Partido Comunista pola República Galega
- Tendencias e ubicación do momento histórico
A chave para o análise conxunto do sistema capitalista é a taxa de ganancia, Marx así o defende, e por unha inferencia dedutiva moi básica, isto é así. As mercadorías só se producen si delas obtense unha ganancia, un capitalista xamais vai producir unha mercadoría (comprar insumos, maquinaria e forza de traballo), si dese proceso non vai extraer un beneficio.
Esta lóxica tan básica proxectábase a principios do século XIX con moita obviedade, de aí que as teorías económicas clásicas tiveran que armar unha teoría da ganancia. Porén, tanto a teoría da ganancia de Adam Smith como a de Ricardo son a mostra máis corolaria da debilidade da teoría económica de ambos.
Unha vez posta a un lado a teoría do valor-traballo polo liberalismo, este xa non se molestou en desenvolver unha teoría da ganancia, proba irrefutábel da vulgaridade da economía vulgar. De feito, o único que se produce para xustificar a ganancia polo capitalista son excursos fetichizados e alleantes encol do “traballo” do empresario.
A lei da tendencia descendente da taxa de ganancia é a lei máis explicativa do movemento xeral de capital. A seguinte ilustración así o mostra:
O gráfico que se presenta recolle o percurso do capitalismo nos últimos setenta anos. A segunda metade do século pasado inaugura a idade de ouro do capitalismo. Un capitalismo dinámico capaz de expandirse convivindo cunha situación xeopolítica que o limitaba e unha clase obreira organizada que o tiña ameazado. Isto só pode ser explicado pola taxa de ganancia elevada derivada da destrución masiva de capital da segunda guerra mundial.
Pero esa gran contratendencia (2ºGM) só é un suspiro histórico, a mediados dos sesenta a taxa de ganancia xa da mostras de seguir a tendencia natural que porta ata os oitenta, o cal entronca moi ben coa década de depresión capitalista que supón os setenta e de reestruturación dos oitenta. Nesta última década, acciónanse de xeito masiva a escala espacial e histórica, todas as contratendencias das que se dota o capital para reverter a súa tónica descendente. O capitalismo acode ao comercio exterior (deslocalizando produción, abrindo mercados), acode a superpoboación relativa planetaria, aumenta o grao de explotación, e por suposto, acode ao capital ficticio. Todas estas manobras son efectivas e conseguen soster a taxa de ganancia ata o novo milenio. A partir de 1998, a taxa de ganancia prosegue a súa tendencia histórica e a súa decadencia correspóndese coa decadencia que amosa o capitalismo a inicios deste século.
Pequena aclaración: en que consiste a lei da tendencia descendente da taxa de ganancia enunciada por Marx.
O valor capitalista (e a ganancia) prodúcese pola obxectivación do traballo humano na mercadoría. O cambio tecnolóxico desprove a mercadoría de traballo humano, é dicir, o traballo que fai unha maquina aforra o traballo que fai unha persoa, e polo tanto, constrinxe o valor dunha mercadoría.
Porén, o cambio tecnolóxico permite ao capitalista individual apropiarse de maior cota de mercado ao poder vender a mercadoría máis barata, vende máis. Isto sitúa a súa taxa de ganancia individual por enriba da media e xustifica a súa acción inversora, o problema ven cando todos os demais capitalistas da mesma rama de produción invisten na mesma tecnoloxía. Todos volven a acadar a mesma cota de mercado e o mesmo prezo medio da mercadoría. Pero nesta nova situación de equilibrio a mercadoría porta menos ganancia individual, dado que os capitalistas acometen o seu ciclo de acumulación con máis maquinaria que traballo humano conxelado na unidade producida.
Marx sitúa aquí a forza principal que empuxa ao capitalismo ao abismo, porén sinala diversas contratendencias históricas das que o capital pode botar man para reverter a tendencia principal que o empurra. O aumento do grao de explotación, a redución do salario por baixo do seu valor, o abaratamento dos elementos do capital constante, a superpoboación relativa, o comercio exterior e o capital ficticio son as principais contratendencias que sinala Marx. Nos seguintes parágrafos daremos conta de como o capitalismo actual botou man e esgotou todas as contratendencias, e como se dirixe a un atolladero.
- Organización de datos e fenómenos que nutren as contratendencias
- Aumento do grao de explotación
O aumento do grao de explotación consiste, tradicionalmente e fundamentalmente, na prolongación da xornada e a intensificación da mesma. O capitalismo decimonónico e de principios de século deu conta das limitacións fisiolóxicas e políticas que tiña esta contratendencia, pois esta foi unha das causas fundamentais da organización obreira. Pero o capitalismo actual esta re-experimentando e volvendo a xogar cos límites fisiolóxicos, mediante novas figuras e vellos métodos.
O aumento do grao de explotación prodúcese na flexibilidade horaria, nas horas extras (pagadas e impagadas), no aumento da sinistralidade laboral (no estado español morren dous obreiros ao día) e no aumento de xornada e intensificación da mesma, co cal os problemas psicolóxicos están intimamente correlacionados (estrés, ansiedade).
- Redución do salario por debaixo do valor
O valor da forza de traballo é unha determinación histórica do que custa reproducir a forza de traballo, polo tanto é unha medida oscilante, pois o custo de repor a forza de traballo non é o mesmo agora que fai vinte anos nin cincuenta. Porén, podemos afirmar que cada vez os salarios responden menos a funcionalidade principal que compren.
En termos absolutos e relativos, os salarios baixaron. Fronte as rendas do capital, os salarios levan baixando nos últimos cincuenta anos ininterrompidamente (de xeito brutal, a participación salarial no novo valor engadido no estado español descendeu un 7% entre 2009-2015), e en termos absolutos, os salarios levan baixando nos últimos vinte anos. Nos últimos dez anos (2010-2020), o total dos asalariados somos un 2% máis pobres, e sen contar con que a tendencia dispersouse moito, é dicir, as escalas máis altas dos asalariados pasaron a cobrar máis e as escalas máis baixas menos.
Fenómenos coma a incapacidade dos novos traballadores de independizarse da casa e dos ingresos dos pais é unha mostra moi elocuente disto. Os desafiuzamentos son unha das mostras máis dramáticas de como a clase capitalista non garante a reprodución da súa forza de traballo, o aumento vertixinoso dos insumos da vida, é dicir, alimentos (o prezo internacional da comida aumentou un 39,7%), subministracións, servizos, etcétera, aumentaron de xeito vertixinoso fronte ao aumento nominal dos salarios.
E isto tamén constitúe unha debilidade grande para o capital, pois a valorización do mesmo depende de que alguén este en disposición de pagar mercadorías, polo tanto, a incapacidade de consumo na clase traballadora é tamén unha debilidade do capital
- Abaratamento dos elementos de capital constante
A caída do peso do capital constante fronte ao capital variábel é outra contratendencia fundamental. Achar novas fontes de enerxía e de máis fácil explotación, abaratar os custes da maquinaria ou de diferentes procesos produtivos son as formas principais de abaratamento.
Porén, o que se observa é o aumento exponencial da enerxía e das materias primas, cada vez hai máis escaseza e é máis custoso a extracción de calquera materia prima, as taxas de retorno enerxéticas (a enerxía que se obtén porcentualmente con respecto ao gasto de enerxía para obtela) aumentaron ininterrompidamente na último século, e máis acentuado nos últimos vinte anos. De feito, o control xeopolítico dos subministracións é unha das chaves para comprender a conflitividade internacional actual. O control da enerxía é tan crucial que unha diminución do 2% na dispoñibilidade de petróleo acarea unha diminución do PIB do 3 ao 4%.
Pero esta contratendencia aínda ten unha lectura máis profunda, o abaratamento do proceso produtivo é incompatíbel coa necesidade de manter unha relación sostíbel coa natureza. A depredación, esgotamento e contaminación que precisa o capitalismo para manter a súa taxa de ganancia conforman un perigo para a vida, no sentido máis básico da palabra. O quecemento global, a contaminación de sumidoiros e hábitats, o aumento na periodicidade de fenómenos atmosféricos adversos, o aumento de pragas, a desertización do solo, etcétera, son algúns dos fenómenos que evidencian o perigo e os límites que ten o capital como relación social xeral.
- Superpoboación relativa
A superpoboación relativa significa a disposición de forza de traballo para o capital. Constitúe un dos maiores recursos que ten para disciplinar a forza de traballo. De xeito moi obsceno: “si non queres este traballo por este salario, tranquilo que hai cinco coma ti agardando polo posto”, e isto tanto pode comprenderse nun punto de compra e venda de forza de traballo como nunha lóxica a nivel espacial por todo o mundo (“si os obreiros deste país non queren traballar por este salario, tranquilos que teño aos obreiros deste outro país que agardan polo posto”).
Si ben é certo que a relación salarial é unha realidade que aumenta historicamente, a forza de traballo a nivel mundial aumentou entre 1980 e 2007 un 63% (de 1.900 a 3.100 millóns), e a nivel estatal a taxa de asalarización pasou do 79% ao 89% entre 1980-2021, tamén se observa unha incapacidade crecente (do capital) de asalarizar a inxente cantidade de forza de traballo que se produce a escala global. Deste xeito, están en alza categorías como a temporalidade laboral, a flexibilidade horaria, a disposición por horas, novas modalidades sen relación laboral, coma os falsos autónomos, a economía somerxida.
E por suposto, a forma máis descarnada e tradicional de superpoboación relativa que é manter unha masa da forza de traballo totalmente parada, a expensas das migallas máis exiguas do capital. Outro fenómeno destacábel nos países capitalistas decadentes é o desaxuste brutal entre a formación que se recibe e o emprego que se exerce finalmente, sobre todo no caso da formación universitaria.
A escala global si se conta a poboación desempregada, a empregada ou empregada de xeito altamente vulnerábel e a inactiva en idade laboral computan un total de 2.400 millóns de persoas, un 70% máis que a empregada regularmente. En 2008, máis da metade do traballo mundial estaba desempregada.
Dispáranse os procesos de reproletarización, é dicir, desposuír aos seres humanos dos seus medios de produción e de vida, para que se vexan na obriga de vender a súa forza de traballo como único recurso que non lles é alleo. De diferentes xeitos, a tradicional é a expropiación da terra, fenómeno principal nos países subdesenvolvidos, pero coas súas manifestacións nos países desenvolvidos. O aumento exponencial dos alugueiros visibilizan a expropiación e a concentración masiva da terra na urbe.
- Comercio exterior
A contratendencia que supuxo o comercio exterior, sobre todo a partir dos anos setenta, sofre un esgotamento moi evidente. Xa non quedan esferas de acumulación nacional as que o capital do centro capitalista pode acudir para valorizarse. Nin nun sentido de abaratamento da forza de traballo debido á sobreabundancia de capital xa existente (existen países con abundante forza de traballo aos que o capital non acode a deslocalizarse), nin nun sentido de completar a súa valorización, é dicir, de abrir novos mercados onde se consuman as mercadorías capitalistas.
Porén, na actualidade vemos unha tendencia desglobalizante, a cal, dá mostras das limitacións desta contratendencia. Obsérvase unha baixada relativa das exportacións como elemento máis evidente do descenso do grao de acollemento mundial do mercado. Pero o vivido na última crise capitalista (a crise da COVID-19) evidencia esta tendencia de xeito grave, a ruptura das cadeas de valor a nivel global é a consumación da tendencia a desglobalización. A escaseza de certos recursos completábase co atasco que sufrían certas ramas de produción a nivel global. Os pescozos de botella, o desabastecemento, o enceramento, a falta de forza de traballo en determinadas ramas de produción, etcétera, conforman a nova realidade global.
Outra evidencia do esgotamento desta contratendencia sitúase na limitación dos plans capitalistas globais do centro imperialista, a falta de construción de infraestruturas a escala mundial evidencia a limitación do proxecto estadounidense, que ven substituída por un plan realmente ambicioso, como é a ruta da seda. De feito, o desencadeamento das últimas guerras e intentos desestabilizantes, por parte da OTAN, van dirixidas a entorpecer a garantir a propiedade das fontes de enerxía e a entorpecer o proxecto chino. Varias imaxes que amosan a correlación dos últimos conflitos bélicos co control das subministracións e a nova ruta da seda.
- Capital por accións
O capital ficticio é unha forma de arranxo temporal da acumulación capitalista, enrolando a acumulación de capital hoxe de acordo á acumulación de capital que se producirá nun futuro. De feito, a día de hoxe é moi complicado separar fraccións do gran capital como financeira e industrial, ambas forman unha amalgama de intereses tan grandes e tan intimamente mesturados que imposibilitan esta diferenciación.
O sobreendebedamento é un problema moi grave, tanto do sector público coma do privado. Se nos anos 90, a débeda mundial era do 70% da produción mundial bruta e no 2012 do 110%, na actualidade supera o 365%, e basease fundamentalmente na promesa de crecemento de China. O banco de Basilea calcula que existen entre 550 e 600 billóns de capital ficticio no mundo, tendo en conta que o PIB mundial ronda os 100 billóns, precísanse seis mundos para soportar a realidade ficticia do capital.
A sobreabundancia de empresas zombi, empresas que só viven ao día capaces de soportar o peche de contas anual debido aos préstamos é de máis do 20%, isto sitúa ao capitalismo nunha posición moi débil, pois lastra a taxa de ganancia, pero ao mesmo tempo a súa quebra provocaría unha reacción en cadea de impredicíbeis repercusións.
- Unha última contratendencia
Atreverïamonos a aumentar unha última contratendencia ás enunciadas por Marx, de xeito moi conxuntural ao capitalismo que se vive en Europa: O emprego do estado polo capital. A privatización como elemento máis evidente desta contratendencia, é dicir, a convertibilidade de empresas e actividades produtivas públicas en acumulación privada. As limitacións desta contratendencia son moi evidentes, dado que aos estados europeos apenas lle quedan empresas públicas por privatizar.
Pero ademais, sinalamos o aumento do estado en “traballo improdutivo indirecto” garantes da estabilización para a acumulación de capital e como espazos propios de acumulación. A necesidade de aumentar os medios de difusión de masas (no conflito bélico en cerne, o conflito ucraíno, é moi evidente a necesidade do capital de dotarse dun único relato, unha preparación psicolóxica de masas para a guerra), a publicidade, festas, fútbol, formas de relixión civil, exaltación das figuras do estado, formas de asistencialismo/clientelismo, complexo de seguridade militar e legal-profesional (exército, armas, policía, sistema xurídico, prisións, …).
- Consideracións finais da tendencia e contratendencias
Todas as contratendencias están dando mostras de esgotamento moi evidentes e dramáticas, mentres que a tendencia afonda a súa dinámica. Non hai visos de ningunha nova onda tecnolóxica capaz de relanzar a tendencia de xeito global, de feito, a última gran onda de cambio técnico, foi a microelectrónica e informática e esta ten limitacións que se viron moi evidentes para relanzar a taxa de ganancia. Tanto é así, que tivo unha crise de seguido, como foi a crise das punto.com. Pero a realidade que oculta, é que o traballo humano conxelado en microchips, carcasas, ordenadores, ipods, tablets e walkmans é pírrica en comparación a última gran onda que relanzou a taxa de ganancia, como foi a acumulación que tivo como elemento central a produción masiva do automóbil.
E as novas ondas tecnolóxicas como son a robótica, a nanotecnoloxía, a bioxenética, a intelixencia artificial e a neurociencia, aparte dos seus problemas de implantación masiva, aínda ameazan máis a composición de traballo vivo na mercadoría. Polo tanto, podemos afirmar sen lugar a dúbidas que estas non van relanzar a taxa de ganancia, pois portan moi pouco traballo vivo no seu desenvolvemento e na súa hipotética produción masiva.