A partitocracia da II Restauración borbónica Un esperpento burgués

Álvaro Rodríguez Núñez

Partitocracia! Partitocracia! Escóitase raras veces e  lese tamén moi pouco sobre ela. É unha realidade máis ben oculta ou disimulada. Imos expoñer que é iso da partidocracia ou partitocracia.  Como cuestión previa indicamos que o neoloxismo non o utilizamos como connotación negativa ou desprezativa, senón como descritivo. Partimos de que é un instrumento de control do Gran Capital.

———————-

A partitocracia é o actual método político de dominación do gran capital. É un método moi recente, 1945, e en España imposto en 1978. Acó chámaselle Democracia. Tamén se lle chama “xogo político” “xogo democrático”.  É un xogo cuns cucos onde a xente do común non pinta nada. Pura explotación do capital. É un xogo coas súas regras, divertido, é un agradable espectáculo e distrae á gran masa. Con iso queremos indicar que a partitocracia non é un estado dexenerado ou enfermo. É un instrumento vigoroso e perfectamente deseñado, san e en pleno funcionamento.

Como é habitual (estamos en Galicia-España-subcontinente ibérico) é unha imposición dos EUA. Os amigos americanos crearon ou deseñaron un método de control político tras 1945  para a parte alemá que ocuparon e tamén para Italia. Ese método de control organizado e deseñado  por psicólogos, políticos, sociólogos, economistas, militares etc, é o que hoxe chamamos partitocracia.

En España a partitocracia foi bautizada o día 29 de decembro de 1978. Tamén noutro  29 de decembro de 1874 o xeneral Arsenio Martínez Campos puxo fin á Primeira República Española e iniciouse a etapa coñecida como Restauración borbónica de 1876-1931.  Hoxe estamos na II Restauración borbónica tamén bautizada noutro 29 de decembro. O seu contido ideolóxico tamén está determinado polo ideario do Congreso pola Liberdade da Cultura-Sección española. Todo atado e ben atado. O ideario dominante  do posmodernismo made in EUA impón a renuncia ás ideas de progreso en conxunto, e defende o  individualismo. Liberalismo puro. 

Pois ben, no  artigo 6 da constitución de 1978, II Restauración borbónica,  establécese:  “Os partidos políticos expresan o pluralismo político, concorren á formación e manifestación da vontade popular e son instrumento fundamental para a participación política. A súa creación e o exercicio da súa actividade son libres dentro do respecto á Constitución e á lei. A súa estrutura interna e funcionamento deberán ser democráticos”.

Obviamente a xente do común observa que a política económica é sempre a mesma, goberne quen goberne, (non existe o tal Pluralismo); As decisións nunca son sometidas a consulta ou referendo, (a vontade popular non é tida nunca en conta); E  o funcionamento dos partidos  é xerárquico sen democracia. O que si é correcto é que os partidos políticos son os que mandan, é o instrumento fundamental do control sobre  a xente do común por parte do capital.

O método é moi simple: O capital funda, legaliza, crea, financia, apoia e impón marcas comerciais electorais coas súas respectivas clases dirixentes, ou oligarquías. A prensa canalla e o fondo de réptiles condicionan a opinión pública.

 A iso dáselles por nome  partidos políticos democráticos.   As oligarquías das  marcas comerciais electorais ao servizo dos seus financiadores,  son empregados, xerentes da empresa.  O pobo ten que elixir o poder lexislativo cuns papeliños entre as listas das  oligarquías (os anteriores xerentes) aspirantes ao poder. Contados os papeliños das diferentes faccións oligárquicas xa temos o goberno do pobo,  elixido polo pobo, ao servizo do Capital. Fácil e barato. A iso chámanlle democracia ou  xogo democrático. Matemática perfecta.

Por iso, os partidos políticos son máquinas electorais para garantir o poder de determinados grupos económicos, a modo de exemplo: o palco do Bernabéu, o Santander Central Hispano, o BBVA, ABANCA,  A Embaixada, as grandes construtoras de obra pública, farmacéuticas, eléctricas, telefónicas, grupos de investimento. A súa presenza no poder é través dos seus elixidos ratificados polo pobo.

Eses grupos económicos, sen consultar ao pobo soberano decidiron por exemplo, a entrada na CEE,  o EURO, na UE, a imposición da axenda 2030, a venda do INI, a privatización e agasallo  de todas as empresas públicas, a venda da banca pública, a reforma do art. 135 da “irreformable constitución”. Exemplo paradigmático en Galicia foi a entrega de ABANCA. A todo iso chámaselle progreso, competitividade, xogo democrático, políticas de consenso e Europa, Europa,  Europa… 

Dicía don José Vidal-Beneyto, progresista anticomunista do Congreso Pola Liberdade da Cultura que  “a democratización da corrupción é a quebra da moral pública como a súa inevitable consecuencia”. Consideraba este pensador progresista capitalista que estabamos “coa representación convertida nun parangón  da vontade dos partidos, afundidos no sectarismo, e a política devorada por unha desbordada cratofilia, transformada en mera loita polo poder”, concluíndo que “estamos empantanados na corrupción” (Vide. José Vidal-Beneyto, entrevista publicada no País. Domingo. 1 de Xullo de 2007). Non compartimos toda a súa visión. O verdadeiro estorbo histórico é a explotación do capital  que o señor progresista anticomunista nega. A corrupción só son as labras da gran repartición da economía en beneficio do gran capital. Na repartición, unha parte pequena é o que se denomina corrupción, é a corrupción tolerada do xogo democrático. Esa chamada corrupción é o aceite lubricante do sistema de partidos. Os liberais progresistas poñen o acento adrede no secundario, a sabendas de que nunca o van eliminar.

    Características  fundamentais do actual sistema partitocrático: 

–   Os deputados están ao servizo único da oligarquía do partido. Non representan a ninguén máis. A oligarquía dirixente dos partidos elabora as listas bloqueadas e pechadas e a  inscrición dos candidatos nunha orde rigorosa de elección.  Os candidatos son elixidos no círculo interior oligárquico. O incluír a un candidato na lista electoral,  o importante e o posto  que ocupe na mesma, é o básico na loita interna, xa que un bo posto de saída é o relevante. Con iso os deputados non representan a “pobo”, senón ao que lles dá o posto. O posto outórgallo a oligarquía da súa facción, o verme burocrático.

–   Esa selección dos cargos públicos, deputados,  provoca o conxelamento burocrático das elites representativas e a depauperación da clase política. Toda a sociedade  asiste á comprobación de que a clase política é alegremente  cada día máis inculta, mediocre,  maleducada, amoral. A desenvoltura e festa é tal que ata din que centos de deputados equivócase votando, como nun guateque equivócanse de canción. Inmellorable, bárbaro, fantástico espectáculo!     

–   Os  líderes políticos, verdadeiros cranios privilexiados,  son en realidade   actores, persoas con capacidade  para “representar” o seu propio liderado, cun guión redactado polos seus asesores e coma se de figurantes tratásense. E é que en realidade son coristas da obra teatral da partitocracia ou do “xogo democrático”. Os menos, teñen  un falar moi ilustrado; Os máis, nin falan. O cada dia mais, o monotema dos debates son as ideoloxías made in USA posmodernistas de disuasión revolucionaria.

–   Os parlamentos xa non se respectan nin formalmente.  Así, os parlamentarios por eles colocados e elixidos,   van  ao parlamento para representar a actuación. O  deputado elixido a dedo polos oligarcas do partido,  vota co seu dedo o que lle ordenen.

–   Consecuencia de todo o anterior, o debate das cámaras é unha reprodución do acordado  pola dirección dos partidos que á súa vez é a  vontade dos  grupos económicos que sustentan  ao mesmo. Un exemplo magnífico e glorioso foi  o pacto á israelí escenificado os días 31 de maio e o 1 de xuño de 2018, cun bolso no asento do Presidente. Escena preciosa difícil de mellorar.

–   Por iso,  goberne quen goberne, a política económica é a mesma en beneficio dos mesmos. Quenda de partidos, cambio de actores, xogo democrático: Ditadura do capital. Moi recentemente todos utilizan unhas ideoloxías made EUA para darlle vidilla ao cotarro. A explotación laboral, a explotación da maioría da poboación asalariada,  queda relegada,  e a frustración-ilusión canalízanse sobre esas novas ideoloxías made EUA. Como xa indicamos os debates xiran arredor das ideoloxías made in USA posmodernistas de disuasión revolucionaria.

–   Ao ser o Reino de España un estado feudatario dos EUA-OTAN e unha colonia da UE e Alemaña, os xerentes das marcas comerciais electorais tamén están sometidos aos anteriores intereses. Non existe soberanía económica, monetaria, fiscal ou laboral.  E é que na dialéctica entre estados,  uns mandan e outros obedecen, imperialismo,  e atendendo á dialéctica de clases, o capital acumula máis capital  e as outras clases traballan.

–   Consecuencia da situación,  Galicia vese relegada á terceira división. Os sectores produtivos como a pesca, gandería, industria son eliminados. Galicia exporta man de obra e capital acumulado.

–   A crise económica actual  pon  ao descuberto para as xentes do común que a democracia-partitocracia-oligarquías política-xogo democrático,  está ao servizo do 1% das  clases privilexiadas e do poder financeiro,  xerando  crises institucionais e sociais periódicas: Exemplo  o 15M. 

Para o mantemento das lealdades necesítanse incentivos económicos e  psicolóxicos.  Para iso xéranse prácticas que son o aceite lubricante que evita desgaste e rozamentos. A ese aceite lubricante do sistema chámaselle tamén corrupción. Eses incentivos están institucionalizados dentro de cada empresa comercial electoral. Por iso, a ilusión de certos sectores sociais é participar nesa repartición do botín, xa para sobrevivir por 7 pesetas, vivir, mellorar a súa situación, ou simplemente pasalo ben, divertirse,  ter esa experiencia, e fardar ante os amigos.

Na nosa sociedade está asentado no sistema capitalista onde a moral hexemónica é a explotación do home polo home. No actual sistema partitocrático a rapina por parte do Gran Capital non é apreciada. A xente do común enfádase so coa corrupción, a cal é  parte do xogo democrático. Quenda de partido, cesantes, enchufismo, desde un Romanones, deputado autonómico, alcalde, ata o concelleiro de cultura: así é o  xogo! Sen o aceite lubricante, a corrupción, non viviría o sistema partitocrático.

O “Eu faría o mesmo”, “ti tamén o farías”, “se non o fixesen serian parvos” “éche o que hai”, “queixámonos de vicio”, dicíanse e escoitábanse nas tabernas e cantinas  hai 100 anos na nosa Galicia pobre e caciquil da Restauración borbónica de 1876. Galicia estaba  nunha etapa semifeudal e entrando no liberalismo. Pobreza, fame e incultura  xeneralizada.  Hoxe apenas se escoitan esas vulgaridades  na nosa Galicia. O concepto de cidadán xa está asentado na xente do común.

Estudar  o réxime partitocrático, coñecer  o seu funcionamento é unha tarefa necesaria. Asistimos a poderosos cambios cuantitativos que poden xerar cambios cualitativos. As contradicións agudízanse e a explotación intensifícase. As crises capitalistas nos últimos 50 anos increméntanse   en cantidade e calidade e as contra medidas,  as ideoloxías made in USA posmodernistas de disuasión revolucionaria están a caducar.