Pancho Niño e Xaquín Silva
O Señor teu Deus darache grandes e boas cidades que ti non ergueches, e casas ateigadas de todo ben que ti non enchiches, e fondos pozos que ti non abriches, viñas e oliveiras que ti non plantaches; e comerás, e fartaraste.
Dt, 6, 10-12
Matade dos nenos a todo varón, e, das mulleres, cantas coñeceron leito de varón
Núm, 31,17
Daquela collede a vosa parte do noso sangue, e marchade ide xantar, festexar e bailar, logo marchade
M. Darwich
1. O estado de Israel foi fundado mediante unha resolución da asemblea xeral ONU en 1947. Cómpre lembrar que eran tempos aínda coloniais. Os procesos descolonizadores de derradeira fornada só arrincan en 1950 -avanzan moi de vagar e non conclúen até os setenta- so a “Declaración para a liberdade dos pobos coloniais” votada ese ano pola asemblea xeral ONU coas abstencións dos vencedores na Segunda Guerra Mundial (agás Canadá e a Unión Soviética) e mais Portugal e España. Debúxase unha nova situación, os estados árabes de Oriente Próximo, agora donos legais dos grandes reservorios de enerxía planetaria. As potencias occidentais son daquela as principais interesadas na instalación do estado de Israel, punto final dunha carreira comezada no século XIX cando as organizacións xudías internacionais concibiron o proxecto do Fogar Nacional Xudeu na vella Canaan, en Palestina. Proxecto que se relanzou nos anos vinte coa declaración Balfour (1917), a inicios do protectorado británico, cando a poboación xudía alí instalada non sobrepasaba o 8%. Durante os anos de administración británica os fluxos de inmigrantes xudeus son regulares e crecentes e ben fornecidos financieramente (lémbrese a facilidade na compra de terras, incluídos latifundios, a propietarios árabes instalados en países veciños)*. Perante este panorama de “ocupación paulatina de facto”, baixo o patrón inglés mais ou menos colexiado coa Axencia Xudía, o pobo palestino puido anticipar a imaxe da desfeita, xa reflectida quizais na crispación que viña morder na convivencia experimentada cos “irmáns xudeus” (sic), se non era quen de interromper esta e certa antesala do estado israelí na súa terra. Daí a teima na independencia como cuestión política axial cando as súas organizacións son convocadas polo comisariado colonial e cando non. Así 31 anos.
As votacións de 1947 na ONU estiveron inzadas de irregularidades. “Cantidades fabulosas cambiaron de man para obter que os delegados votaran a favor da partición” (Richert). Os grupos de presión pro-sionistas iniciaron unha actividade febril nos corredores da ONU, nas antesalas, cuartos e camas de hotel. Non aforraron ameazas de sancións nin subornos con promesas, declarou no seu discurso Camille Chamoun.
James Petras tenos aprendido que Israel non move unha palla sen a acquiescencia do sionismo norteamericano, e que este mesmo forza o apoio ás políticas de ocupación alén do que actores institucionais estimarían prudente para os intereses norteamericanos. E en sentido inverso, Netanyahu admite que mentres conte co sostén en Estados Unidos de sionistas evanxélicos, máis numerosos cós xudeus e aínda mais cós xudeus ortodoxos, todo irá ben (cursiva nosa) (cf. Gary Rosenblatt, Jewish Week ). A politóloga Susan George escribe en O pensamento secuestrado: “Moitos intelectuais neocóns xudeus, e moitos non xudeus, traballan activamente no influínte centro de estudos de Washington JINSA (Instituto Xudeu para Asuntos de Seguridade Nacional). A súa labor conta co respaldo de 20.000 membros e está dirixida por unha xunta integrada por 55 falcóns da política de defensa. Presionan para que aumente o gasto militar estadounidense e apoian sistematicamente as políticas israelís. Afirman basicamente que non hai ningunha diferenza entre os intereses da seguridade de Estados Unidos e os de Israel porque as políticas de Israel “fomentan” os intereses de Estados Unidos.” É ben coñecido que Israel é o principal beneficiario da cooperación internacional norteamericana e goza de numerosos privilexios exclusivos, como o dereito a percibir sen dilación armamento de última tecnoloxía.**
Ideoloxicamente, ambos estados cultivaron desde que existen a convición de soster pobos-sede dun Destino Manifesto, un carácter sagrado que permite o dereito de xenocidio.
Pensamos que a partición de Palestina en 1947, ou fundación do Estado de Israel, significou a instalación dun establecemento colonial no plano da xeopolítica mundial. Que este establecemento caeu coma froita madura despois da derrota alemá. Que a metrópole foron os estados occidentais que gañaron a Segunda Guerra e mais precisamente os anglosaxóns agás a URSS. Que a administración israelí constituíu unha prolongación in situ do estado ou estados metropolitanos. A rapidez da Unión Soviética en apoiar ó novo estado apunta nese sentido. Era un terreo de xogo demasiado perigoso para ficar fóra.
2. Serán os árabes -algúns árabes que son moitos- o bode expiatorio das desgrazas sen conto sufridas polos xudeus a mans de occidente ao longo dos séculos?
Houbo tempos en que o rei de Francia era o propietario legal dos nenos xudeus nados na terra que gobernaba (R. Fédou, El estado en la edad media). So pretensión de paternidade. Como é sabido, os xudeus foron expulsados de todas partes cando se constituían os estados nacionais na nosa parte do mundo. Os convertidos por forza perante a perspectiva do exilio, foron fiscalizados ideoloxicamente sen piedade. Os guetos non apareceron en Varsovia, senón moitos séculos antes en numerosas cidades europeas. Neles os xudeus eran controlados en hora e domicilio. O acceso á propiedade estáballes restrinxido severamente. Non podían posuír medios de produción de certa entidade nen bens raíces de consideración. A súa reputación de mestres da usura está seguramente vencellada ás limitacións para investir. Os xudeus eran desprezados e desprezados ostentosamente polos soberbios cristiáns nunha ritualidade colectiva da que sería sospeitoso non participar. Shakespeare fai un retrato a non deixar pasar en O mercader de Venecia.
“Por que nós, que sempre vivimos en paz e harmonía con nosos irmáns xudeus, temos que pagar os crimes dos nazis e dos demais europeos? Se continúa esta inmigración desmesurada, en poucos anos verémonos reducidos a unha minoría na nosa propia patria”. A cita faina R. Reichert e reflicte o sentir de moitos palestinos contra 1935: A emigración xudía a Palestina facilitada pola potencia ocupante pasou de 4.000 en 1931 a 30.000 en 1933, a 42.000 en 1934, e chegou a 62.000 en 1935. Os países occidentais amosaban a sua simpatía para as vítimas do nazismo pero non disposición para acollelos. As políticas americanas e australianas de inmigración, países grandes de inmensos recursos, pecháronlles as portas dirixindo a corrente de refuxiados cara a pequena Palestina, cunha superficie menor á do mais pequeno dos 48 Estados USA.
3. Non somos antisemitas, somos antiafrikaners: Este modelo de racismo, practicamente escravista, caro ao estado de Israel, no que masas de man de obra “etnicamente inferior” confinada en grandes bolsas de aramio, formigón e garitas, confinada nunha legalidade dobre, dobremente miserable, a dobre sombra de Nuremberg: leis para xudeus, leis para arios; leis para espartanos, leis para ilotas, leis para señores no antigo réxime, leis para habitantes da terra de aqueles. Leis alleadas e alleantes, envelenadas dunha racionalidade falaz e torta. Así xustificaban os antigos heroes intelectuais de Europa, a quen seguimos a render culto, a servidume. Con esas leis e razóns autorizadas por Aristóteles, amañaban os españois os “Requerimentos” en América: “Recoñezan que esta terra e aquilo que contén, pertence ao noso Señor, en virtude do Logos que ordena a natureza e mais da Verdade Sagrada que corre parella.” Aquí latexa a ideoloxía que clasifica aos homes en coleccións cualitativamente diferentes e ordenadas xerarquicamente. Profundamente deshumanizadora dos seus autores e de todo ser acadado por ela… Leis para xudeus, leis para palestinos… O mundo afrikaner é iso: man de obra infrapagada (hai un 60% de desemprego) que sae pola mañá do espazo de confinamento e logo retorna pola noite sen outra liberdade de circulación nin residencia. É que nese espazo, Batustania, non hai auga potable nin terra útil nin oliveiras, porque a terra bonita e o 80% da auga doce e os olivos circulan por estradas perigosas e exclusivas por onde tamén circulan os turbios colonos xudeus, armados con fusís automáticos e patente de corso. O mundo afrikaner é iso: Gaza, Batistania sen mar. Aínda que mirando o mapa dirías que Gaza non ten outro desexo que persistir no seu abrazo ao Mediterráneo toda ela. O mundo africaner é iso: nin mar, ese mar coma un destino, nin suministros: porque Israel calcula cada pequena ferramenta, cada litro de auga, cada libra de materia, cada caloría que deixa pasar alén das garitas para se gastaren nas vidas dos palestinos, có mesmo ollo celoso con que os gardas das SS calculaban os anacos de pan vello que circulaban no mercado negro de Austwich.* * *
4. Coidamos que un dobre estado en Palestina é inviable. Para que iso fora pensable, Israel tería que refundarse rachando os poderosos vencellos co sionismo e a súa predica sobre dereitos ao fogar ancestral en Palestina; asemade, cos intereses de estados occidentais que se materializan xa só na existencia de Israel como aparello nacional estraño. É dicir, abandonar o seu servizo como estado-punta-de-lanza, dar de baixa as relacións simbióticas cos Estados Unidos, e vender no mercado de antigüidades o seu pulo bélico-trascendente, tipo Xosué mandando parar a natureza diante dos muros de Xericó, etc. Se esa metamorfose fose aceptable desde dentro do organismo de Israel e ademais materializable a tenor das circunstancias, iso implicaría unha mudanza substancial na estrutura da sociedade israelí. Pero estas son palabras e pensamentos vans. Porque esas mudanzas cuestionan o quid de Israel, os seus riscos esenciais desde xa antes de que aparecese como estado. Como sería posible baleirado do seu contido axéntico****, os seus servidumes, o seu extravío ético, os seus contos heroicos…? Os xudeus que renuncian a seren elixidos e integrar a manda, son banal e consensuadamente acusados de autodetestarse: unha patoloxía; disentir non é unha opción. Como podemos imaxinar unha sociedade de millóns de persoas que disinta de si mesma? A doutrina dos dous estados é unha entelequia ou deféndese deshonestamente ou está desautorizada polas condicións en que foi instalada Israel, que mencionamos mais arriba e inclúen o “Non” do mundo árabe en 1947-8*****. Daquela, pensamos que é xusto e racional defender un estado só. Un Estado palestino dende o Xordán até o Mediterráneo. Laico, acolledor para toda confesión e dono soberano dos seus compromisos planetarios e rexionais.
5. En 1988, meses despois de iniciada a Primeira Intifada, o poeta palestino Mahmoud Darwich publicou o poema Paseantes entre as palabras pasaxeiras. Nesta ocasión a literatura si que foi unha poderosa arma política. O poema doeu na mala conciencia de Israel, que se axitou histérica coma unha tormenta de area no deserto. Itzak Shamir dixo no Parlamento que non lería alí o poema para que non ficara nas actas da honrable institución. Algúns medios israelís difundiron traducións dubidosas, tendenciosas versións que desangrasen o poema e o convertesen nun coiro chan coma unha brochura. “Camaradas” poetas xudeus que daba a coñecer en árabe a revista Al-Karmel, que dirixía Darwich, viráronlle as costas indignados, arrogantes, consensuais. Xornalistas de Israel entrevistaron ao poeta angustiados e coléricos, procurando erros que berrar, intentando expurgarse dos parasitos da culpa e sinalalos na pel de Darwich. Na nosa opinión, a todos ofendeulles unha fondura intanxible nos baleiros entre as palabras, coma unha espada que talla nun sitio recóndito da carne, e máis a conexión misteriosa e transparente entre a voz individual e o sentir do seu pobo. Mahmoud Darwich respostaba que o poema non dicía mais do que dicía e que era imposible fundar unha patria encol da ocupación.
O poema viaxaría, sería traducido (A trabe de Ouro, num. 48, 2001), amado por outros pobos, lido en alto por voces múltiples e emocionadas; conservado fresco, sen idade, canto fose necesario, nas cámaras do aire e nos currunchos da memoria. Cando Darwich morreu, en 2008, Israel non permitiu que o seu corpo retornase a terra de Birwa, onde tiña nacido. Supersticiosos, igual tíñanlle medo ao vivo que estaba no morto.
Rematamos aquí coa quinta e derradeira estrofa:
Vós que pasades entre as palabras pasaxeiras
é tempo de que marchedes
e que fiquedes onde vos compraza
pero non onde nós
É tempo de que marchedes
de que morrades onde vos pareza
pero non onde nós
Nós temos que facer na nosa terra
aquí, nós témo-lo pasado
a voz inaugural da vida
e témo-lo presente, o presente e o porvir
e témo-lo aquí abaixo e o alá lonxe
Daquela, saíde da nosa terra
da nosa terra firme, o noso mar
do noso trigo, noso sal, nosa ferida
de toda cousa, saíde
das lembranzas da memoria
oh vós que pasades entre as palabras pasaxeiras.
_______________________
*Os dirixentes sionistas prohibían a propietarios de terras e empresas empregar árabes palestinos.
**Na Guerra dos Seis Días, en 1967, a aviación israelí “fixo doadamente prea nos tanques exipcios postos en ringleira nas estreitas pistas do deserto do Sinaí estoupando bombas de napalm unha tras outra e abrasando daquela a milleiros de exipcios nos seus tanques pesados e vehículos blindados. Tamén na fronte xordá foi decidida axiña a guerra por medio de bombas de napalm” (Reichert, Historia de Palestina.)
***A Sudáfrica de P. Botha foi aliada de Israel. Pese ao antisemitismo do Partido Nacional Africano, este mimaba as afinidades: O supremacismo branco en plena acción colonial “cargada de razón”. S. Peres negociou con Botha un acordo de asistencia limitar que non excluía armas de destrución masiva.
**** O psicólogo social Stanley Milgram describiunos o estado axéntico como liquidación de orientacións morais persoais e a súa substitución polo cumprimento dos desexos da autoridade, que determina o correcto porque é a autoridade. A partir dos argumentos da defensa de Adolf Eichman, xulgado en Israel en 1960.
***** O primeiro conflicto bélico tivo lugar axiña, en 1948. Daquela Israel ocupou territorios que a a partición non lle outorgaba e xa nunca restituíu, é dicir, rexistrou como conquistas asentadas. Engadamos que nos parece ben cuestionable que á ONU se lle conferise lexitimidade cuasi relixiosa para determinar unha solución a contrario dos intereses e desexos dos pobos que vivían en Palestina no tempo da partición e desde, como mínimo, a chegada alí dos “pobos do mar”, no segundo milenio a.c.