Antonio Torres
Para comprender a situación actual das forzas andaluzas inspiradas no marxismo-leninismo e a liberación nacional máis alá da conxuntura, teríamos que nos remitir a unha análise máis profunda –estrutural– do devir de Andalucía coma periferia colonizada dende a conquista cristiá castelá dos séculos XIII ao XV do Al Andalus do Guadalquivir e do Emirato Nazarí de Granada, pasando polo papel de Andalucía na conquista e colonización de Canarias e América até o rol asignado a Andalucía no desenvolvemento do capitalismo español nos séculos XIX e XX.
As consecuencias políticas desta análise estrutural no desenvolvemento da organización comunista de liberación nacional foron evidentes no pasado e sono na actualidade e podémolo resumir, quizais dunha maneira bastante basta e apresurada, na incomprensión da relación dialéctica entre a loita polo socialismo e o comunismo e a loita pola liberación nacional, a autodeterminación e a soberanía. Correntes de pensamento históricas coma o anarquismo, o revisionismo ou o chovinismo nacionalista español teñen xogado un papel de obstáculo na autoorganización obreira e popular andaluza, ao igual que as visións nacionalistas pequenoburguesas ou o rexionalismo autonomista de corte “progresista” nos últimos anos.
Como se entenderá, por razóns de espazo, é imposíbel trazar a líña histórica do desenvolvemento do movemento comunista en Andalucía, polo tanto, tratando de esquematizar os motivos, sempre complexos, que nos levaron á actual situación de repregamento e reorganización, poderiamos sinalar: a) auxe e caída, entre 2012 e 2015, do liderado histórico xornaleiro nucleado encol da dirección histórica do SOC (Sindicato de Obreiros do Campo) e despois do SAT (Sindicato Andaluz de Traballadores), a CUT (Candidatura Unitaria de Traballadores) e as experiencias municipais transformadoras de El Coronil e Marinaleda; b) como consecuencia do anterior: imposibilidade do SAT de situarse como referente do sindicalismo nacional andaluz de clase e combativo, reducido hoxe aos espazos históricos do SOC e a unha presenza discreta en Granada, Cádiz e Sevilla; c) desaparición, preso das súas contradicións internas, do partido comunista Andalucía Comunista e da organización xuvenil comunista e independentista Jaleo!!!; d) a incapacidade de organizacións de esquerda, independentistas e revolucionarias, como Nación Andaluza, de superar as súas limitacións e obstáculos e ampliar a base obreira e popular combativa.
Entrar a analizar cada un destes motivos enunciados excedería o proprósito do presente artigo, reducilo todo a unha explicación doada que culpabilice á acción daniña de novos actores políticos – xa non tan novos, evidentemente– coma Podemos, candidaturas municipalistas, ou o vello reformismo de Izquierda Unida é unha tentación da que por rigor debemos fuxir. Por suposto, as posicións e o accionar político deses novos e non tan novos actores perxudicaron seriamente a posibilidade organizativa tanto comunista marxista-leninista de liberación nacional coma da articulación de frontes políticas amplas pero rupturistas tanto co réxime postfranquista español coma co imperialismo e as súas institucións: Unión Europea e OTAN, pero, insistimos, en que o dano deses novos vellos actores sería menor e até inofensiva se toda a rede revolucionaria obreira e popular andaluza tivera unha situación interna quen de facer fronte ao oportunismo, ao sectarismo, ao electoralismo ou ás posicións líquidas, fébeis e relativistas do posmodernismo, que se concretaron nas teorías da “terceira onda andalucista”, no relativo auxe do chamado “pensamento decololonial”, do neotrotskismo mandelista de Anticapitalistas ou tamén de relecturas posmodernas do anticuado e caduco eurocomunismo.
Ante esta situación, e malia o desastre organizativo dos últimos anos, a militancia comunista que loita pola liberación nacional andaluza respondeu de diferentes maneiras, por exemplo, xurdiron iniciativas coma Arboreá que, malia que agora mesmo é fundamentalmente unha corrente de opinión, aspira á conformación dun partido comunista andaluz. Tampouco podemos perder de vista a Nación Andaluza coma referente histórico do independentismo revolucionario, así coma numerosos militantes que ante a ruína organizativa destes anos refuxiáronse no que resta organizado do SAT, do movemento xornaleiro histórico, en movementos sociais e populares ou en posicións críticas dentro do espazo Adelante Andalucía, hexemonizado polo neotrotskismo mandelista de Anticapitalistas. A tarefa é pois a de crear espazos de encontro, debate e acción concreta e conxunta, esa tarefa é posíbel e imprescindíbel para reorganizar todo o potencial da militancia revolucionaria e crear a única ferramenta garantía de avance e vitoria: o partido.