Santalla P., E. C.
A cuestión enerxética é un asunto de gran importancia ao longo da historia da humanidade. Na actualidade, adquire unha posición vertebral na recomposición do capitalismo occidental e aparición do mundo multipolar. O cambio climático e a Guerra de Ucraína, entre outros sucesos, serven como xustificación para impoñer unha suposta “transición enerxética” que, na realidade, atende unicamente aos intereses dos EUA de manter a súa hexemonía no mundo. Este sometemento está provocando na Unión Europea procesos de desindustrialización especialmente nos países do sur e uns niveis de pobreza enerxética sen precedentes nos últimos tempos. Dende o comunismo galego cómpre analizar a actual conxuntura e adoptar, sen complexos, a postura axeitada para defender os intereses da nosa clase, sen medo a rachar co marco ideolóxico establecido.
Introdución
As fontes de enerxía empregadas ao longo da historia da humanidade foron evolucionando xunto cos distintos modelos produtivos. A primeira fonte de enerxía empregada polo Homo sapiens foi a enerxía de biomasa (p. e. madeira), que era aproveitada principalmente mediante o lume para a obtención de luz e calor. Coa aparición da propiedade privada e as primeiras grandes civilizacións, os avances na técnica permiten a consolidación de tecnoloxías para o aproveitamento da enerxía eólica e hidráulica (p. ex. muíños e transporte marítimo) polo que a práctica totalidade das fontes de enerxía eran renovables. Posteriormente coa instauración do capitalismo e a Revolución Industrial os combustibles fósiles (p. ex. carbón e cru) adoitaron unha posición primordial nos procesos produtivos (motores de combustión) e a electricidade aparece como un novo vector enerxético. Durante o século XX os avances tecnolóxicos dan lugar a novos descubrimentos como a enerxía nuclear e novos métodos de aproveitamento das fontes renovables como a enerxía solar fotovoltaica (Farias & Sellitto, 2011).
Este relato é moi representativo dos países nos que se desenvolveu o capitalismo nos últimos séculos (p. ex. Europa e EUA). Mais na actualidade dende unha perspectiva global, existen diferentes escenarios en función das condicións materiais de cada Estado ou nación Estes países pódense clasificar nos seguintes grupos en función do seu consumo enerxético e tendencia:
Países desenvolvidos enerxeticamente:
Neste grupo se atopan os países que, logo de acadar o seu maior nivel de consumo enerxético nos primeiros anos do milenio, agora se atopan nun nivel de consumo menor. Na actualidade a tendencia de consumo destes países pode estar en lixeiro aumento (p. e. Rusia), en lixeiro descenso (p. e. Canadá e EUA) ou nun descenso significativo (p. e. a Unión Europea, México…). Estes casos de descenso ou lixeiro descenso danse por normal xeral a partir da crise do 2008 (EIA, 2021).
Países en crecemento enerxético:
Aqueles que teñen historicamente unha tendencia de consumo enerxético crecente, é dicir, aínda non acadaron o seu máximo consumo. Este é o caso de países como: China, India ou Alxeria (EIA, 2021).
Países subdesenvolvidos enerxeticamente:
Son os países nos que non se consolidou un proceso de industrialización sen a súa consecuente maior demanda enerxética. É o caso de moitos países do continente africano (p. e. República Democrática do Congo, Somalia ou o Sáhara Occidental) (EIA, 2021).
Unión Europea, enerxía e medio ambiente
O escenario concreto da Unión Europea está condicionado polas políticas ambientais dos últimos anos que pretenden culminar na denominada “transición enerxética”. Esta transición segue o mesmo marco ideolóxico da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, tal e como se recolle na Ley 7/2021, de 20 de mayo, de cambio climático y transición energética (BOE, 2021). O cambio climático, a contaminación e o esgotamento dos recursos son os principais argumentos cos que se está impoñendo a “transición enerxética”. A ideoloxía ecoloxista hexemónica emprégase como ferramenta da clase dominandte para lexitimar, dende unha perspectiva de preocupación ambiental, dita transición. Existe evidencia científica do actual cambio climático e da participación do Homo sapiens no mesmo (IPCC, 2022), mais a ideoloxía ecoloxista hexemónica e as medidas impostas dende a clase dominante non teñen nada que ver cunha verdadeira preocupación pola cuestión ambiental e moito menos teñen que ver cos nosos intereses de clase. O que non é incompatible coa existencia de movementos populares que loiten por cuestións concretas de carácter ambiental dende unha perspectiva de progreso.
As medidas adoptadas pola Unión Europea nos últimos anos teñen como obxectivo o abandono das fontes de enerxía fósil (carbón, petróleo e gas principalmente), o abandono da enerxía nuclear, defensa das enerxías renovables e, nalgúns casos, o decrecemento económico como é o caso da Directiva 2012/27/UE relativa á eficiencia enerxética (EUR-Lex, 2021). Estas medidas están debilitando o tecido industrial e enerxético da UE, especialmente nos países do sur causando o peche de numerosas centrais térmicas (de carbón principalmente), o encarecemento do prezo da enerxía e o peche da industria electrointensiva entre outros.
Desmantelamento das centrais térmicas de carbón
Ao longo do século pasado en Galicia instaláronse 2 centrais térmicas de carbón para a produción de enerxía eléctrica: a Central Térmica de carbón de Meirama e a Central Térmica de carbón de As Pontes chegando a sumar un total de 1960 MW de potencia. Tralo recente peche e a demolición da central térmica de Meirama, só están funcionais os 1403 MW de As Pontes aínda que as caldeiras se atopan a niveis mínimos de produción. O carbón é a fonte de enerxía principal de moitos países en desenvolvemento enerxético, xa que é unha fonte de enerxía moi barata. Os países que non renuncian das fontes de enerxía baratas coma o carbón son precisamente países que están fóra do dominio do imperio estadounidense que invisten en todas as fontes de enerxía que poden interesar para o país (fósiles, renovables e nuclear) como é o caso da China e India.
Dende o ano 2017 a produción eléctrica nas centrais térmicas de carbón en Galicia descendeu ata atoparse en mínimos hoxe por mor do aumento nos prezos dos dereitos de emisión de CO2. Na Figura 1 pódese apreciar o aumento de prezo dos dereitos de emisións de CO2 nos últimos anos e, á vez, un descenso da produción eléctrica nas centrais de carbón no país. Os prezos de consumo comezaron a subir drasticamente dende o 2020 cando a produción eléctrica con carbón acadou mínimos. Aínda que a propaganda mediática e certas doutrinas económicas aseguren que o carbón é unha fonte de enerxía cara, a realidade é que trala caída do uso do carbón no 2019 os prezos da enerxía comezaron a aumentar bruscamente, máis de dous anos antes de que comezara a operación militar rusa en Ucraína. No seguinte gráfico pódese apreciar como o IPC asociado ao prezo da electricidade vese afectado pola case desaparición do uso de carbón na produción eléctrica, tal e como se indica na Figura 2. Isto provocou un problema de abastecemento da rede eléctrica que afectou directamente á industria electrointensiva, como é o caso das fábricas de Alúmina-aluminio (Alcoa San Cibrao e Aluíbérica) e de silicio (Ferroatlántica) entre outras. Este conflito está recollido con maior detalle no Embate nº1 baixo o título Alcoa: enerxía e solución.
Figura 1. Produción de enerxía eléctrica nas centrais térmicas de carbón de Galicia fronte o prezo dos dereitos de emisión de CO2 (Fonte: Inega).
Figura 2. Enerxía eléctrica producida nas centrais térmicas de carbón galegas fronte a variación do IPC anual asociado ao grupo ECOICOP 04 (Vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles) en Galicia.
(Fonte: Inega & INE).
O gas natural e a Guerra de Ucraína
A comezos da década dos 2000 os EUA desenvolveron o “proceso de fracturación hidráulica”, tamén coñecido como fracking, unha tecnoloxía que permitía aumentar a capacidade de extracción de gas e petróleo nos xacementos norteamericanos. O fracking é un proceso moito máis custoso que os procesos extractivos convencionais, polo que só é rentable cando no mercado internacional o crú e o gas están por riba de certos valores. Nos últimos anos o gas estadounidense extraído mediante franking estaba encarecéndose debido ao esgotamento do propio recurso nos xacementos (Turiel, 2020). Por outro lado, a comezos da década do 2020, Rusia segue fornecendo gas natural barato e de xeito estable ao norte de Europa a través dos gasodutos como é o caso do Nord Stream e o recentemente construído Nord Stream 2. Este escenario despraza aos EUA do mercado enerxético europeo aumentando as relacións entre Rusia e a Unión Europea, algo que non lle interesa ao imperio norteamericano.
A finais do 2021 os EUA ameazan con expandir a OTAN en Ucraína, un país que levaba en guerra dende o 2014. Estas ameazas e o peche do Nord Stream 2 por orde dos EUA provoca a intervención de Rusia na Guerra de Ucraína o 24 de febreiro do 2022. Os EUA conseguen instrumentalizar o conflito bélico para expulsar o gas ruso do mercado europeo. Ademais, como non lles bastaba con iso, detonaron con explosivos os gasodutos Nord Stream e Nord Stream 2 para que Alemaña non sucumbise ao gas ruso durante o inverno (Hersh, 2022).
A Unión Europea asume o relato imposto polo imperio norteamericano provocando un proceso de inflación sen precedentes. Os EUA conseguen impoñer o seu gas natural no mercado europeo, un gas moito máis caro polo proceso extractivo e porque necesita ser licuado e transportado por barco. Isto, sumado ás políticas ambientais de abandono do carbón, é o escenario perfecto para unha crise enerxética en toda Europa e que os EUA teñan a quen vender o seu gas.
O gas natural e a cuestión do Sáhara Occidental
O imperio estadounidense conseguiu instrumentalizar exitosamente a Guerra na Ucraína para someter enerxeticamente aos países Europeos máis próximos a Rusia. Mais aínda lle faltaba por someter certas zonas estratéxicas como a Península Ibérica que non se alimentaban do gas ruso, senón do gas alxerino. Para isto, os EUA conseguen instrumentalizar o conflito histórico do Sáhara Occidental provocando no 2022 que España lexitimase a autoridade de Marrocos na zona. O goberno español sabía que este cambio de postura suporía un empobrecemento das relacións con Alxeria, o seu maior socio enerxético nos últimos anos, quen cortaría o subministro de gas a España a través do gasoduto Maghreb-Europa. O corte do gas alxerino desbanca ao que era o maior socio enerxético durante décadas do Estado español, xa que no 2022 EUA convértese no maior exportador de gas natural como se indica na Figura 3.
Figura 3: Evolución do gas natural anual importado a Alxeria e aos EUA polo Estado español (Fonte: EIA)
Deste xeito, os EUA conseguiron impoñer o seu gas caro que non tiña cabida no mercado europeo na práctica totalidade dos países da Unión Europea. Isto é especialmente irónico no caso do Estado español, que ten prohibido por lei a exploración de novos xacementos de gas natural e, especificamente, ten prohibido a extracción de gas natural mediante fraking (BOE, 2021). Este escenario, xunto co desmantelamento das centrais de carbón, provoca un encarecemento da luz sen precedentes como se aprecia na Figura 4.
Figura 4: Evolución da produción eléctrica mediante carbón e gas natural no Estado español.
(Fonte: MITECO & OMIE).
O papel das enerxías renovables na transición enerxética
Nos primeiros tempos da historia da humanidade, todas as fontes de enerxía empregadas polo home eran renovables (principalmente biomasa). Hoxe preténdese empregar exclusivamente as enerxías renovables para abastecer a totalidade dos procesos produtivos. Se ben é certo que as enerxías renovables poden ter o seu lugar na produción, existen diversos problemas relacionados intrínsecos como son: a intermitencia, a impredición ou a descentralización.
Enerxía solar fotovoltaica e o autoconsumo
A enerxía solar fotovoltaica é unha tecnoloxía en auxe. Existe un gran programa de incentivo deste sector que se atopa en crecemento exponencial enfocado nun modelo de consumo eléctrico moi concreto: o autoconsumo. O autoconsumo é a resposta que teñen as institucións europeas para paliar o desmantelamento enerxético. Estase apostando por un modelo enerxético descentralizado autárquico, caótico, impredecible, intermitente moito máis dificicil de xestionar na rede eléctrica pública (Mahajan, 2012). Isto confronta cun modelo centralizado, de produción planificada onde se garantice un subminstro eléctrico de calidade para toda a nosa clase.
Enerxía eólica en Galicia
No caso do noso país, é evidente como a transición enerxética e a descarbonización non teñen nada que ver cos nosos intereses. Nos últimos anos están crecendo significativamente os movementos sociais en contra da implantación de máis parques eólicos en Galicia. Un dos casos máis salientables é o da eólica mariña no que a Unión Europea veta a pesca de fondo en numerosas zonas das augas galegas sen motivo aparente para, meses despois, propoñer a instalación de parques eólicos mariños nas mesmas zonas vetadas de pesca (FNCP, 2022).
Enerxía nuclear e soberanía
O movemento ecoloxista foi instrumentalizado dende hai décadas para deslexitimar a proliferacción de armas nucleares nen da enerxía nuclear. Na actualidade, os países con centrais nucleares e armas nucleares son os que disfrutan de maior soberanía nacional e enerxética. Este é o caso de países como: Corea do Norte, China, Irán ou a India. Mesmo dentro da área de influencia do impero norteamericano, hai casos salientables como o de Francia, un país con centrais nucleares e armamento nuclear, que ten a capacidade de ter boas realacións diplomáticas con paises enimigos dos EUA como con China, especialmente no contexto xeopolítico actual.
Conclusión
O imperialismo segue sendo a fase vixente do capitalismo no século XXI. Non existe un só país soberano na Unión Europea. O imperio norteamericano ten a capacidade de someter a toda a Unión Europea nunha crise enerxética co único fin de manter a súa influencia económica e militar na zona e asegurar a rendabilidade do seu sector enerxético. Aínda que iso conleve arrastrar aos pobos de europa á probeza enerxética ou mesmo á guerra.
Cómpre emancipar a nosa nación e a nosa clase do imperialismo tanto no ideolóxico coma no económico cunha perspectiva internacionalista. Non nos podemos permitir continuar baixo estas políticas de destrución e espolio do noso en beneficio sempre duns intereses alleos. Merecemos tomar o rumbo da nosa produción en tódolos ámbitos e decidir como afrontar a realidade sempre en beneficio da nosa clase.
Bibliografía
BOE (2021). Ley 7/2021, de 20 de mayo, de cambio climático y transición energética. https://www.boe.es/eli/es/l/2021/05/20/7
EpData (2023). Evolución de las existencias a último día de mes de gas en España. EpData – La actualidad informativa en datos estadísticos de Europa Press.
EUR-Lex (2021). Diretiva 2012/27/UE do Parlamento Europeu e do Conselho, de 25 de outubro de 2012 , relativa à eficiência energética, que altera as Diretivas 2009/125/CE e 2010/30/UE e revoga as Diretivas 2004/8/CE e 2006/32/CE Texto relevante para efeitos do EEE
EIA. U.S. Energy Information Administration (EIA). https://www.eia.gov
Hersh, S. (2023, febreiro 8). How America took out the Nord stream pipeline. Seymour Hersh. https://seymourhersh.substack.com
Mahajan, B. (2012). Negative environment impact of Solar Energy. Environmental Science and Policy, 1-6.
MITECO. Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico – Estadísticas Eléctricas Mensuales. https://energia.gob.es
Farias, L. M., & Sellitto, M. A. (2011). Uso da energia ao longo da história: evolução e perspectivas futuras. Revista Liberato, 12(17), 07-16.
FNCP (2022). LA PLATAFORMA EN DEFENSA DE LA PESCA Y DE LOS ECOSISTEMAS MARINOS ESTÁ EN DESACUERDO CON LOS PLANES DE LA INSTALACIÓN DE EÓLICAS MARINAS EN TODAS LAS DEMARCACIONES (2022, xullo 22). Federación Nacional de Cofradías de Pescadores. https://www.fncp.eu/
INE. Instituto Nacional de Estadística. https://www.ine.es/
Inega: Instituto Enerxético de Galicia. https://www.inega.gal/
IPCC, 2022: Climate Change 2022: Impacts, Adaptation and Vulnerability. Contribution of Working Group II to the Sixth Assessment Report of the Intergovernmental Panel on Climate Change [H.-O. Pörtner, D.C. Roberts, M. Tignor, E.S. Poloczanska, K. Mintenbeck, A. Alegría, M. Craig, S. Langsdorf, S. Löschke, V. Möller, A. Okem, B. Rama (eds.)]. Cambridge University Press. Cambridge University Press, Cambridge, UK and New York, NY, USA, 3056 pp., doi:10.1017/9781009325844.
Turiel, A. (2020). Petrocalipsis. Difusion Centro de Publicacion y Publicaciones de Idiomas.