo vexetativo na Galiza (Elaboración propia a partir de Beiras e López 1999; IGE,2023).

En resumo, ante as transformacións vividas pola natalidade e a mortalidade, a evolución demográfica de Galicia durante a pasada centuria permitiulle saír da fase da Transición Demográfica (modelo caracterizado por altas taxas de natalidade e mortalidade en todos os grupos de idade, incluído o infanto-xuvenil) á Segunda Transición Demográfica (marcado polas baixas taxas de mortalidade e natalidade, e as transformacións no modelo de familia: retraso na idade de fecundidade; descenso da fecundidade; proliferación das familias monoparentais; incorporación da muller ao mercado laboral, etc.) (Hernández Borge 1990; Rodríguez Galdo, et., al. 2022). Todo este proceso tivo como consecuencia a paulatina caída do peso cuantitativo da poboación galega no seo do conxunto do estado español, pasando de albergar un 11% da poboación total a comezos do século a só o 5,89% a finais do mesmo.
As áreas máis afectadas polo despoboamento están marcadas por unha serie de características: son áreas do interior do país (nominalmente as montañosas), onde os factores naturais dificultan a proliferación e deseño dunha estrutura agrícola produtiva, contando así con poucos medios de subsistencia. Iníciase, deste xeito, un paulatino proceso de concentración da poboación nas cabeceiras comarcais, que concentran os servizos públicos de proximidade (sanidade, educación, etc.) con respecto aos núcleos de poboación que están baixo a súa influencia. (Hernández Borge, 1990; Rodríguez González, 2004).
Durante este século máis do 77% dos concellos do país (243 concretamente) perderon poboación (Constenla Vega e Aldrey Vázquez, 2018). Numerosos concellos, especialmente na provincia de Ourense, acadan e superan taxas de avellentamento superiores ao 50% (San Xoán de Río, Calvos de Randín, Beariz, etc.), albiscando un futuro preocupante para garantir a súa viabilidade demográfica. A principal causa foron as migracións das capas fértiles da poboación, susceptibles de activar a economía do noso medio rural e lograr constituír os seus proxectos vitais no rural do noso país.
A incidencia das migracións
As migracións dende a Galiza rural da primeira metade do século XX danse polo desequilibrio entre poboación e recursos (sobredensificación de habitantes en relación aos recursos), debido aos excendentes humanos que xenera a introdución dos modos de produción capitalistas na agricultura, que deriva na progresiva mecanización do agro -que crea continxentes de man de obra que se ven na obriga de procurar emprego no exterior-. A inexistencia dun verdadeiro interese por dinamizar a economía rural do país, de dotala de equipamentos e investimentos que contribuiran a diversificar os sectores da economía rural, onde xerar postos de traballo ligados ás potencialidades do territorio e a falta de infraestruturas que axilicen as comunicacións cos principais centros urbanos e económicos do país impulsaron o fenómeno migratorio.
Ata os anos 60 o foco tradicional de migrantes foi Latinoamérica. Agora ben, nos anos 1960 Europa convértese no destino prioritario (demanda de man de obra para traballos non cualificados –nominalmente nos sectores primario e secundario-, maior nivel de vida, incidencia da proximidade a Galicia, peche de fronteiras polas crises económicas, acordos internacionais con Bélxica 1956, Alemaña 1960. Suíza no 1961). Hai un predominio inicial de Alemaña, se ben Suíza acabará por converterse no destino preferente a partir dos 80 (Aldrey, 2006; Hernández Borge, 1990).
O perfil social dos migrados correspóndese con cohortes novas da poboación en idade activa, que conformaron a maioría durante a meirande parte do século. A partir dos anos 1960 prodúcese un incremento da migración feminina, favorecida pola apertura de ofertas de traballo en países como o Reino Unido ou Alemaña. Durante os anos 1980 experiméntase un importante incremento dos contratos temporais (por exemplo, para as campañas de vendima en Francia. Por provincias, Ourense foi a que máis migrantes aportou (en especial a países como Alemaña ou Suíza) ata os anos 70, substituída partir deste momento pola Coruña. (Aldrey Vázquez 2006, Hernández Borge,1990).
No territorio nacional, os destinos máis recorrentes son os principais focos de desenvolvemento industrial: Barcelona, País Vasco, Asturias e Madrid. Pola súa banda, en menor medida, aos principais focos turísticos do país (Valencia, Illas Canarias). As migracións interrexionais veñen motivadas pola falta de emprego e de expectativas de futuro no propio país. (Aldrey Vázquez, 2006). A migración interior cobra maior importancia a partir da crise do petróleo, e sobre todo nos 80, debido ao desenvolvemento industrial das áreas litorais. Saco (2010) defende que este transvase (especialmente da poboación nova que prolonga os seus estudos superiores) se dá dende os pequenos núcleos de poboación ás cabeceiras municipais, destas ás comarcais; daí ás grandes capitais provinciais, para dar o derradeiro paso ata as litorais. Non sempre se ten que producir este proceso (por exemplo, o estudantado que completa os seus estudos de bacharelato nos institutos de educación das súas vilas antes de migrar cara ás urbes para emprender os seus estudos universitarios).
A migración das capas fértiles da poboación (que comprende os grupos de idade sitiados entre os 15-50 anos aproximadamente) compromete de modo considerable o futuro de numerosas poboacións ao longo da nosa xeografía. Esta vén causada pola ausencia dunha oferta estable, atractiva e diversificada de emprego; a escasa variedade nan oferta de oportunidades formativas e de ocio; a ineficencia das comunicacións no medio rural ou o nulo efecto que teñen as políticas de desenvolvemento rural aplicadas no noso país.
O abandono das áreas rurais trae consigo a desaparición de modos de vida e modelos de paisaxe que se entendía pola relación do home co medio, en aspectos tan relevantes como o aproveitamento dos montes; o modelo de asentamento sobre o territorio; construcións e estruturas vencelladas a este modelo de vida, etc.
Colectivos máis afectados polo proceso
Os principais damnificados polo despoboamento do medio rural son os anciáns, mulleres e mozos. O recorte na dotación de servizos e o abandono das zonas rurais afectan en maior medida aos nosos maiores, cuxa mobilidade e autonomía persoal se ven afectadas polo deterioro cognitivo propio da idade e das consecuencias do traballo duro que leva a realización das actividades agrogandeiras.
Alén das limitacións físicas, tamén concorren os efectos do deterioro cognitivo: perdas de memoria; proliferación de enfermidades psicomotrices; desorientación espacial; etc. Este tipo de patoloxías vénse agravadas por unha das problemáticas máis desoladoras existentes na nosa sociedade: a soidade non desexada. Este fenómeno maniféstase en diversas facetas: cando as nosas e nosos maiores quedan viúvos; unindo á soidade a dó da perda da persoa amada; cando os familiares teñen a súa vida realizada lonxe do fogar familiar e apenas entran en contacto con el; ou cando non se dispón dun círculo próximo ao que acudir nestas situacións.
A ausencia de persoal para a atención dos maiores e as deficiencias na atención á dependencia no fogar responden na meirande parte dos casos á situación na que teñen as administracións ás traballadoras (a maioría do persoal que desenvovle estas labores son mulleres) do servizo público de axuda a domicilio, ou no seo das residencias, que adoitan corresponderse con traballos marcados por un elevado desgaste físico e psicolóxico e mal remunerados.
A concepción do papel da muller no seo das sociedades rurais foi mudando ao longo das últimas décadas. A súa figura aparece tradicionalmente subxugada á das figuras masculinas da súa contorna (pai, cónxuxes, irmáns), sendo o seu papel no seo da sociedade relegado ao coidado das crianzas e dos anciáns e á colaboración nas tarefas agrícolas. A falta de autonomía persoal, unida ao nulo recoñecemento do seu protagonismo chave no mantemento das sociedades rurais; os escasos espazos de sociabilidade e feminidade existentes nestes espazos e a notoria ausencia de oportunidades de acceso a postos de traballo ou formación derivou na súa migración de cara as cidades, onde gozaban de maior independencia; máis nichos de traballo e mellores retribucións salariais. (Del Romero Renau, 2018; Sánchez M., 2019).
Para lograr a permanencia das mulleres no medio rural é preciso abolir, sen paliativos, os roles de xénero existentes no seo do sistema social patriarcal, e resignificar os papeis de ambos xéneros na sociedade actual. A importancia da muller no contexto da loita contra o despoboamento non debe de quedar limitado, tal e como se ten feito dende diferentes ámbitos da demografía, á súa capacidade de procreación. A crianza e mantemento dos fillos implica toda unha serie de sacrificios e vínculos persoais e emocionais, así como de inversión en tempo e diñeiro (alimentación, roupa, medicamentos, xoguetes; etc.), que deben de ser tidas en conta. Tamén hai que reseñar que, en non poucos escenarios, deben de afrontar este proceso na condición de nais solteiras, supoñendo esta circunstancia un incremento das responsabilidades do sexo feminino na crianza dos fillos.
A migración para as urbes apareceu como unha alternativa a unha sociedade hermética e con uns roles sociais moi marcados. Nas cidades desfrutaban de maior autonomía persoal, ao tempo que se abrían maiores posibilidades de formación e inserción laboral. Un dos grandes trocos que se vivirían durante a transición demográfica sería a progresiva incorporación das mulleres ao mercado laboral. En paralelo, ao integrarse tamén no sistema educativo primario, secundario e universitario, a muller vai optar por pospor a súa chegada á maternidade. Aínda máis lonxe, tende a empoderarse do seu sexo e non se adica a ser un transmisor da reprodución. Agora opta voluntariamente se quere acceder á maternidade. A tenza de fillos retrásase ata a conclusión dos estudos; ata que non logren acceso á vivenda; e ata que non logren un traballo asalariado fora do fogar, ben por conta allea ou conta propia como emprendedora especializada. (Observatorio Galego de Dinamización Demográfica, 2018).
A xuventude do país tamén se ve afectada por este proceso. Dende unha óptica xeral, os motivos que incitan ás persoas inseridas neste grupo etario a migrar dende o medio rural van da man de dúas dinámicas ben diferenciadas: a ausencia de oportunidades laborais e formativas, e o baixo volume de espazos de sociabilidade e ocio nos asentamentos rurais. Con respecto ao primeiro punto, toda vez que rematan a etapa de estudos obrigatorios as posibilidades de inserción laboral están vencelladas á existencia da necesidade de operarios nos servizos públicos dos concellos; o sector agrogandeiro ou, durante de tempada turística, á estacionalidade dos empregos vencellados á mesma.
Con respecto á segunda problemática, o baixo ratio de crianzas no medio rural limita as posibilidades de socializar entre iguais, faceta da vida infanto-xuvenil que contribúe enormemente ao desenvolvemento do individuo no seo da sociedade. Sen espazos e alternativas para o ocio este problema vese agravado ata o punto no que os pais chegan a mudarse aos espazos urbanos para dotar de maiores oportunidades lúdicas aos seus fillos.
Solucións e propostas de mellora
As iniciativas legais levadas a cabo por parte das institucións estatal e autonómica resultan abertamente inoperantes para a reversión da dinámica actual. Con respecto á lexislación española, atopámonos con dous documentos: a Estratexia Nacional Fronte ao Reto Demográfico e o Plan de Recuperación. 130 medidas fronte ao Reto Demográfico. O groso das medidas concibidas ao abeiro destas iniciativas lexislativas non ofrece propostas que contribúan verdadeiramente a transformar as condicións de vida dos poboadores do rural. Apenas afonda nos verdadeiros problemas que este espazo afronta, vaticinando unha tese incrementalista da poboación que non se sustenta baixo ningunha evidencia empírica (a análise detida dos valores derivados de variables demográficas tan significativas coma os índices de fertilidade; o saldo vexetativo ou o saldo migratorio das poboacións rurais desbotan rapidamente esta tese) e propondo unha conxunción de medidas inconexas dende todos aparatos ministeriais (Sáez, 2021). A Lei de Impulso Demográfico de Galiza (2021), ten unha implantación demasiado recente como para valorar a efectividade das súas disposicións; se ben a realidade innegable é que forma parte dunha acción tardía por parte das administracións públicas de cara a ofrecer alternativas de solución á problemática demográfica.
Entre as propostas que máis polémica xerou atópase a posibilidade de contemplar reducións fiscais para favorecer o asentamento de novos poboadores, medida que ademais de atentar en contra do equilibrio fiscal da nación, non constitúe unha achega substancial á mellora das condicións de vida da clase traballadora das áreas rurais. A solución non reside na proliferación de rebaixas fiscais e incentivos económicos (traducido a unha linguaxe máis concisa: pagarlle á xente por vivir no medio rural). Reverter o proceso pasa, en boa medida, por transformar as condicións materiais dos poboadores do medio rural.
Nesta liña, a prioridade debe de ser a creación de oportunidades de emprego e asentamento de iniciativas de desenvolvemento no medio rural que favorezan a proliferación de oportunidades laborais naquelas zonas afectadas polo proceso de despoboamento. En resumo, trátase de evitar que a poboación local non teña que migrar a outras áreas de Galiza, de España ou, no peor dos casos, do estranxeiro. As posibilidades de asentar poboación no medio rural pasan por garantir catro elementos básicos: acceso digno á vivenda; dotación de servizos e infraestruturas; condicións laborais e salariais dignas e creación de espazos de sociabilidade.
No que respecta á dotación de servizos, os innegociables nesta materia debe de ser a garantía do mantemento da sanidade e da educación. Con respecto á primeira, o mantemento da Atención Primaria, pediatría e urxencias médicas é unha conditio sine quae non se pode falar dunha cobertura sanitaria de calidade e próxima aos cidadáns que habitan o rural. O desmantelamento deste servizo priva a estes dun dereito fundamental, e o seu mantemento debe de constituír unha reivindicación social tendente á valorización destes recursos, primordial para o correcto funcionamento da sociedade no medio rural, ante os continuados esforzos da administración autonómica por desmantelalo. Dous dos exemplos máis candentes nesta materia albiscámolos na escasa dotación de persoal para o servizo de pediatría de Xinzo de Limia ou o intento de peche do paridoiro de Verín.
A posibilidade de gozar dunha educación pública e de calidade debe de constituír unha realidade e non só verbas baleiras. Da man da dixitalización dos espazos rurais, tamén se debe de apostar pola aplicación das TIC nas aulas, e polo mantemento das escolas, fundamentais para manter poboación no medio rural. Tamén as garderías xogan un papel esencial neste proceso, dado que contar con este servizo outorga un recurso inestimable para a conciliación das familias, especialmente no período estival.
O acceso á vivenda digna tamén ocupa un lugar relevante no debate sobre o despoboamento. Porén, os retos que a consecución deste dereito afronta nas urbes son diferentes con respecto aos existentes no rural. Nas cidades, a problemática da vivenda ponse de manifesto baixo a escenificación de dúas dinámicas: a desmesurada aposta polos alugueiros turísticos provocou un efecto de expulsión dos cascos históricos e o centro das cidades da poboación que habitaba estes espazos, ao tempo que encareceu o prezo dos alugueiros da vivenda ata cotas inasumibles para que os xoves poidan emanciparse dos fogares familiares.
Ante esta situación, convén sinalar a existencia de oportunidades para a vivenda no medio rural. Sen embargo, é preciso mellorar unha restra de cuestións ao redor desta temática. Numerosas edificacións quedan condenadas ao abandono despois do falecemento dos seus propietarios, ben sexa descoidadas polo desinterese dos herdeiros. A aposta pola rehabilitación de vivendas, adaptándoas ás necesidades dos seus novos inquilinos e a súa posta en venta ou aluguer por prezos módicos e accesibles ofrece unha alternativa solvente aos problemas de xentrificación que se están a producir nas nosas cidades. Agora si, a accesibilidade á vivenda debe de tamén ir acompañada de oportunidades laborais e acceso a servizos, especialmente nos referidos no acceso ás TIC. Deste modo lógranse dous obxectivos: mitigar o deterioro da arquitectura do medio rural, revitalizar as áreas deprimidas en termos de poboación e ofrecer unha alternativa sólida ao problema da vivenda no país.
Con respecto ao segundo punto, convén sinalar que en materia de infraestruturas debe de procurarse un equilibrio entre o mantemento das xa existentes e a a aposta pola realización de novas comunicacións (véxanse liñas ferroviarias, estradas convencionais e de alta velocidade, entre poboacións da mesma bisbarra ou municipio, etc.) orientadas a favorecer e mellorar as conexións dentro destes espazos. Isto tradúcese na mellora da dotación e deseño das rutas e horario do servizo público de transporte; a conservación dos trazados das estradas que vertebran estes lugares; estudos sobre as necesidades en materia de novos equipamentos e infraestruturas que puideran reactivar estas áreas; etc. Esta liña de actuación ofrece a posibilidade de outorgar oportunidades de traballo para a poboación residente nestes espazos, ao tempo que se melloran substancialmente as súas condicións de vida.
A provisión de equipamentos que favorezan a conectividade dixital, tales como a fibra óptica ou a mellora do acceso ás conexións móbiles á internet deben de supoñer un asunto prioritario á hora de abordar esta cuestión. A expansión das TIC xera novas oportunidades de desenvolvemento, e a súa integración dentro do día a día das poboadoras do rural tende a favorecer o seu traballo e a optimizar os seus recursos, así como tamén a outorgar novas vías de mercado ou visibilidade para os produtores. Tamén permite explorar outras alternativas laborais, tales como o teletraballo ou a proliferación de espazos conxuntos de traballo e habitabilidade, onde o establecemento de redes locais de axuda mutua e colaboración favorece o asentamento de poboación en zonas concretas do territorio.
O coidado e mantemento dos nosos montes goza de gran importancia neste proceso. A creación e mantemento de brigadas municipais (ou intermunicipais) destinadas ao coidado e vixilancia dos montes ao longo do ano é beneficiosa na medida en que contribúe ao asentamento de poboación autóctona nestes espazos, comprometida coa realidade do espazo que habita, ao tempo que a limpeza dos bosques tamén colabora co descenso nas probabilidades de incendios, e a preservación do patrimonio natural.
A aposta por un sector primario sostible en relación co medio e que ao mesmo tempo retribúa beneficios para os agricultores e gandeiros debe de ser base fundamental para o pulo do medio rural. O deseño de mercados locais de proximidade onde teñan a oportunidade de dar saída aos seus produtos ou a cooperación entre os propios traballadores do sector na distribución e comercialización das súas mercadorias, sen depender do irrisorio prezo que lles pagan as grandes distribuídoras e a comisión que se levan os intermediarios, ha de constituírse como unha alternativa sólida e viable para os nosos produtores.
A situación actual, marcada polo deterioro do medio ambiente debido as consecuencias do proceso de quecemento global, ofrece unha gran oportunidade no seo da agricultura e gandaría ecolóxica, sobre todo no tendente á valorización dos seus produtos. Con respecto á primeira, é importante poñer couto dos pesticidas (cuxas conscuencias sobre o medio son sobradamente coñecidas) e potenciar . A gandaría debe de desenvolverse en extensivo, onde os animais poden pastar produto natural e moverse con maior liberdade, o cal repercute tamén no medio ambiente, xa que contribúen a manter limpos os montes e as fincas ermas.
Tamén urxe estimular a creación de espazos de transformación de materias primas. Poñamos, neste caso, a importancia destes para o sector forestal. É obrigado mencionar este punto a urxencia de paralizar o desenvolvemento de proxectos coma o de Altri ou Ence; que alén da súa constatada pegada ambiental propagan a praga que leva anos a danar o ecosistema do país: a plantación masiva de eucaliptos. Comprometer a sosteñibilidade do noso medio ambiente acelera aínda máis o abandono do medio rural.
Conclusións
A despoboación no medio rural insírese dentro do principal problema que afronta Galiza na actualidade: o devalo demográfico, e a caída da poboación do país. As dinámicas socioeconómicas empurran á poboación xove a instalarse nas principais vilas e cidades do país, especialmente nas áreas costeiras (onde se concentra a maior parte do tecido produtivo de Galiza), quedando comprometido así o futuro do noso país.
A valoración deste proceso non debe de realzarse estritamente en base a indicadores demográficos e económicos. O abandono do medio rural abarca moitas outras dimensións da sociedade: desaparición das tradicións e dos modos de vida existentes ata datas recentes; sentimento de perda con respecto ás emocións e sentimentos contidos nestes espazos por todas aquelas persoas que se viron empurradas a abandonalo; a perda das formas de aproveitamentos dos recursos e o deterioro das vivendas que antano estaban habitadas polos nosos devanceiros; etc.
Existe potencial para mudar a realidade social do medio rural do pais, pero precísase do compromiso firme dos diversos niveis da administración (cuxa responsabilidade e implicación na reversión da dinámica ben daría para outra profunda análise) e da sociedade, onde se mude a mentalidade e a ollada con respecto ao medio rural. Este proceso non consiste en visualzar, de socato, o espazo rural como un nicho de novas oportunidades o cal hai que explotar a toda costa. A realidade correspóndese con que este espazo e as oportunidades que xenera sempre estiveron presentes, só que nunca se dotou de medios materiais e económicos para o seu aproveitamento e desfrute en relación coa conservación dos seus valores naturais.
En última instancia, convén ser realistas e analizar que tan probable é o cambio de tendencia no medio prazo do despoboamento rural. Falar de cambiar as tornas dun proceso de abandono secular deste medio é incongruente coa realidade.
Estanse a experimentar mudanzas sociais en diferentes eidos da sociedade rural, froito da maior emancipación da muller no medio rural ou a urbanización dos modos de vida, se ben faltan por consolidar moitas transformacións de cara a lograr unha sociedade máis igualitaria e dotar de mellores oportunidades a este espazo, peza fundamental da nosa identidade como pobo.
Bibliografía escollida:
– ALDREY VÁZQUEZ J.A. e CONSTENLA VEGA X. (2018): El declive de la población en Galicia ¿Hacia el vacío demográfico?, The overarching issues of the European space- A strategic(Re)Positioning of enviromental and socio-economic problems?, Fac.Letras Universidade do Porto
-BEIRAS TORRADO X.M. e LÓPEZ RODRÍGUEZ A. (1999): A poboación galega no século XX, Laiovento.
-COLLANTES F. y PINILLA V. (2019): ¿Lugares que no importan? La despoblación en la España rural desde 1900 hasta el presente. Monografía de Historia Rural, 15, Sociedad Española de Historia, Zaragoza.
-CRUZ VERMELLA ESPAÑOLA (2020): Boletín sobre la vulnerabilidad social. La vulnerabilidad social en el contexto de la España Despoblada, Nº 21, Madrid.
-DEL ROMERO RENAU L. (2018): Desploblación y abandono en la España rural. El imposible vencido, Tirant Humanidades.
-HERNÁNDEZ BORGE J. (1990): Tres millóns de galegos, Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago.
– Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de Impulso Demográfico de Galicia, DOGA, 9 de febreiro de 2021, Nº 26, pp.7880 a 7942.
-MITECO (2019a): Directrices Generales de la Estrategia Nacional Frente al Reto Demográfico.
-MITECO (2019b): Plan de Recuperación. 130 medidas frente al reto demográfico.
-OBSERVATORIO GALEGO DE DINAMIZACIÓN DEMOGRÁFICA (2018): Informa
Galicia: Perspectivas Demográficas, Consellería de Política Social, Xunta de Galicia.
-SACO A. (2010): “Desarrollo rural y despoblación en Galicia: Escenarios y desarrollos de futuro”. AGER: Revista de Estudios sobre Despoblación y desarrollo rural, Nº 9, Zaragoza, pp.11-30.
-SÁNCHEZ M. (2019): Tierra de Mujeres. Una Mirada íntima y familiar al medio rural, Seix Barral.
-TAIBO C. (2021): Iberia Vaciada. Despoblación, decrecimiento, colapso. La Catarata.