As Pontes non se pecha

Dana Castro G.

¡Adéus!… Un bico… Fuxe e sálvate, meu fillo… Cando sexas meirande lémbrate sempre de que eles mataron á túa nai.
Luís Amado Carballo (1901-1927)

Asistimos insultantemente quedos ó cumio dun proceso xestado dende o ano 93: o desmantelamento da central térmica das Pontes. Un planificado camiño dende o peche temperá das minas, pasando pola venda das máquinas, ata a dispersión por todo o Estado e o castigo criminal e mafioso dos traballadores mais combativos. Unha historia de infamias, compra de conciencias, enchufes en Endesa e persecucións políticas, onde estiveron completamente mollados, con nome e apelidos, mercenarios de absolutamente todos os partidos políticos (PP, PSOE, BNG), todos os sindicatos (CCOO, UGT e CIG) e, por suposto, o propio concello das Pontes.

O desmantelamento da central obedece a unha reordenación societaria da empresa, Endesa. Xustificada en primeira instancia polo desincentivo para o uso enerxético do carbón na Unión Europea -imbuída temerariamente pola histeria colectiva das mesiánicas enerxías renovables- e así o afirma mesmo o director da central nun artigo infame1 . Paralelamente a esta circunstancia Endesa aproveita os incentivos favorables ás renovables (préstamos, subvencións, nulos ou negativos cargos e impostos, etc) na UE, para manter o seu monopolio enerxético en Galiza: cambiar o carbón polos eólicos. Agora, isto non é un proceso natural. O peche prematuro das minas, o abandono do carbón nacional (polas directivas anticontaminación da UE) e o agónico peche da central precisou dun espectacular xogo de malabarismo político-sindical. Escoitade, vendepatrias.

En 1988 con Felipe González comezou a privatización de Endesa, cun lanzamento a Bolsa do 18%. Durante os anos posteriores tres OPVs completaron a privatización en 19942, 1997 e 1998 (as dúas derradeiras con Aznar). Endesa anuncia préstamos de ata dez millóns de pesetas para os traballadores da compañía, para mercar accións de Endesa, con descontos do 10% con respecto ao prezo de mercado. O Comité de Empresa calado, e presidido pola CIG, con maioría. Nunha reunión, só seis votos de catrocentos votan boicotear a compra de conciencias. Aos cinco anos as accións valian tres veces mais, duns 11 a uns 38 euros. É dicir a única forma na que esa riqueza -dada pola venta da central e a mina- repercutiu na vila, sequera en Galiza, foi polo método corrupto e colaboracionista das accións para os traballadores.
Roberto Tojeiro Díaz foi un burgués, morto en 2011 pero encarnado nunha estatua enfronte ao GADIS das Pontes (é fundador de GADISA), “fillo predilecto” da vila. Funda a planta de gas de Mugardos (mediante a súa empresa: Reganosa3). Dende 1994 Endesa adxudica en exclusiva ao Grupo Tojeiro o transporte do carbón ata a central, cousa que realizou con autónomos (tamén mantiña o transporte de abonos anos antes con autónomos4), evitando completamente a contratación de persoal propio (xa sabemos todos que significa isto). Podemos atopar aqui un argumento para a inexistencia dun ferrocarril que conectase o porto de Ferrol cas Pontes?
Do 97 ao 2005 dá comezo un Plan no que Endesa pacta a incorporación de 80 traballadores como auxiliares. Durante os dous primeiros anos non contratan a ninguén, logo, foron trasladando auxiliares das minas á central, para rematar enchufando a unhas 30 persoas, todas elas alleas ao sector, e en boa medida familiares dos mercenarios dos tres partidos políticos (dos concelleiros), incluído o alcalde, a concelleira de facenda, o secretario de CCOO… once delegados do comité de empresa eran tamén concelleiros. Comezouse paralelamente a prexubilar aos obreiros, a dispersar aos mais combativos por todo o Estado (Tenerife, Madrid, Almería, Mallorca…). Concretamente houbo tres plans de prexubilacións, do 93 ao 97 (55 anos); do 97 ao 2005 (52 anos5) e do 2005 ao 2012 (52 anos pero con peores condicións). A CIG competía con UGT para ven que conseguía mais prexubilacións, que, ademais, eran pagadas nun 80% polo Estado e nun 20% por Endesa.
Ao presidente do comité de Endesa, que era oficial segunda-rondista da central, ascéndeno a perito, e logo a presidente do clube de fútbol das Pontes, que dende a súa fundación (1960) ata 2010 financiouse case exclusivamente por donacións de Endesa (que chegaron a 264.000 euros anuais), e que levou no seu escudo inclusive o nome da empresa. Xaime Castro6 (presidente) mete ao alcalde, Valentín González Formoso, na directiva do clube en 20097 e no 2016 este mesmo deféndese ante as irregularidades nunha subvención ao clube o ano anterior8.
Con Marcos Prieto como presidente do comité de empresa (UGT maioría), fírmase en 2021 o V Convenio Marco en Endesa, que, aproveitando a reforma laboral de Rajoy (2012)9, elimina todas as axudas sociais aos traballadores en activo, xubilados e viúvas, afectando a toda a plantilla de Endesa do Estado. Sendo a central térmica das Pontes, a derradeira de Endesa no Estado (derrubouse fai pouco a de Teruel), non é de estrañar que foran os de UGT case os únicos que mantiveron os seus postos na central. Como dixen, o resto foron prexubilados e expatriados, por perigosos -como Napoleón a Santa Elena- e por cabezas de turco -como Papillón ós cárceres das colonias francesas-. Os de UGT non, eses intocables, ese foi o pago polo laudo.
A Comisión Europea iniciou un proceso en 2017 para investigar axudas ilegais do Estado Español ás centrais térmicas, no caso das Pontes por 100 millóns de euros e no caso de Meirama por 31 millóns de euros. Naturgy, apoiada por EDP España e Viesgo, recorreu á Comisión ante o Tribunal Xeral da UE, pero o intento foi desestimado10.

A manipulación da empresa era psicopática (indesligable do seu eterno aliado mediático, La Voz de Galicia). Comezaron a dicir que en Xinzo hai carbón, que ides para Xinzo. Despois falouse de montar unha fábrica de cerámica cos barros das escorias. Chegaron a mandar a 2 traballadores a facer prácticas a unha empresa de cerfimica valenciana, durante 6 meses, cobrando soldo e dietas. Nada.

Todo isto é precisamente o que non comprenden en absoluto as organizacións ecoloxistas, tanto as foráneas11 como as nacionais12. Pensan que estamos ante unha decisión racional, como traída polo espírito universal, unha transición tecnolóxica exenta de problemas de clase.

Nunca está de mais lembrar algunhas das agresións de clase que conforman as tarifas eléctricas e o sistema enerxético actual, e sobre todo advertir do que ven ca transición enerxética:

Houbo unha progresiva eliminación das tarifas eléctricas, como a G-4 para electrointensivas como Alcoa. Temos que loitar pola recuperación das tarifas industriais, de xeito similar a como fixo Euskadi.
España é o único estado europeo que permite sobrecargos na factura eléctrica, que deberían estar nos orzamentos do Estado. É dicir, pagamos nas facturas os sobrecostes, por exemplo, do suplemento extrapeninsular. Ademais, o 65% da factura eléctrica son peaxes, cargos e impostos. Cicais o peor de todo o sistema é que paga mais quen produce electricidade, en vez de ó revés. É dicir Madrid é deficitaria nun 90% e paga moito menos que nós, que somos excedentarios ata nun 30% a metade do ano.
Ademais existe o céntimo verde ao carbón, o imposto ás nucleares, o imposto á xeración (o 7% da factura), que pagan as empresas produtoras pero que o pasan ás nosas facturas.
Para substituír os 2.000 MW xestionábeis das centrais galegas de carbón son precisos, cando menos, outros 6.000 MW intermitentes de eólicos, a maiores dos 4.000 MW que xa temos actualmente en Galiza, máis os sistemas de enerxía de respaldo ou acumulación necesarios para o seu pleno aproveitamento13.
Por non falar do escuro presente e futuro que nos agarda, ca crise de materiais que vai asociada á electrificación das economías14, ademais de constituírse mediante a mesma lóxica colonial, de zonas de sacrificio (ou colonias de extracción) que imperan hoxe. O fluxo de enerxía renovable (sobre todo en forma de hidróxeno verde) vai en sentido sur-norte.
Ademais, alén do que semella intuitivo, é mais barato producir electricidade con carbón de importación (que estivo vindo de Estados Unidos e de Indonesia15) que con carbón galego. Primeiro porque está cuberto por auga (risas). Segundo porque é lignito, un carbón de pouca calor calorífica, pouco concentrado, no que se obteñen grandes cantidades de escorias para a súa extración. O cal non significa que non teñamos que defender completamente a posible compra de carbón das nacións que lindan, para o cal deberá estar substituída a Lei de Cambio Climático, que prohíbe de xeito suicida a explotación e incluso a exploración das riquezas minerais dos nosos solos.

Sería por outra banda igualmente intolerable acusarnos de estarmos en contra de garantir os salarios dos traballadores. O que pasa é que temos que impedir o desmantelamento estrutural da central como prioridade. Actualmente todos os sindicatos están preocupadísimos por garantir a contratación do persoal para o pre-desmantelamento da central, como dicindo “claro, que se tire con todo”. Isto non é algo malo entendendo o papel que cumplen, estes sindicatos reformistas, de reconciliación de clases e da mellora das condicións laborais, pero nós, os comunistas, entendemos que temos que proxectar diante de nós unha estratexia de nación, e nesa estratexia entra a soberanía sobre as nosas fontes de enerxía. Ademais, defender o curro por ser curro, é dogmático, hai que ver mais aló. Segundo esa máxima temos que defender o traballo das forzas represivas do Estado porque pobreciños.

Hai que plantexar a compatibilidade entre manter intacta a central de carbón (a de ciclo combinado non está previsto que se paralice) e os novos proxectos que se están a anunciar, como a planta de Sentury (aínda que orixinalmente ten previsto funcionar, mediante un PPA con Endesa, cos eólicos que se montarían na vila tras o desmantelamento da central, ademais de usar a infraestrutura da central) e a central reversible de Magtel. O que é altamente discutible é a industria do hidróxeno (hai un proxecto de Reganosa) xa que a utilidade deste, real e desexable, é a xeración de calor industrial e nada mais16. E dende logo tamén é fundamental o tema Alcoa: Segundo Endesa o proxecto eólico posterior ao desmantelamento da central tamén enviará electricidade a Alcoa. A empresa Red Eléctrica acaba de anunciar que paralizaron a construción dos parques eólicos que van alimentar a planta de Alcoa, porque perderon catro papeis (concretamente as Declaracións de Impacto Ambiental).

Ademais, as circunstancias actuais dannos a razón, xa que a verdadeira defensa da ría, da clase obreira galega entorno aos recursos naturais, do mar e da terra, e das nosas condicións de vida, da nosa soberanía como nación, pasa por comprender as contradicións que existen de xeito xerminal no ideario ecoloxista. As políticas ambientais europeas obedecen en primeira instancia á loxica do imperialismo, ás zonas de sacrificio enerxético e ambiental e moitas veces ás asociacions ecoloxistas as asumen de xeito dogmático ignorando (no mellor dos casos sen querer) que todo problema ecolóxico é un conflito de clase. Estas asociacións son quen de asumir cousas inconexas e arbitrarias como a repudia acrítica da enerxía nuclear17 e a persecución paranoide contra as enerxías fósiles. Así é. Un dos grandes problemas segundo o colectivo das maricadoras (así nolo explicaron na charla en Noia organizada por Plademar e Noia Limpa) son os protocolos de desencoro.
Como a produción de electricidade obedece á pura lóxica do mercado marxinalista e a total especulación de prezos, as presas abren cando interesa, para vender a electricidade mais barata de producir, ao prezo máis caro. Estes protocolos, ao non obedecer a unha planificación científica (suxeita ao interese social) xeran unha baixa salinidade nas rías mais prolongada do que é habitual e o marisco morre. As centrais térmicas teñen a posibilidade de “acenderse” con infinita maior precisión que os eólicos e a fotovoltaica.
Estas son o tipo de contradicións que son incapaces de ver.

O único que si é seguro, e que convén non esquecer, é que a transición ímola – estamos xa- pagar íntegramente as persoas consumidoras, aumentando as desigualdades de clase e tamén territoriais, incrementándose a pobreza enerxética; incluso haberá quen pague dúas veces, consumindo e financiando as subvencións que se concederán para a mellora da eficiencia enerxética e do desenvolvemento das enerxías renovábeis. Lembrar, tamén, que no nome de grandes causas sempre se fixeron grandes negocios18.

A central é nosa. A central é dos 60 traballadores mortos (24 só nos catro anos de construción da central, de 1972 a 1976)19 con nome e apelidos. Todos chavales.

Instamos á secretaria de Industria da CIG a defender abertamente a reactivación da central térmica de As Pontes para rebaixar o prezo da luz (a todos os galegos) e ademais abastecer de xeito temporal (ata que Galiza, soberana, considere e haxa alternativas) a planta de Alcoa. Dado o estado das cousas, o máis adecuado (non dicimos que o mais probable) é a intervención estatal. E por suposto a nacionalización está no horizonte.

O panorama que temos diante é a disxuntiva entre deixar libre acceso á anarquía (falsa planificación) do capital ou tomar, como dicía Rosalía, a xustiza pola man.


1 https://www.endesa.com/es/la-cara-e/transicion-ecologica/central-as-pontes-el-ultimo-baile

2 En 1991 adquire o 87,6% de Electra del Viesgo, o 24,9% de Nansa, o 40% de Fecsa, o 33,5% de Sevillana de Electricidad, participacións que son ampliadas, nas dúas derradeiras, ata o 75% en 1994 (Susana Narotzky, Planta de gas fora da ría, 2007: https://rebelion.org/docs/85558.pdf)

A mesma Reganosa que agora (co fillo ao mando) ten un proxecto en trámite para a central de hidróxeno. Por certo, dous concelleiros nacionalistas de Ferrol dimiten en 2004 ante a negativa da direción comarcal de paralizar temporalmente as obras de construción da central de Mugardos pola falta do estudo de impacto ambiental (Narotzky, ob. Cit.).

Na empresa Enfersa, pechada na reconversión industrial.

O requisito era levar 3 anos en Endesa e 8 en total nas minas.

Foi secretario local da INTG e concelleiro portavoz do BNG pontés.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/2009/05/28/xaime-castro-incorpora-valentin-gonzalez- formoso-junta/00031243500090925957309.htm

https://www.elidealgallego.com/texto-diario/mostrar/2348113/formoso-niega-irregularidades- subvencion-club-futbol-pontes

https://ccooendesa.com/index.php/es/2021-11/ccoo-se-moviliza-4-noviembre-frente-audiencia- nacional-con-motivo-juicio-impugnacion-v

https://www.economiadigital.es/galicia/empresas/golpe-a-endesa-y-naturgy-luz-verde-para- investigar-ayudas-de-estado-en-as-pontes-y-meirama.html

Os ecofascistas antiobreiros de Greenpeace proxectaban “Abandonemos el carbón. Salvemos el clima” sobre unha das torres de refrixeración en 2008.

Tanto ADEGA (que afirma na súa páxina web que a empresa debe garantir a colocación dos traballadores nos outros sectores nos que ten industria) como Ecoloxistas en Acción (que se limita a criticar, igual que Greenpeace, que a central é a maior fonte de contaminación de Galiza e deberíamos estar consternados). Por suposto todos estes ecoloxistas tiveron protagonismo na grandísima manifestación en Compostela en defensa da ría (aupada pola crise dos peles).

Cito textualmente do traballo de Colectivo Bidán. Fernando Branco promoveu a ILP da CIG de 2015 sobre a tarifa eléctrica galega e atopo numerosos valiosos aportes deles. Cómpre sinalar que este señor traballaba en Endesa mentres era deputado polo bloque. Atopamos aquí a xustificación para que nos seus artigos non falen en absoluto de reactivar a central?

Recomendo os traballos de Alicia Valero ou de Antonio Turiel. A electrificación das economías vai ser insuficiente e profundamente inxusta, agrandando a división de clases e por suposto anunciando o final definitivo da clase media, xa en crise. Resultados sorprendentes son, que, por exemplo, producir o mesmo con eólicos consume 20 veces mais cobre que facelo cunha central térmica.

De Wyoming e de Indonesia, concretamente de Tutupán, e a empresa é Adaro, que trae carbon de hulla de alí e chega en barcos ao porto de ferrol e logo por estrada á central.

Tamén para o proceso de Haber (amoniaco: fertilizantes). Calor industrial para facer cemento e aceiro (que actualmente usan carbon de coque, que se está esgotando, ou gas natural).

Na masiva mani de compostela, en defensa da ría e aupada pola crise dos peles puido verse o eclecticismo altamente ideoloxizado destes grupos. Incluso un cartaz berraba contra a fosa atlántica. Alguen debería dicirlle que o derradeiro cargamento de residuos foi fai trinta anos.

Permitídenos a licencia de voltar traer íntegramente un parágrafo extraído dun artigo de Colectivo Bidán: https://www.nosdiario.gal/opinion/colectivo-bidan/transicion-enerxetica-algunhas-incertezas- seguridade/20211115152425132428.html

Por suposto non agardes que Endesa publicite moito estes datos.