Xosé Ríos Cidrás
Coa introdución das 200 millas náúticas (CNUDM* 1982), o 90% dos recursos pesqueiros ficaron con cadanseu estado ribeireño. Os armadores galegos foron quen de se adaptar á nova situación. Mediante a celebración de acordos pesqueiros coas autoridades de máis de 20 países arredor do mundo, acadaron manterse como potencia pesqueira, só por detrás da Unión Soviética. O resto do 10% dos recursos pesqueiros, de acordo tamén co CNUDM´82, ficaron en augas internacionais só autorreguladas polos estados con intereses neses caladoiros. É o caso de NAFO** para o caladoiro de Terranova, onde os acordos das súas partes contratantes son asumidas directamente por todos.
A finais dos anos 80, encéndese a voz de alarma pola presión pesqueira sobre os recursos pesqueiros. Segundo a FAO, pasouse en 10 anos do 10% ao 26% dos stocks pesqueiros sobreexplotados, cun volume de capturas mundiais arredor dos 85 mil millóns de Tm. en 1989. En 1995, partindo do CNUDM´82, adóptase o Código da Conduta para a Pesca Responsábel da FAO. A este sucederíanse o Acordo de Nova Iorque sobre as especies transzonais e altamente migratorias e outros máis para promover a conservación sobre a presión pesqueira, aos cales, a frota galega, amosou sempre acatamento e adaptación.
A ENTRADA NA COMUNIDADE EUROPEA
A pesca nunca tivo peso na construción nin da CEE nin da UE. Non se ten en consideración na creación de emprego, nin para o crecemento económico. De feito este sector fica á marxe das Estratexias coma a Europa 20-20. A saída de Groenlandia da CEE, xunto coa negativa de Noruega, Feroes e Islandia a entrar na mesma, e o importante peso a prol do Brexit nas vilas pesqueiras do RU, dan unha idea de que os Estados Membros fundadores da CEE nunca apostaron pola pesca.
A Política Pesqueira Comunitaria (PPC) converteuse nunha prolongación da propaganda medioambientalista que xa non se oculta. Lembremos como inicialmente se pretendeu suprimir a palabra “pesca” no Comisariado de Medioambente. Así conseguíuse vender un conservacionismo dos recursos pesqueiros baixo o lema da “loita contra a pesca ilegal” (IUU, en inglés). Unha loita polos recursos pesqueiros, que por certo non se traslada á explotación irracional doutras materias primas coma a minería do cobre, a bauxita, uranio,… onde moitas veces existe explotación infantil e un comercio inxusto.
De hai anos, a CEE radiaba a falacia sobre unha frota española (galega, case toda) que estaba sobredimensionada, termo nunca empregado para o sector da automoción francés, por exemplo.
O PRETEXTO DO MEDIO AMBIENTE
A frota galega emprega artes selectivos coma o anzol para o espada, o bonito e a pescada; ou a modalidade do cerco para pequenos peláxicos, por non falar da frota artesanal, da que forman parte arredor de 4.000 embarcacións. De feito, non hai un só caladoiro onde faene a frota galega que estexa colapsada ou ao borde do colapso por sobrepesca coma si o están o Mediterráneo, o Báltico ou o Mar do Norte, onde non faena a nosa frota. Prohíbese, en determinadas zonas, o arrastre de fondo, mais permítense actividades prospectivas e de busca de gas, minerais e petróleo nos fondos do Gran Sol e Terranova, por non falar do estrago que suporá o cableado e implantación dos muíños de vento na escasa Plataforma Continental que temos.
Silénciase o impacto dos mega-arrastreiros peláxicos do norte de Europa, práctica nunca utilizada polos nosos buques, xa que o mal estado do peixe non permite outra finalidade que facer fariña para as piscifactorías. A nosa frota adica case que o 100% da pesca extraída ao consumo humano directo.
A FALLA DUN MERCADO COMÚN
Por outra banda, aínda sendo Galiza líder europea na elaboración-transformación de produtos pesqueiros a nível europeo, non foi posíbel que grupos empresariais coma Pescanova, Freiremar, Pereira…, se beneficiaran da economía de escala que supuxo a ampliación do seu “Mercado Común”. O Mercado Común só vai nun sentido, polo que iso da libre circulación de mercancías, capitais e traballadores non é máis ca un mito. A época da libre concorrencia ficou no s. XIX. Agora vivimos no período dos imperialistas capaces de conformar a realidade ao seu gusto como, por exemplo, negarnos a condición de altamente dependente da pesca para xerar dependencia económica. Os conflitos da guerra do fletán, do banco canario-sahariano, da costeira do bonito pola erradicación da volanta…, son retais da nosa historia de resistencia.
A MAIORÍA DE MARIANO RAJOY NO 2012
Aquí poderíase ubicar a terceira grave recorversión da nosa frota por parte do imperio, após da do Período Transitorio coa entrada na CEE no 1986 e a nova PPC do 2002, que mantivo o criterio da estabilidade relativa (Acordo de 1978 para o reparto dos cupos da pesca entre os Estados Membros).
Os Estados Membros responden en materia de control-inspección e sanción pesqueira ante Bruxelas. Porén, entre 1986 e o 2012, a posición do Goberno Español era de permisibilidade na medida do posíbel coa frota a tenor da importancia e peso da pesca. Lembremos que a relación era no ano 1986 de contar co 29% da flota da UE e só o 9% dos cupos de pesca que había na UE. A pesca galega tivo que abrir novos mercados coma o do fletán negro, a palometa, a quenlla, o granadero, o marujito…, en moitos casos, de escaso valor comercial.
Mais a maioría absoluta do PP nas eleccións de decembro de 2011, conlevou acordos con Bruxelas e os seus lobbies. O ex-ministro da Presidencia, Jordi Sevilla, sempre falou das graves consecuencias do “Memorándum do Rescate da Banca española”. Descoñecendo o contido dese Memorándum, o que si se coñecen son as graves decisións tomadas baixo a nova maioría do PP para a frota pesqueira galega. No ano 2018, no Anuario do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recollíase esta afirmación: “En 2012, por Decisión de la Comisión Europea el 30 de julio, España se vio sometida a un estricto plan de acción para subsanar las deficiencias en el sistema español de control de pesca, que ha resultado ser el primer plan de acción de estas características que se culmina con éxito dentro de la Unión Europea. El día 19 de enero de 2017 la Comisión Europea ha notificado a España que considera finalizada la ejecución del plan.”
Ademáis desa fiscalización, outro feitos tiveron lugar.
1.- A nivel mediático, o Ministro Arias Cañete, fala da existencia dun descontrol e da necesidade de efectivizar o control da pesca en España. Ponse a Bruxelas de pretexto, mais o certo é que nos Anuarios do Ministerio e na web da Comisión non se coñece ningunha carta de emprazamento contra España por neglixencia no control da pesca entre 2009-2012, nin nos sucesivos anos.
2.- No 2014, Arias Cañete, antes de irse de Comisario a Bruxelas, modifica a Lei de Pesca do Estado para dar entrada á Garda Civil nas labores de control e inspección pesqueira. No 2015, o 30% das sancións foron atribuídas a este Corpo de “Seguridade”, actuando con especial saña en Galiza. Chegaron a prohibir o quiñón do mariñeiro, ademais de operacións infundadas contra xente do sector da pesca coma na “Operación Gobbi”, “Operación Pinza Vermella” e “Cooperativa San Miguel”, quedando na práctica todo en nada.
3.- Retroceso na normativa. Prohíbese o corte de aletas nas quenllas, adóptase un cupo ridículo sobre a sardiña, e impleméntase un Programa de control sobre desembarques de Terranova-NAFO na área de Vigo-Marín elevando na práctica o control do fletán negro case ao control sobre a droga. Xa con Tejerina como Ministra daría o voto favorábel á prohibición da pesca en fondos de máis de 800 m. de profundidade, deixando a porta aberta á Comisión para facer novas propostas. Hoxe o Goberno de España ten recorrido no Tribunal Europeo a prohibición da Comisión de pescar nas augas da UE a máis de 400 m. de profundidade (incluíndo a modalidade do pincho-volanta).
4.- Expulsados de Mauritania. 24 buques cefalopodeiros en xullo do 2012 teñen que abandonar ese caladoiro, o máis importante que existía nun país africano. Agora o polbo é pescado pola flota chinesa.
DAQUELES POLVOS ESTES LODOS
FROTA PESQUEIRA
Antes da entrada na CEE, estimábase en máis de 22.000 buques no Estado Español. A tendencia descendente non deixou de parar ata ficar en menos de 9.000 buques hoxe no censo, dos cales, operativos, non superan os 6.000.
Dos 8.839 dos buques de alta segundo o Censo Operativo da Frota Española (que non operando), máis da metade , 4.330, son galegos. Deses 4.330, máis do 70% pertencen á nosa frota artesanal.
A UE perde peso non só en número de unidades pesqueiras, senón en canto a volume de capturas, pasando na actualidade ao 6º lugar mundial. No caso do Estado Español ocupa o posto 18º, polo que perdemos peso non só a nivel mundial, senón respecto outros estados a nivel europeo.
TERMOS DE FACTURACIÓN.
O sector da pesca, antes da pandemia, representaba arredor do 2´5% do PIB galego. Algunhas vilas costeiras coma Burela, Malpica, Bueu…, o peso da pesca pode chegar a selo 11% da riqueza xerada e máis do 50% dos postos de traballo xerados, ofrecendo unha alternativa laboral e social en vilas de difícil alternativa socio económica como é o caso da Mariña Luguesa.
A UE esgrime a escasa incidencia da pesca no PIB, o 1% da riqueza xerada na UE. Esta lectura interesada no PIB, non se mantén en termos de Défice Comercial. No caso do Estado Español, somos o 3º estado do mundo en importacións de produtos pesqueiros en termos de valor, as cales ronda cada ano os 7.400 millóns €.
Pola contra, as capturas do sector pesqueiro do Estado Español ronda as 700 mil T./ano, o que representa o 1´1% das capturas mundiais, cun valor en torno aos 1.000 millóns € de valor.
A COMISIÓN EUROPEA
A UE asume as competencias en materia de pesca extractiva polos Tratados Europeos. Os Regulamentos que emite nesta materia (PPC), aplícanse directamente nos Estados da UE.
Por outra banda, en Bruxelas hai máis de 1.500 persoas traballando para os lobbies a xornada completa. Incidir sobre un parlamentario non é doado porque son 705, mentres que os comisarios son 27, un deles o Comisario de Medio Ambiente e Pesca.
É máis que notable a influencia dos lobbies, multinacionais, nas decisións que adopta a UE, feito este amplamente compartido por actores da pesca extractiva: Confrarías, asociacións de armadores, organismos interprofesionais da pesca, sindicatos,…
A anterior Comisaria da Pesca, María Damanaki, exercendo o cargo chegou a afirmar en redes públicas que ela non comería peixe da pesca de arrastre. Hoxe traballa para unha fundación sen ánimo de lucro a razón de 1 millón de € por ano, nun claro exemplo de porta xiratoria.
GALIZA NO ESCENARIO MUNDIAL
O problema de Galiza non ten que ver cun problema de clases ou de pobreza social. Trátase dun problema de dependencia nacional poñendo os nosos recursos nacionais e o noso mercado a disposición de intereses das multinacionais europeas. É preciso rachar xa cos ditados de Bruxelas.
Defender salarios dignos en termos de dependencia nacional é un contrasentido. Defender postos de traballo é a mellor política antiimperialista que podemos facer. Pola defensa desta Nosa Terra e porque é o pan dos nosos fillos… O inimigo é poderoso pero unidos podemos.
Imperialistas non! Rachemos coa UE!
*) Convenio das Nacións Unidas polo Dereito do Mar.
**) North Atlantic Fisheries Organtization. O pasado 17 de setembro de 2023 foi o Plenario en Vigo.